Datos do blog

mércores, 8 de outubro de 2025

A tenrura invadindo o álbum


Que precisa un gato pequeno de Natalia Shaloshvili está traducido por Irina Stepanova e publicado por Kalandraka.

Preséntase así: "Un álbum entrañable protagonizado por un gato rebuldeiro con gana de aventura e afectos. Quen ten dous ollos pequenos, dúas orellas pequenas, unha boca chea de dentes pequenos e afiados, uns bigotes grandes, un corpo con manchiñas, catro patas con gadoupas e un rabo? Un gato! E todos os gatos precisan correr, ir e volver, sentir a chuvia ou o vento, pasar medo, estar tristes (só un anaco), ter un teito onde acubillarse e, sobre todo, alguén grande ou pequeno que os queira.

Un novo traballo de Natalia Shaloshvili cun protagonista tenro e rebuldeiro co que lectores e lectoras se identificarán inmediatamente. Unha proposta ideal para a lectura compartida que transmite a importancia do xogo, a autonomía e a experiencia emocional na infancia, sen esquecer os afectos e o contacto cos outros, algo que necesitamos todos, grandes e pequenos."

Xogando coa tipografía (certos nomes en letra caligráfica) váisenos presentando o gatiño con palabras nunha páxina para facelo na outra mediante o debuxo. Unhas ilustracións a base de manchas, moi expresivas e doces que nos van levando a querer ese gatiño, dispostos a seguilo polas páxinas nas que os paxaros o acompañan mentres se move entra augas e flores. Buscarémolo en cada plana, ás veces case se nos agacha e semella que andamos buscando a Wally, pero acabamos atopándoo e seguímolo mentres le, ten medo da escuridade e se abraza a ese pequeno humano para escoitar xuntos os latidos dos corazóns e sentir esas mans que acarician mentres o mundo segue o seu curso.

Falar de que se sente, dos afectos, das emocións... é máis necesario que nunca, para continuar sendo humanos, para que nos importe o que pasa, para que a indiferencia non nos gane.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario