Datos do blog

luns, 14 de febreiro de 2022

Dous álbumes cos afectos como núcleo temático

Na procura da illa do tesouro de Lizzy Stewart está publicado por Triqueta Verde. 

Así o presentan: "Matilda e o seu pai son MOI diferentes. Ela é rápida, el é lento. Matilda é metódica e el un pouquiño trapalleiro. Ela gosta do silencio e el é un tanto rebuldeiro.  Aínda así, deciden ir na procura dun tesouro agochado nunha illa perdida. Para iso seguen un mapa que Matilda ten, mais o seu pai, que é moi distraído, frustra continuamente os plans de Matilda. 

Serán capaces entre os dous de atopar o tesouro?" Un cambio de papeis, unha nena que semella máis responsable que un adulto que se vai despistando a cada instante, pero quérense moito e... ese tamén é un bo tesouro, porque cando se atopan a felicidade reaparece.  

O abrazo de Eoin Mclaughlin, publicado por Algar. Así o presentan: "Unha historia moi humana protagonizada por animais. Ourizo está triste. Tan triste, que só hai unha cousa que pode animalo: un abrazo. Mais ningún animal o quere abrazar. A Tartaruga pásalle exactamente o mesmo. Moucho vailles explicar que o problema é que Ourizo é aguzado de máis e Tartaruga osuda, demasiado osuda. Conseguirán o abrazo que tanto desexan? A tenrura deste libro vaite conquistar." 
Un libro ou dous libros porque se pode ler empezando por un lado ou polo outro (daquela terás que darlle a volta) e atoparanse compartindo as páxinas centrais. Unha boa historia cunha presentación diferente. Unha obra que semella pensada para estes tempos nos que todos necesitamos abrazos e todos os tememos pola proximidade dun virus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario