Amosando publicacións coa etiqueta Biografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biografía. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de outubro de 2025

No ano Castelao

No ano Castelao e pensando nos máis pequenos igual había que ter en conta un par de publicacións de anos pasados, da editorial Galaxia. certamente non hai que pecharse nas novidades e debemos volver a vista atrás moitas veces para recuperar obras que continúan a ser necesarias.

Cousas de nenos, publicada e Árbore de 2004 recolle algunha desas marabillosas viñetas nas que Castelao fai protagonistas aos nenos e as nenas, a relación entre eles e cos maiores ou cousas nas que os que interveñen son os animais (tan queridos pola rapazada). Estas "cousas", formato creado polo noso autor, fainos interrogar sobre o que sucede e non se entende demasiado ben. Na presentación fálase disto, de como a mirada das crianzas é a do propio autor que os pon a eles a preguntar en voz alta (igual que falan ante o emperador nú. Inocencia e tenrura envolven estes anacos de realidade nos que a imaxe e o texto se complementan marabillosamente formando iso que os coetáneos chamaban "cousas da vida por Castelao" para colocar nese arquetipo os sucesos que resultaban significativos e nos que había que pensar.

A imaxe de portada co meniño das piñas subido ao pino, abrazado ao tronco con pernas e brazos mentres este se move tráenos o mellor do autor rianxeiro, ese sentimento de vulnerabilidade fronte á natureza e de amor infinito por ela.


 

O outro libro é o de Marilar Aleixandre, Castelao segundo Rañolas publicado en Costa Oeste, que se publicou por primeira vez no 2000 e agora se fai , de novo co selo "2025 ano Castelao" . Entre a autora e Rañolas van debullando a vida de Castelao en artigos que se titulan "Rañolas explica quen é Rañolas (e Castelao), Daniel dorme cun coitelo baixo da almofada (para falar dese tempo de Castelao neno na Pampa),  O estudante bailador e os caciques (adolescencia e primeira xuventude en Rianxo), Cóntase un conto de cego, Castelao ponlles aos galegos uns novos ollos, Verbas de lume e de chumbo (mitins), A derradeira lección do mestre, O desterro soñando a terra, Para ler máis (un final de ampliación cunha bibliografía na que seguir afondando nesta figura).  Todo el ilustrado coas imaxes do autor.

Dous libros para atender a diferentes idades e dende diferentes ópticas. O primeiro deles para entregar e ver a reacción, observar que pode pensar esta xeración sobre o que creou o gran Castelao naqueles tempos, o segundo para seguir unha biografía dialogada. 

domingo, 21 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (II) Alma de violino.

Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.

De Xerais, ademais do libro de María Canosa: Luísa Villalta, melodía de palabras na colección Merlín, dirixido a rapazada de máis de once anos, está na rúa Luísa Villalta. Alma de violino de Beatriz Maceda e Eli Ríos con ilustración de Laura Suárez. Un libro de gran formato con moita ilustración e o equivalente a máis ou menos unha páxina de texto por plana. Unhas imaxes magníficas que ademais lembran o retrato de Luísa Villalta. 

A alma do violín é unha pequena peza que se coloca no interior e por debaixo da ponte que soporta a presión das cordas tensadas. Violín ou violino como ela o denominaba, é o instrumento que tocou ao longo da vida e co que participou na Xove Orquestra de Galicia ou no grupo Escaino. Alma de violino era a alma que tiña Luísa na que a poesía e a música ían da man. 

É con palabras, ao redor delas como se conta a historia de Luísa, das palabras favoritas das autoras: Infancia, Violino, Lingua, Galiza, Silencio, Compromiso, Escrita, Cidade, Muller e Alma. Recóllese un poema "Materia de Alexandre Bóveda" e unha serie de citas da autora das Letras. Nada lle foi alleo a Villalta en canto a asumir compromisos co país, coa lingua, co feminismo, coa cultura, coa paz, coa memoria histórica, coa ecoloxía... a participación nos diferentes medios de comunicación e nos diferentes foros  de opinión e organizacións (Mesa pola Normalización Lingüística, AELG, Galeusca...). Un compromiso tamén coa escrita en todos os seus xéneros e coa música. 

Outro libro, para coñecer a esta muller polifacética que ademais de música foi escritora de narrativa, teatro, poesia, ensaio, artigos xornalísticos e tradutora. Como puido darlle o tempo para tanto? E aínda hai obra por coñecer, aínda quedan escritos sen publicar... Agardámolos!

venres, 19 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (III) Tinta do mar

Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta escrito por Polo Correo do Vento e ilustrado por Tania Solla aparece publicado na colección Mulleres galegas da editorial Lela. 

O violín e a cidade d´A Coruña enmarcan as gardas. Preséntase así:"Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), foi unha escritora, docente e violinista galega, homenaxeada no ano 2024 co Día das Letras Galegas. Unha intelectual poliédrica que traballou en distintos campos, e en todos ben: poesía, teatro, narrativa, ensaio, música e colaboradora habitual en xornais e revistas. Foi unha muller feminista, ecoloxista e amante da nosa lingua, comprometida cos movementos sociais e culturais como A Festa da Palabra Silenciada e Burla Negra, e formou parte da Mesa Pola Normalización Lingüistica e da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega."

Os seus versos:

"E o mar interminabel danza, borra / o nome escrito sen que o ritmo morra" 

"Nacín enfronte de min mesma  /  cando a Pescadería era un leito de sereas"

Andei por Santiago / pisando estrelas  / na noite."

Para máis información... xa sabedes nas bibliotecas e tamén, sempre, na páxina do Seminario Galán

martes, 16 de xaneiro de 2024

Os libros das Letras para a infancia (I): Luísa Villalta, a literatura envolta en música

Tres libros levan aparecido antes deste fin de ano.

De Xerais, Luísa Villalta, melodía de palabras de María Canosa con ilustración de cuberta de Laura Romero (colaxe no seu estilo cunha Lúisa moi recoñecible) e fotografías no interior. Trae consigo un código QR que dá acceso a unha pequena intervención de María Canosa presentando a biografía da escritora á que se lle dedican as Letras Galegas 2024. Un libro que analiza a biografía da autora en base a núcleos temáticos relacionados coa música: pentagrama, cada unha das notas DO (de dozura), RE (de reservada), MI (de militancia e amizade), FA (de formación académica), SO (de sólida), LA (de latexo), SI (de silencio) e Harmonía, para rematar cunha selección de poemas de Villalta, un apartado de outras publicacións desta autora non mencionadas no texto e unha páxina de agradecementos que fala da xenerosidade e gratitude de María Canosa.

Tal como comenta no vídeo, María conta esta historia tal como ela quería que lla contasen.  Unha vez que ten toda a información posible ao redor de Luísa decide organizala explicándonos como foi a súa vida e os seus grandes empeños: a palabra e a música. Estrutura a documentación e vainos presentando cada etapa e ámbito despois dunha introdución relacionada coa música, na que nos explica ese aspecto dunha maneira realmente rica e interesante, algo que ten que ver coa súa capacidade para a escrita de non ficción, informando do realmente atractivo e valioso. A escrita de teatro (Concerto para un home só, O representante, O paseo das esfinxes publicados nos Cadernos Dramáticos Galegos, As certezas de Ofelia e Os doces anos da guerra; a traducion de Manifesto por un novo teatro de Pasolini ou o estudo O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral) poesía (Música reservada, Ruído, Rota ao interior do ollo, Apresados sen presa, Estudo das sombras, Modulación de Orfeu, En concreto...), ensaio (O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega, Poética. Sobre un certo estado de conciencia (2002). A lingua dos sons (2003), A Música e Nós e artigos xornalísticos (Libro das colunas), as amizades que a enriqueceron (Beiras, Pillado, Fernán Vello, Pilar García Negro, Pilar Pallarés, Pepe Cáccamo... os poetas dos oitenta e dos noventa), os compromisos adquiridos co país e a súa cultura (especialmente coa lingua), a defensa dos valores democráticos e da identidade lévana a converterse nunha persoa responsable coa sociedade e o tempo no que lle tocou vivir, participando nos movementos sociais e actuando ante os problemas colectivos coma o Prestige, a guerra, o problema palestino...

Unha obra sobre a autora das Letras realizada dende unha mirada diferente, dende unha óptica que ten que ver co seu outro amor: a música; porque di a autora que "unha arte só se pode explicar desde outra arte".

mércores, 20 de abril de 2022

Bo tempo de Alberto Díaz en honra de Raimundo Patiño

Bo tempo é unha novela gráfica, unha biografía, unha obra transxénero... de Alberto Díaz, un autor de banda deseñada (chegado de Madrid). El realizou un cartel para o Día da Ilustración no que se conmemorou a Raimundo Patiño no que xustamernte se representaba o xuramento de Laracha, ese compromiso que asinaron con Galicia con Galicia catro homes xa desaparecidos.

En Bo tempo, Alberto Díaz, vai cosendo un prólogo de Xaquín Marín (quen maís traballou con Patiño no ámbito da banda deseñada, creando o primeiro dos cómics publicado en galego, Dúas viaxes e O home que falaba arameo), cunha biografía, algún texto máis e varias tiras que recollen momentos, ideas, charamuscas que brilan no universo da lembranza deste home inolvidable. Bo tempo, porque Xohán Casal lle preguntou a modo de contrasinal "Señor Patiño, a vostede gústalle a chuvia?", porque xuntos constituíron a Liga Nórdica, porque en Madrid buscaba a chuvia para mollarse e sentirse na terra. 

Bo tempo, porque Díaz coñeceu a Patiño, quedou impresionado e quixo contárnolo.

Boas lecturas!

martes, 1 de xuño de 2021

Un libro sobre Xela Arias...

Entre os libros sobre Xela Arias... chegou a min Xela quixo ser ela de Yolanda Castaño, unha biografía escrita pola poeta que mostra "como xa na infancia da escritora se albiscan os valores que guiarán o seu camiño: queimar vellos prexuízos, desoír expectativas, rebelarse contra as imposicións e non deixarse guiar por modelos de segunda man. A biografía de Xela Arias é a aventura radical de chegar a ser unha mesma". Dende esas premisas constrúe o seu discurso que vai atravesando a historia familiar coa granxa de Barreiros de telón, o filántropo Antonio Fernández creando estruturas educativas polas que xela vai pasando como a escola Fingoi, o nacemento da editorial Xerais onde ela vai traballar, a súa escrita dende a nenez, a busca dun camiño propio tamén nas artes, as experiencias vitais tamén na literatura... e unha morte adiantada. Yolanda entra no relato cando se sitúa no cemiterio de Pereiró como "poeta admiradora dela que hoxe se encontra regalándolle estas páxinas". É a homenaxe das novas poetas que recoñecen o traballo que Xela, ese verso libre, lles adiantou , o cmaiño que fixo para que elas o tiveran máis doado e puideran reflectirse nese espello.
Remata o libro cun poema de cada un dos libros da autora homenaxeada nas Letras Galegas. 

Igual este é o lugar para lembrar aquel Darío a diario como comezo da plasmación da experiecia de nai nos novos tempos, lonxe de mitificacións e excesivas proteccións que resulta inaugural e abre portas a outros traballos como o de María Lado (oso, mamá, si?), Marga Tojo (Maternidade fóra de catálogo), María Canosa (O lado do que dormes)...

martes, 21 de xullo de 2020

Morre o protagonista dun cómic e... algo máis


O tesouro de Lucio foi publicado por Demo en galego.
Nel cóntasenos a vida deste anarquista navarro que foi quen de humillar a un xigante da banda mundial. Unha vida chea de ideoloxía e experiencias impresionantes, un home valente que na etapa final fai reconto do que pasou.
Morreu este 18 de xullo, pero non poderemos esquecelo moitos lectoras e lectores porque a banda deseñada nolo lembrará a nivel popular, aí a onde non chegaba a Historia.
Unha obra  que non pode pasar desapercibida pola boa construción pero tamén pola riqueza do que conta, por ese percorrido vital que comeza na infancia da represión franquista que non só machacoou aos enfrontados ao réxime senón tamén á rapazada "que non sabía o que facía". Un libro imprescindible, hoxe e no futuro. 
Parabéns e agradecemento a Demo por traérnolo á casa, á nosa lingua.

martes, 29 de outubro de 2019

Os libros das Letras (I)

María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito escrito por Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
O primeiro que atopamos é un retrato de Fino Lorenzo na cuberta do libro. Logo, o retrato que as dúas amigas escritoras van tecendo arredor dunha serie de eixes: a libraría que montou en Pontevedra cun grupo de amigos (que lle vai dar pé para falar da Ditadura, os libros e autores prohibidos, a solidariedade,  falta de libros e bibliotecas...), a infancia (nómade, indo dun lugar a outro seguindo o traballo dos pais, a famila,...), a orfandade de pai (a dispersión dos irmáns internos para facer o bacharelato, a universidade e as primeiras docencias), os cachorros (referíndose aos diferentes cans e os libros nos que os usa como personaxes), na pel das outras persoas e tirar a luz das sombras (a súa relación con Galicia, os libros, a adopción dos seus fillos, o traballo de oio á lingua, o eu amor polos outros cachorros como chamaba ao alumnado, a enfermidade...) para rematar con "No Arroás , a toda vela!". Dúas mulleres que a coñecen moito falan sobre ela, centrándose en ámbitos imprescindibles e apoiándose na voz dos irmáns para recuperar a infancia.
Pero o libro é máis que iso. O libro recolle as obras publicadas pola autora á que se lle dedican as Letras, e unha liña do tempo que ela soa valería para darlle valor ao libro, na que cada ano se fai corresponder coa vida e obra da autora nunha columna e na outra se recolle o que acontece de interese "En Galicia, España e no mundo" plasmando unha serie de datos, moitos deles relacionados coa literatura e a edición galega, con feitos históricos nos que non acostumamos a pararnos e con fitos relacionados coa literatura infantil e xuvenil galega.  
Esta liña do tempo seméllame una acerto, igual que as referencias históricas que aparecen en cada un dos capítulos para que a apazada que le o libro caia na conta de que aqueles tempos eran moi diferentes a estes, e non queda máis remedio que contarllo. Tamén me parece un acertoa utilización de fotografías, documentos e ilustracións dos seus libros