Amosando publicacións coa etiqueta Banda deseñada infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Banda deseñada infantil. Amosar todas as publicacións

domingo, 1 de setembro de 2024

Bea Gregores. Banda deseñada para peques e non tanto

Avelaíña e o camiño á illa de Bea Gregores é unha banda deseñada especial. Lírico nas cores e o deseño, cun aire modernista para falar dos animais que forman parte dese mundo no que os gorros son flores ou os pendentes obras de arte, onde a natureza se debuxa fermosa e curva, vexetal e en proceso de creación, os camiños son simbólicos e os encontros son aprendizaxes. 

O diálogo entre dous xogadores de xadrez dá comezo á historia dunha avelaíña que nace dunha planta, quere seguir ás outras avelaíñas que marcharon detrás dunha luz. Os xogadores discuten pero non queren separarse porque sempre estiveron alí... da mesma maneira irá atopando máis personaxes que non se apuntan ao seu camiño por seguir facendo o que fixeron sempre: mulleres xigantes con flores na saia que a levan sobre o seu ombreiro mentres destapa as plantas para que se enraícen (cando medran demasiado protexidas adoitan ter as raíces moi febles e pouco profundas porque coidar algo non significa evitar todas as desgrazas senón axudar cando algo malo ocorre). Semella que todo o mundo atopou o seu lugar mentres ela busca o seu: a illa; hai xente que só camiña, canta e baila divertíndose, sen destino, hai xente que atopou o que buscaba e isto se lle converte nun problema e ha de buscar un novo para seguir...

Dous bechos que se pelexaban, unha muller invernadoiro, un desfile cunha serpe, un home que cazou unha estrela e agora alguén que se ri de que xa non hai camiño, ela axúdalle a construír unha barca pero non a acompaña porque se perdeu tantas veces que pensa que o sitio ao que quere ir xa cambiou, pero antes de irse dille que non esqueza que ten ás para voar; e si, farao, nese intre déixanos coas ás estendidas... 

Unha historia chea de simboloxía e un cailo de aprendizaxe!

Tebeosfera define a banda deseñada como de aventuras, bruxería, fabulístico e fantasía.

mércores, 31 de xaneiro de 2024

Seguimos con Merlín cómics e as novas entregas de Formig4s

Seguimos con Merlín cómics e as novas entregas de Formig4s.

A entrega número 7 de Formig4s leva o título de Misión Entroido. Da man de Pere Tobaruela e Andrés Meixide, unha publicación chea de vitalidade e dinamismo na que se xoga co deseño e as tipografías para facer máis ameno e divertido o libro. 

Así se presenta: "FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Entroido» as FORMIG4S enfróntanse ao doutor Paumao durante estas populares festas. Que tramará o malévolo científico? A brigada especial será capaz de poñer freo aos seus plans? Entroido, tempo de diversión e de aventuras da man das FORMIG4S entre máscaras e disfraces por Galicia adiante."E, con eles, aprendemos as máscaras do entroido galego.

Os vagalumes de Marí de Alba Míguez e Damián Gómez forma parte da colección Merlín cómics destinada á infancia para cubrir ese baleiro que ata hai pouco tempo se facía inmenso. Na actualidade, están aparecendo series (Marcopola, Lendas do recreo, Animalia...) e bandas deseñadas dunha soa entrega (O caderno de rama, Nerea. A invasión dos trastos...)

Sinopse: "Marí é unha nena de dez anos que vive feliz ata que o seu pai ten que embarcar por motivos de traballo. Cando o barco está a piques de regresar, o faro da vila estrágase. Marí nunca imaxinaría que o conto que lle contaba o pai sobre monstros e vagalumes poida ter algo que ver coa posibilidade de que o faro volva iluminarse antes de que o seu pai chegue a porto." 


domingo, 28 de agosto de 2022

Unha nova banda deseñada: Miquits

 

Unha nova banda deseñada: Miquits de Alba de Evan e Xabier Domínguez nos textos con Paula Cheshire nas ilustracións, publicado por Aira.

Así o presenta: "Miquits é un gato, mais non un calquera, é o familiar dunha bruxa! Xunto ela vive aventuras perigosas e emocionantes para se esmendrellar  coa risa. Atréveste a acompañalo Con esta banda deseñada para cativos, queremos achegar a historia do gatiño Miquits, o gato dunha bruxa. Xunto con ela vivirá mil e unha aventuras, aprendendo o valor da amizade e do compañerismo."

Unha bruxiña boa, reboa. Vive cun gato que é amigo e o protagonista da historia. Polo medio vai aparecer un rato que medra sen xeito ao caer na pota da bruxa, un can que tamén acaba sendo amigo e un grupo de gnomos que andan sempre a crear problemas. Unhas historietas para divertirse e ver o amorosos que poden ser todos os seres. Cómic para a infancia, produtos necesarios.

martes, 11 de xaneiro de 2022

Banda deseñada para os pequerrechiños e pequerrechas

Miñoca e coello é unha banda deseñada para as primeiras idades. Escrita por Ramón D. Veiga e debuxada por Iván R. Publicada por Xerais na colección Merlín cómics.Case minimalista, moi clariña e evidente, tamén a mensaxe.

Miñoca achégase a coello pero a este dálle asco e trátaa de forma distante e incluso agresiva. Incluso os bicos son algo perigoso sobre todo se chos ofrece unha miñoca; por escapar deles, coello acepta entregarlle un anaco de pizza, ata un refresco, e... como o roce leva á amizade, cando se dan conta cóntanse chistes e rin xuntos. Daquela, xa contra o final, aparece unha lesma que tamén quere amigar, e que pasa? cal imaxinades que é a reacción do coello e da miñoca?


sábado, 3 de xullo de 2021

Un novo título de Animalia. Cómics para crianzas


Animalia de Xosé Tomás. Despois de Animalia 1 Verde e Animalia 2 Branco, aparece Animalia 3 Azul.

Asi o presenta "Animalia é unha historia de historias que comezan e rematan en cada páxina. Historias de animais que se parecen moito a nós, as persoas. En Animalia 3 Azul pergullámonos no mar, nos ríos, na auga en xeral e mesmo na dos animais en catividade. Coñeceremos a agresividade do tiburón ou das pirañas, a versatilidade do polbo, a intelixencia do golfiño, ou a inocencia de tantos e tantos peixes que son atrapados por un animal moito peor ca todos os demais, o ser humano." Humor en cada páxina nesta colección de Merlín cómics, banda deseñada para as crianzas cos seus toques de aviso: o problema dos residuos, os peixes grandes e os pequenos servindo de prato, a inocencia no medio do risco, a natureza pero tamén o mundo dos humanos trasladado ao das augas porque "As criaturas de Animalia son tenras, feroces, enxeñosas, divertidas e ata un chisco humanas como a vida mesma! Intérnate nun mundo onde todo é posible e prepárate para gozar dunha lectura... do máis salvaxe". Unha das nosas eivas (a banda deseñada para peques) á que esta serie lle vai poñendo remedio, nun xogo entre cómic e humor gráfico.