Datos do blog

xoves, 23 de febreiro de 2017

Poesía, cada día (1)



Poemas birollos para ler cos ollos de Fran Alonso, publicado na colección Sopa de libros de Xerais.
No estilo de O meu gato é un poeta e do Poetíz@te. Todo feito por Fran Alonso: o deseño, o texto, a ilustración e case a maquetación. Xogando coa caligrafía e a tipografía, cores, tamaños... 
Di que “é un libro de poesía infantil que parte dunha concepción lúdica, divertida e transgresora da poesía". Os poemas nacen de dúas fontes fundamentais: a poesía visual e a oralidade. Botando man do elemento gráfico para facer que os poemas se lean coma se fosen cadros e buscando a complicidade das cancións infantís, dos arrolos e das sortes. 
O poeta fai deste libro unha proposta sorprendente e modernizadora. O resultado é un libro moi accesible que sitúa a poesía moi próxima á sensibilidade das nenas e dos nenos de hoxe . El, no apartado “Escribiu e ilustrou...” comenta que o libro parte da súa reflexión acerca de que a poesía para as primeiras idades queda no convencional e está moi apegada á tradición, pero esquece que hai unha parte importante da poesía que é gráfica, é dicir, que se le coma se fose un cadro, coa vista.”, e tamén di (...) que no noso ámbito esta poesía ten dun déficit na incorporación da poesía visual e doutros achados importantes moi consolidados na poesía para adultos...” 
Poesía tipográfica con elementos gráficos, elaborada a través do ordenador e da manipulación fotográfica, que ao tempo lle dá moita importancia á oralidade. 
Na web atoparemos un videoxogo elaborado pola súa filla: Alma Alonso Costas. Dúas xeracións unidas pola poesía,e a lectura, sempre a lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario