xoves, 8 de xullo de 2021

Álbumes traducidos

A balea de Benji Davies en Andana editorial con tradución de Raquel Ferrán. Unhas ilustracións alegres e limpas para unha historia ben tenra e comovedora. Un pescador vive co seu fillo e seis gatos. Cada día vaise o pescador e permanecer todo o día fóra; mentres tanto, o neno atopa unha balea varada na praia, facendo mil esforzos consegue levala ata a casa e metela na bañeira para que se sinta be: pónlle a música, a comida e lélle os contos que consedera lle debe gustar. Cando o pai a descobre expkícalle que a deben devolver ao seu medio, entre os dous consígueno. O neno segue mirando o mar por se algún día a súa amiga volve para saudalo.

Mínima, a historia e as imaxes, pero moi significativas, porque o sinxelo non ter que ser simple.

Neste conto non hai ningún dragón de Lou Carter e Deborah Allowright con tradución de Belén Quinteiro e publicado por Picarona editora. Case nas primeiras gardas, aparece un dragón bo típico conto de secuestrador de princesas, pero cando cmeza o verdadeiro conto vemos que non quere continuar co rol asignado, así que vai de conto en conto (tradicional) pedindo que o deixen participar, pero todos responden "neste conto non hai ningún dragón". Cando aparece un xigante que apaga o sol, todos os personaxes de conto (Hansel e e Gretel, Carapuchiña, os porquiños...) chaman ao dragón porque precisan un heroe... ao final decide actuar, sopla e aparece a luz de novo, remata o conto co dragón salvador que se vai ao seu a un mundo que lle gusta. Moi axeitado o paso polos contos e moi boas ilustracións, acordes ao asunto.


  

mércores, 7 de xullo de 2021

Para peques

 



Pandemonia de Chris Owen e Chris Nixon, traducido por Iolanda Mato e publicado por Triqueta Verde. Na presentación editorial dísenos: "Cando visites Pandamonia, fagas o que fagas, NON ESPERTES O PANDA! Únete a esta divertidísima festa onde un panda malhumorado desata unha festa salvaxe: oirase gruñir, roncar, brincar e croar, saltar, silbar, chiar e ouvear, rinchar e grallar, ruxir e bufar, rebuldeo caótico, berros a fartar. E todo por culpa dun panda rosmón." 

As láminas van cambiando de cor; o que contan fano en verso rimado, en pareados que van cambiando, repetindo en cadaunha delas "fagas o que fagas, non espertes o panda" porque cando sucede todo o mundo animal monta un tremendo balbordo, sexan insectos ou hipopótamos. Mirar e ler metres se nos adapta o ollo a cada grupo de animais e a cor que se lle dá.

Era unha vez un corno de unicornio de Beatrice Blue traducido por Xavier M. Blanco e publicado por Triqueta Verde. Ou de como lle naceron os cornos aos unicornios cando eran un cabaliños xoguetóns que andaban aprendendo a voar e a nena que vivía no bosque encantado quixo axudar a un deles mediante a alegría porque non hai nada como a risa para levitar e nada que lle guste máis á nena que os xeados.

Todas as cores do amor  de Alba Castellvi Miquel con ilustracións de Cuchu publicado en Galaxia. Ou de cando nace un novo irmán e a nena sente celos porque a vai substituíndo... como resolver esa situación? sempre aparece algunha maga que colabora, ou non? Unha coaching que traballa eb mediación de problemas está detrás do texto. 

luns, 5 de xullo de 2021

Silva varia

Historias da fraga revirada de Xosé Tomás, publicado por Galaxia, recolle nun libro de tapa dura unha serie de historias de animais da fraga nas que o autor xogo co texto, as ilustracións, a tipografía coma un todo. Recolle relatos coma o do Lobo feroz, Tor, o macho alfa que persegue ao cervo coa súa manda e como fronte a el aparece un pequeno lobo vexetariano, Lu, que conta con amigos que lle axudan a conseguir froitos e canndo crea unha familia, atópase con que un dos seus lobetos lle confesa que non lle gustan as plantas senón o peixe... porque de todo ten que haber e nada é mellor. Despois de cada conto unha serie de xogos baixo títulos como "Sabías que...?", unir con flechas os animais carnívoros e os herbívoros, recoñecer os sons de cada animalpasatempos. Outros contos son o da curuxa que quería vivir de día, o dunha familia de animais de diferentes especie, o da barbantesa que non querer ser cruel ou o da estraña criatura que aparece no bosque. A cada un corresponderalle un tipo especial de pasatempo para realizar no propio libro... tal vez isa sexa a parte menos ecolóxica, porque as historias levan aparellados valores moi respectables de respecto á diferenza, daorixinalidade e os eguimebto dos propios desexos, o dereito a evitar a maldade ou a críticas dos circos e outros equipamentos que afastan aos animais do seu ecosistema.  

Adiviña esta adiviña de Antón Cortizas, con solucionario, publicado por Galaxia, con ilustracións de Pepa Prieto Puy. Así as presenta: "As adiviñas son textos literarios moi curtos, xeralmente poéticos e con rima, que usan as metáforas, as ambigüidades, os xogos de palabras, o calembures, a ironía e outros recursos literarios para facelos xeitosos e intrigantes. Mais tamén hai propostas de resolución dalgunha cuestión curiosa ou peculiar, que se presentan como unha simple pregunta en prosa. A estas últimas chamámoslles "enigmas". O solucionario é unha verdadeira explicación que pode axudar a construír novas adiviñas. Por outra banda, unha maneria especial de ilustrar que non achega demasiada riqueza.

Pois ben, dous libros para ler, mirar e, traballar, nun caso adiviñando e no outro realizando actividades.


sábado, 3 de xullo de 2021

Un novo título de Animalia. Cómics para crianzas


Animalia de Xosé Tomás. Despois de Animalia 1 Verde e Animalia 2 Branco, aparece Animalia 3 Azul.

Asi o presenta "Animalia é unha historia de historias que comezan e rematan en cada páxina. Historias de animais que se parecen moito a nós, as persoas. En Animalia 3 Azul pergullámonos no mar, nos ríos, na auga en xeral e mesmo na dos animais en catividade. Coñeceremos a agresividade do tiburón ou das pirañas, a versatilidade do polbo, a intelixencia do golfiño, ou a inocencia de tantos e tantos peixes que son atrapados por un animal moito peor ca todos os demais, o ser humano." Humor en cada páxina nesta colección de Merlín cómics, banda deseñada para as crianzas cos seus toques de aviso: o problema dos residuos, os peixes grandes e os pequenos servindo de prato, a inocencia no medio do risco, a natureza pero tamén o mundo dos humanos trasladado ao das augas porque "As criaturas de Animalia son tenras, feroces, enxeñosas, divertidas e ata un chisco humanas como a vida mesma! Intérnate nun mundo onde todo é posible e prepárate para gozar dunha lectura... do máis salvaxe". Unha das nosas eivas (a banda deseñada para peques) á que esta serie lle vai poñendo remedio, nun xogo entre cómic e humor gráfico. 


xoves, 1 de xullo de 2021

De María Canosa e de Dani Padrón, por separado

Quero saír! Quero saír de María Canosa ilustrado por Andrea Estévez e publicado por Embora ediciónsAsí se presenta: "A nena comprende. Sabe que ten que agardar pola liberdade, que é unha convidada delicada. Prepara as súas ás (lava as mans), prepara as súas plumas (roupa) e prepara o seu peteiro (máscara). E por fin pode saír".  "María Canosa crea este texto para axudar aos nenos a entender o confinamento e a gozar na casa, pero tamén a sentirse libres coma paxaros". Marabillosa a comparación cos paxariños e o niño casa, as posibilidades que se abren para xogar na casa, todos eses papeis que podemos representar e tamén ese desexo -incluso- de caer e curar as feridas. Moi boas ilustracións que acompañan o texto achegando a delicadeza deses dentes de león, silvestres e fráxiles ou aumentando a información con esas oportunidaes de xogo no interior que seguramente nos pasan pola cabeza. 

Unha comparación cos paxaros (os animais que nos semellan máis libres) e esa imaxe que se identifica entre a mascariña da nena e o pico da ave son os elementos máxicos do relato, porque todo nace dese elemento simbólico. 

Ba de Dani Padrón, publicado por Bululú. Da presentación editorial: "A curiosidade e a imaxinación son unha linguaxe universal. O protagonista deste álbum ilustrado non necesita saír da súa casa para divertirse explorando con moita creatividade mundos marabillosos poboados de criaturas fantásticas. Aventura, curiosidade, diversión e tenrura transmitidas grazas á xenialidade das ilustracións, cheas de cor e expresividade, que nos mostran o mundo interior dun pequeno que aínda apenas fala. Nin falta que fai." Unha soa palabra (ba) sérvelle ao pequeno para expresarse, para preguntar, para animarse... Con ela percorre a casa cos mobles garabateados ata unha certa altura, os xoguetes polo chan, como si estuviera buscando algo, mirando por todas partes, nunha especie de expedición que a fai pasar ao outro lado: alí onde están os dragóns e apareces na selva ou nas profundidades mariñas, cando pasas pola pechadura do cofre e atravesas estancias ou descubrir o libro no que aparece o pan (outra palabra máxica) que o fai bailar. A expresividade na cara do pequeno é impresionante, un verdadeiro exercicio minimalista!  



domingo, 27 de xuño de 2021

Libro informativo de Historia

 

A vida diaria dos romanos de Pepe Carballude, ilusrado por Jorge Campos e publicado por Xerais na colección Seica en Coñecemento. "A vida diaria dos romanos é unha viaxe no tempo á Roma clásica para descubrirmos como vivían os seus habitantes. A través das páxinas deste libro, que percorre as distintas etapas da historia de Roma, asistimos ao nacemento dun neno ou nena, ao primeiro día de escola, aos seus enredos... Sabías que Roma foi fundada por un neno? Aquí cóntase como eran os xoguetes dos romanos, como se entretiña a rapazada, como vestían e como se bañaban, que comían, que deuses tiñan e como eran as súas casas. Tamén descubrimos as pegadas que os romanos deixaron en Galicia." Remata cun vocabulario de palabras que debedes coñecer, unhas recomendacións de libros, películas, páxinas web e excursións pola Galicia romana que axudarán a internarse nese mundo do pasado con vestixios no presente.

Unha obra necesaria para poder contar con libros informativos dende todas as áreas de estudo, non só das ciencias puras senón tammén das sociais.

xoves, 24 de xuño de 2021

Teatro premiado

 

A cámara escura de J.L. Baños de Cos, ganadora do III Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2020 convocado polo concello do Porriño, a editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro, publicado por Galaxia. Unha obra sobre o sexting ou envío de imaxes de contido sexual explícito a través do teléfono móbil.

Dentro da última moda ou movemento do texto teatral actual, estamos ante unha obra que se distribúe por fotografías en lugar de facelo por escenas ou actos. Quince, moi curtas, escuras, con diálogos moi áxiles. Un coro que vén sendo un grupo de WhatsApp ou personaxe colectivo pode ser o máis interesante das innovacións. Introdución de temáticas científicas, filosóficas, históricas ou tecnolóxicas xirando arredor dese grupo que na derradeira escena vai sendo abandonado por todos detrás da comunicación: abandonou o grupo.