Amosando publicacións coa etiqueta Libros duros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros duros. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de outubro de 2024

Un novo libro duro, de pastas, para esas mans pequerrechas e redondeadas

Queres xogar comigo? de Eric Carle traducido por Ballesteros aparece da man de Kalandraka como o están facendo todfos estes clásicos infantís. Volvemos a narración encadeada, un ratiño que quere xogar e busca con quen, é pequerrecho e vai seguindo rabos (que nos obrigan a adiviñar de que animal se trata) -Ol, amigo, queres xogar comigo? pregunta ao cabao, ao crocodilo, ao león, ao hipopótamo, á foca, ao mono, ao pavo real, ao raposo, ao canguro, á xirafa... ata chegar a xunta unha ratiña que por fin acepta xogar sen poñer ningunha desculpa, póñense a xogar ás agachadas e daquela descubrimos que esa tira verde que viramos na parte baixa das páxinas ao longo de todo o percorrido era unha serpe que queda sen merenda cando os dous ratiños se agachan no tobo. 

Na primeira versión o título en inglés equivalía a algo así como "Queres ser o meu amigo?" pero tal vez o xogo se preste máis a compartir ese tempo necesario para facerse amigos. E a amizade, xa vedes, salva de perigos, ademais de divertir e envolvernos en afectos. Queremos xogar, todos os animaliños queren xogar e han de buscar o tepo para facelo porque se pode compartir xogo e traballo, xogo e outras tarefas. 

Un libro que vai permitir continuar o xogo coas crianzas porque poden ser moitos outros animais (dos que debuxar rabos) e podemos buscar outros finais, pero, sobre todo,  podemos repetir a lectura con eles unha e outra vez ata recoñecer cada animal e as palabras que se repiten.

martes, 24 de setembro de 2024

Un novo libro de Fréderic Stehr: "A hora da sesta"

 

A hora da sesta de Fréderic Stehr (traducido por Xosé Ballesteros) é o terceiro título que publica Kalandraka deste autor. Libros duros para que as criaturas podan manipulalos a pracer.

Así se presenta: "É a hora da sesta na escola infantil e Leo non ten sono. Para entreterse, fai unha cabana e esperta o seu amigo Oli para amosarlla. Pouco a pouco, os demais compañeiros irán sumándose para construír unha na que caiban todos."

O mellor do libro non é o que conta senón como o fai. Entre as ilustracións e as escasas conversas entramos no mundo desas crías de aves e o seus tempo na gardería.  Esa maneira de contar que nos leva a eses instantes nos que a tenrura envolve a situacións: as posturas porque hai quen dorme do revés e quen o fai ocupando o colchón de lado, a personalidade de cada un deles, o boneco que os acompaña e a maneira na que se apuntan ao xogo... podemos seguir a evolución do sono de cada un deles, de como o quen non durmiu antes necesita facelo despois, a transformación da cabana... Na contra cuberta continúa a historia cando un dos pequerrechos pon a durmir a sesta aos seus bonecos e tamén lles prepara esa posibilidade de construír a cabana. 

Como é posible seguir gardando esa primeira infancia para facérnola chegar?