luns, 12 de xaneiro de 2026

Unha BD galega e sobre Galicia

O segredo da serpe de Abel Alves e Esteban Tolj publicada por Demo. Á segunda entrega da serie ambientada na Galicia da segunda metade da século XIX que leva o nome de "Aventuras de Antón Dedo d'Ouro". O primeiro título foi A tumba de Breogán. Tratábase dun relato de aventuras ambientado na Coruña do 1870 cun papel importante da Torre de Hércules ou o Colexiata de Santa María do Campo. Nel mesturaban personaxes absolutamente fiticios con outros históricos coma o matrimonio Manuel Murguía e Rosalía de Castro xunto con Emilia Pardo Bazán ou Eduardo Pondal que se nos presenta coma un intelectual curioso disposto a correr todos os riscos necesarios para descubrir o que hai de real acerca da tumba de Breogán que aparece nunha inscrición. O intrépido e valeroso Antón Dedo d´Ouro, un antigo bandoleiro sen recursos, será quen axude ao bardo de Ponteceso na aventura. 

Neste segunda entrega, será Rosalía de Castro a que lle encarga ao ex bandoleiro a busca de Pondal que ten desaparecido. Antón Dedo d'Ouro está en horas baixas, unha perda teno sumido no alcohol e o abandono, pero aínda así poñerase en marcha. A busca levarao ata a aldea de A Serpiña  onde se perdeu a pista de Pondal que anda investigando acrca dunha antiga relixión ao redor da serpe. Contra a súa vontade varase acompañado por unha mociña desexosa de aventuras. Trátase da xove Sofía Casanova que semella comezar así unha azarosa vida de xornalista e viaxeira farta xa de coñecer ese mundo a través das lecturas das obras de Dumas. Cando semella rematar a novela gráfica, o inimigo que semella morto (un italiano que persegue toda crenza anterior á cristiá) abre un ollo e deixa ao lectorado pendente da seguinte entrega.

A introdución de personaxes históricos galegos, a situación da acción dentro do nosa xeografía fálanos dunha BD enraizada no país. A utilización destas figuras, igual que a iconografía que se crea ao redor de Rosalía, Castelao... noutros campos é algo interesante que pode atraer a un público novo, do outro lado está o risco de que estes intelectuais se desfiguren e desnaturalicen, pero non creo que sexa o caso.

Unha utilización escasa de cores que vai do dourado do día ao azul da noite e o vermello das túnicas dos que realizan o ritual e da sangue dota o traballo de elegancia. Viñetas e debuxos que parten sempre do interese en que a lectura sexa clara  e deixar o pensamento libre para seguir remoendo vidas e aventuras.  

sábado, 10 de xaneiro de 2026

Soño dunha sombra

 


Soño dunha sombra é a última proposta de Xosé Cobas. Un fermoso álbum editado por Kalandraka para todos os públicos. Un libro silente ao que lle pon voz Manuel Rivas con tradución ao castelán e inglés.

Así se presenta: "Un álbum sobre a luz e o tempo para os amantes da arte, cun brillante epílogo do escritor Manuel Rivas." 

Pastas negras, coa elegancia por bandeira. Primeiras gardas cunha pequena luz que se vai ir agrandando ata descubrir que se trata dunha porta de cristal; modernista, por máis señas. Entramos por ela e imos percorrendo a casa só habitada por unha pega, as portas ábrense e ás veces entórnanse para manter o misterio, o xogo de luces e sombras. O valor da escaleira pola que se sube e se baixa ata chegar ao recibidor, de novo, agora habitado con flores no búcaro. Saír ao xardín e ver a casa dende fóra, xa completa, ir separándose mentres se fai pequena. 

Di Riuvas que o Soño dunha sombra é o humano. Cobas dedícalle a obra aos tataravós dos seus netos que acordaron en 1953 facer desta casado Soño dumbra Sombra o seu fogar; e enbgade que nela continúa a súa descendencia ata o día de hoxe. Unha obra elaborada en doce anos, de 2013 a 2025. Unha homenaxe a unha casa.

En momentos coma estes botamos de menos ao seu amigo Docampo, aquel do que sempre dixemos que era a parella en texto porque ambos tiñan unha comunión perfecta á hora de escribir e ilustrar. El teríalle feito o conto da casa e o texto de Rivas seguiría sendo necesario para situala no "refuxio de horizontes".

Todas as casas con alma deberían ter un cronista como esta o ten. Porque se existen os retratos artísticos de personaxes tamén deberían existir os das casa, máis alá dos que fai unha empresa dende o ceo, máis alá dos que fai o fotógrafo para o carné...

venres, 9 de xaneiro de 2026

Unha nova entrega de Elmer

O elefantiño de retallos de cores de David McKee,  tráenos unha nova aventura: Elmer e as baleasen Kalandraka, na colección Tras os montes con tradución de Xosé Manuel González.

Elmer vai co curmán Wilbur (o alefantiño de retazos brancos e negros) visitar o avó, este cóntalle que cando tiña a súa idade, nesta época do ano ía río abaixo para ver o paso das baleas. Os pequenos non queren saber máis e decídense, queren animar ao león pero prefire botar a sesta e o tigre non está disposto a perder o té. Alá van, seguindo o río e contando o fan, os cocodrilos aconséllenlle que fagan unha balsa con troncos e o monos vanlles axudar a amarralos, os rinocerontes empúxanos para que os leve a corrente. Pasan apuros pero para cando espertan están no mar entre baleas. Elas aceptan levalos a terra e cóntanlles que hai tempo coñeceron a outro elefante... quen sería?

Arriscarse ten premio, estes elefantes corren aventuras igual que o avó, algo así lle pasou ao hobbit Frodo que tamén escoita ao tío. As imaxes tamén nos obrigan a ler e opinar, que teñen en común os elefantes e as baleas? que fan Elmer e Wildur ao paso dos elefantes? a que animal dos que aparece no conto te asemellas máis ti? pon onde pasa o río? como recoñecemos a natureza cando se achegan ao mar?  

xoves, 8 de xaneiro de 2026

Unhas páxinas de álbums (I)


O peixe Nicolás de Caterina Valriu e Petra Pericás está publicado por Hércules ediciones traducido por Blanca Ana Roig Rechou.

Da presentación editorial: "Sabes nadar? Fascínache contemplar o movemento das ondas? Gústache descubrir as marabillas que se esconden baixo a auga? Imaxinas como sería ter un amigo con cola de serea? Coñeces os nomes das criaturas mariñas? Sexan cales sexan as túas respostas, seguro que este conto é para ti. Atoparás a divertida historia da amizade entre Arnau e o peixe Nicolás, e non a esquecerás nunca."

Arnau non sabe nadar, os seus amigos tentan animalo pero resulta imposible nin na piscina noin no mar. Ata que un día coñece a un neno que se presenta como o peixe Nicolás (un verdadeiro sereo) e o convence para que o acompañe. Aparece Arnau con todos os trebellos que podades imaxinar: lentes, tubo de mergullo, manguitos, , cortiza, flotador, aletas, cabazas... non quere afundir por nada do   mundo. Pero, con todoas esas ferramentas é imposible nadar así que NIcolás pídelle axuda aos animais do mer que lle soltan todas esas amarras a Arnau, daquela empeza a moverse, a patexar e bracear movendo todo o corpo e nada sen axuda de nada. Xa non é o saco de patacas nin a morea de pedras nin o chumbo que creía ser, é un neno que atravesa a auga e divírtese co seu amigo Nicolás. Porque xa son amigos!

Nas últimas páxinas preséntasenos o debuxo e nome de todos os animais que apareceron na historia, engadindo información á ficción. 

martes, 6 de xaneiro de 2026

Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025

O Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025 é o resultado dun acordo entre a Fundación Neira Vilas que o convocaba anteriormente (cun destinatario non tan definido) e a editorial Galaxia. A obra ganadora desta primeira convocatoria é Odio de Gabriel Romero de Ávila 

Preséntase así: "Todo apunta ao comezo dunha nova guerra entre humanos e droides nas Terras de Poñente. Neo Vigo, a cidade dos neons e os rañaceos antigravitatorios, aínda lembra a bomba atómica que estourou sobre o estadio de Balaídos hai dez anos e que terminou coa revolta da Nai Computadora. Pero agora hai un influencer que se dedica a reavivar o odio entre os vellos bandos, á vez que apareceron mortos seis replicantes no Museo do Pobo Galego de Compostela. Seis policías que participaron nunha carreira ilegal para divertimento dos humanos, e da que pronto vai haber unha nova edición xunto á catedral de Auria, da que toda a galaxia vai estar pendente. Este é un caso para a inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia."

Unha estraña obra, non por distópica, igual por como comeza co uso dun léxico con cantidade de palabras estranxeiras introducidas de forma "natural" que, conforme avanza a obra, semellan desaparecer, como se responderan á busca de distanciamento co lectorado. Unha sociedade futura ou doutra dimensión na que humanos, seres resultado de híbridos con animais e absolutamente artificiais comparten unha Galicia que recoñecemos con cidades como Vigo e Auria ou lugares coma o Museo do Pobo Galego. Droides que confundimos con humanos, cunha gran habelencia para a supervivencia e a recreación de si mesmos.   

O autor descríbese como creador de novelas de aventuras e diso vai a obra, dun droide que volve a Vigo (agora Neo Vigo) para investigar un crime, pero debe enfrontarse a un activista do odio en forma de influencer que estende violencia baixo o nome de Meco. Esa mestura de personaxes que nacen do entroido galego, para aproveitando as redes e ese tempo de disfraces, provocar a loita e a persecución da protagonista. Un personaxe que volve ao lugar do crime porque foi ela quen apretou o botón da bomba que destruiu a cidade, a colaboración da irmá adoptiva (un ente sen presenza física) que lle axuda introducíndose no ordenador central e achegándolle toda a información que precisa... pero máis alá de cuestións persoais, os exércitos privados nos que se vai privatizando (redundancia precisa) a seguridade, o poder dos "influenciadores" a través das redes  e da súa omnipresenza, os supremacistas que ccontinúan existindo, agora en relación a outras criaturas. Pelexas a morte disfrazadas de competicións deportivas, a maldade de matar por distración, a mentira como moeda de cambio 

Replicantes que se realizan cirurxías xenéticas para ter, por exemplo, a cabeza dalgún animal, seguros de reencarnación para poder volver á vida, axentes de pacificación, programas de adopción de droides. De todo hai... pero tamén é certo que todo continúa igual "xente anónima que morre porque outros o deciden así e sobrevivintes que escalan por encima", a web profunda con matanzas programadas a modo de campionatos. Esa mestura de referencias (as luces de Vigo, Jules Verne e Nemo, o tesouro de Rande, as irmás Touza, o nubeiro, o gólem...), de cousas dun futuro afastado xunto cun presente absoluto lembran a ciencia ficción nun escenario de billas de auga coma as do meu fregadeiro.  

A protagonista, unha droide militar, inspectora da División de Seguridade da Fundación Omnia, da que esquecemos sexo ao longo da novela, é a voz narradora. A música que escoita son os versos de García Lorca escritos en galego ou a música de Andrés Dobarro nos salóns. Pandora, a primeira muller autómata é a antecedente desta droide. Porque a presenza da mitoloxía vaille dando sentido á ciencia ficción.

Atopamos situacións que rachan ante o dilema irresoluble de Hofstadter-Moebius e tamén afirmacións que nbos asustan: unha mentalidade pura e virxe é o caldo de cultivo para o odio, a radicalización e o desprezo. ç

Por veces, a maneira de ganar é deixar de xogar, abandonando para demostrar a contradición, porque todo enfrontamento xa ocorreu antes, porque o sangue non se lava con sangue senón con perdón, porque hai que rachar o círculo do odio. As masas matan o Meco e a protagonista, como todo policía pensa nos papeis que terá que cubrir...   

Un anexo coa cronoloxía das Terras de Ponente achega información dende os comezos mitolóxicos ata as guerras das máquinas transcurridas dez anos antes cando Pandora, Talos e o gólem de Ribadavia son feitos prisioneiros e ela consegue activar o lanzamento dunha bolba sobre o estadio de Balaídos destruíndo a cidade enteira. Unha presuela en forma de pequenas notas que percorren o tempo. 

sábado, 3 de xaneiro de 2026

Poemario cunha presentación de álbum


 

Tesouro de Milj Praagman preséntase nun libro de pastas duras, formato vertical e ilustracións que ocupan as páxinas case ao completo. Está publicado por Hércules ediciones en tradución de Antón Vialle e Ana Alonso Seisdedos, na colección Novas lecturas de Hércules. Un libro case preciosista con páxinas de dioferentes cores para acompañar unha ilustracións.

Así se presenta: "Chispeantes debuxos e poemas de Milja Praagman. Poemas acerca de ti e mais eu, acerca dese instante único, de pelexas e barullo, dunha nena na avoa e dunha avoa nena. Unhas veces etéreos e outras realistas. Cheos de curiosidade polo mundo e marabillosamente ilustrados. Para todas as idades." 

Unha vez máis temos que epxlicar que para atopar a cuberta e a presentación editorial do libro en galego temos que buscar fóra da editorial. Algo ben estraño e contraditorio. 


 

Un libro de hai algún tempo que tamén nos chama a atención por tratarse dun abecedario: Abecedario ilustrado se chama, é unha tradución que realiza Anaír Rodríguez; o texto é de Carles Cano e as ilustracións de diferentes artistas; de feito, cada un faise cargo dunha letra. Unha tradución, un abecedario e a dificultade que entraña porque non son as mesmas letras en galego e castelán. 

"27 ilustradores españois e latinoamericanos participan neste abecedario ilustrado. Unha letra por cada dobre páxina, unha palabra que comeza por esa letra e un pequeno texto literario, en ton divertido e asequible para os pequenos lectores, no que aparece esta palabra, escrito en maiúsculas e letra ligada." Si, maiúsculas e minúsculas, un pequeno texto e unha ilustración a páxina completa.

Ivar da Coll por Colombia; Isol e Gusti por Arxentina; Roger Ycaza por Ecuador; Rafael Yockteng por Perú. Xan López Domínguez, Miguelanxo Prado, Víctor Rivas, David Pintor, Nuria Díaz por Galicia.  Adolfo Serra, Miguel Ángel Díez, Carme Solé, Alberto Gamón, Óscar Julve, Ximena Maier,  Goyo Rodriguez, María Espluga, Lucía Serrano, Javier Olivares, Iban Barrenetxea, Federico Delicado, MIkel Valverde, Emilio Urberuaga, Antonia Santolaya polo resto das Españas!

venres, 2 de xaneiro de 2026

Un novo libro sobre Castelao


Os soños de Daniel de Paco López Barxas con ilustracioóns de Isabel Pintado acaba de saír en Teófilo edicións.

Eduardo Dieste conta a historia de Castelao neno, dende que o bautizaron con tres nomes (Alfonso, Manuel, Daniel) ata que xoga no mar, está cos avós (facendo barcos, escoitando contos), vai á escola e descobre o mal que tratan á lingua galega e a quen a fala, atopa o mapa no que aparece toda Galicia (tamén Rianxo), viaxa á Arxentina con súa nai para estar co pai e alí ten dúas irmás (Xosefina e Tareixa) e volve para reatopar o mapa de Fontán e debuxar sobre el con todos os amigos porque non se pode debuxar un país sen soñalo xuntos. 

A presentación editorial está en castelán, tal e como segue, pero non, algúen ten que ter vengonza e traducilo ao galego: "(...) relata a historia de Castelao dunha forma didáctica e accesible. O libro parte do Castelao neno, aquel rapaciño curioso de Rianxo, para guiar ao lector a través da súa vida, da súa obra e do seu compromiso con Galicia. Cun linguaxe claro e áxil, o autor reconstrúe os primeiros pasos de Castelao, os seus xogos, o seu descubrimento do debuxo, a súa mirada atenta ao mundo que o rodeaba como punto de partida para comprender ao intelectual, ao político e ao artista que chegaría a ser. As ilustracións recrean con frescura e sensibilidade eses recordos infantís, invitando ao lector a identificarse co neno que soñaba e observaba desde a vila mariñeira"

O libro preséntase nunha bolsa de redes que se ata cun lazo.