Amosando publicacións coa etiqueta Retranca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Retranca. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de xaneiro de 2025

Unha nova entrega da serie Presas fáciles

Miguelanxo Prado acaba de presentar unha nova entrega da serie Presas fáciles; o seu título é Voitres.

Preséntase así: "Neste novo caso os policías Tabares e Sotillo investigan o suicidio de Irina, desencadeado pola recepción de foto intimas no seu móbil. A trama mergúllase no mundo do acoso cibernético e as presións sociais na era dixital, coa dupla de investigadores desenterrando segredos que os conducen á verdade detrás da traxedia de Irina. Co seu estilo visual inconfundible, esta nova bd de Miguelanxo Prado incita á reflexión sobre o que esconden moitas das terribles novas que lemos nos xornais onde a realidade pode parecer ficción e viceversa."

Do xénero negro, da bd con conciencia, do novso mellor viñetista a historia dunha adolescente adoptada que se ve abocada ao suicidio cando non é quen de entender que sucede, por qué aparecen imaxes de contido sexual no seu móbil... Si, voitres porque hai xente disposta a facer o que sexa por conseguir cartos, porque hai xente disposta a pagar o que sexa por conseguir sexo e no medio a inocencia caendo baixo as garras desas fieras igual que caeran -na primeira entrega- os vellos nas preferentes dos bancos. Hienas e voitres aproveitándose das persoas máis vulnerables. Menos mal que hai policías que coidan para que a sociedade non funcione coas leis da selva. 

Encántanos ver a trama situada na cidade da Coruña, coa torre de Hércules no horizonte, ese ollo de deus que vixila iluminando os camiños de Tabares e Sotillo que os percorren traballando ou deixando que as estrelas lles mostren a miudeza humana no planetario, paseando polo porto e a mariña na que mostrar a beleza pura da urbe marítima e continuar esa historia que amor que se vai mesturando coa investigación. 

xoves, 23 de febreiro de 2023

Cómic con estética manga, en galego

 


Anémona de Río vainos dotando de publicacións ao redor desta estética. 

Fíxoo con A proba de auga e na serie Tam (esa moza feliz á que a opresión dos canons de beleza lle xoga malas pasadas). Na primeira das entregas aparecen todas as súas dúbidas ante o convite a unha festa de antigos alumnos. Nesta segunda, Tam 2, preséntase na vida diaria, na relación coa súa nai, coa amiga Amanda e co rapaz que lle gusta, Kevin. Polo medio unha camada de gatos abandonados aos que lles busca fogar e a diversidade sexual entrando de maneira natural. Todo está no bo camiño!

Ambas, Tam e Tam 2 na editorial Retranca

xoves, 1 de decembro de 2022

Sobre un acoso, un título contundente: Subnormal

 
Subnormal é a historia do que foi xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, centrada no acoso que sufriu na súa infancia e adolescencia. Para ser vítima de acoso, só é necesario que alguén o queira exercer, sempre hai algunha razón , ninguén está a salvo, pode ser por non ter moi boas notas, por ser distraído, por padecer algún tipo de diversidade funcional... incluso por ser alto. Ese é o caso que nos ocupa, un rapaz demasiado alto para a súa idade ao que acosa un grupo de compañeiros e compañeiras baixo a indiferenza dos demais e do profesorado. Incluso hai profesorado que colabora no acoso deixándoo en ridículo diante dos demais. 

O acoso pode ir dende o psicolóxico ao físico, pode ser máis suave ou máis agresivo, o que é certo é que ese rapaz que é incapaz de contar o que lle pasa para non ver sufrir, tamén, á familia, pode ir pouco a pouco ata a depresión e incluso o suicidio, porque é este o que se presenta na viñeta de inicio do cómic, as ganas de rematar con todo iso para non ter que seguir enfrontando esa situación que semella sen saída.

A banda deseñada que edita Retranca en galego, é da autoría de Fernando Llor e Miguel Porto ao redor da idea do propio retratado. Conta cunha unidade didáctica, elaborada por Uxía Meirama. Baixo o título de Ocultos a plena luz, analiza os implicados: agresor, testemuñas (as que se postulan a favor do agresor, os que o fan a favor das vítimas correndo o risco de converterse en novas vítimas, as que permanecen pasivas e as que que se se definen a favor das vítimas) e vítimas. Analiza tamén o as condutas violentas: verbais, físicas e psicolóxicas, o ciberacoso, o acoso social e o bullying sexual. Estuda o acoso no contexto escolar (convivencia versus violencia), a prevención e o plan fronte ao acoso cos pasos sucesivos e coincidentes. Presenta tamén unha entrevista con Iñaki Zubizarreta na que me chama a atención a oposición entre as palabras "acusón" e "cómplice", así como esas frases que rematan matando "é cousa de nenos" e acaban pasando, mellor non intervir. Esa covardía tamén por parte das persoas adultas, esa vagancia, ese quedar nos contidos académicos deixando ao alumnado nas mans dos viles.