Amosando publicacións coa etiqueta OQO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta OQO. Amosar todas as publicacións

mércores, 19 de novembro de 2025

Álbums ilustrados

A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo & Mar Ferrero está publicado por OQO na colección O

Da presentación editorial:"Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”."... Tempo despois chegou a primavera e todo espertou, o ratiño púxose a buscar o garavanzo e oh sorpresa! o que atopou foi a planta con moitos garavanzos, con eles puideron facer o guiso para toda a cadea de animais que andaban polo medio; así que ao final todo saiu ben, moito mellor do que se agardaba. Unha historia ben levada!

Maruchi e o gancho de Laura Cid Rascado conta co premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado 2023 e está publicado por Galaxia. O xurado destacou que "é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos." É inverno, a galiña abúrrese porque non pode saír da casa polo frío, como ve que todas as demais teñen frío decide facerlle algunha roupa de abrigo aproveitando que ten unha madeixa de la, pero todo lle sae mal... ata que aparece o can coas gafas e... as cousas cambian.

martes, 7 de maio de 2024

Oso e máis eu de Esther Peces, traducido por Marisa Núñez e publicado por OQO. É Premio Internacional 2022 de Álbum Ilustrado Ciudad de Fuengirola.

Unha nena conta en primeira persoa como un día entra na súa casa un oso e vaino rompendo todo, ela tenta ir amañando o que pode ata que se cabrea e lle berra. Daquela descobre que está ferido. Cólleo da man e lévao ao xardín para curalo. Así fanse amigos e el volverá a vela, de vez en cando. Unha fermosas ilustracións de grandes manchas (o oso non merece menos).

Unha vez máis asistimos ás historias que desculpan a maldade coa enfermidade, o desorden co tamaño...

luns, 29 de abril de 2024

Álbum ilustrado de diferentes marcas: OQO, Flamboyant, Excellence

 

Mirando aos monstros de Max aos ollos, aparece Isto non é unha selva de Susanna Isern e Rocío Bonilla na editorial Flaboyant. A nena dia a todo que non: a limpar, a recoller, a ordenar ata que a nai lle di "Isto está a piques de converterse nunha selva". Daquela comezan a aparecer os animais e a facer máis desorden (o seu) e ela vai estando cada vez mçais incómoda. Cando quere saír da casa atopa a selva, quere negalo pero ata a ela lle sae unha cola, así que asustada comeza a poñer orde en todo o que antes non fixera e cando organiza a casa esta comeza a ser a súa. Por iso, cando ao día seguinte súa nai a esperta todo volve estar no seu sitio... acabouse o pesadelo, agora é ela quen quere recoller proque "Isto non é unha selva."

Corazón de oso de Armando Quintero e Laura van Husen publicado por OQO. A historia dun oso e unha osa pequeniños, encóntranse, míranse pero non se atreven a falarse. A osa vai deixando follas con formas de corazón e o oso vainas seguindo. Así, vanse facendo grandes xuntos. Con frases ben medidas e unhas ilustracións fermosas, unha historia cargada de silencios e símbolos. Unha historia de amor. 

Con ás de bolboreta de Irene Gómez Marin e Laia Carrera Crespo publicado por Excellence Editorial. Neste álbum asistimos á espera dunha eiruga que se apura porque non se dá convertido en bolboreta, ve como todos os demais o fan e ela vai quedando atrás. Ten tantas ganas de metamorfosearse que vai á árbore da transformación e agarda... A avoa dille que non hai présa, que cada unha ten o seu ritmo, é máis... que só o fará cando sexa feliz vendo como voan as demais... e así sucede, despois de axudarlle a unha amiga. Porque si, o verdadeiro cambio sucede dentro de ti.

martes, 28 de febreiro de 2023

Vai de lobos

Un ovo de lobo de Txabi Arnal, traducido por Iolanda Mato e publicado por Triqueta Verde. 

Imaxinamos un lobo que quere facer un niño, poñer un ovo e criar unha criatura. Si, xa vimos que  coloca unhas ás de aguia e mascato que coloca nas patas de diante e no rabo. Tenta poñer un ovo... non é quen de facelo. Sofre algún que outro engano porque cando unha nube solta pedrazo no niño el ponse a incubalos ata que se lle desfán. Desespera: non pode facer o que fai o paxaro máis pequeno do bosque. Mentres os paxaros tentan animalo, o cuco fai das súas e coloca un ovo no niño do logo. Xa sabedes a maneira como segue a historia, tan pronto racha a casca do ovo o lobo empéñase en ensinarlle a voarm unha e outra vez, ata que o consegue. "Voa, cuquiño, voa" dille o lobo emocionado e orgulloso. Unha historia optimista e de autonomía, de amores que nos axudan a voar e chea de referencias actuais.

Feroz o lobo de Margarita del Mazo con ilustracións de Leire Salaberria, traducido do castelán por Marisa Núñez e publicado por OQO

Unha volta ao conto. Neste caso, o lobo vai buscando a Carapuchiña, todos o miran mal, todo o undo lle ve malas intencións, pero el, o único que quere é felicitala. Tamén atopamos a mestura con outros contos nos que o lobo actúa, como o dos tres porquiños.


sábado, 14 de xaneiro de 2023

Un par de libros para peques

 

Agora somos tres, de Georgio Volpe e ilustrado por Paolo Proietti (con lapis de cores) nun álbum publicado por Edicións do Cumio. O raposo asiste á chegada da primavera. Roibo prepáralle unha sorpresa a Chío, o esquío que está a piques de espertar da hibernación. Presentaralle ao amigo que fixo neste tempo, Bas? Dubida se é boa idea. E se pensa que agora non lle quere? E se agora se fan amigos eles e non lle queren a el? Como o ve raro Bas sígueo, como o ve raro Chío sígueo... así que se atoparán os tres, el confesa os seus medos e todo se resolve. Serán aínda máis felices!

Se eu fose un gato de Paloma Sánchez Ibarzábal, Anna Llenas. OQO. Realizado con colaxe. 

Respostas á pregunta: Que pasaría se fose un gato? O que lle gusta e o que non, o que faría e o que non, o que podería e o que non... pero sempre sería o teu amigo. O mundo das mascotas e o que fas ou agardas delas.