Amosando publicacións coa etiqueta Primeiros lectores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Primeiros lectores. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de setembro de 2025

Un libro, un carballo e un ano

 

Un ano ao redor do gran carballo de Gerda Muller está traducido por María Herrero e publicado por ing edicións co apoio da Xunta. 

Sitúase dentro do selo de Lectura fácil e a min éntranme dúbidas porque se ben a historia é sinxela e comprensible (dous irmáns visitan a un primo que vive na natureza porque seu pai e garda bosques; nas visitas cada estación mostra a súa vestimenta e os seus froitos e a historia remata cando lle fan unha festa de cumpreanos ao vello carballo de 300 anos. A festa resúltame demasiado humanizada (coma os contos de animais) e igual prefería que o abrazaran cada día ou que o coidaran en vez de colocarlle faroliños e guirnaldas, pero iso é o de menos, son manías docentes (seguramente) pero para o meu gusto achega demasiada terminoloxía que non sei ata que punto é necesaria e non atosiga ao lectorado con dificultades de comprensión. Sucede ao longo do relato pero no apartado "Queres saber máis?" (con seccións como A vida dun carballo, Como se alimentan as árbores, Cantos anos ten unha árbore, Un fogar para os bichos, A vida do bosque ao redor do gran carballo, Plantas con flor, Cogomelos, Insectos e Mamíferos) seméllame absolutamente excesivo o léxico e tamén dubido de ata que punto está adaptado ao noso medio. 

mércores, 28 de febreiro de 2024

Novidades nas que non nos detemos moito

 

O segundo libro infantil dunha poeta (despois de caer de cú polo universo): Abominables adorables e xigantas cantantas de Estibaliz Espinosa e Branda. Ópera prima (infantil) dunha poeta de adult@s. Non está mal a historia pero as ilustracións son moi chamativas, de cores moi vivas e resulta difícil observalas para seguir a historia. Chaman moito a atención (se é iso o que se busca), con moitos estímulos. Imaxinemos tres personaxes moi grandes: Marusía a xiganta da Marola, o Apalpador ou xigante do Courel, e o Ieti ou xigante dos Himalaias. Vivir tan afastados uns dos outros non quita que se reúnan 182 días e medio cada cinco anos (50 días cantan, levando a voz cantante Maruxía), os seguinte 590 días cociña o ieti pratos marabillosos e logo botan a durmir ata que o Apalpador os esperta cando chega o inverno e ten que ir repartir tesouriños, choran algo porque a neve se derrite nos polos e porque os muíños de vento ocupan os montes, miran o firmamento e despídense ata o próximo encontro, pero hai un problema, confunden os billetes de volta...

A lagoa máis fermosa de tódalas de Antela Cid, con ilustracións de Anabel Montouto, publicado por Fervenza. Os reis dun reino, todo marabilloso ata que o mosquito (dunha lagoa próxima) pica ao rei, daquela desécana quedando só unha gota de auga que esperta grazas a unha manta e unhas botas vellas. Esta pinga xuntarase con outras e lograrán crear unha nova lagoa. Todo volve ávida, os obxectos son reaproveitados e reciclados e a auga volve á súa canle.