mércores, 16 de outubro de 2019

Cando se acerca o tempo do Samaín: libros para ti e para minn











Ídesme permitir unha publicidade, un recoller a imaxe sen máis para poder mostrar diferentes libros que tratan este tempo desde diferentes puntos de vista e sempre dende o galego.
Grazas e ogallá sigamos celebrando o samaín, aínda que andemos nadando no plurilingüísmo, entre conversadores estranxeiros (que estarán encantados de estudar a nosa tradición, se son cultos) e estrañas asociacións que minten ata nos estatutos.
Non foi posible, negouse o servidor, así que me tocará ir listando os títulos:
Os esqueletos divertidos
O gatipedro
Coraline
A meiga Chuchona
Operación Frankenstein
Mortiña e Mortiña. Un curmán repugnante
Aurelio
Pánico no bosque dos corazóns murchos
Mitos e lendas da Galicia máxica
Corre, corre, cabaciña
O noso samaín 
O samaín
Indo para o samaín
Violeta quere ser vampiro
Esmeraldina, a pequena defunta
Seis barbudos  
A min non me comas
A bruxa regañadentes
Que susto!
A fugueira de pelostortos
O ano que os pitos perderon a cabeza
A visita dos domingos
A casa da miña avoa
Teño medo!
Hop Frog
As manoplas de Carapuchiña
Verlioka
O aprendiz do home do saco
... 

venres, 11 de outubro de 2019

Libros de teatro. Premiados

 
A Biblioteca Dramática Galega conta un novo título: O valo de Carlos Labraña, ganador do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016.
Cunhas ilustracións de Nuria Díaz que buscan a sinxeleza para mostrar o fundamental da historia, as expresións que nos falan da evolución do pessonaxe principal e dun espazo "mínimal" como corresponde ao deserto.
Alí, no deserto atópanse un soldado que andaba a poñer un valor por orde superior, para separar un país doutro para crear fronteiras e unha moza que fuxe da guerra e a fame. As conversas entre eles e as miradas ao ceo na noite, a comida compartida e o teito provocarán un cambio necesario.
Unha historia que lembra o Valados de Agustín Fernández Paz, onde tamén unha nena e un neno se empeñan nun ímprobo traballo... pero igual teñen que ser eles, os que ven en coiro ao emperador os que comecen a tirar valos e dicir verdades.
Sahara, a rosa do deserto e o Soldadiño de chumbo han ser personaxes  lembrar. 

xoves, 10 de outubro de 2019

Unha novela de adultos dunha autora de LIX

Tardei en lela. Había algo escuro nesa colección de contos, Un animal chamado néboa, que xa partía do título; algo desacougante. Xa o fora Recinto gris aínda nunha colección xuvenil. Mundos dunha dureza diamantina nos que resulta difícil ver saída.
Se algo caracteriza a literatura para a infancia e a mocidade é a esperanza. Cando se traballa con persoas que non teñen demasiada experiencia hai que manter a esperanza non só porque aínda todo é posible, senón, e sobre todo,  porque hai que entregarlla cada día e aínda nas peores circunstancias para que aprendan que o que hoxe é negro mañá pode ter outra cor. Ledicia Costas sábeo. A autora asume outro destinatario cando quere mostrar a crueldade máis absoluta e semella descargar nestes relatos o veleno máis mortífero e letal. Escolle unha época, a II Guerra Mundial e "a condición humana en situacións límites". 
Leningrado sitiado pola fame coa imaxe dos antropófagos buscando alimento. A derradeira criatura que nace e morre deseguida xunto ao pai co que debeu repartir o leite materno. A vida nos campos de concentración, as torturas que conducen á morte producindo a maior dor, a falta de todo tipo de escrúpulo ou sentimento, o sadismo ata límites insospeitados. Hai relatos onde a autora nos quere dar un respiro como o que relata o encontro entre unha xaponesa descendente dun supervivente da radioactividade e o fillo do que comandaba o avión soltou a bomba atómica, recolle o nome Hope da esperanza e unha chiscadela á fábrica de chocolate de Dahl, ou aquel outro no que a xustiza actúa contra un torturador e podemos albiscar un final feliz. Pero son os menos, pero é unha luz moi débil no medio da noite escura, porque os xuízos aos nazis deixan portas abertas, porque non son só os nazis e fascistas os que nos fan desconfiar do xénero humano, os norteamericanos tampouco fan xustiza cos seus e a historia do capitán que conduce a bomba sen saber o que leva e que será conducido con toda a súa tripulación á morte remiten, de novo, á vergonza de ser humanos.
Alguén me comentou que non o puidera ler. Entendino, tan ben escrito, tan ben descrito o horror... e sen escapatoria.  

mércores, 9 de outubro de 2019

Pioneiras, un libro imprescindible

Agora que están a aparecer biografías sobre mulleres galegas, bravas e notables, atopámonos con estas
Pioneiras galegas que abriron camiño de Anaír Rodríguez, con ilustracións de Nuria Díaz
Non é moda, é responder ás demandas das persoas mediadoras que levaban tempo pedindo cubrir este oco, tan necesario para que as rapazas teñan espellos onde mirarse e modelos aos que tender, pois sempre hai retos que quedan por salvar.
Así que antes de nada agradecer o esforzo que varias editoriais están a facer, desde Urco a Lela e Xerais.
As pioneiras preséntansenos:
Exeria, a primeira escritora e viaxeira que no século IV vai de Galicia a Oriente Medio e nolo conta.
Isabel Barreto, almiranta no mar e gobernadora en terra, en leno século XVI.
Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, popularizada en Os nenos da varíola.
Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra que informa da revolución rusa e as dúas guerras mundiais.
Marcela e Elisa que protagonizan a primeira voda entre mulleres, empeñadas en oficializar o seu amor.
Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino a principios do século pasado
Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira que crea cos seus irmáns o grupo Os Maravillas.
Mª Luz Morales, a primeira directora dun xornal en plena guerra.
Olimpia Valencia , a primeira muller galega que presenta unha tese doutoral.
Celia Rivas, a primeira condutora de camións, levando o peixe desde Fisterra ata diferentes cidades.
Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional.
PIONEIRAS!!!!!!

sábado, 5 de outubro de 2019

Unha novela xuvenil, ópera prima dun ilustrador

O soño da serpe de Antonio Seijas (un ilustrador que conseguiu o Premio á Mellor Obra Nacional de Expocomic, gañador ao mellor guión na Feira do Cómic de Barcelona e Premio Castelao da Deputación da Coruña). 
A historia que se conta é a dunha moza de Redes, cunha estraña situación familiar (despois de perder a súa xemelga e a nai nun accidente e estar soa co pai que atravesa por unha etapa autodestrutiva). Na vida real está volvendo a Santiago para comezar o curso académico, pero nese mundo entra outra realidade con xente que é máis que xente e vén doutras realidades. Os pactos co demo, os mortos que acompañan nos soños; as serpes, os cans, as lobas e os osos que van máis alá da especie; linguas que xa non se falan; os xamáns, os nubeiros e as meigas; mulleres con pelo de lume e ollos de ceo...    
O encontro coa imaxe da irmá no espello. A lenda dos Mariño, nunha nova versión. A medida desigual do tempo. E, esa mirada atrás, aos tempos anteriores ao cristianismo e a tumba do apóstolo, cando a transcendencia estaba nos lugares que permanecerán. A novela ten unha magníficas descricións, especialmente de Compostela (...esa gran peza de granito feita cidade, co son atávico da gaita e esa corrente de sangue viva que é a xente na zona vella, no ritual repetido e sempre novo de peregrinos, turistas e estudantes na contorna do gran templo) e varias historias que se atravesan como calzadas para formar un plano, algunha delas da que quedamos moi prendidas e que fala de portas que deberían ser cruzadas para seguir lendo.  

Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

Este é o cartel de Óscar Villán para o lema, con todos os cadriños onde podemos observar como se cría e medra a cidadanía. Paso a paso, coaas horas debidas e as posibilidades ao pé de cada día.
Así o presentan desde a asesoría:
"Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria". 
Xa está todo dito, agora é a tempo de actuar!
Poucas veces foi tan necesaria a cultura de paz e de responsabilidade, os deberes ao lado dos dereitos, a escoita sen buscar calar ao outro senón para complementalo, o común  por riba do propio e e defensa do mundo: do micro e o macro, da identidade e a empatía.