domingo, 9 de agosto de 2026

Traducións (IV)

O segredo das abellas. Cienciépole de Ben Newman en Cumio. 

Despois da benvida a Cienciépole fálasenos do mundo dos bichos presentando diferentes especies de inxectos, para pasar, a continuación a entregarlle a palabra a un personaxe que nos introdue no mundo das abellas ao tempo que nos conta unha historia "pegañenta"  co mel como ingrediente dun misterio a resolver. Así, iremos coñecendo procesos como a polinización, diferentes tipos de abellas, en que consiste a súa defensa, como non correr perigo con elas, a construción das colmeas e as estruturas incribles que crean, a vida no panal e e o ciclo de vida, a comunicación entre abellas, as utilidades do mel e das abellas... para rematar falando do perigo dun  mundo sen abellas. Organizada a información en planas con unidade a pesar das diferenzas interiores.  

Da presentación editorial: "Bea Bee é unha abella solitaria cunha misión moi importante e precisa da túa axuda para resolver un gran misterio no Barrio dos Bichos! Mentres segue as pistas, descubrirás todo o que hai que saber sobre as abellas: desde os diferentes tipos que existen ata como viven, como se comunican e que podes facer ti para axudalas e coidalas.
«Cun estilo gráfico único e unha narración divertida, este libro espertará a curiosidade dos máis pequenos polas abellas e outros insectos. Unha historia doce, chea de información precisa sobre a natureza, para aprender gozando». Un libro único que mestura ficción e divulgación sobre o fascinante mundo natural das abellas." 

venres, 7 de agosto de 2026

Traducións (III)


O superlibro das profesións. Do pirata á muller bala de Mike Basfield e Franziska Hölbacher está publicado en Cumio.

Profesións disparatadas e presenza sorprendente (ou non) da muller en certos oficios. Organizada por capítulos baixo títulos como En movemento, Co corpo, Soñadas, Arriscadas, Extraordinarias, Conpetitivas, Artísticas, Desagradables, Pequenos grandes erros, A túa profesión perfecta... 

Comeza parabenizando a quen le por ter conseguido o impostantísimo posto de lector ou lectora xefe. Continúa coa historia de cada unha delas tratada con moito humor, coa información nunha páxina e os datos abraiantes na outra. No test final vas avanzando en base ás respostas que escolles e que che van remitindo ás paxinas nas que tes información sobre ese campo.

Diferentes tipografías, moitas cores, formatos diferentes... buscando a atención.  

Da presentación editorial:"Mensaxeiros incas correndo polos Andes, bufóns que facían rir a reis e raíñas, recolledores de excrementos, dobres de corpo... a historia está chea de oficios tan raros como sorprendentes! Nas súas páxinas descubrirás personaxes incribles como Bessie Coleman, a primeira piloto negra de acrobacias; Zazel, a primeira muller canón; o gran Houdini, mestre do escapismo; ou Marie Tussaud, que converteu a cera en arte. E non só iso: tamén atoparás animais que traballaban en misións asombrosas, como sapos ao servizo de estafadores médicos, ratas que localizaban minas ou cans que salvaban vidas advertindo de ataques con gas velenoso na Primeira Guerra Mundial. As ilustracións, cheas de cor e humor, converten cada historia nunha pequena aventura: algunhas páxinas semellan un cómic, outras un álbum ilustrado, sempre reflectindo a personalidade dos personaxes... e mesmo os animais contan a súa historia. Un percorrido sorprendente, divertido e cheo de anécdotas que fará rir tanto a pequenos como a maiores. E,para rematar, un test final moi especial axudarache a descubrir que profesión estraña sería a túa. 

mércores, 5 de agosto de 2026

Un novo título da colección Merlín


Criaturiña de Antonio M. Fraga está ilustrado por Santi Gutiérrez e publicado na colección Merlín de Xerais.

Da presentación editorial: "Ulises, un neno que adora a rutina e soña cunha vida tranquila, recibe un estraño ovo da súa tía Artemisa. Por outra parte, Francisco Bestilleiro, coñecido como o Efebeí, aspira a ser o mellor policía da vila, aínda que as súas misións sempre acaban en desastre total. Cando, na Noiteboa, do ovo sae unha criaturiña tan doce como perigosa, todo se complica: vampiros, cans desaparecidos, persecucións de Papá Noel e trufas de bacallau que poden cambiar o destino das persoas. Entre cartas, malentendidos e moito humor, Ulises e o Efebeí, xunto coa resabida Sabina, deberán resolver un misterio que mestura o absurdo co extraordinario. Unha aventura trepidante para rir a esgalla." 

Dúas historias que son unha: a contada en primeira persoa por Efebeí e dirixida ao seu admirado Chuck Norrias e a do neno Ulises dirixida á súa tía. 

A mesma historia contada dende dous puntos de vista. Por un lado un toleirón con pouca cabeza que accede ao Corpo de Policía Municipal do seu pobo por unha recomendación do mozo de súa nai e non fai máis que barbaridades buscando destacar no que el entende por cumprir co deber. Por outro, un rapaciño (que se apelida Cabal de primeiro e Ventureira de segundo), que se define como mortalmente aburrido e serio como seu pai pero que se ve involucrado nunha aventura tremenda despois de que a súa tía (a meirande representante da aventura) lle envía o ovo dunha criatura de especie extinguida. É Nadal, o neno e o policía, o ovo e a criatura quer nace del, a nena que acompaña ao neno, os pais ao seu el cociñando despois de volver do traballo de rexistrador da propiedade e ela atendendo a libraría Soños de papel que rexenta e grazas á que pode vivir todas as aventuras grazas ao libros. Dúas familias tan distinta que o rapaz está desconcertado. O humor moi presente, dende as situacións desatinadas as conversas de xordos nas que a nai do policía, xorda, entende todo como cadra e crea momentos dunha comicidade extrema. Unha criaturiña que pode medrar de forma desorbitada, que pode facer cousas inverosímiles pero que como estamos nun mundo de fantasía se poden amañar con boa intención. 

Para finalizar, están as cartas de resposta de Artemisa Ventureira ao seu sobriño e a da secretaria de Chuck Norris a Efebeí. Si, tal como agardades!

luns, 3 de agosto de 2026

Traducións (I)

 
Derradeira viaxe en tren de 

Da presentación editorial: "Despois de máis de corenta anos percorrendo o mesmo traxecto, don Toupo despídese do seu querido tren na súa derradeira viaxe. Mais desta volta algo é diferente: cada vagón esconde unha sorpresa... e, ao final, alguén moi especial o está a agardar. Un traxecto cheo de lembranzas, emocións e reencontros inesperados. Derradeira viaxe en tren é un álbum ilustrado único que invita a nenos e adultos a valorar as pequenas cousas da vida e as relacións que construímos co tempo. Unha historia chea de sensibilidade, que axudará aos máis pequenos a entender a importancia de quererse e coidarse a un mesmo, mentres desfrutan dunha viaxe literaria inesquecible." 

Don Toupo conduce o tren por dous traxectos: da Vila Azul ao Mar Branco atravesando o Bosque Verde, cruzando a Ponte Amarela e pasando polo Túnel Gris ou dende o Mar Branco á Vila Azul cruzando a Ponte Amarela e atravesando o Bosque Verde. Sabíaos de memoria. No tren viaxan diferentes animais. Nesta derradeira viaxe, a maquinista Osa dille que disfrute do traxecto e que vaia para o último vagón onde o agarda alguén moi importante, cando chega a el non ve a ninguén ata que van aparecendo: Mapache coa música, Leirón coas flores e Esquío coa tarta porque todos o queren felicitar e compartir esa viaxe con el. 

A estrela cos pés no chan de Olga de Dios está publicado por Apila.

Ilustracións realizadas con sprai e técnicas dixitais. Moi coloristas e case estilizadas con moito contraste. 

Da presentación editorial: "Eliximos o noso camiño? Unha aventura sobre dúbidas, riscos e solidariedade.
A historia dunha estrela valente e cos pés no chan. Este libro ten unha lectura enriquecida con luz ultravioleta. Non a perdas!"

Unha estrela que non fai coma as outras: brillar pola noite e durmir polo día. Case non dorme, pasa o tempo observando os planetas afastados. Quere coñecer o mundo e déixase caer a pesar da vertixe. Aparece no mar e alí coñece as estrelas de mar coas que intercambia saberes (ensínalles a brilar e elas a nadar), baixa ás profundidades escuras e acompaña aos que alí viven na procura da luz propia, logo explora a superficie aprendendo a camiñar e facendo brillar todo o que atopa ao seu paso. Percorre selvas, bosques, montañas... sobe ao pico máis alto e dálles as boas noites ás irmás estrelas e bótase a durmir cos pés no chan.