luns, 2 de marzo de 2020

Carvalho Calero


Recollido do libro Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso de Héctor Cajaraville.
"Carvalho Calero chega ao mundo da política a través da cultura, como lles sucedeu a moitos dos intelectuais galeguistas destacados durante o período previo á guerra civil. O propio Calero recoñeceu máis dunha vez que entrara en política "como vía para tratar de resolver os problemas culturais de Galicia.
Dentro da polítioca, atopa o seu espazo no ámbito do nacionalismo, unha corrente ideolóxica que defende a singularidade de Galicia como territorio lingüístico, histórico e cultural (...)" Creo que é suficiente este anaco, o parágrafo enteiro pode conducir a confusión porque maioritariamente o sentimento nacionalista é cultural, de defensa da identidade, de apoio aos que gardaron ao longo dos séculos un patrimonio cultural que hai que protexer.
"A gran proba" é como chama Carvalho Calero á guerra civil que se produce despois do golpe de estado, como di Cajaraville "un tempo que obrigou a todos os cidadáns do estado a tomar partido por un bando ou outro, moitas veces sen ter claros os motivos, simplemente por razón xeográfica, por tradición militar ou mesmo por azar." Houbo moitos que nin siquera tomaron partido, simplemente sufriron a represión, incluso en zonas afastadas da contenda como Galicia, onde os golpistas sementaron o terror para acabar coa menor posibilidade de resistencia. Seguimos a Cajaraville "(...) el sempre recordou aquel tempo como unha ignominia e unha vergonza colectiva que non debería repetirse, ademais dunha volta atrás no progreso acadado durante os anos da república".
No Acto da cadea fala do galego "filla do latín, irmá do castelán, nai do portugués..." o outro preso dille "Pero se estes non queren que se fale sequera, e ti andas a facer unha gramática" ao que contesta "Estes non van durar sempre. Pero o galego si..." Diolo oia!   
A xente da Barreira é a primeira novela publicada en galego despois da guerra, en 1950. 
Autor de poesía, teatro, narrativa e ensaio tanto lingüístico como literario; primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na USC, autor da primeira Historia da Literatura Galega e Gramática Galega contemporánea.  
O seu legado atópase custodiado no Parlamento de Galicia.
A partir da década de 1970, Carvalho Calero amosa claramente a súa preferencia por unha corrente dentro da lingüística galega que busca a aproximación desta lingua ao portugués, un idioma que naceu da expansión do galego (...) defende a reunificación

Os libros de Carvalho Calero: Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso.

Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso de Héctor Cajaraville publicado na colección Merlín de Xerais con ilustracións de Fino Lorenzo.
Da presentación editorial: 
"Ricardo Carvalho Calero é unhas das figuras de obrigada referencia na historia do idioma galego: como investigador, como autor literario e como docente e promotor da nosa lingua nos diferentes ámbitos, espazos e contextos de uso. É o responsable da primeira gramática do galego elaborada cunha base científica sólida e da primeira historia da literatura galega contemporánea, ademais de ser o primeiro profesor en ocupar a cátedra universitaria de Lingüística e Literatura galegas. Un auténtico pioneiro e un incansable defensor (e tamén construtor) da nosa identidade como comunidade, como pobo, como país. A Ricardo Carvalho Calero dedícaselle o Día das Letras Galegas 2020"
Despois de realizar no 2019, a magnifica biografía de Antonio Fraguas, este ano céntrase Cajaraville na vida de Carvalho Calero. Faino con toda a responsabilidade e entrega o traballo de maneira que poida ser utilizado dende os primeiros días do ano conmemorativo. Respecto é o que sen o autor polos homenaxeados e por eles documéntase a fondo para máis tarde aproximar todo ese saber á rapazada. Neste caso, ademais do texto expositivo, o listado de recoñecementos, a recollida da obra publicada e a cronoloxía que pon en relación cos acontecementos mundiais, engade sete pezas treatrais que recollen momentos moi especiais da súa vida e ao tempo recoñecen esa querencia e afición polo teatro por parte do autor homenaxeado. Lembremos que de neno se supón que asistía ao teatro Jofre (preto da súa casa ferrolá), foi alumno de Comellas Coímbra que acada sona como dramaturgo, dirixe ao grupo de alumnos/as de teatro no colexio Fingoy organizando as veladas teatrais, escribe dramaturxia... Por iso, Cajaraville lle dedica esa ofrenda detida na morte da nai, no paseo pola alameda compostelá da man de García Sabell, Fraguas e Cunqueiro; a despedida da muller en Lugo camiño de Madrid, no cárcere andaluz, dirixindo o teatro no Fingoy, no día da despedida na universidade e o día da morte despedíndose da familia.
Sete pezas teatrais arredor da súa vida, igual que as sete pezas que C. Calero publicara.

xoves, 27 de febreiro de 2020

Carvalho Calero (II)

Deixádemos seguir lembrando... e seguindo o libro de Henrique Dacosta a quen se debe
A súa poesía co que ten de autobiográfica:
"(...) e no ar do mundo cada día descobría eu unha illa
(...)
Eu tiña un pacto cpn Deus:
que ninguén dos meus morrería"
Pouco durou o pacto, cando aos nove anos perde a nai e un pouco máis adiante a madriña que pasara a ser unha nova nai.
Moitos pseudónimos, necesarios para os tempos que corrían, como necesarios eran os escritos que inauguraban lingua e literatura, unha vez máis. Sempre a recomezar, un paso adiante e outro atrás Galiza.
Primeiro preso, logo en liberadade condicional impedido para exercer a función pública. Clases particulares de forma clandestina como fixeron outros (o mestre Pereira en Santiago ou Culebras en Allariz). Exilio interior. "Escrebo para min e poque si. Que é o mesmo que dicer que escrebo para ninguén e por nada" (en carta a Fernández del Riego). Creador e investigador. O Fingoi e o benefactor Antonio Fernández López (quen escribirá a súa historia?), as clases e as publicacións.
Segundo Ferrín, pertence á xeración de 1936; non houbo xénero ou faceta que non chegase a cultivar: poesía, narrativa, teatro, ensaio, crítica literaria, lingüística e filoloxía. Creador de magníficos títulos como Pretérito imperfeito, Futuro condicional ou Anxo de terra. Unha poesía que beve de todos os ismos pero que se podería definir como existencialista.
Hiloizismo próximo á infancia...
"O vento buscaba-se
a cola como un gato.
Cando a atopaba,
como unha serpe,
asubiaba.
Os regatos corrían
como rapaces ao saíren da escola (...)
Na vila,
 as torres en camisa
bailaban polas esquinas (...)
As igrejas, como galos,
erguendo as súas torres,
ceibaban o seu canto."
Un teatro con finalidade formativa no que falar sobre os problemas humanos, unha escrita ideolóxica e con carga intelectual. Un pequeno fragmento de Os xefes.
Di
"General Braña: Aínda ben, eu combato pola paz. Quero impor a paz neste país.
General Dragón: Falas nun ton de império. Tamén eu quero instaurar a paz.
General Braña: Os dous queremos a paz. Temos o mesmo plano militar.
General Dragón: E unha paz para todos, un quilíbrio xusto, un sistema de goberno moderado. Temos o mesmo programa de goberno.
General Braña: Por que loitamos, pois?
General Braña: Non podemos facer a paz. Seria formoso que agora, antes das doce no relógio, chegásemos a un acordo e pudésemos facer a paz. Mais a miña dereita quer aniquilar a túa esquerda. Non podo oferecer-lle unha paz que non signifique a sua vitória.
General Dragón: Poderiamos firmar a paz. Temos o mesmo programa de centro. Mais a miña esquerda quer aniquilar a tua dereita. Teño que oferecer-lle unha paz vitoriosa"
Ademais de colborar na fixación das normas do galego que posteriormente foron derogadas para instaurar outras co ámbito que asumira a oficialidade, nos seus ensaios fala de como unha lingua que non se escribe se inscribe no marco da cultura folclórica pasando á etnnografía en vez de a filoloxía, dialectalizándose a favor da lingua escrita que opera no seu dominio xeográfico, un axioma para sintetizar a situación do galego: "ou é galego-portugués ou é galego-castelán".
Remata Henrique Dacosta antes da bibliografía (prosa de ficción e a súa publicación, poesía e a súa publicación, teatro e a súa publicación, a crítica literaria e a súa publicación, a lingüística e a filoloxia e a súa publicación, algunhas edicións de clásicos e a súa publicación, e a bibliografía sobre Ricardo Carvalho Calero) recollendo dun escrito anterior "Home rigoroso. Home bon e xeneroso. Don Ricardo. Afastemos controversias dunha vez por todas. Suspicacias entre defensores e detractores, por animadversión lusista ou mesmo pola falaz idea de non contar con quen lle facilitase material para elaborar a súa Historia*. Abonda! Cómpre que teñamso amplitude de miras e, ante todo, que o saquemos do ostracismo, a el, a que más fixo polas letras galegas en todos os tempos."
*Algo ao que se refiren Dolores Vilavedra e Monserrat Pena no Epistolario a Francisco Fernández del Riego.


martes, 25 de febreiro de 2020

Libros de narrativa

Unha distopía na que a auga xoga un papel fundamental, será o ben máis prezado, a moeda de cambio, o que te acompaña sempre para dicir cal é o teu estado
Catro partes: A Colmea, Utopía, Grandes esperanzas e A Odisea. Cada unha delas introducida por un texto magnificamente escollido arredor da auga, desde o do humorista Perich "A bebida máis perigosa é a auga: mátate se non a bebes", pasando polo biólogo Paul R. Ehrlich "Hai substitutos para o petróleo, non hai substitutos para a auga doce", o secretario xeral da ONU Ban Ki-moon "Un dos problemas máis alarmantes que encara o mundo de hoxe é conseguir suficiente auga potable para todos os habitantes do planeta (...). Con demasiada frecuencia, onde fai falla auga, o que hai son armas" para chegar ao investigador Jacques - Yves Cousteau "Esquecemos que o ciclo da uga e o ciclo da vida son un mesmo". Somos auga, o planeta é auga por iso cando o Gran Cataclismo o que queda ao mando é o dono das fontes que os converte a todos os demais en escravos. No ano dous mil catrocentos e moito a ditadura voltou porque a democracia ten fin cando non acaba de responder aos intereses dos máis poderosos, tal como se está a ver na literatura e na realidade.
Unha boa novela que pode dar para ser continuada. 

luns, 24 de febreiro de 2020

Día de Rosalía

Para o Día de Rosalía...
Sinto a publicidade comercial, os prezos... pero realmente hai moitos materiais interesantes para coñecer e está ben darlle divulgación (neste caso)

sábado, 22 de febreiro de 2020

Novidades doutra editorial (continuación)




Conto da Travesía das Musas de Joâo Pedro Mésseder, con ilustracións de Raquel Senra, traducido polo profesor Anxo Tarrío.
Da presentación editorial:
"Travesía das Musas: unha rúa estreita, nun barrio vello e pobre dunha antiga cidade. Nin merecía que lle chamasen rúa, só travesía. Pero neses lugares é onde se agochan, ás veces, a aventura e o desexo de liberdade de quen se sente só e preso. Ademais, as Musas son as inspiradoras da poesía, dos poetas… E, naquela pequena rúa, había poesía e diversión no aire. Xan parecía respiralas. E os seus veciños tamén"
Morriña de Paula Ventimiglia. Sen palabras, porque non fan falla, porque morriña é o tes cando te vas, un sentimento de perda que che fai volver a vista atrás.

mércores, 19 de febreiro de 2020

Literatura xuvenil, novela negra, matemáticas...

Tes catorce dezaseis de Rocío Leira, publicada na colección Fóra de xogo de Xerais, foi finalista do premio Jules Verne.
Presentación editorial: «Xogamos?» Ese é o contido dun correo electrónico que un día recibe o profesor Benavides. O matemático acepta o lance e dende ese intre terá que desentrañar o misterio que se agocha tras os asasinatos que se están a producir no campus universitario. Coa axuda de Silvia, unha enigmática alumna da facultade de Matemáticas, Benavides deberá resolver os desafíos lóxicos que un intelixente asasino lle vai propor. Mensaxes cifradas, pistas inquietantes e códigos aparentemente irresolubles danse cita nesta aventura chea de intriga na que entrarás de cheo nunha parte da historia das matemáticas. Comeza o xogo!"
Como en calquera novela negra... a historia non é o que parece, o asasinato perfecto é o que dirixe a investigación e a culpa cara a un asasino falso e a inocencia está cargada de crueldade. Unha historia plagada de enigmas matemáticos que espertan as ansias por xogar e seguir xogando. Unha historia situada no campus compostelán que seguimos dende a biblioteca Concepción Arenal á facultade de matemáticas, o comedor universitario ou a comisaría. Pode ser unha entrada á clases de lóxica matemática, pero sobre todo vai ser unha incursión ao mundo negro da tolería e os xogos detectivescos, á personalidade humana e as súas debilidades. 
Da autora de Universo Pitágoras, especialista en matemáticas que pode levar con moi bo tino as historias a ese campo.