xoves, 12 de marzo de 2020

Isabel Zendal, un novo libro arredor desta muller


Novo mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, con texto e ilustracións de El Primo Ramón (Borja Ramón López Cotelo e María Olmo Béjar), publicado por Bululú  coa cooperación da Asociación Isabel Zendal.
Cunhas ilustracións que lembran as dunha décadas atrás nas cores e formas, tentando retratar un ambiente deses principios do século XIX, e un texto asumido en primeira persoa polo fillo de Isabel Zendal, Benito.
Ese neno xa nos tiña chamado moito a atención en Os nenos da varíola cando vimos que a enfermeira que dirixía o Hospicio coa Casa dos Expósitos era nai solteira e o levaba con el todo o tempo desde esa institución á viaxe transoceánica.
Benito vainos contar, nun xogo de ir e vir, ese tempo dende que súa nai marcha da aldea ata que morre en América e, neste caso, un dos rapaces que os acompañaran, Francisco Antonio que é catedrático nun colexio de Cidade de México, a homenaxea e recoñece.  
Ela, xa forma parte desas mulleres que abriron camiños e que partindo dunha situación inxusta e cruel, como é ter que criar a un fillo soa, foi quen de poñerse ao servizo dos máis marxinais e colaborar coa ciencia.
Unha muller para non esquecer, tal como nos lembran estes dous libros citados, o Pioneiras, o Álbum de Mulleres...


mércores, 11 de marzo de 2020

Un conto para pequerrechos/as

Se che pica un mosquito de Jordi Gastó con ilustracións de Christian Inaraja, traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka. 
Fronte á dor o remedio do humor; riamos que así curamos, porque se che pica un mosquito non podes quedar mirando e compadecéndote, non, o que compre é facer outras cousas, mirar a outros sitios para esquecer que é o que che doe e por que.
"Se che pica un mosquito   
e non te queres rascar (*non debes, vaiche picar máis) 
eu coñezo un remedio 
que che pode axudar *seguro que si).
Á pata coxa  
tres pinchos has dar, (*non caias, a ver se vai ser peor o remedio que a enfermidade)
logo berra alto
sen mirar atrás." (*tampouco se trata de asustar aos demais, só distraerte, non tolear)
As * non son do autor que el ten máis arte (e parte).
Rimamos nos pares e non nos preocupamos se a rima non é total, chega con que sexa só nas vogais: o que se chama asonante, lembras?
Unha historia rimada, un remedio para cando a rapazada ande con "pupas". Unhas ilustracións sinxeliñas, achegándose á xeometría, con cores planas e liñas mínimas que ofrecen toda a expresividade necesaria (e algo máis) pois incluso sabemos cando é que deixa de doer, ou non?
Un convite á aventura, a saír na busca de personaxes de conto, a divertirse cantando, a  facer festa e a enfrontar os monstros (sexan da cor que sexan).

luns, 9 de marzo de 2020

De cando as mulleres abriron as portas do mundo

Veleno de tinta impresa de Xosé A. Neira Cruz, premio Ánxel Fole de Narración Curta do concello de Lugo.
Presentación editorial: "Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova... (...) Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro. (...) Unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño."
Un libro necesario: a ficción dun tempo e das mulleres que deixaron unha pegada que o Golpe de Estado borrou e só moito tempo despois se vai descubrindo. Mulleres que acompañaron o camiñar pola liberdade dos homes que foron compañeiros. O tempo no que Emilia Pardo Bazán vivia en Meirás, no que a pedagoga María Barbeito poñía en pé os seus soños, no que Fanny Garrido escribía e traducía compartindo co seu home Marcial del Adalid poemas que el musicaba, no que Sofía Casanova se estreaba como primeira muller correspondente de guerra no estranxeiro, no que María Miramontes cosía para o máis granado da sociedade soruñesa, no que Elvira Vao militaba nas Irmandades da Fala, no que Amparo López Jeán estableceria relacións con César Alvear para posibilitar a saga dos Alvear López con continuarían a labor a pro dos republicanismo, no que Francisca Herrera se preparaba para ser a primeira muller en acceder á Real Academia Galega, no que Filomena Datoescribía e defendía o papel da muller, no que a pianista Eugenia Osterberger compoñía magníficas pezas, no que María Dolores del Adalid pintaba ou no que Carolina Otero acompañaba príncipes.  
Porque ás veces o corazón está encapsulado, porque todo o que poidas perder xa non formaba parte do que tiñas... por todo iso! 

venres, 6 de marzo de 2020

Libros recuperados

Stefano de María Teresa Andruetto, publicado en Costa Oeste de Galaxia en 2010, traducido magnificamente por Ánxela Gracián.
Dise nel na presentación editorial "Unha novela conmovedora e esperanzada sobre o camiño que debe emprender un neno para se converter en home. Stefano está considerado un clásico, cita de referencia obrigada na literatura xuvenil, que enlaza os acontecemento vitais emocionais da adolescencia coa dura experiencia da emigración, como lle aconteceu a tantos galegos e galegas que tiveron que cruzar o mar cara a unha terra chea de incertezas, onde tiveron que poñer a proba o mellor e o peor que habita no ser humano.
A calidade desta obra foi recoñecida con premios e distincións, entre as que destacan, entre outros, o Premio White Ravens 1998 do Internationale Jugendbibliothek. Múnic, Alemaña."
A autora dedícalle a obra a seu pai, e lendo o seu apelido e o tema que trata, enténdese.
Unha voz acompaña a ese rapaz que deixa á súa nai para emigrar. Lembra os xestos e as palabras, sempre poucas pero indelebles. Vai repasando unha vida chea de dificultades onde non falta nin o naufraxio do barco no que atravesan o Atlántico, nin a perda dos compañeiros, nin a dor de saber morta a nai sen ter feito nada para poder volver ou axudala... 
A emigración é a dor da distancia, a ausencia dos seres queridos, o maltrato dos que agardabas que che axudaran, os encontros con xentes ben diferentes e a sensibilidade que o racha cando o acollen ben e lle demostran cariño. Orfo e nun mundo alleo ata dar coa muller coa que armará a vida e terá fillos, a muller que lle axuda a cravar as raíces na terra, aquela cara á que o dirixiu a nai sen sabelo e el buscou no afastado país. A música como banda sonora acompañando os seus pasos.
Hai que volver lelo para que o lirismo nos empape e a tenrura nos acolla.

mércores, 4 de marzo de 2020

Un libro de fala de vento que nos acompaña

Un álbum ilustrado, Un ano co vento, de Hanna Kanola, traducido por Anu Pitkanen, publicado por Hércules edicións.
O vento ao longo do ao, cada mes unha frase que relaciona o vento coa vida do neno que se move polas páxinas. En xaneiro doulle velocidade a patinador co meu sopro". "En decembro, fago bailar as folerpas de neve"
Ilustracións que ocupan toda a páxina. Debuxos case xeométricos, con cores planas que semellan feitas con colexes.
Rimaletras de Mar Guerra e Blanca Millán, publicado por Galaxia.

luns, 2 de marzo de 2020

Carvalho Calero


Recollido do libro Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso de Héctor Cajaraville.
"Carvalho Calero chega ao mundo da política a través da cultura, como lles sucedeu a moitos dos intelectuais galeguistas destacados durante o período previo á guerra civil. O propio Calero recoñeceu máis dunha vez que entrara en política "como vía para tratar de resolver os problemas culturais de Galicia.
Dentro da polítioca, atopa o seu espazo no ámbito do nacionalismo, unha corrente ideolóxica que defende a singularidade de Galicia como territorio lingüístico, histórico e cultural (...)" Creo que é suficiente este anaco, o parágrafo enteiro pode conducir a confusión porque maioritariamente o sentimento nacionalista é cultural, de defensa da identidade, de apoio aos que gardaron ao longo dos séculos un patrimonio cultural que hai que protexer.
"A gran proba" é como chama Carvalho Calero á guerra civil que se produce despois do golpe de estado, como di Cajaraville "un tempo que obrigou a todos os cidadáns do estado a tomar partido por un bando ou outro, moitas veces sen ter claros os motivos, simplemente por razón xeográfica, por tradición militar ou mesmo por azar." Houbo moitos que nin siquera tomaron partido, simplemente sufriron a represión, incluso en zonas afastadas da contenda como Galicia, onde os golpistas sementaron o terror para acabar coa menor posibilidade de resistencia. Seguimos a Cajaraville "(...) el sempre recordou aquel tempo como unha ignominia e unha vergonza colectiva que non debería repetirse, ademais dunha volta atrás no progreso acadado durante os anos da república".
No Acto da cadea fala do galego "filla do latín, irmá do castelán, nai do portugués..." o outro preso dille "Pero se estes non queren que se fale sequera, e ti andas a facer unha gramática" ao que contesta "Estes non van durar sempre. Pero o galego si..." Diolo oia!   
A xente da Barreira é a primeira novela publicada en galego despois da guerra, en 1950. 
Autor de poesía, teatro, narrativa e ensaio tanto lingüístico como literario; primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na USC, autor da primeira Historia da Literatura Galega e Gramática Galega contemporánea.  
O seu legado atópase custodiado no Parlamento de Galicia.
A partir da década de 1970, Carvalho Calero amosa claramente a súa preferencia por unha corrente dentro da lingüística galega que busca a aproximación desta lingua ao portugués, un idioma que naceu da expansión do galego (...) defende a reunificación

Os libros de Carvalho Calero: Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso.

Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso de Héctor Cajaraville publicado na colección Merlín de Xerais con ilustracións de Fino Lorenzo.
Da presentación editorial: 
"Ricardo Carvalho Calero é unhas das figuras de obrigada referencia na historia do idioma galego: como investigador, como autor literario e como docente e promotor da nosa lingua nos diferentes ámbitos, espazos e contextos de uso. É o responsable da primeira gramática do galego elaborada cunha base científica sólida e da primeira historia da literatura galega contemporánea, ademais de ser o primeiro profesor en ocupar a cátedra universitaria de Lingüística e Literatura galegas. Un auténtico pioneiro e un incansable defensor (e tamén construtor) da nosa identidade como comunidade, como pobo, como país. A Ricardo Carvalho Calero dedícaselle o Día das Letras Galegas 2020"
Despois de realizar no 2019, a magnifica biografía de Antonio Fraguas, este ano céntrase Cajaraville na vida de Carvalho Calero. Faino con toda a responsabilidade e entrega o traballo de maneira que poida ser utilizado dende os primeiros días do ano conmemorativo. Respecto é o que sen o autor polos homenaxeados e por eles documéntase a fondo para máis tarde aproximar todo ese saber á rapazada. Neste caso, ademais do texto expositivo, o listado de recoñecementos, a recollida da obra publicada e a cronoloxía que pon en relación cos acontecementos mundiais, engade sete pezas treatrais que recollen momentos moi especiais da súa vida e ao tempo recoñecen esa querencia e afición polo teatro por parte do autor homenaxeado. Lembremos que de neno se supón que asistía ao teatro Jofre (preto da súa casa ferrolá), foi alumno de Comellas Coímbra que acada sona como dramaturgo, dirixe ao grupo de alumnos/as de teatro no colexio Fingoy organizando as veladas teatrais, escribe dramaturxia... Por iso, Cajaraville lle dedica esa ofrenda detida na morte da nai, no paseo pola alameda compostelá da man de García Sabell, Fraguas e Cunqueiro; a despedida da muller en Lugo camiño de Madrid, no cárcere andaluz, dirixindo o teatro no Fingoy, no día da despedida na universidade e o día da morte despedíndose da familia.
Sete pezas teatrais arredor da súa vida, igual que as sete pezas que C. Calero publicara.