Amosando publicacións coa etiqueta Iago Torres Paris. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iago Torres Paris. Amosar todas as publicacións

sábado, 20 de decembro de 2025

De cando os animais tamén eran xente


De cando os animais tamén eran xente, un magnífico título de Manuel Lourenzo González. Volve este autor que ten ofrecido tan bos libros á nosa literatura, volve contando tal como se facía noutros tempos. Comeza o libro con tan bo pé que nos engaiola, situándonos outros tempos que semellan medievais pero poden ser atemporais porque unha muller sabia pode converter os homes en animais e pode resolver un problema social de moito calado con esta meiga no seu laboratorio, botando un cabo ás persoas que non queren ser sometidas por unha ditadura afagadora. 

Ilustracións de Iago Torres Paris e publicado por Boadicea nun formato pequeno dentro da colección A carrilana dos soños. Felicitamosao autor e tamén á editorial por un texto que non semella actual pero que moito nos pode dicir porque non sempre os burros se mostran coa súa verdadeira faciana, porque o mal hai que enfrontalo da maneira de sexa, poque a bondade debería ter premio sempre e porque nos encanta recuperar as historias dun nobre cun filla y un servidor leal con tres fillos, nobre e vasalo con dignidade fronte a un mundo que a esqueceu, mulleres boas fronte a malignas (como houbo sempre) e mundos que é posible cambiar.

Esta é a boa fantasía! Igual non é necesario seguir facendo experimentos con gasosa e buscar esas bocas da literatura das fala Rivas, porque non só se trata desaber escribir (que, a estas alturas, hai moito quen o faga) senón de que o contido acompañe ao continente. 

xoves, 11 de abril de 2024

Boadicea editorial e as primeiras obras

A miña primeira novela de pantasmas leva por título Noite no cemiterio, é da autoría de Carlos Vega, con ilustracións de Iago Torres Paris.

Boadicea, a editora desta obra e da colección, preséntase así: "Alba Rozas, José Manuel Dopazo e Marcos López creamos Boadicea Editora en 2022 para consolidar unha produción sistemática e especializada de obras en galego. Centrámomos nos eidos da fantasía, a ciencia ficción e o medo, entroncando coa tradición europea, asiática e anglosaxona destes xéneros. Achegamos tanto creación propia, dando voz a autoras e autores de Galiza, como a tradución de autoras e autores clásicos e actuais, coidando en todo momento a calidade das publicacións."

Conta con liña de fantasía e ciencia para infantil. Aventuras, fantasía, ciencia ficción e terror en xuvenil nos apartados de A miña primeira novela do Salvaxe Oeste, a miña primeira novela de maxia, a miña primeira novela de Épica Galega, a miña primeira novela de Ciencia Ficción, a miña primeira novela de Piratas, a miña primeira novela de Cabalarías e a miña primeira novela de Pantasmas da que estamos a falar. En adultos continúan con ciencia ficción e fantasía, da man de autores como Philip K. Dick, Ursula K. Le Guin (coa súa serie de Terramar), China Miéville...

E así presentan a obra: "Estreamos liña de terror con Noite no cemiterio. O número 7 da colección A miña primeira novela de… para lectores e lectoras de entre 12 e 15 anos. Desta volta Carlos Vega achéganos Noite no cemiterio, a historia de Lolo e Quin, dous irmáns que van vivir á casa máis próxima ao camposanto de Vilatorcida. Alí coñecerán ao terrorífico conde Silas, que domina todas as ánimas do lugar coa axuda do seu fiel servente. Trátase dunha novela de pantasmas e, polo tanto, do título que inaugura a liña de terror na nosa editorial." Unha vez máis enriquecen a narración con información complementaria de forma que non teñas que buscala senón que aparece no medio do texto e á que, en moitos casos, tamén podes acceder a través dun código QR que neste caso engade sobre Casas encantadas, Réquien, Washington Irving, Ánxel Fole, Edith Warton, M.R. James, Oscar Wilde, Banshee, Camposanto, Necronomicon, Libro dos mortos, Revivvidos, Pantasmas, Compaña e Santo André de Teixido.