Amosando publicacións coa etiqueta Dani Torrent. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dani Torrent. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de decembro de 2024

Sobre o pai

Papá. Un heroe, un mito, unha lenda de Mifflin Lowe e Dani Torrent está traducido por Iolanda Mato e publicado por Triqueta verde.

Así se presenta este libro moi acaído para agasallar, poño por caso, a un pai: "Este pai é a persoa máis xenial do planeta. Cambia cueiros por gusto, é capaz de contar ata o infinito máis dunha vez e ademais é o máis forte e intelixente da historia. E sabes que? Inventou unha receita xenial para alegrar os días máis tristes: espaguetes con lambetadas. Heroica, absurda e conmovedora, “Papá, un heroe, un mito, unha lenda” é unha historia sobre a relación entre pais e fillos nos que a protección e a amizade están por riba de todo. Os nenos adoitan pensar que os seus pais poden facer calquera cousa: salvarlles das serpes, voar á lúa, converterse en detectives, etc. Esta obra reproduce as fantasías de todo o bo que un pai pode ser para un neno. Ao final do libro inclúese unha páxina para que os nenos escriban que fai que o seu propio pai sexa especial". 

Magníficas ilustracións que levan a historia moito máis alá do que conta o escritor. Cando un pequeno adora ao seu pai e nos conta as razóns polas que non hai ninguén coma seu pai, que o salva de todos os perigos, que está disposto a competir con quen faga falla (de ser necesario), que pode facer o parvo... porque non sempre queda en moi bo lugar pero todo se resolve cando se ten interese en facelo (porque os humanos temos esas grandezas e miserias, capaces do máis grande e do máis ridículo); a nai semella o punto de sentido común necesario nesa casa (polo tanto tamén se lle pode agasallar á nai aínda que sexa actriz secundaria). Un pai que pode facer o que sexa para que o fillo non se sinta mal cun horrible corte de pelo (ou coas uñas pintadas de cores), que apoia cando é preciso... pois si, "cun pai coma el está seguro de ser quen de facer todo o que se propoña". E diso se trata.

domingo, 11 de xuño de 2023

Viaxes en tren de primeira clase

Viaxes en tren de primeira clase é un libro estraño (con ilustracións suaves de lapis de cores, colocadas dunha maneira especial, cos textos de diferente tamaño...) pero non só polo continente senón tamén polo contido. Unha moza, un pai que se empeñou en que estudara e se situara sempre entre a xente de máis alta posición para poder ter a mellor das vidas. Unha guerra, morre o pai, queda soa e case na miseria. Cando é quen se repoñerse, decide investir os cartos que lle quedan en roupa e a viaxe dun ano en trens de primeira clase. En realidade, trátase de continuar a ensinanzas do pai: moverse entre os grandes para conseguir ser unha deles. Así coñece a tres homes importantísimos que coleccionan, xoias, poder, cartos... convídana a coñecer e quedan compartindo a riqueza pero ela sempre acaba marchando, cando xa está a piques de rematar a viaxe... vemos o que decidiu: quedar a traballar no tres, iso é o que lle gusta!!!

De Dani Torrent (Autor, Ilustrador), Josep María Teixell (Tradutor)