martes, 14 de maio de 2024

De BD e de poesía

Plus ultra. Transición ao futuro é unha banda deseñada de Alberto Varela Ferreiro publicada por Xerais. Podemos considerar que forma parte dun grupo de novelas gráficas que este autor está publicando, cada unha delas ambientada nun tempo determinado: Wolfram. Espías, nazis e maquis na II Guerra Mundial, Ulf de Jacobsland nas viaxes dos viquingos a Galicia e este últimona transición democrática, a emigración e o esoterismo, pasando polas mareas negras, as loitas das Encrobas e Baldaio, os extraterrestres, un futuro distópico a nivel ecolóxico, o rei galego dos xíbaros (Alfonso Graña), a conquista de América con feitos coma a morte de Atahualpa, amañadores de corpos que herdan o don... Demasiado contido, demasiado... que se completa cunha "Cronoloxía da transición", un Glosario ou os mapas de Galicia oa evolución dos incendios ou os vertidos nucleares. 

No bico do vento de Charo Golmar con ilustracións de Olaya Naveira publicado por Bolanda. Un libro agasallo, de gran tamaño, no que as ilustracións van tomando as páxinas (dun papel de gran calidade) para envolver os versos. A obra percorre cinco ámbitos: O tempo, A vida, A natureza, Enredos e Sentires.  A última estrofa do último poema serve de cata tanto a nivel de texto como de imaxe (que sentimos non poder achegar):

Amor (a Antonio)

Coa miña man na túa,   

co teu paso no meu paso,     

xuntos nos contratempos;    

arremuiñamos follas   

e construímos niños  

no bico mol do vento

domingo, 12 de maio de 2024

Cambia o conto de Música Miúda

Cambia o conto de Música Miúda con ilustracións de Xosé Tomás, publicada por Galaxia en Sonárbore. Trátase de contar os contos do revés, e mellor, de cantalos. 

Empezan co conto de Xiana, escrito por Irene Quinteiro conde se lle dá a volta a todos os contos.Logo veñen os poemas cancións. Trátase de ir rachando roles eestereotipos, baseándose nos contos tradicionais, Carapuchiña, o lobo, os ananiños, a serea, a avoa singular, o piraa zen, nenas empoderadas, Branca de Neve, Cincenta, a Bela, a Besta, Matilda (aproveitan para facer unha canción da biblio*), os xogos non sexista senón todo o contrario, a diversidade de familias e tamén de bichos e bichocas, ningunha parrula fea e os ananiños facendo as tarefas domésticas. Moi de valores. Moi feito para... 

mércores, 8 de maio de 2024

A lectora de mentes de César Mallorquí

A lectora de mentes de César Mallorquí aparece en galego con ilustracións de Sergio García, tradución de Isabel Soto e publicado por Rodeira na colección Tucán. Que pode pasar cando aos catro anos descobres que podes ler os pensamentos de calquera persoa? Sentiraste moi soa e diferentes dos demais? E, que pasa se contas ese segredo a alguén? É posible que non aguantes o barullo de escoitar moitos pensamentos a un tempo? Que podes facer para evitar ese problema?

Todo vai ter solución cando atopas a alguén coma ti, un chisquiño máis vello como para controlar algo máis a situación. Pero non todo o mundo é bo... non, non o poñas en dúbida, hai alguén malo, moi malo que tamén agacha un segredo. E hai unha irmanciña á que é imposible lerlle o pensamento, que misterio hai detrás desa nena e que é o que ela pode facer?

Unha boa historia para lectorado autónomo, ben contada, como corresponde a un autor recoñecido.

martes, 7 de maio de 2024

Oso e máis eu de Esther Peces, traducido por Marisa Núñez e publicado por OQO. É Premio Internacional 2022 de Álbum Ilustrado Ciudad de Fuengirola.

Unha nena conta en primeira persoa como un día entra na súa casa un oso e vaino rompendo todo, ela tenta ir amañando o que pode ata que se cabrea e lle berra. Daquela descobre que está ferido. Cólleo da man e lévao ao xardín para curalo. Así fanse amigos e el volverá a vela, de vez en cando. Unha fermosas ilustracións de grandes manchas (o oso non merece menos).

Unha vez máis asistimos ás historias que desculpan a maldade coa enfermidade, o desorden co tamaño...

luns, 6 de maio de 2024

Versión gráfica de "A nosa cinza" de Xavier Alcalá

 Cinza de Manel Cráneo

Das súas declaracións: "Adaptar una novela como A Nosa Cinza, con más de 80.000 ejemplares vendidos, ao formato cómic ten sido unha gran responsabilidade", apunta Cráneo. "Foi un reto muy complicado". A Nosa Cinza é unha novela "moi valente" que "fai reflexionar sobre moitas cosas", relata; ambientada case na sua totalidade en Ferrol, nos anos 50 e 60, e publicada a mediados dos 70. É unha peza "realista con toques melodramáticos" que recolle a vida adolescente na época franquista e as experiencias da mocidade, como o primeiro encontro co amor ou a relación coa morte, moi presente na obra, suliña Cráneo. De feito, durante moitos anos foi un libro recomendado en centros escolares e é un dos máis lidos por adolescentes galegos. "É unha das tres novelas máis vendidas da literatura galega", concreta.  Cinza está chea de escenarios ferrolás, como a praza de Amboage, a plaza de España ou o instituto Concepción Arenal." 

Da presentación editorial:  "Cinza é a adapatación de Manel Cráneo do "long-seller" A nosa cinza, de Xavier Alcalá, con máis de 80000 exemplares vendidos. Conta a vida de Xoán, un rapaz criado durante a ditadura franquista, orfo de nai, fillo de médico, de familia galeguista. Durante dez cursos escolares na cidade, con vacacións na aldea, que se vai convertendo nun lugar de moda para o veraneo, vemos a Xoán medrar no duro contexto do seu tempo. Os anos de escola e instituto marcan a transición do neno inocente ao mozo que se ha de enfrontar aos designios da vida para cortar o cordón umbilical coa súa familia. Cinza e unha obra univesal e intemporal chea de referencias polos temas que a vertebran: a morte, o sexo, a amizade, os excesos da relixión e a dureza dun réxime totalitario. A morte asalta o protagonista desde cativo; o sexo xórdelle como premio inalcanzable; a amizade corre paralela a unha violencia que ensombrece a vida do neno e do adolescente; o fundamentalismo relixioso acosa, abafa os sentimentos; imponse a Formación do Espiríto Nacional Católico empeñado en agochar o galeguismo.

De Tempos dixital enlazamos unha crítica de Manuerl Forcadela.

domingo, 5 de maio de 2024

Novela para lectorado experto ou moi bo lector autónomo

Varias obras:

Un choque inesperado de María Reimóndez, cunha fermosa dedicatoria "Este foi tamén o derradeiro libro meu que leu a miña mai María José Meilán e sen ela a escrita será máis solitaria. Por iso conto con vós máis que nunca para acompañala!" Unha cidade, Lugo, catro rapazas: Ada (unha xenia da computación e a informática), Xela (unha lingüísta sen parangón), Lily (unha mestra da enxeñería), Mercy (un prodixio deportivo); así as define a autora nas primeiras páxinas, pero son moito máis ca iso, unha é cega, outra leva unhas pernas protésicas... pero ademais a súa procedencia tamén é dispar (étnia xitana, árabe, chinesa...), persoas non normativas, disidentes sexuais e mundos dos que fuxir, cheos de eucaliptos e incendios, con robots e control absoluto, sen animais... 

Un tempo futuro (despois da Gran Pandemia), no que a cidade está entregada ao turismo (servir a outros), controlada pola intelixencia artificial ou por seres que a controlan e son do peor. Dise que só o centro de día e o tanatario están pensados para os que viven na cidade, o demais está dirixido aos que veñen de visita e, polo tanto, van de paso e sen preocuparse do que deixan. Unha análise que semella feita para Compostela, para todas esas tendas de recordos barateiros que fan desaparecer o tecido comercial que existía ata hai pouco tempo. Grandez monopolios dominan o mercado. O que está claro é que esas catro mozotas, e as dúas nenas que viven na natureza, poden virar o rumbo dese mundo que semella inamovible. A novela ten esa virtude de tratar turismo masificado e desaparición doutras economías, o sistema de decisión familiar na escola ("que as familias con cartos, brancas, de clase media, votaban e por suposto escollían unha e outra vez que as xitanas coma Mercy non estiveses nas súas clases", refugallo, gueto argumentando que esas medidas se tomaban para darlles máis espazo de aprendizaxe axustada), as barreiras que lle dificultan a vida ás persoas non normativas,a  relación entre as linguas e o poder, as discriminacións que só semellan percibir as persoas discriminadas...   Como sempre, a autora dá xogo para o tratamento de todas as diversidades, da ética e a política, da lingua e o humano... As ilustracións son de Julia Lago, no seu estilo propio.

Tres segundos na zona de Xabier López. Unha novela de BALONCESTO subtitúlana. E diso vai, dun rapaz que coma seu pai é afeccionado a ese deporte, que xoga e non o fai mal, pero que unha e outra vez é castigado por quedar máis de tres minutos na zona sendo pivote.... de como súa irmá tenta axudalo tocando unha bocina para avisarlle pero como isto non vale cando hai moito ruído e... ao final atopan outra solución. 

Así se presenta: "Roberto non é o primeiro da casa en xogar ao baloncesto, pero si quen máis problemas ten cos «tres segundos na zona». Conseguirá a súa adestradora que os árbitros nos llos volvan pitar? Será a súa irmá quen dea cunha solución? Logrará o ADAB CLUB facer un bo campionato a pesar de todo? Dende o frío inverno de 1891, cando James Naismith inventou o noso deporte favorito, non se viu nada igual. Ou si?"

As ilustracións son de Michel Casado

Igual poucas noces, pero moito deporte.

venres, 3 de maio de 2024

Os contos da Moura. As ensinanzas da deusa

 

De Rafael Quintiá era tamén A moura que creou o mundo. O mito galego da creación con ilustracións de Miguel Peralta de Cestola na cachola. Agora presenta O desencantamento. Unha historia de valor e decisión, publicado por Miudiño.

Conta que "Brais é un rapaz coma calquera outro rapaz dunha aldea galega. As fins de semana adoita ir co gando a un lugar chamado “Outeiro das Mouras”. Era un lugar estraño, con penedos cheos de debuxos gravados…Quen serían esas mouras que lle daban nome ao lugar?

A poética narrativa de Rafael Quintía xunto as fermosas ilustracións de Miguel Peralta, fan deste un libro único, unha marabilla para os sentidos de nenos, nenas, vellos e vellas que queiran gozar da reconexión coa tradición oral e a mitoloxía galega.

Dende a fermosura narrativa da tradición oral, a colección “Os contos da Moura” busca xerar un novo espazo para a posta en valor da nosa mitoloxía, dos contos e lendas repartidos por todo o territorio galego.

“O desencantamento” é ademais unha co-edición realizada entre Ab Origine SLL e Miudiño S.Coop Galega, colaborando exclusivamente con empresas da economía social de Galicia, mostrando que a través da cooperación podemos conseguir resultados orixinais e de alto valor engadido. Desta volta, acompañados por Cestola na Cachola, Catro Ventos e Gráficas Anduriña"

Unha lenda e unha ilustración que funciona moi ben agás á hora de colocar zocas en vez de zocos á criatura. Unha ensinanza ou varias: que todo o mundo merece unha segunda oportunidade, ás veces para conseguir o que máis desexas tes que vencer primeiro os teus temores, que na vida non hai que ter medo a enfrontarse ao descoñecido e que cando desexas algo debes ir por iso sen medo e confiando no que es e no que podes facer...