venres, 16 de xullo de 2021

As mil vidas de Dorotea Bárcena

 

As mil vidas de Dorotea Bárcena. As mil vidas da actriz, dramaturga e poeta contadas por  Lorena Conde, ilustradas por María Brenn e publicadas por Cuarto de inverno.

Da presentación editorial:

"Nenas e nenos! Señoras e señores! 
Permanezan en silencio e apaguen os seus teléfonos. 
Nuns intres, dará comezo a peza teatral “As mil vidas de Dorotea”. 
Prometemos que durante os tres actos que forman esta obra, pasarán por un feixe de estados de ánimo e, 
ao mesmo tempo, coñecerán a historia de Dorotea Bárcena, a mestra, actriz, dramaturga e muller brava, 
que traballou moito e moi duro por facer o que máis quería: teatro. 
                                               Pasen e lean!"

A vida dunha muller que ata hai pouco andivo entre nós e non ven mal reivindicar. Unha fermosa historia coa que ver as posibilidades do teatro e a biografía, envolta en lírica e creatividade. As ilustracións  recrean ese mundo case onírico (porque por algo se apagan as luces no teatro). 

Como se pode contar a vida dunha muler de teatro se non é a través dunha peza?

mércores, 14 de xullo de 2021

O Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez

Un premio especial, convocado pola Deputación de Ourense. En cada convocatoria (e van XVII resoltas) admítense primeiro as narracións e unha vez fallado o premio, convócase o premio de ilustración a ese texto premiado. Un galardon ben dotado (1500 € para cada unha das modalidades), e publicación, polo tanto autorías de texto e ilustración pode estar satisfeitas.

Sempre temos algo do que queixarnos, e si, eu queixaríame de que sexa, de novo, un premio de narrativa cando os de teatro son ben poucos e os de poesía houbo que agardar a que unha Fundación tan humilde como a Neira Vilas (xunto con GALIX) o convocara despois de varios anos nos que desaparecera o Arume. Como non nos imos queixar se as irmás Pura e Dora Vázquez escribiron tamén teatro e poesía!

A outra pega, é que a distribución dos libros publicados pola Deputación, seguramente se distribúen moi ben na provincia de Ourense pero son inaccesibles noutras provincias, o que provoca que normalmente sexa editados con varios anos de retraso por editoriais comerciais. Acaba de suceder con O nariz de Fiz de Miro Villar que acaba de sacar á luz Galaxia con ilustracións de Emanuel Lomeña. Unha historia contada á maneira rica e antiga, con titulares de capítulos ben rimados e explicativos: "Unha vez dous labradores / da aldea de Santa Uxía / tiveron grande alegría / cando a muller dou a luz / un neno por vez primeira / coa axuda da parteira." Un pequerrecho que semella Garbanciño, que se cría ao lado dos pais e do Marelo (o can da casa) que o coida igual que mira polo gando (o que non é malo). Fálase da aldea, ben arredada, de como vai medrando e se descobre que é miope, de como vai á escola unitaria da aldea ata que desaparece e os envían á concentración da vila onde os aldeáns son mal mirados (como sempre), como coñeza a unha boa amiga e como se desenvolve a súa amizade con outro neno da aldea, cales son os sentidos que ten moi desenrolados e como lle axudarán a levar a boa fin unha aventura final. 

Unha historia que vai entre as dos nosos pais e as nosas, por algo o ilustrador o fai en branco e negro e as figuras adquiren unha forma algo xeométrica. Unha chiscadela interesante ten lugar cando o pai lle conta (ou le) a historia da marmota Carlota, a primeira das obras deste autor para a infancia.