Amosando publicacións coa etiqueta Emocións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Emocións. Amosar todas as publicacións

domingo, 9 de xuño de 2024

Unha novela que trata as emocións

Burbullas de calma serena de Andrea Maceiras e ilustrado por Irene Sanjuán está publicado por Cuarto de inverno.

Así se presenta na páxina da autora: "Burbullas de calma serena fala de Casiopea, unha gata doméstica, pouco afeita ás aventuras. Non pode imaxinar que será a primeira gata de Agarimo en ver un alien, tampouco que o acollerá na súa casa nin o desastre que se vai formar. Do outro lado da rúa, Alma vive con ansiedade a chegada dos seus tres terribles curmáns. Noa está sempre enfadada, Luc non para de chorar e Nico só cala e observa. Así é imposible concentrarse nos deberes de matemáticas!  Malia todo, Agarimo non é un lugar tan tranquilo como parece… E un alien capaz de fundir todas as luces da urbanización cando perde os nervios non é un segredo fácil de agochar. Se cadra, no planeta Sosego teñen razón e a calma é a solución perfecta. O problema é que, ás veces, as emocións estouran coma burbullas."

As ilustracións non defraudan, conseguen levar ao lectorado nesa viaxe por Agarimo acompañando aos personaxes por unha historia que arraigan no posible dentro do xénero infantil. Extraterrestre que pode converterse no que lle gusta, casa de astrónomos que están fóra e na que a nena veciña coida do gato, os primos que veñen para darlle a volta ao mundo tranquilo e amoroso de Alma... con ese cóctel asistimos ao mundo visto dende a mirada dunha gata que adopta a un extraterrestre; este vailles mostrar a forma de poder controlar as emocións, si farao despois de ter fuxido do seu planeta por non aguantar tanto sosego.

domingo, 4 de decembro de 2022

Un novo álbum de Luz Beloso

Un novo álbum de Luz Beloso, O poder máxico do sorriso, da autoría de Thalía Troitiño González e publicado por Galaxia na colección de álbum con pastas brandas. A modo de inventario de sorrisos, de definición de cada un deles, funciona esta historia que nos vai presentando porque cada sorriso (di) é coma un traxe que te colocas. Hainos de ledicia (que vai de orella a orella deixando ver os dentes e engurrando os ollos), o da tristeza (que aparece nas despedidas e non abre a boca), o vergonzoso (lixeiro e con rubor nas meixelas mentres inclina a cabeza), o coqueto (que mira e non mira, que ri e non ri), o falso (no que so ri a boca pero non os ollos), o do medo (cos ollos paralizados) e o do amor (que aparece unicamente con quen queres moito, nas miradas e nas apertas). Ao final, pídeselle ao neno ou nena lectora que debuxe os seus sorrisos na última páxina, así formará parte do libro, pero sobre todo, observará as súas expresións, as súas emocións. 

Anunciamos este entrada coa ilustradora, porque Luz Beloso ten un estilo moi especial e recoñecible, que salta sobre calquera outra participación na obra.

martes, 6 de setembro de 2022

Un libro de bocados matemáticos e un libro de emocións?

Bocados matemáticos de Paulo González Ogando publicado por Xerais en Básicos Ciencia. Leamos: "Unha mirada adestrada consegue identificar elementos xeométricos, numéricos, lóxicos ou estatísticos ao seu arredor en multitude de situacións. Desde a forma do balón de fútbol ata o número que nos asignaron no noso DNI, nestas páxinas explícanse exemplos variados de aplicacións das matemáticas. O autor, profesor de secundaria, nesta obra dá respostas, fomenta a curiosidade e persegue que se perda o medo a facer uso das matemáticas. No seu blog http://compaseregra.blogspot.com leva compartidas máis de duascentas construcións dinámicas elaboradas seguindo as normas clásicas da xeometría con regra e compás.

A divulgación científica faise cada dçia máis imprescindible, por iso agradecemos cada un dos libros que aparecen en galego. Achegar a ciencia a todos os públicos e facelo en galego é algo realmente marabilloso. 

Defectos monstruosos de Alberto Hontoria Maceín, ilustrado por Nuria Díaz e traducido por Blanca Ana Roig está publicado por Hércules Edicións na colección Nova Lecturas de Hércules

Así se presenta: "Milo odia case todo. É desobediente, irrespectuoso e está sempre enfadado. Un día, tras sufrir un accidente, comeza a percibir un fenómeno extraordinario: o mundo está repleto de monstros que seguen aos humanos alá onde van. Pero a xente non o sabe, pois só Milo os pode ver. Aos poucos, Milo irá dándose conta de que cada monstro se parece sospeitosamente á persoa á que acompaña…" Cada monstro representa un defecto: a ira, a envexa, a soberbia, a timidez... e todo o que se agacha detrás de cada un deles. Milo aprende moito, cambia e tenta axudar aos demais. Pode ser este un libro para o traballo coas emocións, un libro dun psicólogo, haberá que pensalo...