A pequena osa quere xogar de Iago López e Olaia Naveiras é un álbum ilustrado publicado por Xerais,
Da presentación editorial: "A pequena osa quere xogar ao balón, igual ca os xabarís, pero na fraga non paran de dicirlle que iso non é para ela". "A pequena osa non é como din que debería ser. Por que non pode xogar ao que ela queira?".
Son os maís pequenos os que aínda non teñen asumidos os prexuízos e se atreven a soñar sen cortapisas, por iso a osiña non entende que lle digan que non pode xogar fútbo, coma os xabarís: "as osas non podedes xogar ao fútbol porque para iso hai que ser forte e valente, ti es sensible coma unha flor e fráxil coma as ás dunha bolboreta, es suave e delicada non audaz e atrevida, as osas sempre se dedicaron a outros quefaceres... Corvos, toupa, coello e serpe case a convencen de que non vale para xogar fútbol, que o que ela ten que facer é recoller os amorodos que comerán os xogadores despois do partido, a auga que beberán ou recoller o mel que os xabarís lamberán para recuperar forzas. Menos mal que un pequeno xabarín aparece convidándoa a xogar cando ela xa dubida de si mesma, menos mal que a avoa osa a obriga a verse de novo tal como é: forte e decidida. A historia remata ben porque así debe ser, porque a pequena osa non pode perder a confianza en si mesma, porque non poden seguir ganando as forzas conservadoras.
Moi interesante esa guerra de argumentos entre a pequena osa e o resto de animais dispostos a convencela de que non serve para xogar ao fútbol. Fermosa a imaxe que ela reflicte na auga e como pode cambiar dependendo do entorno e como tamén se pode transformar con axuda. Porque non todo permanece e os cambios son posibles!

Ningún comentario:
Publicar un comentario