Amosando publicacións coa etiqueta Dani Padrón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dani Padrón. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de marzo de 2025

Un libro de poesía e a segunda parte dunha novela

 

Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias está ilustrado por Laura Romero (con colaxes e apuntándose marabillosamente a ese xogo que nos propón o autore publicado na colección Merlín (en +11) de Xerais.

Así se presenta: "No universo, unha galaxia; nela, un sistema solar, un planeta, un continente, unha península e, na súa punta máis salgada, un recanto feliz. Un lugar onde os mexillóns non xogan ao béisbol e Doraemon ten gardado no seu peto máxico un chimpín. Alí poderás facer piragüismo, empanadas, beatbox... e mesmo cantar un gol! Un sitio distinto, de mulleres bravas e cabalos ao galope, onde caen chuzos de punta e contan os tacóns, hai troula a todas as horas e, no faro da fin do mundo, agarda por ti un solpor. E mentres, a poesía, chovendo versos, na súa tinta ou masterchof, que vén pra quedar, pra quedar, pra quedar... E as palabras, patas arriba, aturuxando e facendo equilibrios imposibles. Mergúllate nas páxinas deste libro: malo será que non descubras, antes ou despois, de que estamos a falar. Dígocho eu!" 

Un libro de poesía que leva este poema na contracapa: "Este libro non é un conto. / Nin tampouco unha adiviña. /Ten poemas, non o nego... / e3 nalghúns ata unha rima! / É probable que me digas / que o seu título é ben raro./ Non é fácil decidilo... / levoume máis dun ano! / Podes facer a pregunta / que me espera no interior?/ Un pouco de piragüismo... / e tamén un locutor! / E cabalos ao galope, / e batallas de palabras, / e filloas e aturuxos... / e moitas mulleres bravas!/ Dirás: non enendo nada! / Non importa, que máis dá? / Ao final ti saberás / do que erstamos a falar... / Malo será, dígocho eu!

Unha marabillosa mestura de texto e imaxe, de palabras en cores e diferentes tamaños, de inventos de palabras (sinonimograma, cosrisma, coslusmo, xogueranca, ñamica...) e poemas (poema riada, isosílabos abecesdrúxulos, maepo de cosrisma e coslusmo, soneto arbóreo de cuartetos distintos,  poema berro, poema radiofónico con seseo, calambur de carnaval, poema de vogais apampadas, poema onomatopeico en grupo, galimatias...), de referencia a personaxes de conto (como a señorita Buble ou a parellas de verdade como Elisa e Marcela) , de poesía visual coma os caligramas ou o poema espello para lelo ao reflectirse... Sempre xogando como no poema de verso ro-to no que nos toca adiviñar ese final perdido tras a ruptura ou no poema de números no quetemos que pasalos a letras igual que nos xeroglíficos ou encrucillados. Cos recursos máis antigos e as novidades máis actuais. Un xogo continuo (pero tamén serio, non creades) para rematar nun Palabrario e unha longa lista de agradecementos, porque o autor é iso: agradecido e boa xente. 

Un libro para divertirse ao redor da poesía e estar disposta a seguir o xogo para que o verso non remate. 

O misterio das zocas de Ramón Caride está ilustrado por Dani Padrón e publicado na colección Merlín (+11) de Xerais. Trátase da segunda parte de As músicas viaxeiras: unha historia que fala de princesas rebeldes e de músicas ventureiras, que nos lembra que non todos os contos son exactamente como nolos contaban.

Da presentación editorial: "María, Frida, Nursa e Xeria, as catro músicas ambulantes que cantan en feiras, festas e romarías, vense implicadas nun estraño misterio. Unhas zocas moi noviñas, penduradas no alto das árbores, semellan querer avisalas de algo importante. O novo camiño que empezarán deste xeito vainas levar a viaxes inesperadas, perigos mortais, feitizos insólitos, dilemas vitais e probas asombrosas que as mudarán para sempre. Nada resultará ser o que pensaban, mais elas non se acovardan. Nesta historia hai contos familiares, hai contos descoñecidos e hai contos revirados. E tamén cantos e cantigas. As mozas desta historia non agardan que veña ningún príncipe a salvalas, porque elas saben defenderse soas." 

Segue, polo tanto a historia de rapazas rebeldes que se enfrontan a un mundo que non acepta os cambios, cheo de perigos para as mulleres e para os homes que non queren selo acorde ao estereotipo (polo menos). Este conto de pandereteiras que andan polos camiños remata ben porque a muller á que liberan de ser araña, grazas aos bicos, lles concede un desexo a cada unha, sen preguntar, a cada unha o que máis desexa, alá no fondo da súa esencia. E a Xeria a das zocas coredoras poñeraa ante o abismo de demos e demiños, o lado escuro anda polo medio e hai que enfrontalo, non é? Caride decidiu poñer a andar outra serie máis alá de Said e Sheila, son outros tempos e cómpren outras historias. Só nos queda desexarlle tanto éxito como aquela tivo e seguramente continuará a ter, porque as boas historias son coma os vellos roqueiros, non morren!

mércores, 25 de decembro de 2024

De analfabetas e alfabetas

 


Analfabeta, en branco e negro, en formato álbum, un libro de Érica Esmorís e Dani Padrón publicado por Xerais

Unha nena de cinco anos conta a historia. Está moi orgullosa porque xa sabe ler, a avoa cóntallo a todo o mundo (cando fala dela "faise máis alta e máis nova, e bríllanlle os ollos", di a pequena). Isto tamén a anima moito polo que quere avanzar todo o posible. A profesora dilles que cada alumno/a ten o seu propio ritmo, pero a nena chámalle analfabeto ao compañeiro que non sabe ler aínda que debuxe moi ben. Todo vai no camiño correcto... ata que a nena fai unha descuberta "a avoa non sabe ler". Daquela o seu mundo tambaléase para volver a a retomar o seu camiño cunha lección aprendida e mellorando as relacións.

Un bo libro dende todos os puntos de vista!

sábado, 3 de agosto de 2024

Varios álbums

Cando estala a tormenta de Bea Taboada e Dani Padrón publicado por Algar. Así se presenta: "Ás veces, unha tormenta de emocións núbrame a cabeza. Mamá di que estas tormentas chegan de súpeto e poden traer nubes, chuvia e tronos. Semella imposible paralas. Mais mamá, que ás veces tamén ten tronos na cabeza, sabe moi ben como me sinto e que podo facer. Un relato para aprendermos a xestionar as perrenchas e os sentimentos negativos dende o agarimo e a empatía."

Un libro de emocións. Outro máis, que pouco achega... se achega algo. Unha nai que lle vai falando á nena doque esta debe andar sentindo e vaille dando alternativas: respirar forte e soprar amodiño, chorar (coma unha chuvia na que descarga a tormenta), falar, cantar, bailar, escribir e debuxar...  ela axudalle, sempre vai permanecer ao seu lado.

Autoaxuda. Semella que é case a contiuación dun anterior que debía levar por título "Ás veces, mamá ten tronos na cabeza". Non podemos deixar de comentar que na páxina da editorial só aparece o título e a cuberta en castelán: por que? Ten que haber unha razón... 

San día sen fume de Josemi García, con ilustracións de Marina Hernández Ávila con tradución de Xosé Duncan, aparece publicado en Bululú.

Preséntase asi: "Dona Rotonda e Don Peón sofren o mal fume do tráfico da cidade. Pero, ese día, un feixe de sandías escapan dun camión e toda a cidade aproveita para montar unha festa e unha manifestación.
Este álbum, a través do humor e a rima, enxalza o ecoloxismo e a necesidade de acadar, entre todos, unhas cidades máis limpas e humanas. Escrito en letra maiúscula, facilita a aprendizaxe das letras para os primeiros lectores."

Nada que dicir...

mércores, 1 de maio de 2024

De Pepablo Patinho e Dani Padrón

De Pepablo Patinho e Dani Padrón é o libro Receitas para cociñar o ar, publicado por Embora.

Así se presenta: "A miña avoa tamén era unha meiga. Ela lía moitísimo máis ca min. Tiña libros por toda a casa; andeis, caixóns, arquetas...; habíaos baixo da cama e incluso na cociña! Alí tiña libros nun
alzadeiro cheos de feixes de herbas que recendían a marabilla. E foi alí onde, precisamente, lin o primeiro libro que me transformou: Receitas para cociñar o ar." Un feixe de relatos que teñen como decorado de fondo a natureza, unha mirada distinta na que as meigas nos acompañan da forma máis natural, onde a referencia aos libros de fadas producen risa pero non así aos de aventuras como A illa do tesouro ou Moby Dick, onde a aprendizaxe nos sae ao encontro porque non é o mesmo a necesidade de auga e a sede; porque os camiños están vivos, teñen séculos, son compartidos con outros seres -e outros tempos- e deben nacer naturalmente; porque cando encontras ecoloxistas descobres que somos parte da vida que nos rodea e sabemos que esa vida é tamén a nosa, porque o mellor alimento é o ar; tamén descubrimos a diferenza entre unha mestra e unha boa mestra, o valor das historias que nos contamos, a razón polas que as fragas non teñen portas e as árbores teñen pastores...

Coñeciamos este autor a través do teatro:  ...3, 2, 1..., Nana para un soldado, a poesía de Lúa ou O saltón astronauta.

domingo, 26 de novembro de 2023

De avoa a netas, de Concha Blanco a Ana e Mariña

De avoa a netas, de Concha Blanco a Ana e Mariña: Eu tamén fun pequena

Da presentación editorial: "Todas as noites, antes de durmir, unha avoa cóntalles ás netas como foi a súa infancia na aldea." Ilustrado por Dani Padrón (recreando unha Concha Blanco do pasado que moito se parece á actual, como recuperando o seu "ser nena") e publicado por Xerais na colección Merlín. 

Comeza en poesía e remata da mesma maneira. Polo medio os contos que non son contos senón a evidencia de que a autora tamén foi pequena (aínda que ás netas lles poida custar traballo crelo). Todo comeza coma un sen querer. Unha noite cóntalles algo da cando era nena e escoitan con tanto interese que decide seguir contándolles, porque moitas veces se ten demostrado que as historias que máis lles gustan ás crianzas son aquelas de verdade, aquelas nas que relatamos algo noso, algo que vén de moi adentro e compartimos con elas, por iso, como non lles van gustar as que falan de cando as persoas que están próximas tiñan a súa mesma idade?

E di a autora, se lles gustan a elas igual tamén lles interesan ao resto da rapazada! E niso estamos, en compartir a infancia de Concha no seu Lires natal, dende que nace e o médico lle quixo poñer nome, os seus xogos, a relación cos animais da casa, de como era a vida cando non había auga nas casas, como e onde se lavaba ou como se conservaban os alimentos cando non había conxelador nin neveira, con que se alumaban cando non había electricidade fóra das casas, como era a escola daqueles tempos, como se tivo que desprazar a Ferrol para poder estudar, como se desprazaban cando non había estradas, que pasaba co galego naqueles tempos, que era andar co raposo polas casas, cando viñan cantar polas portas, como facían cando se poñían enfermos, como pescaban os rapaces ou os sustos que se pegaron o día que se foron na barca e non podían volver, se había ou non libros nas casas e na escola, as terapias con auga de mar ou con herbas ou como ían ás augas a Caldas, a relación cun fuxido da guerra que andaba escapado polo monte... E, como sucedía con Sherezade, as palabras vanse unindo unhas a outras, coséndose nas historias e alimentando os afectos, por iso, a imaxe final é unha man de adulta da que se prenden dúas pequenas. O libro é tan veraz que se recoñecen perfectamente as respostas de cada unha das netas atendendo ás súas idades e case carácter.

O que non se lle teña ocorrido a Concha...