mércores, 30 de marzo de 2022

E... un álbum para a paz

Mañá vén meu tío de Sebastián Santana Camargo, publicado por Galaxia.  Un libro moi especial, absolutamente minimalista, nos textos e as imaxes, pero especial, sobre todo, porque "está pensado para quen por causa de desaparicións forzosas nunca puideron chegar". Si, unha cadeira fronte a unha porta, un neno que se senta a agardar e vai dicindo que é estupendo que veña seu tío porque así ensinaralle a parar penaltis... conforme medra vai cambiando as razóns: contaralle cousas da súa moza, presentaralle o seu fillo, ao seu neto... ata que o que agarda desaparece e queda (unicamente) a cadeira fronte á porta. Non se pode dicir máis con menos. 

Un libro para traballar a paz, a democracia, os límites á maldade humana. Unha obra imprescindible.

Este álbum, xunto con Imaxinando un mundo novo (para ti) están moi indicados para traballar paz, en calquera idade. Será cuestión de telos en conta.

martes, 29 de marzo de 2022

Máis libros infantís

Madeira e metal de Laura Rey Pasandín, ilustrado por Laura Romero (debuxos con colaxe no seu estilo propio) e publicado por Baía. Unha nena da aldea, acostumada a gozar de todo o que a natureza lle presta, ten que marchar á cidade coa familia. Bota de menos os sons da aldea, lémbraos. Cando pensa en como facía equilibrios sobre un barril de madeira e metal, pensa en facer algo que lle traia eses sons e constrúe unha pandeireta. Agora, despois do éxito das Tanxugueiras, é o momento de emborcarse neste libro e animar a toda a rapazada a cantar e tocar os sons da aldea e das maiores.

Diferentes diferenzas de Silvia Penade e Emilio Urberuaga (aínda que o mellor sería colocar os nomes ao revés), publicado por Bululú. Unha sucesión de persoas, animais e cousas diferentes ao que poderiamos considerar convencionais, e ás que non lles importa (para nada!) ser distintas. Sen máis.

sábado, 26 de marzo de 2022

Unha tradución

Mima, Robot e o Libro máxico de Monserrat Galícia, ilustrado por Ona Caussa e traducido por Carmen Paris, foi publicado por Tambre en 2020. Unha nena que vive cun robot acaba de cumprir nove anos; recibe dous agasallos: un canciño (Boliña) e un libro máxico que se vai escribindo conforme se precisa a información. Ao día seguinte van río arriba no barco do tío Onofrio, cara a Cidade da Maxia. Nela buscan unha madriña; a Fada Xenerosa que Mima precisa para que lle faga unhas lentes. Coas lentes postas, a nena pode ler a primeira historia que aparece no libro, o seu pasado, a historia da morte do pai e a desaparición da pequena no río. Agora deben buscar a nai, unha bibliotecaria de Tec. Continúan a viaxe río arriba pero atoparán un problema cando descobren que Robot está sendo buscado e teñen que rescatalo dos seus antigos donos. A bibliotecaria marchou de Tec, así que deciden seguir buscando río arriba, chegan ao País das Vacas no que nin os robots nin os obxectos derivados do chamado progreso son ben recibidos, e alí van atopar algo que converte a historia nun conto de princesas.

Unha boa narración, ben contada, que nos leva de viaxe por un río con diferentes cidades e mundos que van dende a realidade á fantasía máis absoluta.

mércores, 23 de marzo de 2022

Unha de indios na vida diaria: A gran tribo, un álbum ilustrado

A gran tribo, un álbum ilustrado de Triqueta Verde. Convídovos a velo, a mirala e lelo, a ver como fan corresponder o texto coa imaxe dunha maneira lúdica e divertida. Nunca se nos tería ocorrido que se puidera facer, pero é posible e consígueno. Como se foran indios, pero non o son. Como se foran tempos pasados pero están no presente.

Comezamos: Lemos (O gran xefe Lobovalente faime sinais de fume: é hora de se erguer). Vemos (o pai na cociña facendo o almorzo e queimando as torradas, ese é o fume que lle chega ao protagonista ata a cama e o esperta)

Pasamos a folla. Lemos (Logo de colocármonos as nosas peles e colgantes comeza o ritual de despedida coa gran xefa Agiaguerreira. Vemos (o rapaz co mandilón posto, a mochila colgada e a nai despedíndose)

Pasamos a folla. Lemos (Cando estamos listos, dirixímonos cabalgando a nos reunir coa gran tribo, ao outro lado do río). Vemos(O pai leva nabicicleta ao neno, van felices cos cascos postos).

Pasamos a folla. Lemos (Antes de entrar en Terra Encantada, algúns membros da triboentoan con todas as súas forzas a coñecida cerimonia do pranto ata que por fin sae a recibirnos a gran xefa Sabetodo). Vemos (As familias despídense dos nenos e as nenas, algúns deles choran e berran pero xa aparece a mestra e vanse calmando)

Pasamos a folla. Lemos (Cando xa estamos dentro toda a tribo sentamos en círculo para recitar os cánticos de saúdo ao sol) Vemos (Todos e todas, en círculo cantando)

Pasamos a folla. Lemos (Despois a gran xefa Sabetodo ensínanos novas linguas, para que nos poidamos comunicar con outras tribos afastadas) Xa sabemos o que toca ver...

Pasamos a folla. Lemos (Aínda que pareza estraño, en Terra Encantada non nos ensinan a pescar nin a cazar) Vemos que observan o acuario, que coidan as plantas e acariñan os animais.

Pasamos a folla (Aprendemos divertidos bailes e danzas), Non fai falla explicar o que vemos

Pasamos a folla (aos membros da tribo encántanos facernos tatuaxes na pel) e vemos as pinturas polas caras e as mans.

Pasamos a folla (Nas chairas de Terra Encantada exploramos novos territorios mentres a gran xefa Sabetodo nos vixía) É a hora do recreo

Pasamos a folla (E, ás veces, facémolo con tantapaixón que o gran xefe Curatodo ten que nos vir socorrer.

Así, case sen nos decatar, vai rematando o día mentres o pasamos en grande en Terra Encantada.

Máis antes de que apareza a gran lúa no ceo, volve por min o gran xefe Lobovalente ara regresarmos cabalgando á casa.

Chamarlle Terra Encantada á Escola, desenvover o sentido de pertenza a esa gran tribo que é o grupo de clase... é unha verdadeira marabilla!!! Un libro que non se pode perder, do mestre de infantil, Juan Carlos Román, e a ilustradora Leire Martin. Unha metáfora, dúas lecturas: a das persoas adultas e a da rapazada.

sábado, 19 de marzo de 2022

Libros e máis libros

 
Pan con chocolate. A merenda de Gianni de Paula Carballeira con ilustracións de Xiana Teimoy. 
Tal como se di na presentación, este libro non conta unha historia senón moitas, a de Gianni Rodari abre a porta a moitas outras que xorden da creatividade de Paula. Está dedicado a todos os seus mestres da fantasía. Trata da defensa da lectura, porque cando lemos non sentimos a soidade, para vivir nos libros e na memoria, para que tanto quen escribe como quen le viva moitas vidas. 
A imaxinación da autora no ten límites, pode utilizar o binomio fantástico para crear pequenas historias con pan e chocolate, de forma que eles sexan os protagonistas, pero tamén pode contar esa historia na que choven cans e gatos ou pode explicarnos que lle gusta ou non aos gatos en relación á chuvia, ou falarnos das súas sete vidas, e todo porque Gianni tiña un gato que seu pai recolleu unha noite de chuvia. 
Unha ollada feminista e medio ambiental sobre cada unha das historias. A defensa do tren, das fábulas ou do oficio de ensinante. E así vai pasando por todos os oficios de Rodari (tamén xornalista) e todos os feitos que lle supuxeron algo importante na súa vida (como a guerra) e ata para despedirse, facelo cunha por cada día da semana.
Un xogo creativo de variados textos arredor Rodari, tal como el agradecería.
Ás veces chega a ti un libro que non é novidade pero que non coñecías e decides recollelo. Pasou con O medo de Mo, unha bruxiña pequena e bondadosa que ten medo dos nenos e nenos/as que teñen medo das bruxas. O típico asunto dos medos por descoñecemento, eses medos que se dilúen cando a xente se coñece. O mellor é que Mo vive nunha cunquiña na que a mantén gardada a súa amiga Violeta; con ela pérdelle o medo ao resto das bruxas grandes e malas, e acabará perdéndollo tamén á rapazada, cando a leva á escola e consegue que todos rían e ela máis ca ninguén. Cando se realice unha guía de emocións teremos que telo en conta...  O medo de Mo de Neira Cruz con ilustracións de Sara Rojo Pérez

xoves, 17 de marzo de 2022

Libros para cambiar o mundo, para poetizalo

Cambiemos o mundo con texto e imaxes dos nenos e nenas das bibliotecas públicas de Santiago de Compostela, Ourense, A Coruña e Pontevedra. O libro é o resultado dos traballos da rapazada participante nos obradoiros de educación ambiental do proxecto Reinventar o mundo. Editora Capicúa, 2021, ao abeiro do Xacobeo 2021.

Cancións para Ana Lúa de Xavier Seoane con ilustracións de Correa Corredoira. Dous autores de adultos levan a cabo un libro infantil. Da presentación editorial: "Hai quen oíu cantar o cervo. E sentiu o paso do unicornio. E viu saír a lúa do pozo. E coñeceu a existencia dos trevos de sete follas. Destas e moitas outras cousas fala este fermoso canto poético á infancia. Se a poesía é irmá da música, estes poemas, de ritmo tan marcado, son un cántico á maxia, á fantasía e á imaxinación dos nenos e nenas. Escritos polo poeta e escritor Xavier Seoane, están magnificamente ilustrados por un dos máis recoñecidos artistas galegos do noso tempo, Xavier Correa Corredoira, que soubo traducir os poemas en imaxes de alta creatividade, beleza e lirismo." No estilo propio de cada un dos dous, achegando ao libro infantil a súa maxia...

martes, 15 de marzo de 2022

Novela xuvenil: Os metrosiderais

Os metrosiderais de Héctor Cajaraville, publicada en oqueleo.

Dise: "Os Metrosiderais é unha aventura en que as persoas marxinadas, as diferentes, as que se afastan da norma… acaban demostrando o poder da unión por riba dos prexuízos". Continúa o resumo: "Estela, Kofuku, Li, Tomás e a súa cadela Lía conforman a Banda do Cigurat, un grupo de rapazas e rapaces que consolidaron a súa amizade nas clases de reforzo do instituto. Durante as vacacións de verán, os seus integrantes veranse somerxidos nunha emocionante investigación que crava as súas raíces, literalmente, na historia da Coruña, a cidade na que viven. Un astrolabio, unha viaxe en barco que partiu da Coruña hai cincocentos anos, un peculiar ancián envolto en misterio e intriga, un estraño diario e unha árbore que non debería estar aí, configuran a trama desta novela; ao longo das súas páxinas, os membros da Banda do Cigural deberán enfrontarse a un enigma que rodea a cidade herculina, e que foi pasando de xeración en xeración, ampliándose ao longo dos séculos."

De novo, acudimos á rapazada con dificultades como sucedeu en O grupo de An Alfaya ou Plan de rescate de Antía Yáñez. Li é fillo dos chineses que teñen unha tenda, Kofu ten a imaxe dunha moza do manga ou otaku, Estela leva roupa grande que semela ocultar a súa figura, Tom comunícase con eles por medio dun caderno, a el sempre o acompaña un can; seguún din o grupo de acosadoras "Marimacho e os seus lacaios: Limonciño, a Gueixa e Mudiño"; a filla dun maltratador, a dun suicida, un rapaz que non fala sen que se sepa a razón, un inmigrante de segunda xeración... erros da natureza, di a acosadora, pero eles serán os que destapen o misterio. Unha caixa de música que resulta ser un astrolabio, un barco -o San Lesmes- que navegaba alá polo 1525, o Tratado de Tordesillas, Nova Zelandia, o capitán do barco, o metrosidero, os maorís, a Irmandade Filantrópica, María Pita, Teresa Herrera, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega Concepción Arenal, María Barbeito, Isabel Zendal, Francisca Herrera... Todos teñen o seu lugar nesta historia na que a fantasía se mestura coa realidade.