xoves, 28 de maio de 2020

O Catálogo de Libros Infantís e Xuvenís Galegos

O Catálogo de Libros Infantís e Xuvenís Galegos 2020, correspondente á produción de 2019, xa está nas redes.
Este ano, as dificultades coñecidas, impediron a realización das feiras internacionais e, polo tanto, non contamos co el en papel, neste momento, aínda que non desistimos de pensar que se imprimen aínda que sexan poucos exemplares.
Un recurso moi interesante para as bibliotecas e persoas mediadoras, para editoriais, creadores/as...
Lembremos que na páxina de GALIX posemos acceder a todos os catálogos publicados.


mércores, 27 de maio de 2020

Libros horizontais

Dende Galaxia, un produto especial. Imaxinemos un libro grande ao estilo de álbum aínda que con cubertas brandas en formato horizontal. Imaxinémolo aberto, vendo as dúas páxinas: na da esquerda cóntase unha historia e na da dereita presenta un vocabulario. Todo arredor dunha letra. 
Rimaletra, non rima pero vai de letras, a modo de abecedario. Comeza pola A e remata pola Z. 
A A anuncia, pola esquerda "Aniceto, o único abeto do arboredo" e á dereita "Aniceto polo miúdo". O miúdo vai sempre polo vocabulario, no caso citado das palabras que aparecen na historia da esquerda en negriña porque comezan ou conteñen A.
No caso da B: "Berta, a balea bailarina" será o conto e "Berta polo miúdo" o vocabulario.
Di a autora "Para os que len, e tamén, para os que están a aprender". Eles dirán.

martes, 26 de maio de 2020

Poesía, sempre necesaria

 
De vez en cando hai que volver a ela. Reconfortarse, por exemplo, con O cuarto das abellas de Antía Otero. Reler uns versos...
"Non quixera morrer
sen antes imaxinar o enterro
a roupa coa que vestirán 
o estado do corpo
as mans do maquillador
cubrindo as causas do desastre 
a posibilidade que dista entre a provocación
e o azar.
(...)
Non quixera morrer
sen que unha muller paxaro
lene coma un vimbio
cante no meu oído agudos
aos que nunca puiden chegar
malgastar con Ela pólvora fina en pardais
e por un intre vivir por riba do posible
na nosa honradez de familia numerosa que
reciclou tódolos polos do curral para facer croquetas
e vestiu
toda a roupa dos irmáns maiores que nos precederon.
Non quixera morrer
sen colocar por orde os meus amantes
abrazalos pasándolles as mans polas engurras
sendo parte delas
anaco
dos seus músculos brandos e canas  quizais tinguidas
de tapicería dos seus coches
dos fillos fillas mascotas esposas que non son eu
nesta cama que constrúo para arroupalos a todos
na escusa de telos preto e darlles as boas noites
(...)"

domingo, 24 de maio de 2020

Adeus a Heidi Kühn-Bode




















 

Heidi Hühn - Bode fixo súa a nosa lingua e adoptou o teatro infantil como o seu xénero maioritario, tres libros. Nunca agradeceremos suficientemente o seu apoio a unha lingua denostada polos seus e a un xénero minorizado.
A filóloga, intérprete, escritora e profesora Heidi Kühn Bode (Baviera, Alemania, 1945) deixounos despois de ter colaborado coa literatura galega e, en especial coa literatura infantil e xuvenil.
Unha muller alemá que se vinculou con Galicia, tal como di a Galipedia, despois de coñecer ao que sería o seu compañeiro, en Madrid, nunha manifestación antifranquista nos anos sesenta, instalándose na Coruña no 1968.
Conta cun libro de narrativa para adultos, Pomerania, meu amor no que narra a historia dunha saga familiar co pano de fondo da II Guerra Mundial e a Alemaña nazi. Unha obra con ton autobiográfico porque ela é filla e neta de refuxiados de Pomerania e Besarabia. 
Ten varias colaboracións en libros colectivos, como Alma de beiramar; "E dixo fresquiño, o libro riquiño", en Contos de vermes, libros, princesas e parrulos e A Coruña á luz das letras.
Especialista en Henry James. Traduciu ao alemán o libro de Cunqueiro Xente de aquí e de acolá, e poesías de Miguel Anxo Fernán-Vello, Luz Pozo Garza, Marica Campo, Yolanda Castaño, Xulio Valcárcel, Estíbaliz (Espinosa), María Xosé Queizán, Manuel María, María do Cebreiro, Manolo Rivas, Fran Alonso e outros poetas.
 e un monllo de infantís: 
Fideliño o casteiro, narrativa, publicada por Bruño en 1991 
Os mundiños, publicado por Edicións do Castro en 2003  e polo que obtivo o premio Estornela de teatro infantil da Fundación Neira Vilas
Teatro para contistas. Xogos infantís no escenario, publicado por Baía en 2003 
Falou un queixo, narrativa, publicada por Galaxia en 2009  
Tres mulleres do seu tempo, publicado por Baía en 2009. Nesta obra trae a tres mulleres:Brigantia (unha artista galega do século XVIII que chegou a pintar na catedral de Colonia), Xoana de Vega, (unha intelectual coruñesa educando princesas en Madrid) e María Casares (unha nena nada na Coruña que será unha gran actriz francesa).





xoves, 21 de maio de 2020

De viaxes e paseos


A viaxe de Ana de AlberteMomán con ilustracións de Lidia Nokonoko, publicado por Galaxia. 
Formato vertical con pasta dura, semellante ao de Bicos e non balas.
Ana ten sete anos e vive coa avoa no campo. Unha mañá a avoa séntese enferma e cando ela lle pide que a acompañe ao patio da escola porque quere ir a xogar coas amigas, a avoa dille que vai ter que ir soa. Cústalle traballo e cando se decide... almorza, vístese e sae. Ha de ir polo camiño sen desviarse e cando chegue alá dicirlle aos maiores que chamen á avoa para que quede tranquila sabendo que xa está alí, pero no camiño atopa a Amelia (doce anos) que a convence de que necesita un monopatín como o que ela usa para ir ata o parque da escola, volve á casa e cóntallo á avoa que lle di que xustamente por ir así de rápido Amelia non coñece o freixo que lles dá sombra. Repetirase a historia con outras nenas, coa carteira e coa mestra ata que Ana se decide, ela está disposta a camiñar a ir apreciando todo o que o camiño lle ofrece. Porque o importante é a natureza, a vida lenta, os afectos interxeracionais… e a autonomía persoal, saber que vas polo teu camiño.
Historia cunhas ilustracións con unidade e fermosura nas que o nariz dos personaxes (avoa e nena) pode ser o máis identificativo en principio, para ir abrindo as marcas doutra maneira de representación.

martes, 19 de maio de 2020

Reedicións necesarias

Oliver Button é unha nena de Tomie de Paola en tradución de Sandra e Óscar Senra Gómez, publicado por Kalandraka na colección Tras os montes.
Este libro que foi publicado por primeira vez no 1979, conta co premio Laura Ingalls 2011 / IRA-CBC CHILDREN’S CHOICE.
Un clásico no tratamento da igualdade, no asentamento das novas masculinidades, aquelas que non precisan asumir os estereotipos de xénero e pode voar libremente polos gustos e intereses, aqueles que atopan o apoio das nenas e, cada vez máis, doutros nenos que non están dispostos a sufrir o peso dunha masculinidade machista que acosa aos diferentes.
Oliver é un neno con gustos propios, sensibilidade e autoestima suficiente como para non deixarse convencer polas crenzas maioritarias. Non lle gusta facer as cousas que adoitan -ou máis ben adoitaban- ser de nenos como o fútbol, a el o que realmente lle apetece é camiñar polo bosque, saltar á corda, ler, debuxar, disfrazarse, bailar... sobre todo bailar! Traballa con tesón e co apoio da familia e a profesora; grazas a iso poderá presentarse a un concurso de talentos onde non gana, pero tamén hai que aprender a perder. 
Os insultos, as burlas ou as pintadas fan moito mal, pero todo poder reverterse. Calquera día sae o sol, de novo, e o mundo pode rir outra vez, por iso non hai que perder a esperanza e, sobre todo, non hai que deixar que eles a perdan, eles, os que achegan variedade, os diversos que van rachando prexuízos. 
 

domingo, 10 de maio de 2020

Gala do Libro 2020. Premios a traxectorias

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS 
Iniciativa cultural ou fomento da lectura 
Libraría Chan da Pólvora
Polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, convértendose nunha libraría referente en Galicia e nun foco de dinamización arreador da poesía.
Agradécense estes recoñecementos. Chan da pólvora, unha pequena libraría nun barrio con múltiples actividades  e un libreiro que é un heroe. Din que pecha e non queremos crelo. É necesaria a xente coma el que move o que non poden facer outras máis grandes e con varios empregados. Quico Valeiras, por ti!!!!
Proxecto literario na rede 
Kalandraka TV
O xurado valorou a promoción da lectura que realiza esta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos dos lectores máis novos.
A canle que encheu de contido o confinamento. Narracións orais, presentacións de libros, cancións e entrevistas, de todo o que se pode facer arredor do libro infatil dentro e fór ado país. Fachenda de vos e do que significades.
Xornalismo cultural 
María Yáñez
O xurado recoñeceu a traxectoria de compromiso coas novas formas de contar e co uso das ferramentas de comunicación, sumando a tradición xornalística cos medios e plataformas para contalas e sen deixar de lado os formatos da cultura popular.
María escribiu literatura infantil e se non o fixo houbo alguén que co seu nome publicou algo nos primeiros tempos da colección merlín. Ela estivo sempre nese mundo do xornalismo e as novas maneiras de mostrarse. Moi ben merecido o premio, si señora!