Amosando publicacións coa etiqueta Eli García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eli García. Amosar todas as publicacións

venres, 25 de abril de 2025

A nena do pixama estrelado

A nena do pixama estrelado de Eduardo Santiago está ilustrado por Eli García e publicado por Xerais na colección Merlín e no tramo de máis de once anos. 

Da presentación editorial: "Unha historia de superación sobre as mudanzas familiares e a axuda da amizade, a imaxinación e o amor." Da sinopse: "Cando espertou, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas. Calquera outra, na súa situación, asustaríase, mais a nena do pixama estrelado non se asustou, non gritou, non se puxo nerviosa, non chorou. Só pensou en cal podía ser o motivo de que as súas pernas non se movesen. No seu décimo aniversario regaláranlle cousas moi valiosas economicamente e tamén un pixama azul poboado de estrelas. Por algunha misteriosa razón, aquel pixama foi o agasallo que máis ilusión lle fixo e, talvez, un dos motivos polos que agora non poida mover as pernas. Hai outros motivos, claro que si, e a nena do pixama estrelado está disposta a descubrilos todos." 

Xa sei, o primeiro no que pensamos é no neno con pixama de raias, ese pixama que podía parecerse ao uniforma que colocaban aos presos nos campos de concentración nazis. Pero non, un pixama de estrelas é algo do que non quere desfacerse a nena, el é coma un amuleto, un obxecto marabilloso que ten o significado do agasallo que os pais lle fixeron no derradeiro aniversario no que estaban xuntos e ela compartíaos na mesma casa. As cousas cambiaron. Certo e resulta difícil adaptarse, a quen non? Esta é unha dificultade á que teñen que enfrontarse os fillos nestas xeracións e o fan con todo a súa capacidade de adaptación, pero ás veces algo falla.

"Cando espertou, o dinosaurio aínda estaba ali" escribiu Monterroso nese microrrelato que é a síntese do xénero. Neste caso "Cando espertou, aquela mañá, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas". Aínda podía ser peor, como lle pasou ao personaxe de Kafka que  "Cando Gregorio Smasa espertou unha noite dun sono intranquilo, encontrouse na súa cama convertido nun monstruoso insecto"  A nosa nena perdeu as forzas e non se pode mover, tirada na cama observa o teito. Xa a noite anterior non era quen de cortar a carne, algo se anunciaba. Un videoxogo, Los Sims, pode ter a clave

A referencia a outras historias como a Raíña das Neves ou Alicia. A curación por amor. A necesidade dunha irmá, dunha amiga coa que compartir o agasallo que máis importa, non o que máis custa. Unha pequena historia chea de auténtica emoción.

domingo, 20 de abril de 2025

Varios títulos para crianzas

 

Un par de mulleres que escriben e ilustran. Un par de libros. Un par de editoriais

Eli García presenta a banda deseñada O grande aviario en Antela editorial. Imaxes moi boas porque a ilustradora é unha especialista en natureza. Seguindo o paxaro que recolle a moeda que a elas lles caera, Íar e Lea dan cun lugar máxico no medio da cidade, un bosque e unha paxareira inmensa na que as aves poden entrar e saír como e cando queiran. Lea inventa a historia dun hotel de paxaros e Íar, unha gorida na que estes gardan un tesouro... Para finalizar atopamos a referencia á realidade con actividades, máis información relacionada coa historia e un caderno de paxaros para familiarizarse cos nomes populares e científicos, as súas carateristicas e costumes. Ficción e información nun volume. 

Se queres que a crianza se habitúe a recoller os xoguetes e a deixar o seu cuarto limpiño e ben, igual non está de máis O pesadelo de Mateo, porque este neno non recolle (xoguetes, roupa e demais) e ten todo feito un desastre. Cando a nai lle pregunta bótalle a culpa a Pesadelo, pero unha noite aparece ese pequeno monstro e fai o seu traballo de verdade, daquela Mateo ten un segundo problema pero serviralle para darse conta de que hai que actuar doutra maneira, sen esquivar responsabilidades (incluso porque todo ten unha segunda volta e podes atopar a inversa). O pesadelo de Mateo de Estefanía Padulles está publicado por Belagua.