Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas expertas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas expertas. Amosar todas as publicacións

martes, 23 de setembro de 2025

Confesións á psicóloga


Gaiolas de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás está publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Catro testemuños de catro mulleres de distintas idades, de distinta condición social e profesional. Catro voces que falan de vidas que unha vez se viron engaioladas. Catro voces que falan tamén da importancia de recoñecer o encerro das gaiolas para abrirlles as portas." Catro mulleres contan a súa relación coa parella a unha psicóloga que recoñecemos detrás da placa: Leticia Bermúdez. Psicóloga. O nome de cada unha delas identifica cada capítulo: Chámome María, Chámome Eva, Chámome Rosalía e Chámome Helena. A especialista non intervén en ningún momento, só escoita e toma nota (vémolo pola ilustración). Todas elas padecen maltrato e en todas recoñecemos determinadas condicións que se repiten: normalmente van cambiando despois do namoramento inicial, poden ser dificultades económicas ou non (home en paro ou empresario de éxito), celos doutros homes ou profesionais, mantela na casa sen traballar, sempre aillamento de amizades e familia, sempre arrepentimento e perdón despois das primeiras violencias, o sentimento de pena por parte dalgunhas mulleres para dar paso posteriormente ao medo, ás conservadoras o cura que as confesa pídelle paciencia (unha proba de Deus), algunha case cre que é normal o maltrato porque tamén o viron na casa, a maneira de disimular os golpes con desculpas de todo tipo, non admitir que lle leven a contraria, adolescentes que se senten atraídas polos "malotes", secuestro, violacións... Unha delas di "Os monstros así habitan dentro de moitos homes. (Se cadra. eles son tan vítimas coma nós. Só que as trompadas levámolas nós, as mulleres, e non eles." O libro ten unha sorpresa final que nos vai gustar, sen dúbida!

Mulleres retratadas por homes, no texto e nas imaxes, tanto un coma o outro realizan un traballo de calidade.

luns, 17 de marzo de 2025

Dous novos títulos da man de Ana Mª Fernández e Xoán Babarro

Pirata pregunta por ti de Ana Mª Fernández con ilustracións de Lili Algo publicado por Galaxia na colección Árbore a partir de dez anos.

Preséntase así: "Miau! Pirata chama cada día por ti, avoa. Semella que busca a túa sombra por toda a casa e, aínda que se faga o durmido sentado na túa butaca, as máis das veces está cun ollo aberto por se te ve pasar. Agora o teu gato é meu. Pirata xa forma parte de min, dos meus mellores amigos."

Unha alternancia de textos, na páxina esquerda a modo de diario e poemas na dereita. A poesía  ten todas as características e o oficio da autora, dende o ritmo á rima, dos magníficos recursos que usa como ninguén, tal vez neste caso indo un pouco máis alá obrigándonos a descifrar os sentimentos detrás de cada imaxe. Un exercicio de bo facer, de arte literaria ao servizo da rapazada e dunha situación común: a morte dun ser querido ao que temos que despedir da mellor maneira contándonolo e converténdoo en arte. O libro xira o redor da perda da avoa, da tristeza que a nena ha de ir superando ao longo do tempo e do caderno. 

Que facemos co que herdamos da avoa? Que pasa coa súa mascota? E cos nosos recordos que acoden a cada instante e con calquera desculpa: á hora de comer, cando vemos a súa roupa, as súas cousas, as fotos, as gafas, os seus libros... as verbas que nola lembran, a dor, a soidade, a tristeza que se vai facendo dona de nós, a esperanza de que a morte non sexa certa, as conversas silenciosas con quen xa non pode contestarnos?

Cara ao final:

"Ola, avoa! / Esta é a terceira carta que che envío, / por se tes vagar de as ler onde estás agora. / Imaxina, / hoxe hai nubes xigantes, de melocotón tinguidas, / pero cun remate de azucre no máis alto. / Todas elas pasan polo ceo do noso patio / e miran cara abaixo, / xa sabes, / por se encotran os teus ollos. O xeracio deu unha flor nova / e a cesta coas túas cousas subímola ao faiado. / Só me quedan de ti / ecos / nun calendario que se esgota."

Unhas imaxes que van dende a tenrura dunha morea de crianzas xogando no campo (ou do orixinal gato) que poden lembrarnos antigas ilustracións especialmente naif ou infantís ata outras demasiado simples nun empeño por introducilas en cada unha das páxinas e a achega de texto innecesario nas mesmas coma un empeño por deixar pegada que máis ben debería estar na lectura atenta dos textos.  

As vinte fadas de Lala Rus de Xoán Babarro está ilustrado por Ana Tasende e publicado na colección Árbore de Galaxia a partir de dez anos. O autor preséntanos a Lala Rus, unha avoa á que todo o mundo coñece polo nome do conxunto folk que fundara de nova. Ela convénceo de que as fadas existen, que se tiñan comunicado con ela moitas veces e que andan entre nós desenvolvendo ocupacións diversas dentro da sociedade; ben é certo que non se mostran máis que a contadas persoas. Este poemario responde ás cancións que a cada unha delas lle escoitou a avoa, agora o autor móstraas agardando a qeu algunha se lle mostre e poda ir engadindo o seu cantar.

Poema a poema vainos presentando as fadas, a bibliotecaria que vive entre os libros, a que mora nos cons, a que mira as mareas e recolle os plásticos, a amiga do eco que fala con ein, a que xoga ao brilé, a que salta nun pé, a que vai de visita, a que canta nas festas, a fada que chouta na corda, a que rema en traineiras, a que gaba a paisaxe, a que un día foi tímida, a que pesca de noite, a que brilla en Ortoño, a que vén coa anduriña, a que arranxa confeitos, a que voa nun u, a das serras de Oriente, a que xoga coas follas e a que pinta solpores. Cada unha delas leva connsigo un valor a defender: a arte, a observación da natureza, a escoita atenta, a alimentación saudable, o voluntariado, a música, o mar e o interior, a tiidez e a súa superación, o exercicio físico, os xogos, a hospitalidade, as diferentes variedades ligingüísticas, a ecoloxía, os seres marabillosos, a lectura, os libros e a biblioteca. Valores todos eles a ter en conta.

Un exemplo: 

"Vogas da fada que pesca de noite. 

O mexilón, fiel mensaxeiro, / cabalos de onda galgando, / cóxegas de sal no esteiro. / A vogar... a vogar.../ un barquiño de luar!/ Segredos do mar infindo / gardan en cofres secretos / as penedías do Pindo. / A vogar... a vogar.../ un barquiño de luar!/ Eu vogar, ben vogaría, / meu luceiro, pola noite/ e, meu amor, polo día. / A vogar... a vogar.../ un barquiño de luar!"

Un luxo de ritmo e riqueza léxica 

Da presetnación editorial; "Lala Rus descóbrenos unhas fadas que cantan as súas propias cancións, mais tamén exercen de bibliotecarias, pescantinas, adestradoras, labregas, actrices, voluntarias en oenegués, fotógrafas... Ademais, por teren a condición de fantásticas, poden ir aos salóns de peitado de sereas, ser amigas do Eco, xogar coas nubes, competir en carreiras de canguros e voar no cantar do cuco."

Ilustracións nas que as cores ocre, laranxa e tella e nas que a ilustradora se empeña en poñerlle estrañas orellas ás fadas, de verdade as teñen?

sábado, 12 de marzo de 2022

Anacos de vida de Víctor Rivas, recuperando un pasado rural

Víctor Rivas, o recoñecido ilustrador de Escarlativa e Esmeraldina, Os arquivos secretos de Escarlatina, Vampira de biblioteca, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, Dez gatiñas viaxeiras, Quokka Moka e tantos outros en diferentes idiomas... Si, el, tráenos un libro, enteiramente seu, destinado a lectorado experto e familiar.  Trátase de Anacos de vida, anacos daquela vida que el lembra de cando era pequeno e pasaba temporadas na aldea á que agora volve, pasados os anos.

Tres prólogos que achegan luz aos tempos e á obra de Rivas: "Tempo que foi para nós sermos" de Ana de Vilatuxe, de onde recollo: "Anacos de vida amósanos realidades que moitas de nós vivimos ou das que oímos falar. Do mesmo xeito que Memorias dun neno labrego foi para min e para moitas de nós un espello onde nos vimos reflectidas, estas historias contadas polas ancestras adquirirán igual significado no presente e nun futuro distante". "A arte útil" de Joám J. Romero-Porto Durán que di: "En Anacos de vida Víctor ilústranos sinteticamente sobre aspectos da nosa cultura popular que dificilmente poden ser evocados con tal nivel de aproximación de forma escrita. É a clase de arte que este vello País necesita." En "Un cosmos a pé de rúa (o futuro entre leiras)", David Rubín escribe "Para contar como Víctor conta os anacos de vida que compoñen esta obra, precísase sobre todo observar, desfrutar, recordar e experimentar a vida e as vidas que nos rodean, a partir das cales construímos nós a nosa, como sistemas solares dentro de galaxias". 

Unha obra dividida en apartados como Mulleres (elas, as empodeiradas que tanto sulfatan como conducen a Vespa, evidencian aos vagos; bailan descalzas sobre o herba ou enchoupan os pés no regato sentíndose felices, mulleres que gustan de mollarse baixo a chuvia, mulleres lectoras que aproveitan calquera momento para facelo, lavandeiras, meigas pasándose os coñecementos de xeración en xeración), Homes (que non saen tan ben parados), Lendas, Amores (de todos tipos e cores, porque a liberdade e falta de prexuízos é unha das marcas deste traballo) e Xentes. Todos eles, tratados con respecto e uns granciños de crítica, ao modo de Castelao. Nesas liñas limpas hai diso e dá gusto saborealo. Na esquerda das láminas, pequenos textos (ás veces rimados) colaboran no significado, achegan a visión do país, da muller, do amor... deste artista que sempre nos trae calidade nunha mirada propia.