Amosando publicacións coa etiqueta Premio Arume de Poesía para a Infancia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Arume de Poesía para a Infancia. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de decembro de 2025

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos de Beatriz Dourado está na rúa. Ilustrado por Irene Sanjuán e publicado por Embora.

Lembramos que o xurado destacou "a sonoridade acorde co ritmo da vida e a poesía; a utilización de recursos variados como as onomatopeas, anáforas ou metáforas, enriquecidas con fórmulas coma os caligramas e as adiviñas, que van construíndo un universo engaiolante para o lectorado máis novo; a unidade temática que xira ao redor do “corazón” coa tenrura envolvendo os versos e establecendo un diálogo co lector e a lectora a través do xogo que se facilita cun ritmo áxil que nace de versos curtos que nos conducen ata o rap."

Un poemario ao redor do corazón, hai unha razón para que sexa así e sábea ben a autora cando se emociona ao lembralo. Dedicado a Bruna "que latexa sempre en min" e "á Unidade de Cardioloxía Infantil, UCIN e UCIP do CHUAC, polos latexos que sumades ás nosas vidas". O produto que entrega Embora é un luxo. Un álbum ilustrado que xoga especialmente con dúas cores: o azul e o ocre, ben especiais as dúas e nunha combinación marabillosa. Un libro xeneroso que non escaquea esforzos por parte da editora, dende a gramaxe do papel ás imaxes que acomapañan cada poema.. Feito con todo o corazón. As ilustracións estás realizadas cunha sensibilidade extrema que, nalgunha das imaxes consegue resultados espectaculares como na que acompaña ao seguinte poema:

"A CUADRILLA DOS CONTOS

Pinocho, corazón de piñeiro; / Sereíña, corazón de sal; / Soladadiño, corazón de chumbo; / Polgariño, corazón de pan.

Porquiño, corazón de manteiga; / Brancaneves, corazón de inverno; / Pincipiño, corazón de estrela; / Alicia, corazón de nubeiro.

Conta que conta que contarei, / do de3reitiñó e do revés, / tyantos corazóns dentro da pel." 

Un magnífico libro para agasallar neste tempo de inverno! 

luns, 1 de xaneiro de 2024

Os versos da mariola de Antón Cortizas. Premio Arume de poesía para a Infancia

Os versos da mariola de Antón Cortizas acadou o Premio Arume de poesía para a Infancia e foi presentada a súa edición en decembro de 2023. Publicado por Embora, cunhas ilustracións impresionantes de Andrés Meixide que converten o libro nun verdadeiro xogo.

Reivindica o xogo tradicional a través da poesía e a ilustración. Un xogo literario sobre os vellos xogos da infancia e tamén un libro pensado para xogar coa súa lectura a través das propias ilustracións. Unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas.

Volve o escritor ao empeño de defender o xogo tradicional e a maneira de xogar da rapazada noutros tempos de máis natureza e rúa e menos actividades dirixidas e pantallas, tal como se fixera na obra de teatro coa que ganara o premio Gala do Libro de 2016, Xogando con gatos.

No apartado "O porqué destes versos"  o autor mostra esta preocupación ante o cambio das formas de enredar da infancia, fala dos valores positivos e didácticos do xogo tradicional e busca que a lectura e a poesía sexan tamén unha brincadeira. Para iso, cada poema convértese nun xogo e desta maneira precisa a colaboración do lectorado para sentir que o libro acada o seu obxectivo. Todo tipo de recursos lúdicos e lingüísticos van no seu auxilio: caligramas, pareados, lecturas colectivas, cambios de letras por números ou palabras desordenadas... todo serve ao xogo, coa mariola como centro do mundo.

El ten máis libros relacionados con xogos como Chirlomirlos (Enciclopedia dos xogos populares, Ao pé da Laxa da Moa - recolleita da riqueza literaria oral en forma de adiviñas, trabalinguas, contos, lendas e refráns do concello de Carnota) e Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais).