Datos do blog

sábado, 22 de novembro de 2025

De igualdade, de dereitos, de non asumir prexuízos


A pequena osa quere xogar de Iago López e Olaia Naveiras é un álbum ilustrado publicado por Xerais,

Da presentación editorial: "A pequena osa quere xogar ao balón, igual ca os xabarís, pero na fraga non paran de dicirlle que iso non é para ela". "A pequena osa non é como din que debería ser. Por que non pode xogar ao que ela queira?".  

Son os maís pequenos os que aínda non teñen asumidos os prexuízos e se atreven a soñar sen cortapisas, por iso a osiña non entende que lle digan que non pode xogar fútbo, coma os xabarís: "as osas non podedes xogar ao fútbol porque para iso hai que ser forte e valente, ti es sensible coma unha flor e fráxil coma as ás dunha bolboreta, es suave e delicada non audaz e atrevida, as osas sempre se dedicaron a outros quefaceres... Corvos, toupa, coello e serpe case a convencen de que non vale para xogar fútbol, que o que ela ten que facer é recoller os amorodos que comerán os xogadores despois do partido, a auga que beberán ou recoller o mel que os xabarís lamberán para recuperar forzas. Menos mal que un pequeno xabarín aparece convidándoa a xogar cando ela xa dubida de si mesma, menos mal que a avoa osa a obriga a verse de novo tal como é: forte e decidida. A historia remata ben porque así debe ser, porque a pequena osa non pode perder a confianza en si mesma, porque non poden seguir ganando as forzas conservadoras.

Moi interesante esa guerra de argumentos entre a pequena osa e o resto de animais dispostos a convencela de que non serve para xogar ao fútbol. Fermosa a imaxe que ela reflicte na auga e como pode cambiar dependendo do entorno e como tamén se pode transformar con axuda. Porque non todo permanece e os cambios son posibles!

mércores, 19 de novembro de 2025

Álbums ilustrados

A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo & Mar Ferrero está publicado por OQO na colección O

Da presentación editorial:"Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”."... Tempo despois chegou a primavera e todo espertou, o ratiño púxose a buscar o garavanzo e oh sorpresa! o que atopou foi a planta con moitos garavanzos, con eles puideron facer o guiso para toda a cadea de animais que andaban polo medio; así que ao final todo saiu ben, moito mellor do que se agardaba. Unha historia ben levada!

Maruchi e o gancho de Laura Cid Rascado conta co premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado 2023 e está publicado por Galaxia. O xurado destacou que "é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos." É inverno, a galiña abúrrese porque non pode saír da casa polo frío, como ve que todas as demais teñen frío decide facerlle algunha roupa de abrigo aproveitando que ten unha madeixa de la, pero todo lle sae mal... ata que aparece o can coas gafas e... as cousas cambian.

luns, 17 de novembro de 2025

Unha novela que bebe da tradición

Da presentación editorial:"A colección Costa Oeste de Editorial Galaxia incorpora un novo título ao seu catálogo: Pontealbar, a novela de Adrián Noia, unha historia chea de misterio, ambientada no val do Río Grande.

A vida de Pedro de Pontealbar muda por completo cando descobre que a fin do mundo está próxima por culpa dun pacto entre o conde Albar e o Demo da Serpe, unha criatura lendaria. A pantasma de Marcela, vítima da crueldade do conde, encoméndalle a Pedro unha misión decisiva: salvar a súa aldea antes de que sexa demasiado tarde.

Comeza así unha viaxe por un universo indescritible, poboado de seres máxicos e aliados inesperados, onde o protagonista deberá asumir que o seu destino estaba escrito desde antes do seu nacemento.

Adrián Noia (Santiago de Compostela, 2001) graduouse en Lingua e Literatura Españolas na USC, traballou como auxiliar de conversa do Ministerio de Educación en Lisboa e foi bolseiro de biblioteconomía na Biblioteca de Galicia.

Comezou a escribir durante a adolescencia, gañou os certames A Pipa de Becerreá (2016) e Terras de Chamoso do Corgo (2017) na categoría xuvenil. É autor de O país dos raposos (2022, II Premio de Novela Curta do Xuventude Crea 2021) e de A terra leve (2024). Colaborou na antoloxía Scripta manent: 50 anos de memoria e palabra, da Facultade de Filoloxía da USC e publicou artigos nas revistas Eduga e Viñetas BD. Partilla a súa actividade literaria en (@adriannoia) e na páxina web adriannoia.gal." 

Como explica o seu autor: "Esta páxina web naceu en outubro de 2024 cun propósito claro: achegar a obra literaria de Adrián Noia a todas as persoas que queiran coñecela." No caso de Pontealbar, "A historia bebe dunha lenda antiga da aldea da Pontealbar (Xavestre, Trazo), recollida por Leandro Carré Alvarellos en Las leyendas tradicionales gallegas (1977), e pertence ao ámbito da literatura fantástica." A novela está distribuída en tres partes: Profecía, Travesía e Renacenza. A ela engádeselle unha nota do autor na que nos fala de onde bebe (ademais do libro de Leandro Carré no apartado de "Justicia del rey Alfonso VIII") e a orixe dalgunha das criaturas en Vento e chuvia de Manuel Gago e O merlo de ferro de Antón Cortizas, quen dixo que a LIX non inspira?

Lemos unha historia mítica na que teñen cabida os contos das lavandeiras, pactos co demo, os animais colaborando cos humanos nas súas diferentes formas, a crueldade do conde (que rapta, viola e despeza á moza Marcela) e a vinganza que contra el exerce o rei (destrución do castelo, morte de todos os seus serventes e salvación do conde, despois de pactar co Maligno pero ha de deixar escrito o acontecido nun pergameo que conta a historia e ademais debe "contarlla á única muller que habite a aldea que a transmitirá ata que despois dun milenio un rapaz sobrevivirá á fin do mundo e busque o texto para lograr a vida eterna e reconstruír a civilización"). O Elixido escribe a historia, "asinándoa en Fisterra, a carón da cruz dos mariñeiros, sendo o latente Demo da Serpe, ser ordenador das terras de Pontealbar e as de aquén do horizonte, encarnado na persoa de Pedro de Pontealbar, protector do Mundo das Crioaturas do Río por orde e súplica do venerado Mouro Gardián."  

Mentres se fai pública esta entrada acabamos de saber que o autor acadou o Premio SELIC de Creación Literaria 2025 do Concello de Santiago pola novela O silencio non arrola.  

domingo, 16 de novembro de 2025

A miña mascota e máis eu, A banda que ninguén coñece...

A miña mascota e máis eu de David Hernández Sevillano e Alejandra Estrada está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial:"Un entrañable relato de amizade entre un can e un neno narrado dende un punto de vista diferente." Certamente, o mellor é ir lendo o álbum e deixando que nos sorprenda porque "Chámome Coco e sempre tiven unha mascota. Cando era pequeno mamá tiña unha mascota na casa e agora eu quedei co seu fillo. Encántanme as mascotas pero non é doado atendelas. A miña mascota e máis eu coidámonos moito: el reenche a miña cunca de auga e eu procuro que non lle faga dano comer demasiado (...)" Nas imaxe a lapis (negro, verde e marrón) un neno e un can, o neno con gafas e o can... case. O humor e a tenrura van ocupando as páxinas con esa escaseza de recursos que converten o álbum nunha obra magnífica.

A banda que ninguén coñece de Nadia Budde está traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka. Da presentación editorial: "Un divertido álbum repleto de situacións disparatadas, xogos de palabras e rimas delirantes co que imaxinar a historia dun particular grupo de rock." Nas gardas aqueles símbolos que caracterizan a cada un deles.

Comezan presentándose, primeiro por anacos e logo de corpo completo mentres o público aumenta e os vai observando. Son extravagantes como corresponde a unha banda. NInguén os coñece nin por partes nin a corpo completo, comezan a tocar e alá vai o público correndo ao concerto, bailan ata a madrugada, os veciños piden que pare xa  a festa, retíranse cansos, nesas os músicos despídense  "Adeus camaradas!" (todos os coñecen). Onde está a diferenza entre ser coñecido ou non?, como se dan a coñecer?, é necesario ser. 

venres, 14 de novembro de 2025

Lela, a superavoa

Unha nova banda deseñada autoconclusa de Xosé Tomás: Lela, a superavoa, publicada por Xerais na colección Merlín cómics. 

Unha nena, un neno, seu pai (o xenro viúvo) e unha avoa que vai demostrando viñeta a viñeta que é unha superheroína da vida real, facendo o que fan moitas avoas na realidade, sendo como elas son, capaces de todo. Humor, retranca, crítica, loita contra o idadismo... Unha muller chea de enerxía e disposta a enfrontar todo tipo de problemas e reveses, porque conformarse non é a opción cando se ten a experiencia, o sentido común e o poder pero tamén todo aquilo que caracteriza a infancia (por iso cre que se erstá infantilizando). Porque Lela, se puidera volver nacer o que quixera é ter o control e... outro galo nos cantaría (ou galiña).

Cando o humor é a bandeira, o ilustrador busca os seus personaxes preferidos, os animais (Animalia), as situacións escolares (Manual de Escola) ou as avoas (Lela a superavoa).

Da presentación editorial: “Lela non é unha avoa calquera. Cos superpoderes da retranca, da astucia e da experiencia, pode resolver calquera obstáculo ou situación da vida. A súa familia sabe que non hai medo que a deteña, aínda que ás veces acabe metida nalgunha enleada das súas! Un divertido cómic con breves historias autoconclusivas que, a través do humor, lles rende unha homenaxea ás avoas.

martes, 11 de novembro de 2025

Colección Merlín, un libro para máis de 9 anos

A miña amiga invisible de Eduardo Santiago con ilustracións de María Brenn está publicada na colección Merlín de Xerais.

Narrado en terceira persoa: unha nena de nove anos pasa a residir na aldea "seguindo unha arroutada ecoloxista" dos pais: el vaise dedicar ao cultivo da horta, ela continúa traballando de enfermeira na cidade, ela cambia de escola e polo tanto vai sufrir ese baño noutra realidade pero continuará sendo unha lectora voraz especialmente de libros de fadas. Realmente, cada membro da familia ten os seus gustos lectores, o pai colecciona libros de agricultura ecolóxica e a nai é entusiaste dos misterios psicolóxicos. Explícase, no prieiro capítulo que a pequena despois de oírlle falar de mundos paralelos e de verse nunha casa na fin do mundo pensa que o que hai máis alá xa non é deste mundo. Aí comeza a historia! Cando unha fadiña lle aparece no respaldo da butaca elle fala do veciño que se fai pasar por apicultor pero realmente o que fai é cazar criaturas fantásticas e pretende conseguir o seu po de fada para cumprir todos os desexos. A relación coa fada é complicada, por un lado ninguén debe enterarse da sua existencia, por outro lado discuten moito e Lali (que así se chama a fada) pretende dirixir todo o que ela fai. A discriminación, o acoso non ten unha razón de ser, nin o aspecto físico importa (pode ser por alta ou por baixa, por gorda ou por delgada... pero tamén polos trazos raciais, a cultura, as crenzas ou o sexo) nin tampouco a maneira de ser (por saber ou non saber, por lista ou ignorante, por intelixente ou non). Semella que na escola da nosa protagonista hai dúas clases de rapazada: as populares entre as que se atopan os agresivos e os marxinais. Entre estes últimos está Uxía considerada gorda, fea, gafuda e lista. Coa axuda do polvo se fada sae ilesa do ataque dos compañeiros que sofren desgrazas ao longo dunha semana e animada convida á súa nova amiga á casa onde lle conta a historia da fada... 

O encontro de dous mundos. A necesidade de que unha nena se enfronte á realidade soa, sen axuda de seres fantásticos ou amigas invisibles, unicamente confiando en si mesma. Un interrogante, estes bos alumnos e alumnas teñen que deixar de selo para que os acepten, que estratexias utilizar fronte á violencia, como axudar aos que verdadeiraente teñen problemas...?   

luns, 10 de novembro de 2025

Libros ao servizo de intereses ecolóxicos ou dun concello (ou da hiperactividade)

Libro con código QR para escoitar a música. Pakolas en Ecoralia. A lambona ecolóxica con ilustracións de Laura Romero, promovido por CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia). Unha obra a dúas mans na que el pon a idea e a música e ela as imaxes, redacción do texto e maquetación.

Narración , poesías e cancións. Ecoralia é unha meiga (coñecedora dos conxuros ancestrais) que vive nunha carballeira. A ela gústalle resolver os problemas sen empregar a maxia. Camiña recollendo o que lle gusta acomapañada por Mistín o seu lucecús cn semáforo no traseiro que se pon verde ante o saudable e vermello (tamén botando uns peidos horribles) se come algo malsán. No ultramarinos de Ramón o teixugo todo leva a etiqueta ECO de CRAEGA. Nunha visita ás tías Rosa e Mónica descobren que ocorre algo estraño nas súas hortas pois todo se está perdendo mentrres que na orta do lado pasa ao revés. Danlle a probar unha mazán desa horta e Mistín non se pode poñer máis vermello... Si, xa sabemos ao que pasa e o que haberá que facer.

Unha historia sobre a horticultura ecolóxica, os fertilizantes e antipragas, a onde van estes produtos químicos que van contaminando todo ata chegar ao mar. Tamén sabemos que non queda outra que convencer aos agricultores para manter o planeta e coidar a nosa saúde. 

Media ducia de canciónse unhas ilustracións que recoñecemos coas súas cores características e as colaxes de ilustradora e música Laura Romero.

Un exemplo real deste asunto podemos velo na contaminación do Mar Menor onde os restor dunha agricultura intensiva está producindo a súa morte. 

As aventuras de Joe &Fonte.  Joe &Fonte múdanse a Mondaria Balneario de Aurora Corbacho ilustrado por Chimay. Así se presenta: "A chegada da autora á vila de Mondariz Balneario procedente de dunha cidade marcou un antes e un despois na súa vida. Froito desa experiencia e do amor desta polos animais, do encanto da localidade, a súa apaixonante historia e o seu importante patrimonio, xorde este libro coa colaboración imprescindible do ilustrador que cos seus brillantes e evocadores trazos dota de vida cada una de las escenas de esta historia contada con moito cariño e protagonizada polos dos gatiños que conviven coa autora".

Lúa e o paxaro de Carmen Rey Núñez con ilustracións de Paula Villar Martínez (e publicada por Toxosoutos) preséntanos unha nena con hiperactividade. Así se presenta: "

Lúa é unha nena despistada e bulebule que vive cos seus pais nunha aldea do Barbanza e, segundo coidan na súa familia, desobediente. Raro é o día que non a castigan no cole. A hiperactividade que padece e ninguén lla detecta, impide que o seu maxín se centre nos estudos ou en cousas do cotián.
Porén, grazas á axuda dun paxaro que acaba de aterrar cabo dela e asegura chamarse don Tomás, a realidade, de aquí en diante, promete ser ben distinta. Vexamos, pois, como se desenvolve a historia da Lúa e o paxaro".

sábado, 8 de novembro de 2025

Álbums traducidos

O álbums traducidos son o xénero que máis abunda. Dende que moitas editoriais seguiron a estela de Kalandraka o que máis atopamos nas bibliotecas infantís son os álbums escritos noutras linguas e versionados en galego. Estano facendo mil e unha, case todas situadas fóra de Galicia...

Por exemplo Jaguar na colección Miau que nos presenta O ladrón de follas  de Alice Hemming e Nicolas Slater que na pásina da editora achega actividades ao redor do libro.

Da presentación editorial: «Será Esquío capaz de descubrir quen lle rouba as follas?» Esquío goza dun fermoso día cando descobre que unha das follas da súa árbore desapareceu repentinamente. Non está por ningún lado!  Decide entón recrutar a axudado seu veciño e amigo, Paxaro, para resolver o misterio e descubrir ao ladrón."  Que problema! Esquío asústase cada vez que lle desaparace unha folla, vaille preguntar a paxaro asustado e aínda que este tenta tranquilizalo á seguinte vez volve ao mesmo, busca ladróns que non o son: a rata que convertiu unha folla en barca, o picapaus que as xunta... ata que paxaro con toda a paciencia do mundo lle explica que isto mesmo lle pasou o ano pasado e que debe relaxarse, pero á mañá seguinte volvemos ás mesmas, esta vez pensa que é o esmo paxaro quen llas rouba ao ver que está a adornar o seu niño con eles. Quen rouba as follas no outono? queda tranquilo o esquí ata que chega o inverno e vai ver so paxaro asustado: "Paxaro! Alguén roubou a herba!" e o pobre paxaro suspira "Mimá!" Vai tocar comezar de novo... Nas páxinas finais do libro explícase a función do vento, o que sucede no outono coa follaxe e non só con ela (coas horas de luz, coas migracións de insectos e paxaros, coa hibernación e as horas de sono. Pero o mellor, mellor é ese despiste do esquío quer lle fai vivir algo novo cada ano, esqucer o que xa saber... e que tanto nos lembra algunha das nosas reaccións.

O ovo do sol  de Elsa Beskow traducido ao galego por María Herrero e adaptado a Lectura fácil en ING Edicións.

Da presentación editorial: "Unha reedición revisada dunha historia clásica co encanto dos bosques nórdicos. Unha pequena fada que vive nun frondoso bosque do norte descobre algo extraordinario: un ovo do sol! Como chegou ao bosque? Que tes que facer para devolvelo ao seu niño? Coa axuda dos elfos e varios animais que viven no bosque, descubrirá a verdadeira natureza deste misterioso obxecto." Certamente trátase dun mundo de seres máxicos e bosques eternos, dende as ilustracións das gardas imos seguíndoos. Semella que unha rá lle conta a historia a outra que ri. Todo comeza con esa pequena fada que baila estendendo a alegría por toda a floresta, que axuda a todos devólvéndolle os ovos que caen dos niños aos paxaros ata que un día atopa un redondo e grande (para o tamaño dela) de cor do sol e pensa que realmente lle caeu ao astro rei, vaillo contar ao trasgo novo peroeste é tan divertido que lle bota unha piña así que enfadada vaise xunta Risoña, a ra que rexenta unha fonda, de alí saen tamén os clientes para observar o ovo do sol e facer conxeturas sobre se leva lume dentro, ata que chega o vello trasgo e un pimpín que lles asegura que é unha laranxa edeóstrallo facendo que proben o zume, netsas chega unha pega e lévaono pico. A fada chora porque lle roubaron a froita do sol pero o merlo promételle levala á terra do sol onde eses froitos medran colgados das árbores e así é, vai e vén igual que as aves migratorias... Ao final, cando xa non esperanos nada máis, ao pasar a páxina móstrasenos o neno que cando buscaba polo bosque amorodos silvestres perdeu a laranxa que tiña para merendar e fixo que se producira este conto sobre o ovo do sol. Unha boa historia e unhas ilustracións marabillosas, de época.

luns, 3 de novembro de 2025

Do berce á lúa

 


Dous novos libros da colección Do berce á lúa: Flores e Limón de Antonio Rubio e Óscar Millán.

Dous poegramas para xogar coas froitas ou descubrir as flores que medran no xardín. Cada exemplar de ''Do berce á lúa '' é un exercicio poético para educar o ollo e adozar o oído, como explica o seu autor Antonio Rubio. Pese á súa aparente sinxeleza, tanto o seu deseño como o seu contido, a partir de temas próximos aos intereses dos máis pequenos, son froito dun longo proceso de reflexión e creación. Apoiándose nos recursos do cancioneiro tradicional infantil (rima, ritmo, enumeración, repetición, retrouso, acumulación...) e en imaxes recoñecibles que destacan sobre fondos claros, esta colección para cantar e contar é xa un referente da LIX para o tramo 0-3 anos e contribúe a iniciar o camiño da prelectura de moitas nenas e nenos. Neste caso, 'Limón convídanos a xogar coas froitas e froitos silvestres e a descubrir quen se agocha dentro dunha misteriosa caixa: a protagonista máis pequena da casa.” En Flores achéganos á variedade de plantas e especies vexetais que poden medrar no xardín.”

En cada un dos libros imos repetindo un par de versos simples e rimados, de forma que cada flor é para un neno ou nena ata derivar -na plana final- xuntándoos nun xardín: nenos e flores. En Limón o xogo é diferente: repetimos a palabra que lle dá título na cara esquerda para completala na dereita alternando sorpresa con diferentes froitaa e princesa que sserá a que na última plana recollerá cada unha das froitas porque é unha princesa con boca de framboesa e pendentes de cereixa.

As ilustracións de Óscar Villán son igualmente sinxelas e claras, reiterativas, conseguindo unha unidade total.

Pastas duras para facilitar quer as criaturas podan movelas coas súas mans aínda torpes, cos seus dedos gordechiños.

Unha fórmula de éxito para introducir a poesía nas primeiras idades, para ler coas crianzas dándolles cada vez máis autonomía, para que elas se sentan competentes.


xoves, 30 de outubro de 2025

Álbum

 

O carteiro que non sabía ler de Susana Peix está ilustrado por Lara Sánchez e publicado por Triqueta Verde.

Da presentación editorial: "Lucas, o carteiro do bosque, goza repartindo cartas e, aínda que non sabe ler, grazas á súa intuición e ao apoio dos seus veciños, sempre logra cumprir co seu traballo. Pero un día recibe unha carta diferente, e por primeira vez, non sabe a quen debe entregala. Decidido a resolver o misterio, Lucas percorrerá o bosque en busca do destinatario. Para quen será esa misteriosa carta?". Esta é a única carta que non lle dá pistas ou que o confunde, porque ao oso carteiro todos os animais lle axudan cunha marca ou cun arrecendo para que poda adiviñar a quen vai dirixida, pero esta vez... vai dun lado a outro e non atopa o destinatorio, é xustamente cando lla vai devolver cando descobre que vai dirixida a el, estano agardando para que a abra e vexa o que pon por medio dos debuxos. Este será o primeiro paso para aprender a ler porque lle van axudar a facelo. Unha historia que se resolve moi ben e remata dunha maneira optimista. A partir de agora nunca máis sentirá esta angustia e nunca terá que dubidar acerca de a quen entregar o correo.


 Onde está Otti? de Silvia Penide e Estafanía Padullés publicado en Hércules ediciones. Para presentalo: "
Una pequeña historia sobre cómo, a veces, perderse es encontrarse".

Certamente, cando colocamos á infancia ante sentimentos demasiado fortes como a perda, o mellor é colocar animais para que a dor non sexa tan forte. Levamos séculos facéndoo, para que podan entender o que sucede sen necesidade de colocar a un humano nesa situación. Neste caso, con moi poucas palabras pero moi significativas, váiselle diso: Otti (o can) "non está na súa camiña, nin en ningún dos lugares onde acostuma, cando o chama non vén". Agora aparece a parte positiva: "quérete" (non é ese o motivo), "agora vive noutro sitio",  e pasamos a implicar a lectora "agora está nun recunchiño dentro de ti, nas túas lembranzas (...) quere que penses na súa cariña e rías moitísimo (...) dálle unha aperta co pensamento (...) estará contigo agora e sempre. Otti agora está en todas partes".

Texto moi sinxelo, con letra maiúscula unicamente, sen puntuación, pero cun significado simbólico moi potente: non se ve, non está, foise, pero non penses que che esqueceu, el quérete pero está noutro sitio. Un lugar tan irreal que despois de mostrar o ceo se sitúa dentro do peito e nas lembranzas, quere que esteas contenta e segura porque sempre estará para axudarche, vai estar conntigo sempre porque está en todas partes. Un bo empeño, logros indudables pero... haberá que ver o resultado da lectura da rapazada, como funciona,se precisa demasiada axuda...

luns, 20 de outubro de 2025

Varias novelas para adolescentes

A sombra do graffiti de Brais Babarro Fernández e En terra allea de Pepe Carballude están publicadas na colección Costa Oeste de Galaxia.

Da presentación editorial: "Unha vila dos Estados Unidos vese arrasada por un tornado. Todos puideron escapar agás Bego, unha estudante galega de bacharelato que está de intercambio, quen, ademais de facer fronte á destrución, atopa o cadáver dun rapaz que leva ao pescozo o pano que ela trouxera desde Muros, coas sinaturas de amigos e familia. Soa, sen saber como o finado se fixo con el, e co medo de poder ser acusada de asasinato, comezará unha investigación contra o reloxo para probar a súa inocencia. A primeira pista tena clara: o mozo ten un nome tatuado no brazo.Quen é Stewart Amwer?"

O que se conta sucede nunha poboación tranquila do Medio Oeste americano con 502 habitantes, nun sábado o que a esta estudante lle toca facer voluntariado (limpando a piscina do seu centro de estudos); a compañeira que a acerca no coche mentres falan do calor e  de que comeza a temporada de tornados, anuncia a aventura "Rapaza de intercambio vivindo a experiencia americana a tope." A historia que se nos conta en terceira persoa titula os seus capítulos co horario e dura dende as 9,30 da mañá ata as 17,42 da tarde.

A novela conta moito, dende o perigo de colocar os cascos con playlist e non escoitar os múltiples avisos de perigo e evacuación que a conducen a unha perigosísima aventura solitaria ata os episodios de autolesións difíciles de superar de autolesións, o imaxinario que arrastramos polo cine sobre os perigos da investigación policial norteamericana, unha paisaxe de catástrofe absoluta na que só quedan cascallos da civilización... e algo que nos remite ao presente, as forzas da natureza arrasando con todo o que a humanidade dá creado esquecéndoa. Aparecen tamén os cazatornados, eses aventureiros que os buscan en vez de fuxir e a amizade que se crea entre o estudantado das escolas que máis tarde se van atopar en lugares moi diferentes da sociedade pero gardarán e tentarán axudarse na medida do posible. Un mozo pegado a unha mascota co seu nome nos grafittis e tatuaxes, un pano cheo de afecto que o busca para acompañalo nese último instante igual que el quere facer coa mascota indo na dirección contraria á que se dirixen todos. Unha moza que no medio do desastre vai descubrindo o enigma, paso a paso, minuto a minuto... 

Ese mundo que se esfarela nun instante, daranos que pensar? lembraranos o que acaba de pasar no Mediterráneo e aprenderemos algo del? 

Un esforzo, unha novela que nos leva lonxe sen deixar de estar aquí, unha narración que bebe do cine de aventuras, detectives e catástrofes.  


 En terra allea de Pepe Carballude tamén está en Costa Oeste de Galaxia. Da presentación editorial: 

"En terra allea aborda o tema da migración e os dramas colaterais: explotación laboral, dificultades coa vivenda, problemas de convivencia, enganos, abusos…, mais tamén aparece xente boa que tenta poñerse na delicada situación do outro. As relacións humanas, as friccións e os consensos, a imposición e a tolerancia, as penas e os momentos felices, pesan moito no decorrer da trama, onde, ao final, triunfa o amor. Un retrato real, traumático, dun feito que se pode ver acotío e unha chamada á solidariedade e á colaboración de todos."

Recollerei algún fragmento para ver o que hai: "Nun terreo cedido a unha construtora a cambio de deixar os baixos para oficinas sociais (hai uns corenta anos) ten as súas dependencias unha asociación á que acoden os xitanos arrombados en casouchas enferruxadas, aqueles que se resignan á incomodidades dun piso de protección oficial, os inmigrantes en busca de futuro, os retornados á terra de seu, os fuxidos de todo tipo de inxustizas, as mulleres violentadas, os indocumentados...  Aquí atopamos unha enfermeira xubilada, coñecedora do terceiro mundo en primeira persoa, despois de facer voluntariado nos anos de traballo, pero tamén un mozo cabreado co mundo (ou sen dar superado a súa relación co mundo da droga que considera que pode facer a súa vontade con todos os dereitos e ningunha obriga), un cura daqueles que defenderon e defenden a cultura do país e ás xentes máis necesitadas que entrega o seu e fai da reitoral un acubillo, dúas mozas (unha xitana e unha inmigrante que se axudan e descobren o amor que as une), o odio a un pai que a abusou e que tapa o seu delito cunha ideoloxía afastado da familia... O problema dos pisos cedidos e compartidos nos que por veces atopas ao teu explotador noutro que parecía ser tamén explotado, a quen che trata mal e che rouba (isto xa o viramos moitas veces entre os emigrantes galegos que foran espoliados polos seus compatriotas e para exemplo a novela que recolle un feito real en Azucre), a dobre moral daqueles que aproveitan o traballo dos inmigrantes para pagarlles mal e facelos traballar moito. Pensando nisto, igual a novela ten un pouso de "boísmo" que, ao meu entender, lle resta algo de calidade. Xente afastada do seu medio, sen referencias que a "sancionen  moralmente" pode facer algo que na súa contorna nunca se atreverían a levar a cabo, pode que nesas circunstancias poda saír tamén o peor que gardan (como nos pasa a todos e todas). Entendo que nos gustaría colocarnos no "politicamente correcto", que debemos construír o imaxinario defendendo as persoas que poden estar en desvantaxe pero tamén debemos coidar a credibilidade e non deixar ao lectorado sen armas de defensa. Houbo curas coma esa criatura de deus que, como dicía unha veciña atea, "se houbese máis coma el, crería", hai xente boa e pode que sexa a maioría pero vense máis os outros, hai conflitos que se resolven moi ben e a min gustaríame que todas o fixesen así e que os bos tivesen unha boa vida e que o lesbianismo se aceptase tamén entre os calés... 

Está claro que Carballude nos presenta unha historia para ler e que temos que facelo, coma todas as súas!

Ambas novelas recollen conversas de whp e emoticóns achegándose, desta maneira, ao mundo xuvenil.

sábado, 18 de outubro de 2025

A señora A e o señor Z


A señora A e o señor Z traducido por Xosé Ballesteros está publicado en Kalandraka na colección Demademora. Presentase como "Unha historia sobre a convivencia e as relacións humanas co sentido do humor e a fina ironía de Teresa Durán e Gustavo Roldán.

Dous seres absolutamente diferentes que un día se encontran. Ela só pod vivir en branco e negro porque ten intolerancia ás cores. El é un pallaso aque vive entre cores, dende o nariz vermello e redondo ata o chapeu verde. Despois do desmaio inicial, pouco a pouco a señora A irá aceptando a cores ata o punto de pintar de vermello os labios. Daquela, o señor Zfoi ercar unha sandía para compartir: unha tallada para cada un. E cada unha delas era (nin máis nin menos) que esa bandeira que algúnsnon queren que se mostre.

Un final que transcende o propio conto ao traer esa historia atemporal ao momento actual, en relación ao conflito palestino dunha maneira tan leda, pacífica e resolutiva.

venres, 17 de outubro de 2025

Volven os esqueletos


 Noite de golpes
ten dous protagonistas: esqueleto pequeno e esqueleto grande. Dise na presentación: "O esqueleto grande e o esqueleto pequeno non poden deixar de chocar unha e outra vez. O Dr. Ósos está atento para resolver cada situación, pero a súa paciencia ten un límite…"

Cheo de repeticións nas palabras e nas situacións, sempre nun ambiente de risas e alegría porque "No escuro, escurísimo soto dunha escura, escurísima casa, un esqueleto pequeno está ler un cómic. Nunha escura, escurísima rúa dunha escura, escurísima cidade, un esqueleto grande está a pasear o can." Que vai pasar? Porque pasará... unha e outra vez. Tamén descubriremos que os esqueletos se ven na noite porque hai escuridade e non é gratuíto xa que o branco vese sobre o negro e pasa desapercibido sobre o branco.

De Allan Ahlberg e André Amstutz, traducido por Sandra e Óscar Senra Gómez esta publicado por Kalandraka na colección Tras os montes cunha cuberta con volume que brilla na escuridade. Que máis podemos pedir? Agora que as noites serán máis longas e se acerca o samaín co medo no programa, leamos libros marabillosos coma este que nos poñen a ben cos tópicos dos temores. Riamos, divirtémonos con estes dous esqueletos aos que nada malo lles pode pasar(igual porque xa lles pasou).

mércores, 15 de outubro de 2025

No ano Castelao

No ano Castelao e pensando nos máis pequenos igual había que ter en conta un par de publicacións de anos pasados, da editorial Galaxia. certamente non hai que pecharse nas novidades e debemos volver a vista atrás moitas veces para recuperar obras que continúan a ser necesarias.

Cousas de nenos, publicada e Árbore de 2004 recolle algunha desas marabillosas viñetas nas que Castelao fai protagonistas aos nenos e as nenas, a relación entre eles e cos maiores ou cousas nas que os que interveñen son os animais (tan queridos pola rapazada). Estas "cousas", formato creado polo noso autor, fainos interrogar sobre o que sucede e non se entende demasiado ben. Na presentación fálase disto, de como a mirada das crianzas é a do propio autor que os pon a eles a preguntar en voz alta (igual que falan ante o emperador nú. Inocencia e tenrura envolven estes anacos de realidade nos que a imaxe e o texto se complementan marabillosamente formando iso que os coetáneos chamaban "cousas da vida por Castelao" para colocar nese arquetipo os sucesos que resultaban significativos e nos que había que pensar.

A imaxe de portada co meniño das piñas subido ao pino, abrazado ao tronco con pernas e brazos mentres este se move tráenos o mellor do autor rianxeiro, ese sentimento de vulnerabilidade fronte á natureza e de amor infinito por ela.


 

O outro libro é o de Marilar Aleixandre, Castelao segundo Rañolas publicado en Costa Oeste, que se publicou por primeira vez no 2000 e agora se fai , de novo co selo "2025 ano Castelao" . Entre a autora e Rañolas van debullando a vida de Castelao en artigos que se titulan "Rañolas explica quen é Rañolas (e Castelao), Daniel dorme cun coitelo baixo da almofada (para falar dese tempo de Castelao neno na Pampa),  O estudante bailador e os caciques (adolescencia e primeira xuventude en Rianxo), Cóntase un conto de cego, Castelao ponlles aos galegos uns novos ollos, Verbas de lume e de chumbo (mitins), A derradeira lección do mestre, O desterro soñando a terra, Para ler máis (un final de ampliación cunha bibliografía na que seguir afondando nesta figura).  Todo el ilustrado coas imaxes do autor.

Dous libros para atender a diferentes idades e dende diferentes ópticas. O primeiro deles para entregar e ver a reacción, observar que pode pensar esta xeración sobre o que creou o gran Castelao naqueles tempos, o segundo para seguir unha biografía dialogada. 

luns, 13 de outubro de 2025

VIII Premio Agustin Fernández Paz pola igualdade

VIII Premio Agustin Fernández Paz pola igualdade recaeu no libro Queco e Kika de Eva Mejuto que aparece ilustrado por Paula Cheshire na colección Merlín de Xerais, para rapazada a partir de nove anos.  

Así se presenta:"Queco é un can vello e roñón que vive desde hai tempo na casa de Sara e Lara. Kika é unha cadela alegre e rebuldeira que acaba de ser adoptada pola parella. Queco está aborrecido coa chegada da nova inquilina. Kika está encantada coa nova vida e fai o posible por agradar para que non a abandonen, como xa lle sucedera no pasado. Mais as boas intencións non sempre son suficientes para evitar meter a pata ante o señor Ramón, o veciño rosmón que está empeñado en botar do edificio a familia diversa que formaron Sara e Lara. Unha novela chea de humor sobre a convivencia e o amor aos animais, que mereceu o VIII Premio Agustín Fernández Paz de literatura infantil pola igualdade". 

Dúas voces, a dun e outro can. Dúas maneiras de ver a relación e de entender os sinais como se pode observar nos comentarios de Kika que se empeña en crer que Queco aacepta cando non é asi ao principio. O undo visto por un can vello e outra nnova, por quen está tranquilo e seguro nun fogar e quen o estrea despois de pasar por malas experiencias. A parella que comparte piso con eses dous cans e unha gata que vai ao seu. Os celos, o reparto de afectos, o medo a perder o que teñen, a ter que repartir... O veciño rosmón que está empeñado en botar fóra esa parella non convencional cos seus animais, perortodo vai tendo amaño, ás veces grazas a accidentes e outras porque o tepo vai facendo o seu labor. 

Un libro sobre a convivencia, o amor aos animais, o coidado dos seres vivos, o respecto a todas as opcións e a necesidade de poñer remedio en cada conflito, deficiencia ou problema. Case todo ten solución se estamos dispostas a realizar cambios e non poñer obstáculos.

Unha historia escrita cos fíos da naturalidade na que van entrando diferentes personaxes que poden non estar ben integrados nunha sociedade que busca a uniformidade. Personaxes que achegan a súa diferenza para enriquecer a trama dende o neno coas uñas de cores e aprendiz de violinista ao repartidor de pizzas, o vello que se pode dicir que os expulsa do edificio para acabar facéndose amigo e pasar moito tempo na casa á que van vivir; unha casa na que han de caber máis pois se ben a gata morre e ha de ser enterrada baixo a árbore, unha nova michiña chega para substituíla e unha criatura humana que anda a medrar na barriga de Lara.

Menuda familia... Cagonomundo (como diría Queco).

sábado, 11 de outubro de 2025

Novidades de serie

 

Fani e Super Dani, unha serie protagonizada por un unha nena que quere ser reporteira e un neno que se declara superheroe. Cada entrega trae dúas historias. Neste caso Fani & Super Dani. Están tolos estes marcianos e Fani & Super Dani. Aventura no centro comercial. Anteriormente saíron Fani & Super Dani. Dani quere ser superheoe con Fani & Super Dani. Contra o caracol mutante. Dous rapaces que se levan tan ben tan ben que xa non se sabe se son máis que amigos. Quen conta as historias é ela (con vocación de xornalista) que ademais achega gran cantidade der léxico en plan sinónimos ou a explicación das frases feitas e tamén información. De vez en cando, aproveitando as ilustracións vai dando certas recomendacións que teén que ver coa educación ou os valores. Ten o seu punto escatolóxico (o neno pode voar cando bota peidos ou garda a comida nos petos) que lle dá certa graza... Un libro reversible co dúas historias, unha de cada lado. Unha serie que é oito mellor que a maioría das traducidas. Un libro infantil con todos os alicientes para ser agasallado (incluso con brilli brilli nalgunha cuberta) e con valores democráticos e de identidade (como demostra ese empeño en que coñezamos e utilicemos a fraseoloxía galega). De Ramón D. Veiga e Ignacio Hernández, dous bos creadores para unha produción en serie publicados por Triqueta Verde que continúa discriminando a lingua galega na páxina web.

Da presentación: "Presentámosche a nosa nova súper colección de narrativa infantil: Fani & Superdani. Un libro reversible no que poderás gozar dos volumes 3 e 4 “Están tolos estes marcianos!“ e “Aventura no centro comercial”. No volume 3 Vilamán amence cuberta por unha ernome nave con forma de prato voador. Que quererán eses seres de nós? Dominar a Terra? Acabar coa raza humana? Ou, simplemente, ser os mellores cociñeiros de tortillas da Galaxia? No volume 4 Cando parecía que a inauguración do novo centro comercial ía ser o acontecemento máis importante en Vilamán, un vilán escapa da pantalla do cine co propósito de impedir a celebración. Poderán Fani e Super Dani poñer fin ás súas malas intencións."

mércores, 8 de outubro de 2025

A tenrura invadindo o álbum


Que precisa un gato pequeno de Natalia Shaloshvili está traducido por Irina Stepanova e publicado por Kalandraka.

Preséntase así: "Un álbum entrañable protagonizado por un gato rebuldeiro con gana de aventura e afectos. Quen ten dous ollos pequenos, dúas orellas pequenas, unha boca chea de dentes pequenos e afiados, uns bigotes grandes, un corpo con manchiñas, catro patas con gadoupas e un rabo? Un gato! E todos os gatos precisan correr, ir e volver, sentir a chuvia ou o vento, pasar medo, estar tristes (só un anaco), ter un teito onde acubillarse e, sobre todo, alguén grande ou pequeno que os queira.

Un novo traballo de Natalia Shaloshvili cun protagonista tenro e rebuldeiro co que lectores e lectoras se identificarán inmediatamente. Unha proposta ideal para a lectura compartida que transmite a importancia do xogo, a autonomía e a experiencia emocional na infancia, sen esquecer os afectos e o contacto cos outros, algo que necesitamos todos, grandes e pequenos."

Xogando coa tipografía (certos nomes en letra caligráfica) váisenos presentando o gatiño con palabras nunha páxina para facelo na outra mediante o debuxo. Unhas ilustracións a base de manchas, moi expresivas e doces que nos van levando a querer ese gatiño, dispostos a seguilo polas páxinas nas que os paxaros o acompañan mentres se move entra augas e flores. Buscarémolo en cada plana, ás veces case se nos agacha e semella que andamos buscando a Wally, pero acabamos atopándoo e seguímolo mentres le, ten medo da escuridade e se abraza a ese pequeno humano para escoitar xuntos os latidos dos corazóns e sentir esas mans que acarician mentres o mundo segue o seu curso.

Falar de que se sente, dos afectos, das emocións... é máis necesario que nunca, para continuar sendo humanos, para que nos importe o que pasa, para que a indiferencia non nos gane.   

domingo, 5 de outubro de 2025

Partes de serie


Curriño. Fama ou fuga de Ledicia Costas está ilustrado por Mili Koey e publicado por Xerais. Terceira parte da serie protagonizada por ese can, Curriño, ao que lle pasa de todo. Pasa de ser un can influencer de primeiro nivel a caer de desgraza? cando a súa ama desaparece levada por unha onda mentres anda  a facerlle fotos. A segunda parte conta a vida do can abandonado na rúa sen ama, como o pasa mal ata entenderse cunha manda de cans libres. A terceira, cóntanos como é secuestrado o can ao ser recoñecido por unha nena que o adora, que ten a súa foto ocupando todo o cuarto xunto con todos os produtos do seu merchaising e como, de novo, se ve abocado a converterse nun can comercial (agor ade máis baixo nivel) ata que consegue fuxir axudado pola manda. Esa nena á que el ve cun brillo diabólico nos ollos de vez en cando, disposta ao que sexa por cumprir os seus desexos, vai ser para elmoito peor que a carracha que levaba no pescozo na vida anterior, ela, Superferolítica, será quen consiga libralo do chip... A diferenza entre as "creadoras de contido" e as seguidoras e fans, unha materia para a reflexión. Igual que a relación coas mascotas, para que as queremos?

O tempo dos influencers, eses seres dispostos ao que sexa por conseguir fama e cartos, os egocéntricos ao máximo, enfróntase ao da liberdade dos animais de rúa. Os avós permisivos pero cun toque. Uns pais dos que nada sabemos e unha nena consentida. Cores alegres, moito rosa que semella ser a cor de moda igual que os selfies...

Así se presenta: "A nova saga infantil de Ledicia Costas, protagonizada por Curriño, o can máis famoso de Internet" "Socorro! Secuestraron a Curriño! Non imaxines uns tipos fortes e con cara de malos, non. A secuestradora é Anxélica, unha nena moi fan de Curriño, que o recoñece na rúa e o leva á súa casa para coidalo e volver facelo famoso. Queira el... ou non. Curriño bota en falta os seus amigos e, aínda que Anxélica é bastante prosma, tamén bota en falta ter preto alguén que lle dea agarimo e que o adore (como debe ser!). Así que terá que escoller. Que prefire recuperar: a súa antiga fama ou a liberdade, que acaba de descubrir?"  

sábado, 4 de outubro de 2025

Traducións: Invisible e Reis da montaña


 Invisible
é un libro de Eloy Moreno traducido por Rosario Baleirón e publicado por Hércules. Un autor de verdadeiros best seller. Un libro gordo de capítulos moi curtos. O acoso, unha vez máis. Unha cita de Batman e outra de Superman dan entrada ao libro. Contado por un narrador en terceira persoa que se alterna coa voz do rapaz protagonista. Esta é a historia do neno que chega a crerse invisible para non deixar de crer na humanidade que o abandona na man dos monstros, un rapaz que pensa que vai desenvolver superpoderes como converterse en Hulk ou facerse invisible para pode escapar da violencia dun copañeiro, dos compañeiros e compañeiras. Unha muller, profesora,  que fala co dragón que leva nas costas lembrando o que lle pasou cando era pequena. 

Porque o acoso atravesa as idades e os anos, o acoso é un mal que só pode sobrevivir se hai monstros activos e monstros pasivos (aqueles que non actúa cando ven o mal, os que calan e ata rin ante a inxustiza e a violencia9, os seguidores dos líderes que se caracterizan xustamente por atacar aos que consideran maís débiles ou simplemente a aqueles que escolleron como presas de caza. Neste caso é porque saca boas notas pero calquera outra podería ser a razón...

Xa sabemos que o maltratado maltrata, coñecemos a teoría pola que fan dano os que están lastimados pero isto convértese nunha espiral sen fin na que as agresión van ser cada vez máis comúns porque cada vez haberá máis a infrinxilas. Pero, se nos parece de cobardes a reaccións do alumnado, que dicir da do profesorado, esas respostas de "foi unha borma", "cousas de nenos", "non vin nada", "Aquí iso non pasa"... entre todos buscan unha vítima que cargue coa agresividade (que de non facelo igual se revertía contra eles), todos son responsables, cada un debería cargar coa súa parte, dependendo sempre da parcela de poder que exercen. É que só o profesorado que sufriu acoso vai ser consciente cando este se produce?


 

Reis da montaña de Daniel Hernández Chambers, premio Edebé de Literatura Xuvenil, está traducido por Belén Rodríguez e publicado por Rodeira. A presentación resulta moi semellante aos libros de peto que publican as grandes editoras e se venden nas tendas dos aeroportos. 

Preséntase a partir dunha pregunta: "O HOME É UN LOBO PARA O HOME? Din que a convivencia crea lazos de afecto, créaos e fortaléceos, pero… sucede o mesmo nunha situación extrema? Que pasaría se un virus acabase con toda a humanidade? Ou practicamente con toda? Un grupo de dez rapaces conflitivos que cumpren condena nun Centro de Menores vese abocado a organizarse para sobrevivir. Un virus letal estendeuse"

O virus é novo pero a maneira de comportarse a humanidade é vella e permanente. É o monitor que os escolleu (aos dez) para levalos de acampada quen lles fala de que a convivencia crea lazos de afecto e son eles os que os van a destruír atacándose e levando a trama a que só queden dous, como no principio dos tempos. Aí está o paraíso, a natureza, e aí están eles, dispostos a destruír o que teñan a man. Un microcosmos que pode compararse co planeta no que estamos a vivir, observando que fan entre si (homes e mulleres) e co medio ambiente, reflexionando sobre esa marcha cara ao fin no que nos destruímos a nós mesmos acabando coas posibilidades de supervivencia sen caer na conta de que non temos a man outro mundo e que somos tremendamente vulnerables.

Si, unha novela que dá para pensar en nós, igual que Invisible. Dous problemas aos que non lle damos atopado solución.