domingo, 23 de maio de 2021

Libros moi variados

 

 

Varios libros que non poderían ser máis diferentes. Ou si. Por unha banda, Un mundo para Maruxa con texto e ilustracións de Estefanía Padullés publicado por Belagua. Unha historia que busca espandir os valores medio ambientais e apoiar o activismo infantil neste senso. "Unha mañá, o barco pesqueiro do pai de Iria trae ao porto a Maruxa, unha londra que ten que ser atendida no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre. Iria descubrirá entón o perigo dos plásticos para os animais mariños e o seu impacto medioambiental nos océanos, polo que porá en marcha un plan para salvar o planeta. 

Como vai cambiar a vida de Iria a partir dese intre? Poderá conseguir o que se propoña?" Cambia totalmente, pero non só o seu, coas persoas maiores da residencia, coas compañeiras e compañeiros do centro educativo e coas persoas traballadoras do Centro de Recuperación de Fauna, conseguirán transformar a situación, comezando polo máis próximo... e quen sabe ata onde pode chegar a onda espansiva desta boa xente.

O libro, que defende valores ambientais, mooi claramente, toma a broma o activismo dunha profesora que leva á rapazada a traballar cos maiores, ese forma de buscar o apoio da rapazada poñendo en entredito a unha profesora e unha actividade, non me semella nada interesante, esa crítica máis ou menos velada non se pode tomar a broma porque nesa orde de cousas sería tamén risible o que se fai para defender aos animais ou para eliminar o consumo de plásticos. Nalgún sitio debe quedar claro que hai que reprensar as actividades a realizar coas persoas maiores pero non ridiculizar a quen o intenta.

O espazo de fóra. Unha aventura doutra dimensión de Martin Sodomka, traducido por María Reimóndez e publicado por Baía. A aventura duns amigos que estudan no Liceo de Matemática e Física e andan a reunirse na cabana dunha horta urbana para deseñar un foguete que poda voar a afastados planetas, o seu encontro cun par de seres doutro planeta que viaxan no tempo e os cambios que se producirán na súa vida. A historia de ficción vai escrita sobre fondo branco e con ilustarcións a debuxo, pero ao seu lado asistimos a unhas clases de física que se achegan a unha explicacion do que se trata na ficción; polo tanto, esta vai ao lado da divulgación científica (sobre fondo negro) na que os debuxos, gráficos, planos atenden á divulgación científica e non á expresión artística. Unha mestura de texto expositivo e narrativo, de libro narrativo e de divulgación científica.

de Manuel Gago que chega a nós coeditado por Atlántica Festival Internacional de Narración Oral e libraría Couceiro. "Trátase dun libro que inaugura as palabras escritas dun festival falado pois leva as palabras faladas (historias familiares, vellas lendas, especulacións tabernarias) ao corazón dunha casa de papel" aparece nunha das lapelas. O autor fai un percorrindo buscando os pantasmas dos castelos, pazos e casas palacegas galegas que aparecen tan asiduamente noutros lugares como Escocia, e partindo da cantidade de historias de aparecidos que se moven entre nós. Conclúe que "para consruír o país, fidalgos e señoritos decidiron agacharse eles mesmos detrás do indíxen, do paisano supostamente depositacio das esencias nacionais. Que a clase alta ou os dirixentes se agachen detás de alguén para manobrar discretamente non nos debera sorprender: é unha característica propia dos dirixentes de Galicia desde finais da Idade media ata o presente". A referencia ao xornalista Neira de Mosquera, o creador da interpretación romántica de Santiago en palabras de Otero Pedrayo e que fala así "nós formulamos un sistema simultáneo de escribir a historia coas galas da fantasía e os apuntamentos dos arquivos e das bibliotecas proporcionando ao fondo das crónicas, a forma das lendas". Pregúntase o autor se este texto seu non podería ser unha homenaxe a este home que reinventou os relatos de Galicia, xogando como el a ensarillar un texto de a cabalo entre a documentación histórica, a imaxinación colectiva, a memoria familiar e a ficción literaria. Porque Neira monta en Galicia o equivalente ás novelas de Walter Scott e do Vizconde de Alicourt, o anuncio do Rexurdimento nesa mestura de fantasía e realidade, a hsitoria do país que ata daquela era unha colección de santos  vellos anais e cronicóns moi estilo Antigo Réxime soterrados no fondo das bibliotecas particulares lévaa NdM ao conto preparado para o gusto popular. Os pantasmas das casas señoriais pero tamén das igrexas e mosteiros, ata dos barrios, as sociedades espiritistas, as masónicas... Valle Inclán paseando por esa espazo do misterio nun tempo que se prestaba ao esoterismo, a súa fascinación polas ciencias ocultas, médiums e teósofos. Móstranos Gago a historia do hermafrodita Babel, o que vén deses tempos, fala todas as linguas 

Percorren o texto tamén Avelina Valladares, Xoán Tuórum, Berenguel de Landoira... As lendas urbanas. Porque as pantasmas sn coma os cans ou os bebés agárranse a algunhas persoas porque recoñecen nela algo que non ven nos demais, sen que consigas explicarte o que é, se cadra non nos v´en só a nós e nós andamos nunha comapaña invisible polo mundo. E Gago atopa o que busca incluso en espazos tan actuais como o antigo Localia ou o CGAC cunha instalación de Barbi (A volta dos nove) na que lle toca concluír que quizáis as pantasmas non pertenzan só aos lugares senón tamén as imaxes (por exemplo as fotos). Pasar polas loitas medievais e a memoria histórica. Nóvoa Santos nunha conferencia sobre os límites da ciencia, definiu a conciencia humana como "un fragmento do que nos envolve por todas partes, que nos penetra intimamente e do que se estende máis alá das remotas fronteiras do descoñecido", acusado pola igrexa de ter caído no abismo do panteísmo, porque NS tamén escribiu "Os seres queridos que fuxiron para sempre do noso carón, viven realmente en nós..., tropezámolos todos os días... Están en nós mesmos, áxiles, inquedos, palpitantes. Deixaron no noso ser tan profundas pegadas, tanto corazón, tanto espírito, que eels continúan vivindo en nós... valaquí a máxima consolación á que podemos aspirar: a permanecer unidos aos nosos mortos mentres vivamos". O que non ode ser definido pero si sentido,a  disolución serena do eu na procesión eterna das ánimas que moran nos camiños, na terra que conforma todo.

Cada cousa que vemos oculta outra (Magrite). O coñecemento non depende tanto das respostas como das preguntas, que son as que marcan o campo de xogo.  Cando comezas a investigar un tema, pareces convocar todos os acontecementos para que sucedan o seu redor. Cando se escava por parte dos arqueólogos, as historias de nouros desaparecen ante o discurso científico, cando volven a quedar a monte vólvese un non-lugar, o mítico e o científico sucedéndose, tamérn se perdeu en Compostela a memoria do espazo de conflito, de poder político e de construción dunha idea de país. Gago e Carlos Núñez a diferenza entre os países atlánticos e o noso, o deles é só escenario porque a súa tradición está morta, recuperan as tradicións que escribiron os etnógrafos de séculos pasados e non das voces vivas -como no noso caso- que aínda moldean as historias coma o barro, promocionan as pantasmas porque están mortas porque perderon o río de sangue que neste país aínda as une a nós. (case todo son palabras de Gago)



mércores, 19 de maio de 2021

Gianni Rodari, sempre

Un novo libro de Rodari, neste caso na colección 7 leguas de Kalandraka. Un libro que chega coas ilustracións de Federico Delicado que acaba de recibir o premio Lazarillo a Álbum Ilustrado 2020 e que tamén recibiu o premio Internacional Compostela por Ícaro. Un libro que leva o logo de 100 Gianni Rodari para lembrar que no 2020 cumpriuse un século do seu nacemento. Este mago das letras infantís, xa conta con bastante obra traducida ao galego, conta en Kalandraka con Gelsomino no país dos mentiráns, Era dúas veces o barón Lamberto, Que fai falta?, Inventando número, Gramática da fantasía, Contos por teléfono, Confundindo historias e agora acaba de aparecer Axente X-99. Contos e versos do espazoSete capítulos nos que o Axente X-99 (que recibe o seu nome, do tempo que pasou traballando como gardián do radiofaro no asterioide X-99) vai contando as súas expedicións a outros planetas dende a súa base para dar conta do que alí sucedía e faino como se respondera a unha entrevista. Así, vai saíndo á luz a súa relación coa compañeira que alivia a súa soidade (a cabra Renata, da que non se separa porque adora o seu leite) e o paso polo planeta Miro onde uns simios coñecen o lume grazas a el e acaban creando unha industria alimentaria, ao planeta vexetal Parco onde as árbores teñen unha linguaxe propia que acabará descubrindo, ao planeta dos xoguetes habitado por nenos e nenas que están alí como de campamento pero absolutamente sós, o encontro coas arañas do cosmos, a viaxe a Kama onde descobre a intelixencia das abellas que lle salvan a vida conducíndoo a un búnker e sinalándolle o camiño á cidade, ou de cando foron visitados por uns habitantes de Noot que pretendían chantaxear ás autoridades do seu país pero desistiron cando coñeceron a cabra e se puxeron a adorala pensando que lles traía unha mensaxe dende o país dos deuses, a viaxe ao planeta Osiris e a descuberta da función das bolsas de plástico que cada habitante levaba colgada da cintura... porque no universo hai de todo e para todos os gustos, só fai falta unha imaxinación como a de Rodari para crear mundos espectaculares. O importante aquí, é ter atopado o ilustrador capaz de acompañalo nesta aventura, de ter garuxado un par de personaxes astronautas que se moven polo espazo entre a estética do pasado e a do futuro, como atendendo á fantasía dos que nos antecederon na creación de mundos futuros. esa idea percorre as páxinas, como o fai o longo nariz de X-99 que ten un aire a Pinocho e as súas mentiras. A seguir, quince "Poemas para rir do planeta das árbores de Nadal" nos que o absurdo e o humor ocupan un bo espazo. E atopamos entre as rimas dende unha tenda de narices para mercar a que gustes, unha guía telefónica para atender todas as consultas, unha meiga espacial e un garda de tráfico, un duelo de palabras case a modo de binomio fantástico, unha ensalada de contos, un elefante mentirán ou uns cabaliños de atracción que sempre se consideran ganadores, o paseo dos números 8 e 4, o que peta pedindo permiso para saír da súa casa, unha adiviña... ou este que me gusta moito:

A palabra "palacio". Este era un cabaleiro / que á palabra "palacio" / marchou vivir de alugeurio. / Alí non tiña paredes / e zafreaba o vento. / Tampouco non tiña teito / e chovía arreo dentro. /Daquela a aquel señor / ocorréuselle vestir / outra palabra: "abrigo", / pero a auga e a tramontanan/ chegábanlle ao embigo. / Por estar sepre mollado, / colleu un bo arrefriado. / Por volta dunha semana, / tomou a palabra "menciña" (acotío á tardiña). / Todo aquilo rematou / cando a Cruz Vermella chegou. / De non lle ir, polo tanto, / estaría soterrado / na palabra "camposanto".    

 


domingo, 16 de maio de 2021

Un libro de Xela Arias para a infancia

Non te amola! é un inédito co que nos sorprenderon neste ano de Xela Arias.

Un libro ilustrado por Luz Beloso no estilo característico que sitúa as imaxes no camiño dos bonecos con "coloretes" e ás veces levándoos a un xogo volumétrico que fai que se asemellen a marionetas de madeira. Hai algo que me sorprende e non sei se responde a unha actualización dirixida do texto e son un par de ilustracións nas que a imaxe non atende ás descricións do autora, nun caso cando fala do pano da cabeza da tía Irene e noutro cando cita unha imaxe da nena e a avoa  movendo, cun garabullo, as brasas do lume na lareira. Unha edición moi coidada, nese formato que Galaxia está probando con determiandos LIbros para compartir cunhas gardas dunha paisaxe que pode ser a de Ortoá sobrevoada por libros e follas e unhas separacións de capítulos a modo de papel pintado.

A historia, que Darío o fillo, define como tenra, é un percorrido pola infancia de Xela, por esas lembranzas e descubertas que comparte. Dende o primeiro capítulo onde decide escribir un libro porque xa ten nove anos e algo haberá que facer; un libro nunha casa de libros, onde cada un dos irmáns se relaciona dunha maneira especial con eles. Un libro no que contar o pouso que queda unha vez atravesada esa etapa, a relación coa familia (e, especialmente, cos avós), co alumnado do pai, os xogos da rapazada e as pelexas entre pandas, o traslado á cidade... e deténdose nese momento no que descobre que as nenas maduran antes que os nenos e polo tanto deberían acadar con anticipación a maioría de idade sen ter que andar agardando por eles. A reivindicación, a rebeldía da muller que formou parte da Burla Negra e o Non á guerra, espertando na idade temperá e facendo valer a igualdade.

xoves, 13 de maio de 2021

Os libros de Frédérick Stehr

 

Kalandraka acaba de publicar para as criaturiñas un par de libros ben gustosos. Libros de cartón para prelectorado, libros cheos de repeticións e acumulacións

Libros de animaliños (aves neste caso) nos que as crianzas se ven representadas, porque coma eles son pequenos, van facendo descubertas e probando o que poden facer, van enredando e experimentando mentres pasan do real ao imaxinario, imitando situacións ou poñéndose na pel doutros, desenvolvendo destrezas e formándose unha imaxe do mundo... porque o xogo é algo tremendamente serio para elas.

Dous libros de Frédérick Stehr protagonizados por crías de paxaros nunhas historias que achegan a boa convivencia, o bo trato. En Chin Bam Bum comeza un deles a tocar cunhas culleres de pau nun cazo, cando chega outro e lle pregunta: "Que estás a facer?"  O primeiro contesta: "Música"; daquela dille "Espera, que agora veño" para unirse cun par de testos, e así sumaranse un a un traendo novos útiles de cociña e inventando un novo ritmo, cada un ó seu nunha orquestra feliz que vai en aumento... ata que chega a nai, recolle os instrumentos e lles cambia a actividade por unha merenda, pero... mañá será outro día para probar unha nova arte. É o que ten o xogo e as reunións de pequerrechos, pero sobre todo a sensiblidade dun autor que semella entendelos á perfección e transmitir a través destes pequenos animais o que senten e o que lles interesa. Agarimo, sensibilidade e tenrura, emocións a flor de pel que nos remiten á primeira infancia. Repeticións que non aburren, experimentación, indagación e o recoñecemento da contorna.

No caso de O día das apertas, a dozura aínda é maior porque os abrazos é o que teñen! Esa almofada, mantiña ou tela á que se prenden os pequerrechos e pequerrechas e levan con eles dun lugar a outro; iso que abrazan, arrecenden e os fai sentir ben... pois así comeza a historia, cun deles apreixando a almofada dicindo que é a súa peluche, o que vén despois apúntase a sentir ese gusto que os fai rosmar traendo a súa peza, e o terceiro, e o cuarto... ata que chega o seguinte que non repite "Vou buscar a miña peluche e xa veño" senón "Pero eu non teño peluche" daquela é coma se el se convertera na peluche do grupo porque decidiron que hoxe é o día de lles dar apertas aos amigos e iso tamén é moi pero que moi gustoso. As sensacións acompañando os vínculos e todo se fai entrañable. Un marabilloso xogo de afectos e sensacións.



martes, 11 de maio de 2021

A miña primeira novela do... Salvaxe Oeste / de Maxia

As probas do mago pertence á colección A miña primeira novela de maxia, da editorial Contos Estraños. Está escrita por Vanesa Santiago e ilustrada por Iago Torres (debuxos a carbanciño clásicos).

En Arde Lucus, o protagonista coñece a un druída (do que pensa que é actor) que o chama polo nome e lle envía saúdos para a nai. A partir de aí a historia vai por outros camiños, irán visitar á avoa ao Courel, atoparán de novo a mago Roque Duasaugas e a unha rapaza da súa idade coa que ha de enfrontarse na resolución de tres probas para ver cal deles será o aprendiz de mago ao que este lle ensine o que sabe. Percorren Galicia para resolver o enigma, polo camiño Fuco coñecerá ao pai e descubrirá que o mellor dos poderes é poder compartilos.  Cada vez que na historia aparece un tema do que se considera que o lectorado poda ter interese en saber algo máis, unha páxina recolle o debuxo dun móbil e na pantalla debaixo do título (Canto sabesde historia? / Canto sabes de cultura popular / Canto sabes da natureza / Canto sabes sobre outros países...), o tema (vodú, druídas, Pico Sacro, Camo Lameiro, mouros e mouras...) unha breve explicación e un código QR para acceder a máis información.

No seguinte libro, Pegadas de búfalo, non contaremos con esta especie de hipervínculo pero si con páxinas onde se explican elementos e personaxes moi vinculados ao Oeste como sheriff, banxo, squaw, papoose, síux, Tío Sam, Gran Pai Branco de Washington, Custer, Touro Sentado...  A historia dunha familia que chega ao Oeste despois de mercar unha terras e atopa todo tipo de dificultades pero non por parte dos indios (aos que lle botan as culpas) senón de xente sen escrúpulos que quere quedarse coas terras e botalos fóra, a protagonista, unha nena, farase amiga dun indio e xuntos descubrirán toda a trama, iso si, coa axuda do sheriff e de todo o pobo que está disposto a defender o seu dereito a vivir a en paz.  Coñeceremos máis através da entrevista ao seu autor, Tomás Rivera.

Unha e outra obra pertencen á colección A miña primeira novela de


domingo, 9 de maio de 2021

O libro dalguén que anda polas redes

 

Identidade de Nee Barros Fernández, publicado por Galaxia, na colección Costa Oeste. A través do hiperenlace podemos acceder ao canal de vídeos de Nee Barros que se recoñece como Neumatiko e onde vemos como vai analizando o programa de 2º de bacharelato de Literatura Galega e outros de recomendacións de libros actuais, música, retos, iniciativas, certames literarios...

Da presentación editorial:  “A normalidade do non-común"  Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”?  Zé, o noso protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón."

Manrique Fernández en Comarcas na rede, engade máis explicación (que coloco en lugar da miña porque me semella moi acertada): "Para entendelo mellor, haberá que aclarar que o protagonista desta peza é Zé, un mozo que anda na procura da súa identidade nun entorno que non acaba de entender que, nacendo María como naceu, agora pretenda asumir un rol diferente ao que lle foi asignado por unha tradición difícil de quebrar. Poucos ao seu arredor comprenden que, nacendo muller, se comporte coma se fose un rapaz e ata pretenda trocar o seu nome orixinario. Pero Zé mantense firme nunha convicción que, aos poucos, terá que transmitir ao seu entorno para que a convivencia sexa o máis cómoda posible para todos.  A historia en si é toda unha reivindicación da liberdade de elección e da necesidade de sentirse cómodo con un mesmo, pense o entorno o que queira pensar. Zé vese marcado por un nacemento no que, obviamente, nada tivo que dicir, pero que determinou o comportamento do seu entorno cara a el e mesmo o seu propio xeito de se comportar. E non estamos a falar de identidade sexual, senón de algo que transcende esas limitacións e afecta ao noso comportamento como persoas, capaces de superar as barreiras de xénero e de aceptar que mesmo esas identidades non-comúns que se citan no subtítulo, poden converterse en normais se lles damos a oportunidade. No fondo, é aquela máxima de “Vive e deixa vivir” que a sabedoría popular atribúe ao poeta F. von Schiller.". Tamén cita este autor algo que é un dos acertos da obra: "O acerto de simbolizar a cegueira da sociedade cara ao que Zé sente a través de vendas negras que tapan os ollos dos actores e que os protagonistas terán que axudar a tirar, coido que é un dos máis relevantes"

 

mércores, 5 de maio de 2021

Dona Emilia, no centenario da morte

Emilia Pardo Bazán foi desas mulleres pioneiras que abriron camiño ás seguintes. Fíxoo no campo da literatura pero tamén no das institucións onde tivo que loitar por entrar con gran esforzo.

Da wikipedia recollemos: "novelista, xornalista, feminista, ensaísta, crítica literaria, poetisa, dramaturga, traductora, editora, catedrática e conferenciante española, introductora do naturalismo". A primeira muller en presidir a sección de literatura do Ateneo de Madrid e a primeira en ocupar unha cátedra de literaturas neolatinas na Universidade Central de Madrid en 1916 ademáis de ser nomeada en 1910 Consejera de Instrucción Pública por Alfonso XIII. Unha adiantada ao seu tempo a moitos niveis.

Este ano, cando se cumpre un século da súa morte, lémbrase a súa figura mediante exposición e outros eventos. Aquí, queremos lembrar que un par de libros dirixidos á infancia se fixeron cargo da súa biografía. Por un lado, Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros, da autoría de María Xosé Queizán e publicada por Xerais na colección Sopa de Libros. O outro acaba de saír do forno, Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa da autoría de María Canosa con ilustracións de Bea Gregores e publicado po Bululú. Unha biografía na que se presentan unha serie de momentos da súa vida que permitirán achegarse a un universo persoal único e abandeirado. Por medio deses retallos imos seguindo a súa vida e obra, viaxes e situacións familiares e persoais, así como a súa relación cos intelectuais do seu tempo. A autora consegue o tono para o relato histórico e remata cunhas notas nas que sintetiza e recolle uns apuntamentos a ter en conta. Unha magnífica edición!