Amosando publicacións coa etiqueta series. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta series. Amosar todas as publicacións

domingo, 31 de outubro de 2021

De defuntiños e samaín




Teremos que acordarnos da serie de Mortiña de Barbara Cantini, traducida Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González González e publicadapor Hércules Edicións.

A serie dos Minimortos de Ledicia Costas, con ilustracións de Mar Villar e que xa vai pola 4ª entrega. Así se presentaba a 1ª: "Os Minimortos son unha cuadrilla de nenos moi diferentes a ti: son nenos de ultratumba. Agardan polos seus pais no Outro Barrio, un lugar de paso onde teñen liberdade para facer o que lles pete. Todo cambia o día que chega Catacrak, un cativo que quere regresar ao mundo dos vivos. Os Minimortos terán que empregar o seu enxeño para axudalo. Conseguirán que Catacrak regrese á vida?" e a 4ª "A noite do Samaín é a máis importante do ano. A Bruxa Xefa celebra na súa casa unha festa de disfraces e convida só a algúns afortunados. Todos os habitantes do Outro Barrio agardan nerviosos polo seu convite mentres deseñan disfraces terroríficos para a ocasión. Pero, que será o que lles dá medo aos Minimortos? Un vampiro? Un lobishome? Un problema de matemáticas? E o máis importante: recibirán a agardada invitación da Bruxa Xefa ou quedarán sen festa?"

Lembrar a Escarlatina, a cociñeira defunta "Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña". Ou a súa precuela, Esmeraldina, a pequena defunta: "O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena. A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo. O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler Escarlatina, a cociñeira defunta."

Vampira de biblioteca "Esta non é unha historia calquera. É a miña historia. Preguntarás quen son eu. Chámome Eleonora, son unha vampira e dedícome a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vivo. Así que se es desas persoas que non cre na existencia de criaturas coma min, é mellor que non abras este libro, que o coloques nun andel e te esquezas de todo isto para sempre. Fin. Ou tamén podes atreverte a continuar. Mais para iso debes darme unha mostra de confianza e pasar unha proba. Atréveste?"

Os textos son as súas presentacións editoriais... 





xoves, 18 de marzo de 2021

O comezo dunha serie

Están de moda as series, xa as editoras e os creadores se deron conta de que hai que fidelizar lectorado, hai que conseguir que as lectoras e os lectoras queden pegados ás historias, se fagan amigos dos personaxes e queiran seguir sabendo deles... como se foran da familia.

Ledicia Costas continuou con Escarlatina, coa señorita Buble e agora xa pensa na serie dende a primeira entrega. Os minimortos. Benvidos ao Outro Barrio que ten continuidade en Criando malvas. Os Minimortos con ilustracións de Mar Villar. Realmente son historias divertidas ambientadas nun lugar ben especial, con personaxes ben defiidos, así que temos os ingredientes necesarios para que prendan nas cabeciñas.

Outro autor que se lanzou ás series foi El Hematocrítico con Heroes do recreo, unha banda deseñada para peques (canta falta nos fai!). Dúas entregas, por agora: A media hora dos heroes. Lendas do recreo  e Campións do mundo. Lendas do recreo con ilustracións de Albert Monteys e tradución de Anaír Rodríguez