Datos do blog

venres, 31 de xullo de 2026

Heartstoper Volume 5

 

Heartstoper Volume 5 de Alice Oseman traducido por Nee Barros dálle continuidade á serie deténdose, neste caso, nese tempo no que ambos buscan a maneira de chegar “á primeira vez”. Ese cambio na relación, esa espera para que todo flúa ben e aprender a que ha mellorar é toda unha lección de bo contar. Nesta relación homosexual tratado con toda a sensibilidade posible, a autora vai paso por paso tratando cada dúbida, cada temor, de forma que acabamos acompañándoos nese percorrido pola relación con todos os problemas que se adhiren a ela coma os transtornos alimentarios ou o acoso que terá consecuencias posteriores (como sucede sempre).

Unha linguaxe inclusiva ata o límite, un retrato social a través das familias, das amizades, das escolas, da sociedade. As dificultades que saen ao camiño dunha relación non convencional son analizados con toda a empatía nunha banda deseñada que desexaríamos igualmente para outro tipo de relacións. Por iso agradecemos tanto a Xerais que se implicase neste edición que semella concluír no próximo volume.

Da presentación editorial:” O Nick e o Charlie están namorados. Por fin dixeron esa pequena palabra: «quérote», e o Charlie xa case convenceu a súa nai para que o deixe durmir na casa do Nick. Quere levar a súa relación un pasiño máis alá... mais será quen de encontrar a confianza que precisa? E agora que o Nick vai marchar á universidade o ano que vén... estará todo a piques de mudar? Este é o quinto volume da serie best-séller «Heartstopper» escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman.”

xoves, 30 de xullo de 2026

Libro de pastas duras e mensaxe esperanzada

 
Un grilo moi silencioso de Eric Carle está publicado por Kalandraka e traducido por Iago Nicolás.
Da presentación editorial: "Por moito que refregaba as súas ás, o pequeno grilo non era quen de cantar e ninguén podía escoitar o seu son. Ata que, unha noite, atopou unha grila... 
Un libro acartonado ideal para coñecer os insectos, cunha sonora sorpresa final."
O pequeno grilo acaba de nacer e no encontro cos outros animais: grilo, lagosta, barbantesa, verme, mazaleites, cigarra, abellón, cabaliño do demo, mosquitos e avelaíña tenta facer soar as súas ás pero non o logra ata que ao final cando coñece a unha grila moi silenciosa... ao refregar as súas ás "cantoulle a canción máis bonita que ela oíra nunca." 
Un libro de páxinas de cartón e con son para que podamos escoitar esa canción do grilo. Unha historia para ir facendo o camiño co grilo mentres madura e vai escoitando a uns e outros animais.   
Libros sobre animais que tratan aqueles temas que preocupan aos humanos (non teño voz? non se me escoita?) e que sempre atopan solución (para tranquilidade das criaturas que non tiveron a suficiente experiencia como para saber que é así). 
 Eric Carle ten dito: “Con moitos dos meus libros intento tender unha ponte entre o fogar e a escola. O paso do fogar á escola é o segundo maior trauma da nenez; o primeiro, por suposto, é nacer. En ambos os casos deixamos un lugar de calidez e protección por outro descoñecido. Creo que os nenos son creativos por natureza e capaces de aprender. Nos meus libros intento conter ese temor, reemprazalo cunha mensaxe positiva. Quero amosarlles que aprender é fascinante e divertido”. Recollido da páxina de Kalandraka.

mércores, 29 de xullo de 2026

Novos títulos en OQO

A xirafa Oriana de Sabela Gil e Borxa Guerrero está publicada por OQO en marzo de 2026, na colección O.

Da presentación editorial: "Este álbum conta, en verso, a historia da xirafa Oriana, que se ve obrigada a emigrar e buscar traballo noutro país." En verso rimado, dun a outro continente, deixando caer cales son as causas de ter que emigrar, as dificultades para integrarse no país, a colaboración de nenos e nenas coas boas causas, a necesidade do activismo social cando non queda outra opción e como este pode (e debe) dar resultados positivos poñendo aos políticos a debater os verdadeiros problemas da xente... pero tamén o poder da narración oral coa que remata o álbum no mesmo lugar no que comezou a historia, porque a Historia ha de ser contada!

Todo ten valor no álbum, dende a sobrecuberta con solapas (*que ademais de recubrilo e protexelo, nos propón un traballo manual a realizar coa axuda dun código QR para elaborar unha xirafa Oriana) ás gardas onde se nos anticipa a historia, dende o principio ata o final. Un obxecto moi coidado para educación literaria e visual, pero tamén para centrar a atención en cada detalle pola información que nos ofrece.  As tomas e angulacións, os diferentes planos e o que neles aparece dannos para moito mirar e falar. A historia sitúanos na sabana, vémolo polo tipo de chan e árbores, estamos noutro continente: Oriana leva no seu alto pescozo colocados moitos colares, a través dos prismáticos ve o cruceiro do que desembarcan os castores (nun turismo masivo que non nos sorprende), pero que fan os castores? acaban coas árbores e, polo tanto, coa comida das xirafas. Mentres eles se divirten, Oriana pensa en marchar. Chega ilusionada a outro país, non lle dá medo traballar pero non todas son alegrías: o lixo está por todas partes, os pelícanos vixían as aduanas, moitos traballos xa non precisan quen os faga porque están automatizados e para outros piden estudos que ela non ten. Tamén se pode observar a explotación dos estranxeiros (aquí é doado recoñecelos), cando máis desesperada está ao pasar por diante dunha escola os pequenos fálanlle e dinlle que quede con eles, como non conseguen que lle dean traballo han de manifestarse con moitos máis e levar o asunto aos gobernantes (o bufo, a tartaruga pero tamén o burro e o raposo) e chegar a "un bo trato" cun traballo a medida que só ela pode facer con ese pescozo longo e o afecto pola rapazada. Remata a historia na sabana, sobre os troncos das árbores taladas un animal conta a historia "porque traio na memoria / a miña querida Oriana", ela é a mesma que podemos seguir dende a escola, con ese lazo rosa avermellado na orella. Quen conta tamén é protagonista e así o demostra. Esa lámina final móstraa coas lentes da idade pero cos colares de Oriana e fronte a unha nova xirafa con chupete, no seu ollo reflíctese! Cada  animal ao seu dende unha á outra garda: o escaravello lento coa súa bola, todos escoitando.   

Importante o que se le, fundamental o que se mira e este álbum dá moito para pensar porque está reflexionado en cada pormenor, minuciosamente. 

*Así explica o ilustrador que facer: "O álbum vén cun plus, que é un videotutorial —accédese a través dun código QR, mentres que un segundo permite imprimir novas maquetas— para amosar as posibilidades do que se pode facer coas sobrecubertas, que en realidade son para que os nenos poidan abrilas e pintar nelas... Neste caso, non é só colorear, senón que eles poden facer as súas propias creacións de xirafas (...) A xirafa ven sen vestir, polo que podemos facerlle un vestido ou un pantalón, ou podemos poñerlle a roupa que queiramos. É xogar a vestila e a darlle a nosa propia imaxe ou a que nós quereríamos que tivese Oriana."  

luns, 27 de xullo de 2026

As dúas avoas

Nina e Tina de Beatriz García - Huidodro e Raquel Catalina Ledesma, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección Demademora para lectorado a partir de tres anos.    

Non sempre as avoas son como aparecen nos libros que as crianzas len, por iso unha desteas criaturas nos conta como son as súas, totalmente diferentes ás que ve no papel. Máis alá de ir analizando as diferenzas entre o que le e o que ve nas súas avoas (tan diferentes unha da outra) está o que vai descubrir, porque os libros igual non se enganan tanto, ou si? 

Esa relación tan especial entre avoas e netas merece este e moitos libros máis, tal como pode verse na edición en galego. E... que riqueza que as avoas podan ser tan distintas unhas das outras!

As ilustracións moi interesantes. Polos trazos soltos e abocetados realizados con lapis de cores, cun uso contido da cor, a diversidade de planos e por facer protagonista a mirada da nena máis alá do que conta. Unha serie de metáforas visuais axúdannos a enriquecer a lectura, máis alá da chiscadela do gato da primeira páxina, o desenvolvemento da imaxinación da nena a partir da lectura, as posturas e representación da pequena moi autónoma que se move polo plano mentres os pais fan sempre outra cousa. Estes van avanzando nunha preparación que só entenderemos ao final; ela ao seu, contándonos o que pensa, movéndose pola escena con total liberdade. A nena está de cumpreanos dísenos na imaxe, cumpre catro, igual que se nos di que é o que lle gusta, os agasallos que recibe ou o que le. 

Unha combinación perfecta de texto e imaxe!

venres, 24 de xullo de 2026

"Xardín de inverno" de Ledicia Costas en Fóra de Xogo


Xardín de inverno de Ledicia Costas aparece na colección Fóra de Xogo. Despois daquela edición en Everest Galicia na colección Punto de encontro con ilustracións de DNL, aqueles produtos que Irene Penas poñía nas nosas mans con todo o coidado do mundo, edicións marabillosas que sempre lembraremos.

Preséntase así: 

"Ledicia Costas mergúllase nunha viaxe íntima pola memoria, a identidade e as emocións para construír un universo propio cheo de simbolismo onde o xardín de inverno funciona como refuxio fronte á dor, á perda e á mala sorte herdada. A morte, o paso do tempo e a ausencia convértense en temas centrais, mais o poemario deixa tamén espazo para a esperanza, a fantasía e a reconstrución do eu a través da palabra e da imaxinación. «Xardín de inverno» é, pois, un exercicio de lembranza e de resistencia, un canto á importancia das raíces, das mulleres e da capacidade de soñar para sobrevivir aos invernos da vida. Publicado por primeira vez en 2012, esta edición na colección Fóra de xogo inclúe, ademais do poemario íntegro, un limiar de Lucía Aldao e outros poemas que a autora escribiu por aquela época."

Moi interesante o limiar de Lucía Aldao e sorpresa ante "Cápsulas de bágoa", un monllo de poemas que se nos din desa mnesma época. 

A Ledicia poeta acompaña á autora de narrativa para persoas adultas e infantoxuvenís. Un xénero menos habitual na súa obra pero que agora nos presenta con nova envoltura despois daquela de 2012 na que as imaxes de Daniel Docampo a envolvían con tanta beleza. Nesta edición, unha imaxe de David Sierra preséntanos flores de xeo nuns azuis case brancos. 


mércores, 22 de xullo de 2026

Un libro de lectura fácil


Meigas de Esteban Folgar Brea está adaptado a Lectura fácil por Jesús Meiriño e publicado por Galaxia  na colección Costa Oeste con ilustracións de Agustina Shuan. 

Preséntase así: "Esta é unha novela sobre meigas. Pero as meigas desta novela non son como ti cres: estas non rouban nenos e non lle fan dano á xente. As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp e axudan a quen o pide. Pero tamén se enfada " 

Ou así: "Esta é unha novela sobre meigas, pero non son como ti cres. As desta novela non rouban nenos, non invocan diaños, non botan mal de ollo nin lle fan mal á xente… que non o merece.  As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp, vixían que ninguén salte unhas normas determinadas e axudan a quen o pida, pero tamén discuten e se enfadan unhas veces, e bailan e van xuntas de festa outras. Nesta novela coñecerás a Xiana, unha rapaza de 16 anos, neta de meiga, que se vai presentar ás probas de selección para tamén se converter en meiga e ocupar un dos postos no aquelarre. Pero xunto a ela hai máis candidatas que queren o mesmo, e só hai dúas prazas!"

O libro ten aparecido anteriormente, sendo a primeira obra do autor d´A Estrada e agora é presentada en Lectura fácil. Certamente trata de meigas, unha temática realmente de moda, pero non sei se este é o máis acaído para darlle esa segunda oportunidade par lectorado con dificultades. Son da opinión de que para isto habería que escoller obras con máis percorrido, igual que para pasar a braille. De calquera maneira non dou pillado a lectura fácil máis alá do vocabulario que aparece na parte inferior das páxinas, na eliminación de texto ou nas ilustracións realmente fáciles en trazos e cores, porque a novela ten moitas personaxes e non sei ata onde este lectorado dá asimilado as características de cada unha destas meigas, de forma que a historia poda fluír de forma que lles atraia. Ogallá non sexa unha ocasión perdida, ninguén o desexa máis que eu que coñezo a necesidade deste tipo de obras.

luns, 20 de xullo de 2026

Novelas para adolescentes co selo de Galaxia e Belagua

Purpura Tero de David Cortizo está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia e Alicia no labirinto das sombras aparece no selo Belagua na colección Narrativa xuvenil. 

A presentación editorial de Púrpura Tero di: "Unha aventura no tempo e nos espazos futuros.  Ausela pérdese na gran chaira deserta que cobre case totalmente Púrpura Tero, e busca acubillo nunha cova. onde agarda a que a súa cuadrilla a atope, mentres non deixa de pensar no obxecto que viu caer desde o espazo.
No seu planeta abrolla unha planta con propiedade especiais moi cobizada por toda a galaxia. Se desen con ela, podería significar a fin da vida dos chairegos tal e como a coñecen.  Ausela e a súa cuadrilla terán que facer fronte a unha ameaza insospeitada para salvar a vida e a súa cultura."

Si, ciencia ficción, situada na Chaira Infinda que ten lombiñas con covas nas que poder resgardarse cando cae a noite e non se aguanta o frío. Xoves exploradores e exploradoras que se moven en iambas (un animal que aínda descoñecemos), neste caso seguindo o rastro dunha cápsula que cae dende o ceo. Esa planta que só continúa cultivándose neste planeta e resulta tan necesaria como para significar un gran perigo para o poder que se estende pola galaxia, a relación entre o grupo, aquelas cualidades que caracterizan a cada unha das persoas, a telepatia natural ou provocada polo consumo da planta, a conexión coa terra, esa nena -unha procuradora da planta- que chega do espazo exterior cunha coidadora á que abandona, o Emporio e as dinastías, a insurrección, unha presenza especial das xeracións máis novas...   

A primeira obra de David Cortizo, un home que se move no campo da edición (editor, tradutor, corrector...) dende hai tempo e que nos remite a unha linguaxe na que descubriremos algún novo matiz que nos vai interesar, unha historia cunhas referencias que comezan nas citas que aparecen no comezo a tres compañeiras de xeración e intereses.

Alicia no labirinto das sombras de Guadalupe Vázquez preséntase así: "Lucía, Manuela, Candea, Lidia e Alicia son as protagonistas desta historia sobre acoso escolar no que cada unha se verá implicada de forma diferente e que lles suporá tamén consecuencias distintas" e segundo a editora sitúase nas categorías: Infantil / Xuvenil, Narrativa en galego  e as etiquetas de acoso escolar e libro literario.

A obra parte dun diario que semella comezar a escribirse cando a protagonista cumpre nove anos e lle agasallan o caderno (no 2020), no 2021 faise amiga de Manuela (nome que lle encanta porque é o da súa avoa e ademais comparten o gusto polo libro de Alicia -que se cita no comezo e ao longo do relato... porque ela tamén cae no burato, porque hai personaxes como a mestra que semella a raíña de corazóns...-), no 2022 cursa 6º de primaria e no 2023 sitúase a actualidade.

O libro comeza co prólogo de Guadalupe López Canosa (psicóloga clínica) e unhas notas da autora, remata cun epílogo, un glosario de termos e a dedicatoria a todas as persoas que son vítimas de acoso  escolar. A novela está dividida en Introdución, Nó e Desenlace; cada unha das partes conta con capítulos co seu título e a data na que se escribe o diario.

Trátase dunha novela sobre o acoso, neste caso entre mulleres, rapazas que se fan mal utilizando para iso todo tipo de artimañas. Obrigando ás vítimas a realizar accións que non desexan e que posteriormente serán utilizadas contra elas. Poñelas en situacións complicadas cos homes, obrigándoas a facer papeis que non queren, pero sobre todo, a sofrir as consecuencias diso que fan para rematar dunha vez coa chantaxe. Un rapaz en coma, unha rapaza drogada, un envelenamento... é dicir, colocar a estas rapazas en situacións nas que nunca deberían ter que estar. Un pouco dura e igual esaxerada, pero igual non. Situada nesa zona entre Cee e Fisterra, con Noia... e Porto do Son, polo medio. Ao final,  fala de como vai escribir a súa propia historia, da presentación do seu libro en Cee e a quen llo vai dedicar.

sábado, 18 de xullo de 2026

Teñen luces os versos

Teñen luces os versos é o último poemario de Antonio García Teijeiro. Está publicado por Embora con ilustracións de Nuria Díaz.

Da presentación editorial: "Teñen luces os versos é un poemario infantil ilustrado que constrúe un universo lírico no que as palabras, os soños e os elementos da natureza conviven con naturalidade, convidando aos lectores máis novos a descubrir que a poesía tamén pode ser un xogo e unha forma de mirar o mundo. Dirixido principalmente a lectores e lectoras de entre 6 e 10 anos, o libro está pensado tanto para a lectura autónoma como para a lectura compartida con mediadores: familias, docentes ou bibliotecarias."

Poeta para a infancia por excelencia, o Premio Nacional de Literatura Infantil 2017 presenta esta nova obra na que achega ese mundo propio que se mostra dende diferentes ángulos. Neste caso, detense no poder da palabra para defendernos do frío e desvelar os pequenos misterios da natureza ou da vida diaria, vista con ollos atentos. Unha rima moi solta acompaña o ritmo inherente a cada poema. A sinxeleza como nota predominante acompañando unha temática pola que o autor se move ao longo da súa carreira: os fenómenos atmosféricos coma o vento, as nubes ou a chuvia, a natureza co mar, as flores, as bolboretas ou os paxaros; os seres mitolóxicos (sereas, fadas…), os sentimentos, o afecto e os aloumiños, a música e o canto, os monicreques, meniños e meniñas, o carrusel, a solidariedade, a lúa… o seu eterno infantil.

Cada poema cunha estrutura diferente que se adapta á súa forma e tamaño, con personificacións, diálogos, repeticións, metáforas… recursos que constrúen o seu universo poético.  Unha maqueta moi coidada, dende as propias gardas, xogando co tamaño de letra, fondo de páxina de diferentes colores e ilustracións cun alto grao de simboloxía que achega lirismo á obra.

venres, 17 de xullo de 2026

En Xerais

 

Biscoito de castañas de Lucía Mojón e Lucía Barrios. Un álbum ilustrado no que asistimos a unha situación familiar nunha tarde de outono. Cóntanolo a neta (ou bisneta). Vai de excursión ao souto coa bisa e o pai, pisan follas, observan as pólas dos castiñeiros e canto se move. No souto atopan un enigma: os ourizos que están no chan aparecen todos abertos e sen as castañas. A bisa cóntalles que seica hai unha meiga que as recolle para preparar os seus feitizos. Para atopala hai que pasar por un carreiro protexido por serpes, atravesar un regato ateigado de sapoconchos e escalar polas costas do Xigante Vixiante. A nena convenza ao pai para facer o percorrido e èdirlle á meiga que comparta as castañas. A avoa non os vai acompañar pois quere recoller unhas castañas e ir prender a cociña. Os perigos non son tales, a meiga non é tan feiticeira como contan e o que atopan son as pegadas dun porco bravo, desa maneira descóbrese o misterio. Pero o bo foi o camiño, as onomatopeas, as repeticións, as metáforas... camiñar en compañía de quen queremos e volver á casa para contar o que pasou e compartir o biscoito de castañas da bisa. Remata o libro coa receita da torta de castañas para o outono sexa saboroso. 

 


O volume 3 de Heartstopper, o best seller da autoría de Alice Oseman traducido por Nee Barros e publicado por Xerais. A continuacións dos cómics anteriores.

Esta é a sinopse que aparece na editorial: "O Charlie nunca pensou que puidese gustarlle ao Nick, mais agora son mozos oficialmente. O Nick mesmo encontrou o valor para saír do armario coa súa nai. Porén, saír do armario non é algo que pase só unha vez: está o irmán máis vello do Nick e unha viaxe do instituto a París, sen esquecer todas as outras amizades e familiares... e a vida pode ser difícil, mesmo con alguén que te quere ao teu lado. Á medida que os seus sentimentos se fan máis profundos, o Charlie e o Nick precisarán o un do outro máis que nunca." Nesta serie séguese a relación romántica entre Charlie Spring e y Nick Nelson, ambos personaxes aparecen en Solitario (o seu primeiro libro publicado cando tiña dezasete anos). O primeiro volume de Heartstopper publicouse en inglés en outubro de 2018, o segundo en xullo de 2019, o terceiro en febrero de 2020, o cuarto en maio de 2021 e o quinto en decembro de 2023. Polo tanto aínda nos queda un par de volumes máis. O seguinte a este vaise centrar no problema alimentario. 

Proximamente falaremos do volume 4 e 5 desta serie. 

mércores, 15 de xullo de 2026

Da lectura e as súas rebelións

A rebelión da lectura de Fran Alonso con ilustracións de Chus Rojo publicado por Cumio.

Da presentación editorial: "Unha historia sobre como o poder dos libros pode cambialo todo. Porque cando les, todo é posible! Conto poderoso e creativo que resalta a importancia dos libros como poderosos e transformadores. A través dunha narrativa orixinal, mostra como a lectura non só proporciona educación, senón que tamén empodera ás persoas para cuestionar o mundo que lles rodea e loitar contra as inxustizas. É unha ferramenta ideal para espertar nos mozos o amor polos libros."

Unha historia que lembra a dos tres porquiños cunha casa de madeira, unha de pedra e unha de libros nas que se van metendo un grupo de persoas que escapan do Cobrador do Sol. Si, existe! Un recaudador que cobra a luz do sol que a xente recibe polo día, que vai subindo a cuota e que os vai empobrecendo cada vez máis. De quen é o Sol? Seica da empresa multinacional Universo 2.0 pero sucede que o día en que xa non aguantan máis se meten nas casas que o cobrador vai tirando ao soplar ata que chega á dos libros. Ai! aí cambiou a cousa, pois a xente lera e aprendera a pensar e chegaron a boas conclusións coas que remataron coa explotación. Que boa cousa ler, non? A lectura lévanos a razoar o que está ben e o que está mal, a comprender mellor o mundo, a coñecer outras perspectivas e rebelarnos contra as inxustizas. 

A historia lévanos a outra, a da Casa da Lectura, situada en Gondomar e que pertence á asociación Espazo Lectura. Unha casa que leva vinte anos empeñada na lectura e dando de ler a todo tipo de persoas.

martes, 14 de xullo de 2026

No ano Otero 2026, a reedición de Historia dun neno

Neste ano Otero Pedrayo, 2026, tal como foi declarado polo Parlamento de Galicia, accedemos á  reedición de Historia dun neno, a obra autobiográfica da infancia de don Ramón publicada por Galaxia.

Da presentación editorial: "A Historia dun neno conta os primeiros anos de vida do escritor Ramón Otero Pedrayo, desde o seu nacemento ata o ingreso no instituto. Recolle simpáticas lembranzas dos amigos da infancia, da casa familiar de Ourense, das primeiras experiencias na escola e das visitas á aldea de Trasalba." 

Con ilustracións de Mara Méndez nas que se recoñecen moi ben os lugares dos que fala e vemos ao autor de pequeno coma un rapaz cunha gafas moi grandes e unhas pernas moi delgadas; isto fainos pensar en certa debilidade que queda superada pola alegría que vemos debuxada no seu sorriso. Igual nós o veríamos de maneira diferentes pero é a maneira na que ela o retrata. Vai falando del en terceira persoa, achegando datos de relevancia persoal (fillo único) pero tamén contexto xeográfico e histórico que semella adiantar as súas inquietudes. As lembranzas do neno van dende as cousas que lle causaban medo, as travesuras propias da idade, os recordos que logo relacionaría con momentos históricos, as emocións ante o que ía descubrindo, o que máis lle gustaba (coma o colo da nai cando escoitaba chover), os xoguetes daquela primeira infancia, imaxes que describe e semellan de realismo máxico, o que observaba no arredor, as tendas do barrio, o pequenas que lle resultaban as cidades de Ourense e Vigo naquelas primeiras olladas, os parentes e diferentes visitas a casas que realizaba cos pais, todo o que vai aprendendo antes de ir á escola coa familia e os primeiros intentos de mestras  e escolas, o pai médico visitando enfermos ou recibíndoos en Amoeiro con coidado de indicarlles remedios caseiros para non ter que gastar de máis na botica (un médico dos probes ao que beizoaban), a chegada do entroido e da semana santa... No medio de todo isto, Risco no primeiro piso da casa na que vive e como comeza dirixindo discursos aos gatos dos tellados. Fala da vida que foi, do que escoitaba sen entender de todo (cando botaban contra o cacique), do como gozaba da casa de Trasalba e do que nela vía, os cans e aquel lugar no que enterraron a un deles e el levaba flores, dos sucesos que se contaban polas noites e que deban medo pero tamén do gusto de andar pola natureza entre as herbas recoñecendo as colleitas. Os xogos (intelectuais) con Risco que anticipan o que lles agardaba, os seus primeiros pasos coa cultura (asistencia á zarzuela...). O seu sentimento ante as noticias de guerra e as perdas dos barcos patrios, "choraba, non durmía, nin entendía verba daquilo que escoitara da grandeza e o valor dos españois". 

O mellor é o ton no que el lembra e describe: "Era un neno esbrancuxado, pelo de rato, testa grande, pernas de pisco. Padecía de orellóns, da barriguiña e de medo" De aí, a imaxe de Mara; de aí, o medo a perder ese meniño que é unha xoia, un ben único sen irmáns (como non ían coidalo, cumprirlle os gustos, atender as súas queixas?). Di que en 1895 o mar e a alegría de Vigo lle devolveron a saúde, o que quere dicir que non lle sobraba. E remata, xustamente coa entrada no instituto, o tribunal de ingreso e os comnpañeiros que se converteron en amigos; así: "A entrada no Instituto, cos nove anos enteirados, foi o ingreso nun mundo novo, feiticeiro, acedo, descoñecido." 

Un bo texto para ser lido en voz alta, para practicar nos programas de radio, para realizar unha presentación con imaxes da época, para que nos entren polos oídos as súas palabras sobre os seus días de creación, dunha infancia naquela familia e naquel tempo. 

domingo, 12 de xullo de 2026

Libros para bebés: Pinga na colección Niñeiro de Antela

A editorial Antela comeza nova colección: Niñeiro. Libros para cativiños. A primeira obra é Pinga de Andrea Freire e Aida Alonso.

Así se presenta: "Pinga está en todas partes, podes atopala? Búscaa no vento e persíguea no mar a través das ilustracións e texturas que acompañan ao texto neste fermoso libro para bebés." 

Ilustracións a modo de colaxes con cores moi vivos e planos. Unhas imaxes para ler en cada detalle, buscando a pinga nas súas diferentes formas. Os textos funcionan como versos que poden lerse, recitalos, cantalos ou comentalos. Todo en maiúsculas para ir identificándoos. Rima mentres busca o ciclo da auga, fóra e dentro do corpo.  

Un libro que vai axudar a observar a auga nas súas diferentes formas. 

venres, 10 de xullo de 2026

VIII Premio Carlos Mosteiro


Nenapingüín de Daniel Landesa obtivo o VIII Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil. Aparece agora, publicado por Galaxia, na colección Árbore coas ilustracións de Miki Momochi nas que destaca o atrevido das tomas, eses planos tan de detalle ou pouco acostumados. Formando parte do deseño e paratextos os listados de Nenapingüín, do que lle gusta e o que non lle gusta ou os avisos de seu pai. 

Da nai non se fala, seguramente morreu e por iso non aparece, a que si o fai é a moza do pai. Todo tan natural que dá moito gusto velo, sen ter que dar explicacións.

Así a presentan: "Imaxinas subir a unha árbore e que o todo cambie para sempre? Ata o teu nome?Aínda que xa era unha cativa impresionante, o día que comezou a chamarse Nenapingüín a súa vida cambiou para sempre dun modo que nunca puido chegar a imaxinar." Si, o cambio foi rotundo, é o que teñen os accidentes, que hai un antes e un despois, un instante que che cambia a vida, polo menos durante un tempo. Iso lle pasou a esta nena sempre disposta a unha aventura sexa nos libros ou na realidade, amiga dos seus amigos por iso lle molesta que estes cambien como lle pasou a Caradeleituga que agora non a trata como facía antes. Despois do accidente, hai moito tempo de hospital e alí coñece a unha médica estupenda, a uns celadores que fan carreiras polos corredores, pero sobre todo fíxose amiga de Nenobólido, de Bolabillar e Nenatransparente. Tres personaxes moi interesantes, tanto que tamén a nós nos gustaría coñecelos algo máis. 

Unha historia moi ben contada, un ton exquisito e uns valores a reivindicar (o gusto pola lectura, o respecto pola diversidade, a asunción dos problemas con toda a tranquilidade posible, a amabilidade e bo trato, a relación coa avoa...). Tal vez o capítulo do mago e todo o que o envolve faga caer un pouco a historia ao resolvela dun xeito "case máxico" mentres outros asuntos como as fotografías con máscara de pingüín ou a nena que desaparece na súa transparencia nos resultan marabillosas metáforas xa que se solucionan de maneira fantástica pero crible. A mestura de realidade e fantasía é algo ben difícil de arranxar na que ás veces nos vemos levados pola premura. 

Creo que Landesa lle dou vida a unha rapaza que nos gusta moito e que igual pode seguir acompañándonos con esa resiliencia e capacidade de enfrontar os problemas da maneira menos difícil para os demais, de asumir as consecuencias dos seus actos (algo ben difícil, incluso para as persoas adultas), de avanzar ante as dificultades pensando tamén nos demais...

xoves, 9 de xullo de 2026

Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola Igualdade


O segredo das Cíes de A.R. do Lobo, acadou o V Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola Igualdade e aparece publicado en 2025 con ilustracións de Blanca Millán na colección Conto x conto de Baía edicións.

Da presentación editorial: "Nas Cíes vivían moitos seres que desfrutaban das súas praias de area branca e augas cristalinas; desde sempre actuaban como xefas as gaivotas patiamarelas… pero non todas, só os machos, que se vían coma un exército formado por soldados e mandado por xenerais!!! Pero para a píllara Noa e os seus amigos Xan o ourizo e a gaivota Saínza esa situación tiña que cambiar, pero xa! Había que acabar coa tiranía dos xenerais! Tras conseguir que se celebrara unha asemblea en territorio neutral, todos os animais das illas acordaron que a partir dese momento todas as decisións se tomarían en conxunto… E ningún dos xenerais foi quen de abrir o peteiro para protestar." 

O patriarcado vestido de militar no mundo das gavotas. A discriminación das especies cando as asambleas se realizan en territorio complicado para algunha delas. Unhas illas que hai que salvagardar e uns animais dispostos a botar unha man, como sexa. Ecoloxía, tamén. Tres amigos moi diferentes: unha píllara, un ourizo e unha gavota facéndolle fronte á inxustiza veña de onde veña. A democracia como cumio da vida en común, tamén a defender. Porque hai tanto que traballar na defensa do medio ambiente, na igualdade de home e muller (macho e femia de calquera especie, semella), na defensa da igualdade entre os diferentes animais. 

martes, 7 de xullo de 2026

Como funcionan os profes


Como funcionan os profes de José Carlos Román e Robert García está traducido por Vanesa López publicado por Miau.

Un verdadeiro manual de instrucións entre álbum, libro informativo, cómi, manual que nos fai un percorrido polas diferentes facetas a ter en conta. Dende como te dirixes á oy ao profe, a orixe dos mestres, a resposta a preguntas como se sabías que o profesorado non vive nbos coles, consellos, como ser alumno ou alumna insuperable, a escusda perfecta, as absurdas normas do profesorado, o que non debes tirar, personaxes como a secretaria ou o conserxe do colexio, a pregunta sobre quen manda realmente no colexio e a chegada a fin de curso. Humor a esgalla e diferente tipoloxía de textos. O uso do masculino e o feminino realmente especial.

Ao final, inórmanos de que se despois de ler este manual queres dedicarte á ensinanza (xa hai que ter ganas!) podes buscar Profes: guía básica de supervivencia

sábado, 4 de xullo de 2026

O libro dos monstros


O libro dos monstrosAnónimo. Edición, tradución e comentariios de Maite Jiménez Pérez con ilustracións de Miguel Robledo.

Da presentación editorial: "Cando o mundo aínda non era unha esfera diáfana, entre as súas sombras agochábanse marabillas e abominacións. A imaxinación humana creou figuras, animais e seres mitolóxicos que nos acompañan desde hai milenios. 

Nesta obra, escrita en Europa no século VIII por unha man anónima, todas esas criaturas brotan e hoxe en día seguen a abraiar."

Unha introdución na que se nos fala de todas as criaturas do mundo, o Imago Mundi, de monstros, prodixios e marabilia, de tetraloxía, o Libro dos Monstros, unha serea e "da nosa tradución". Comeza o prólogo ao Libro dos Monstros, comeza o Libro Primeiro sobre os Monstros (andróxinos, Hygelac, Coloso, os que teñen seis dedos, faunos, sereas hipocentauros, home dúplice, etíopes, ono centauros, cíclopes, Heracles, a rapaza enorme, Escila, os homes peludos, os esciápodos, os homes barbudos, un tipo misto de sexo...), Comeza o Libro Segundo sobre as Bestas (león, elefante, onagro, tigre, lince, pardo, pantera...) e Comeza o Libro Terceiro sobre as Serpes (a serpe de Lerna, a serpe de Asiria, a hidra, as serpes cerastes, as de tamaño extraordinario...). Remata o libro coas múltiples notas nas que se referencias as fontes e a bibliografía.  

Un libro para sumerxirse na imaxinación do pasado, de quen creou seres situándoo nos lugares afastados a onde era case imnposible chegar. Recolle un acaca do introdución que nos dá que pensar: "Isto é o que di Xervasio de Tilbury, o grande intelectual inglés do século XIII, na súa enciclopeida de cousas marabillosas dedicada ao emperador: "Xa que o apetito do espírito humano está sempre esperto para escoitar e absorber novidades, é necesariomudar as cousas vellas en novas, as naturais en marabillosas e as que son correntes para todos en inauditas." Estes son os marabilia, contos fantásticos sobre viaxes a terras marabillosas onde habitan xentes espantosas, pero que, en troques, ofrecen riquezas inamaxinables"

Realmente, é un libro para persoas que gusten de monstros e, sobre todo, de ver como se inventaron estes en momentos determinados da nosa Historia. Na biblioteca dará moito xogo, porque é un bo libro de consulta que pode dar lugar a novas creacións.

venres, 3 de xullo de 2026

Premio Simbad para o Recordo e o Alzheimer IV convocatoria

 


O Premio Simbad para o Recordo e o Alzheimer na IV convocatoria foi outorgado a Rita Doallo por Astralistoria que aparece ilustrado por Estefanía Padullés e publicado por Hércules de ediciones.

Dous xemelgos coa súa nai na casa da aldea. A avoa xa morreu, os rapaces non teñen outros nenos ou nenas desa idade, abúrrense, quéixanse desa situación especialmente agora que xa morreu a avoa e non hai unha razón de peso para pasar as vacacións na aldea. Están pensando en vender a casa porque a nai quéixase de que non pode manter as dúas: a da cidade e esta. Aburridos, sentados nun banco á sombra da única árbore da praza. A pulseira da rapaza racha cando se enreda coas gafas do irmán, un rato lévaa na boca, perségueno e aparecen nunha zona que semella abandonada, nunha casa onde vive unha vella que perdeu a memoria e ten una aparello impresionante que é o tal astralistoria. Unha trama lévanos a descubrir que é a nai do mellor amigo da nai que morreu (aínda que a nai cre que anda por aí, facendo cousas), pero antes de facelo deixou esa máquina na que se pode ver como nunha película lembranzas relacionadas co obxecto que se introduce nela polo funil. Despois de tremendo susto no que semella que van perder a nai (do pai nada se sabe) conseguen recuperala, facerlle compañía á señora, non vender a casa e quedar nese pobo: Pedreso ou Rochante na historia que lles conta a máquina.

Ás veces, a temática axuda a poñer en marcha a imaxinación, con relatos que beben da realidade, outras non tanto. A autenticidade, nestas historias, é algo a valorar moito, porque xa sabemos cales son as  que permanecen ao longo do tempo e cal é a razón pola que o fan. 

Unha historia de soidade, de mundo rural a piques de perderse, de valoración desigual da cidade e o campo, das relacións familiares e destas coas perdas, daquilo que queremos defender ou abandonar xa para sempre... 

xoves, 2 de xullo de 2026

Unha nova colección en Cumio: As emociconas

As emociconas é unha nova colección que pon en marcha Cuimio en Lemos +5

As emociconas: Onde van? (As Emociconas son como son, cada unha coa súa personalidade. Cada unha ten unha forma xeométrica e unhas determinadas emocións: desde Riseira, un rombo amarelo cheo de alegría, ata Rosmón, unha nube gris moi rabuda. A través das súas aventuras, descubrirás o emocionante mundo das emocións mentres dás os prime...), Son alegre (Riseira sempre está feliz e contenta. Ten a cor do sol e, cando sae polas mañás, a súa luz dálle máis alegría. Hoxe está a chover. Pero aos seus amigos non lles gusta a chuvia… Haberá un efecto contaxio?), Son coqueta (Chic é sensible, coqueta e presumida. Convidou os seus amigos a un desfile de moda, pero ao prepararse para saír a desfilar, non encontra o seu gorro favorito. Conseguirán atopalo?), Son rosmón (Rosmón está anoxado porque chegou o verán e vai moita calor. Os seus amigos e amigas as emociconas queren ir a praia pero a el non lle gusta. Conseguirán as emociconas que vaia?), Son atrevida (ATREVIDA É MOI VALENTE E QUERE VOAR COMA UN PAXARIÑO. PREPAROU UNHA SORPRESA PARA OS SEUS AMIGOS AS EMOCICONAS E LÉVAOS DE EXCURSIÓN. CAMIÑAN DURANTE UN BO ANACO DE TEMPO, CRUZAN A PONTE DO RÍO E, AO CHEGAR A UN CAMPO ENORME, LÉVANSE UNHA GRAN SORPRESA: FARÁN UNHA VIAXE EN GLOBO! CONSEGUIRÁN SUBIR TODOS?), Son tedioso (CHEGOU O NADAL E TEDIOSO ESTÁ MOI FELIZ. VAI COLOCAR A SÚA ÁRBORE! OS SEUS AMIGOS, OS EMOJI, VAN AXUDARLLE A COLGAR OS ADORNOS: TEÑEN BÓLAS, CAMPÁS, GIRLANDAS E ORPELAS. TODO PARECE MOI FÁCIL ATA QUE TEDIOSO INTENTA COLOCAR A ESTRELA. CONSEGUIRÁN COLOCAR A ÁRBORE DE NADAL?)... En xeral, preséntanse así: "Aprende a ler gozando de historias en letras maiúsculas e con textos claros e accesibles coas emociconas" 

Complicada tanta psicoloxía, tanto centrarse nun mesmo e como é... Certamente, haberá quen lle saque froito e quen non, quen se divirta vendo as diferentes maneiras de ser (especialmente por momentos), quen o vexa como algo inamovible e quen se perda nunha moda que vén pisando moi forte. De calquera maneira, deberiamos estar atentos e atentas ao que se nos presenta e como se fai.

Como todas as modas, deben pasarse polo tamiz da pedagoxía (e non digamos da literatura e das artes), polo "sentidiño" e a reflexión. Houbo un pedagogo galego que colaborou coa LOXSE ata o momento no que nesta se veu o peso da psicoloxía, daquela decidiu que mellor ocupaba o seu tempo coidando do común e abandonou ese barco. É importante tratar emocións e sentimentos, poñerlles nome e algo máis, pero tamén é moi importante ver de onde veñen certas correntes e a que responden. Esa é a nosa responsabilidade, como o é tratar sempre á rapazada como seres intelixentes que se educan, igual que o facemos nós.   

Os textos de son De Susana Peix e as ilustracións de Mercè Canals.  


 


mércores, 1 de xullo de 2026

BD dende Antela

 

Pat Estrela e o xigante de plástico de David Braña e Ángela Curro está publicado en Antela editorial na colección Galo Pinto.

Da presentación editorial: 

"Pat Estrela vive en Helios, unha vila pesqueira onde están a acontecer cousas estrañas e preocupantes, como a aparición dunha illa de plástico na costa. Cando un obxecto misterioso procedente do ceo cae nela, Pat decide ir investigar.
Acompáñaa nesta aventura para descubrir a verdade!" 

Comeza cun cómic feito por unha criatura no que Pat (unha nena) e Tarta (a súa tartaruga) axudan a un meteorito a buscar compañía. De pronto, transfórmase nunha banda deseñada convencional na que eses dous personaxes son visitados por Balbo, o amigo que transforma as "r" en "g" porque lle faltan dentes. Cando queren mirar as estrelas, co telescopio, ven a illa de plástico que promove o alcalde no medio do mar para conseguir cartos, o pai de Balbo é mariñeiro e leva para alí o lixo. A partir de aquí asistimnos á viaxe de Pat como polisón no barco do pai de Balbo (igual que a rapaza de As flores radiactivas), como queda na illa de plástico e atopa o que veu caer na noite anterior, nada menos que un robot que chega do espazo e aterra na illa debido a que unha chuvia de residuos (deses que o human os imos botando, tamén, ao espazo) desvían a súa traxectoria. Descobren que a illa está aí tamén para disimular un tesouro co que se quere facer o alcalde... Na vila, fan unha manbifestación e descobren que Pat non foi á escola, empezan a preocuparse, mentres tanto a illa convértese nun humanoide xigantesco que se move e se acerca á vila. Como sucede sempre nos contos, as boas obras teñen reecompensa e a gfavota á que Pat salva de estar prisioneira no plástico acabará axudándolle a aterrar con ben. Todo remata ben (non como na vida normal, faise xustiza e cadaquén pasa a estar onde corresponde: o alcalde e os secuaces detidos e o pobo rico co tesouro. Un cómic infantil, coma o primeiro, introdúcese antes do remate coa nena e o seu amigo, o robot, felices. Ao final do libro, hai uns extras que consisten na guía ilustrada para debuxar a Eco, o robot, e a Pat en doados pasos.

Seguro que esta nena nos traerá algunha av entura máis...