Amosando publicacións coa etiqueta Ilustración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ilustración. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de outubro de 2022

Un novo libro de Xosé Iglesias

Despois de Nación mar, o libro no que os cetáceos se converten en naves ou viceversa, Xosé Iglesias publica unha nova obra (Luces da Costa da Morte. 12 postais dende a fin do mundo. 12 poemas oceánicos) na que estes animais e os faros da costa da morte se fan protagonistas. Autor e ilustrador, poemas ao redor de cada un dos faros e ilustracións que poden ser postais e tratarse como tales.

Un novo formato de libro, despois da orixinalidade do anterior. Con el imos percorrendo unha ducia de faros de poemas: o das Illas Sisargas, Punta Nariga, Roncudo, Laxe, Cabo Vilán, Punta da Barca, Touriñçan, Cabo Fisterra, Cabo de Cee, Carrumeiro, Illa Lobeira e Lariño.   

O autor, home de mar (patrón de pesca e de costa, armador do buque Primero Villar), con poemas "feitos dende o océano" e estes libros nos que as palabras veñen ao par das imaxes, e todo da súa man.

Edición de Bululú

mércores, 21 de setembro de 2022

Os ilustradores: Víctor Rivas e Xosé Cobas


Os dous últimos libros de Antonio García Teijeiro fan que nos deteñamos nos artistas que os ilustran. No xardín do poeta, unha homejaxe a Lorca, publicada colección Merlín, conta cunhas imaxes marabillosas de Víctor Rivas. Un traballo impresionante, pola calidade e a abundancia. Semella un agasallo ao autor. Rivas déixase levar no tempo de pandemia a suma imaxe tras imaxe ata crear un produto do que o autor debe sentirse máis que orgulloso. 

Igual pasa con Que demo de monicreque! publicado por Galaxia. Aquí é Xosé Cobas o que asume o reto de acompañar o texto de García Teijeiro cunhas ilustracións tamén abundantes e de moita calidade. Unha historia ao redor dun poeta en horas baixas ao que vai axudar un monicreque a espertar a creatividade grazas a un saco de palabras. Desa bolsa e desas verbas van nacer poemas, o que fai que o libro combine prosa e verso. A xenerosidade de Cobas lévao máis alá das ilustracións ata realizar o retrato do poeta e o propio que coloca nas lapelas.

Dúas obras que lembraremos. Dous ilustradores demostrando a súa valía.