Da presentación editorial:"A colección Costa Oeste de Editorial Galaxia incorpora un novo título ao seu catálogo: Pontealbar, a novela de Adrián Noia, unha historia chea de misterio, ambientada no val do Río Grande.
A vida de Pedro de Pontealbar muda por completo cando descobre que a fin do mundo está próxima por culpa dun pacto entre o conde Albar e o Demo da Serpe, unha criatura lendaria. A pantasma de Marcela, vítima da crueldade do conde, encoméndalle a Pedro unha misión decisiva: salvar a súa aldea antes de que sexa demasiado tarde.
Comeza así unha viaxe por un universo indescritible, poboado de seres máxicos e aliados inesperados, onde o protagonista deberá asumir que o seu destino estaba escrito desde antes do seu nacemento.
Adrián Noia (Santiago de Compostela, 2001) graduouse en Lingua e Literatura Españolas na USC, traballou como auxiliar de conversa do Ministerio de Educación en Lisboa e foi bolseiro de biblioteconomía na Biblioteca de Galicia.
Comezou a escribir durante a adolescencia, gañou os certames A Pipa de Becerreá (2016) e Terras de Chamoso do Corgo (2017) na categoría xuvenil. É autor de O país dos raposos (2022, II Premio de Novela Curta do Xuventude Crea 2021) e de A terra leve (2024). Colaborou na antoloxía Scripta manent: 50 anos de memoria e palabra, da Facultade de Filoloxía da USC e publicou artigos nas revistas Eduga e Viñetas BD. Partilla a súa actividade literaria en (@adriannoia) e na páxina web adriannoia.gal."
Como explica o seu autor: "Esta páxina web naceu en outubro de 2024 cun propósito claro: achegar a obra literaria de Adrián Noia a todas as persoas que queiran coñecela." No caso de Pontealbar, "A historia bebe dunha lenda antiga da aldea da Pontealbar (Xavestre, Trazo), recollida por Leandro Carré Alvarellos en Las leyendas tradicionales gallegas (1977), e pertence ao ámbito da literatura fantástica." A novela está distribuída en tres partes: Profecía, Travesía e Renacenza. A ela engádeselle unha nota do autor na que nos fala de onde bebe (ademais do libro de Leandro Carré no apartado de "Justicia del rey Alfonso VIII") e a orixe dalgunha das criaturas en Vento e chuvia de Manuel Gago e O merlo de ferro de Antón Cortizas, quen dixo que a LIX non inspira?
Lemos unha historia mítica na que teñen cabida os contos das lavandeiras, pactos co demo, os animais colaborando cos humanos nas súas diferentes formas, a crueldade do conde (que rapta, viola e despeza á moza Marcela) e a vinganza que contra el exerce o rei (destrución do castelo, morte de todos os seus serventes e salvación do conde, despois de pactar co Maligno pero ha de deixar escrito o acontecido nun pergameo que conta a historia e ademais debe "contarlla á única muller que habite a aldea que a transmitirá ata que despois dun milenio un rapaz sobrevivirá á fin do mundo e busque o texto para lograr a vida eterna e reconstruír a civilización"). O Elixido escribe a historia, "asinándoa en Fisterra, a carón da cruz dos mariñeiros, sendo o latente Demo da Serpe, ser ordenador das terras de Pontealbar e as de aquén do horizonte, encarnado na persoa de Pedro de Pontealbar, protector do Mundo das Crioaturas do Río por orde e súplica do venerado Mouro Gardián."
Mentres se fai pública esta entrada acabamos de saber que o autor acadou o Premio SELIC de Creación Literaria 2025 do Concello de Santiago pola novela O silencio non arrola.

Ningún comentario:
Publicar un comentario