Amosando publicacións coa etiqueta Francisco Fernández del Riego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Francisco Fernández del Riego. Amosar todas as publicacións

mércores, 1 de novembro de 2023

Outro libro ao redor das Letras

Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil de Antón Mascato e Pepe Carreiro está publicado por Galaxia. Aínda que non sei ben se consideralo cómic ou un libro informativo, si, case mellor. Unha biografía contada a base de ilustracións, que comeza situando a Belle Époque con todo o que se ocultaba debaixo de tanto glamour: folgas e represión, Rexurdimento das nosas letras e nacemento de Fernández del Riego. Paso a paso imos seguindo o decorrer deste ilustre dende as súas lecturas xuvenís aos estudos en diferentes cidades, a súa situación de testemuña nos acontecementos históricos como a chegada da República, a descuberta do país en Madrid a través das lecturas, a celebración do Día de Galicia en Lourenzá con reparto de manifesto e discurso galeguista dende o balcón do concello baixo a bandeira galega en 1931. A relación con Carballo Calero, Risco, Castelao, Seoane, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal con quen aprende o oficio de editor, a súa actividade nos organizacións galeguistas, sindicato de estudantes e SEG, as colaboracións en A Nosa Terra, a participación en mitins cando a campaña do Estatuto... O horror do golpe de estado e a guerra para a que é recrutado e a represión posterior cando é inhabilitado para o seu traballo de profesor na universidade de Santiago e como se reinventa en Vigo escribindo con varios pseudónimos, realizando programas en galego na BBC, creando e dirixindo Galaxia, escribindo todo o que era preciso, dirixindo a biblioteca Penzol e a RAG...   No final do libro, mentres se vai, afirma: "O Estado concede gratuitamente o dereito a ignorar a nosa lingua. É o xeito absurdo que se ten de culturizar o noso país: forzándoo a ignorarse a si mesmo." Outra lección!!!

Así se presenta: "Un home pode valer por mil? Vexamos: Paco del Riego foi membro das Irmandades da fala, do Seminario de Estudos Galegos, da organización xuvenil Ultreia, dirixente estudantil, fundador do Partido Galeguista, profesor na Facultade de Dereito, colaborador de prensa, secretario de Actas da Comisión para o Estatuto de Autonomía, conferenciante, crítico de arte, fundador de Editorial Galaxia, preso político, secretario do Partido Socialista Galego, director de Artes Gráficas Galicia, editor, director da revista Grial, académico e presidente da Real Academia Galega, director da Fundación Penzol, escritor, divulgador, coleccionista de arte, bibliófilo… E aínda tivo tempo para gozar da vida. Pois si, semella que Francisco Fernández del Riego foi un home que valía por mil!"

Un bo traballo de dous magníficos creadores, ao servizo das Letras, da cultura do país e da memoria democrática.

martes, 22 de agosto de 2023

Os libros das Letras

Aquí está Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro da man de Héctor Cajaraville. Este autor xa leva realizado as correspondentes aproximacións aos anteriores homenaxeados: Antonio Fraguas, Carvallo Calero e Delgado Gurriarán. Un verdadeiro experto nos ilustres.

Neste caso, faille fronte á figura de Fernández del Riego a través dunha biografía que vai salpicada de cartas que, en momentos determinados este lle escribe a diferentes persoas: Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Antonio Fraguas e o propio autor. A continuación realiza unha cronoloxía recollendo a relación da biografía con cada un dos anos vividos e algún feito histórico de relevancia. Continúa cun listado de obra publicada nos diferentes xéneros: ensaio, narrativa, edicións, antoloxías e traducións. Recolle tamén os recoñecementos que recibiu don Paco e, para finalizar, a bibliografía utilizada tanto en papel como dixital.

O legado silandeiro é un bo título, porque del Riego foi un home silencioso que non se fixo ver a pesar de traballar moito e ben. Ademais dos seus estudos sobre o país, a literatura galega, os diferentes escritores e artistas, as cidades e provincias... hai que ter en conta as edicións de obras e as escolmas que divulgaron a obra dos escritores e tamén a narrativa de creación. Pero, ademais de estudoso, del Riego foi un home "de relación" que puxo a escribir a moitos autores que sen o seu apoio non o farían, axudou á publicación das súas obras... polo tanto fixo posible unha literatura máis rica. Creou as bases para posibilitala por medio da creación da editorial Galaxia e os estudos a través da revista Grial. Puxo en pé e mantivo a Fundación Penzol nesa Casa da Cultura Galega en Vigo onde el mesmo deixou os seus arquivos, biblioteca e colección de arte. Un home da literatura e do xornalismo, un pensador e activista galego a favor da identidade, un home de acción que fixo pola RAG en catro anos o que outros non conseguiran, un activista que levou a cabo o seu proxecto dentro do exilio interior. Un home de ben!