Amosando publicacións coa etiqueta Laura Suárez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Laura Suárez. Amosar todas as publicacións

sábado, 9 de agosto de 2025

A secuela dunha novela de Iria Misa

A secuela dunha novela de Iria Misa. Aparece A excursión a Cans. Unha veciña de película que é a continuación de Unha veciña de película  

Da presentación editorial:"A secuela de «Unha veciña de película» con máis aventuras de cine, agora no Festival de Cans." Da sinopse: "Desde o verán pasado, os xemelgos Elsie e Simón non saben nada de Alice, a súa estrafalaria veciña cineasta coa que viviron emocionantes aventuras de película. Mais é posible que iso cambie o día que van de excursión co cole ao Festival de Cans. Ficción e realidade, «ghalpóns» e chimpíns, son os ingredientes perfectos para que se produza o reencontro. Que aventuras estarán a agardar por eles dentro da pantalla? Se che gustou «Unha veciña de película» non perdas «A excursión a Cans». Vémonos no Torreiro das Estrelas!"

Iria Misa volve a esta historia de cine e colócaa en Cans, nesta aldea galega na que se celebra un festival coa xente do medio e no que en vez do glamour de Cannes se pon en escena o agro e todo o que el conleva. Unha intervención moi interesante entre o cine e a aldea, entre o que vén de fór ae o que facemos na casa, para demostrar que podemos chegar a todos os sitios facendo o que é propio noso. Unha reivindicación do rural galego!

Por iso está ben que a á autora se lle teña ocorrido desprazar aquí aos rapaces protagonistas da historia anterior, introducir unha pequena preocupación emotiva e facer que todo remate a gusto de todos. Unha muller cineasta que se reivindica, un xemelgos que comezan a ter amigos pola súa conta, un festival da cultura máis cara situado nun lugar absolutamente básico... os ingredientes necesarios. Ao seu lado, a tipoloxía de texto recolle o guión. Unhas ilustracións que lle dan continuidade á novela anterior e o fan moi ben porque xa daquela nos pareceron moi boas, moi persoais e recoñecibles con rapaces e rapazas que o son e con adultos ou xoves que tamén o son.  (tal como sucede nos diferentes capítulos dunha serie cinematográfica)

Para maiores de nove anos, áxil facéndoos avanzar polo mundo do cine e pola experiencia única dun festival  de noso.

Unha serie, con todas as vantaxes que nos achega: eses personaxes que xa coñecemos e dos que queremos saber máis, unha hisotira que nos fideliza porque desexamos acompañar a ese xente e facelo dunha maneira que sa nos resulta coñecida. Mans que nos levan e ogallá sigan facéndoo polo mundo do galego.

martes, 10 de xuño de 2025

Varios

Unha boa amiga de Laura Suárez está publicado por Tambre na colección Ala Delta.

Da presentación editorial: "Era unha vez unha nena que un día coñeceu unha raposa. Ou era unha vez unha raposa que un día coñeceu unha nena. Si, se cadra eran moi distintas. E, aínda así, decidiron achegarse unha á outra.Pasaron semanas e meses enteiros xuntas. Debuxaron, leron e xogaron. Mais un día certas cousas entre elas empezaron a mudar." Porque é difícil que unha ceda todo o tempo para que a outra sexa feliz no seu medio, hai que chegar a un acordo, despois de pasar semanas enteiras facendo cousas de raposas, pasaron meses enteiros facendo cousas de nena, cabreáronse e ao cabo do tempo volveron buscarse e desculparse porque son coma a noite e o día pero boas amigas. 

Unha historia curta, unhas imaxes nas que o ocre protagoniza o mundo de nena e raposa. Pouco texto, moi escollido. Unha historia simbólica acerca da amizade entre diferentes, difícil pero posible.

Mica, Cuarzo e Feldespato de Antonio M. Fraga está ilustrado por Bea Gregores e publicado por Triqueta Verde na colección Petos.

Da presentación editorial: "Que agradable é ser unha ratiña de vertedoiro! Agás se unha bandada de gaivotas decide roubar a comida que cada anochecer trae un camión desde o supermercado. Isto é o que lles ocorre ás ratiñas desta historia que, desesperadas, deciden pedirlle axuda a Mica, Cuarzo e Feldespato, tres gatos que viven na canteira próxima ao vertedoiro. Gatos e ratiñas unen as súas forzas para defenderse das gaivotas, pero necesitarán a axuda doutras criaturas. Atreveraste a ser unha delas?"

Ben, vai de ratos de vertedoiro, dun problema cas gavotas que lle comen a comida, de como van en comitiva buscar o conselllo da Honorable Rata do Cumio, de como esta lles anima a que falen con tres gatos que viven felices alimentados pola velliña da casa escangallada a carón da canteira, polo medio dous ratos exploradores que van ter un pepel importante). Que, quen son os tres gatos? Pois os dos nomes dos compoñentes do granito: Cuarzo (branco, vello e sabio), Feldespato (laranxa e preguiceiro) e Mica (nova e intrépida); trespersonalidades ben distintas. Despois varios animais que tamén van ter o seu papel, pero o mellor é a forma de contarnos a historia que ten Fraga, ese entrar e saír da historia para falarnbos, esa maneira de presentarnos o escenario e cada un dos personaxes e ese final "E aquí acaba esta historia, que aconteceu no lugar máis feo do mundo. Mais vouche contar un segredo: tras coñecer os seus habitantes, este lugar xa non me parece tan horriblemente feo. E ti que pensas?" Certamente, cada é horrible cando te aproximas e o comprendes, todo ten o seu aquel...

As ilustracións de Bea Gregores mostra outro marabilloso mundo do seu imaxinario. Esta muller que é quen de renacer unha e outra vez, que non se preocupa por demostrar un estilo propio porque pode ter varios e todos eles levados con moita dignidade. Esta é un deles: delicado, con pequenas imaxes, xogando a impoñelas no deseño... Un luxo!  

mércores, 7 de xuño de 2023

Novela para lectorado autónomo que xira ao redor do cine

Unha veciña de película de Iria Misa, ilustrada por Laura Suárez (co estilo que lle é propio e que retrata a eses personaxes que xa imos recoñecer sempre) está publicado na colección Merlín de Xerais. 

Semella que volveron os temas de Agustín Fernández Paz. O cine facéndose dono das historias, traendo a súa maxia á vida cotiá.

Semella que tamén volveron as personaxes que parecen sacadas doutros tempos e outras realidades como esa muller, Alice, de idade indeterminada e envolta no misterio. 

E semella que as familias diversas son contadas con toda naturalidade: Mami e Mamá non teñen necesidade de reivindicarse ou defenderse ante ninguén. 

Dous xemelgos: Elsie e Simón (van desaparecendo os nomes galegos para quedar no do rapaz unicamente) que viven as súas aventuras de verán grazas á veciña que os mete nas proxeccións de vellas películas: O mago de Oz, Tiburón, Sherlock Holmes e a perla maldita, O gran ditador, Viaxe á Lúa, Frankenstein e Indiana Jones e a última cruzada. Na volta ás clases van ser a sensación de todos os recreos pois non son comparables as súas peripecias coas dos xemelgos por moi lonxe que viaxasen (nunca chegarían á Lúa), por moito que lesen (nunca entrarían na profundidade da historia de Frankenstein), por moito que realizasen expedicións (nada comparable á de Indiana Jones), por moito que investigasen (non o terían feito como Sherlock Holmes), por moito perigos que pasasen (nunca tantos como nun mar de quenllas)... 

Os guións vanse intercalando coa narración e achegan unha diversidade e riqueza ao relato.