Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de abril de 2025

Dúas traducións: BD e narrativa

En camiño de José Ángel Ares e Paco Hernández, unha banda deseñada traducida por Isabel Soto está publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Emma, unha debuxante de cómics na trintena, acaba de romper coa súa parella e, guiada por un impulso, preséntase en Roncesvalles coa mirada fixa en Santiago de Compostela.
Co paso dos días -e acompañada dalgunha que outra bocha inesperada-, irá decatándose de que o camiño que percorre achégaa e afástaa de todos os que a rodean, que o peso da mochila non só o enchen os vinte quilos de roupa e as dúas tixolas que leva, e que o que cría que sería simplemente poñerse a andar e botar quilómetros ao lombo, converterase en toda unha aprendizaxe, non só pola xente que cruzará no traxecto, senón por todo o que descubrirá sobre ela mesma."

O camiño de Santiago realizado por unha autora de banda deseñada e contado por dous autores. Semella o resultado dunha experiencia de facer ese camiño, de encontrar a xente que acostuma facelo e de contar as cousas que poden pasar, o percorrido cos debuxos dos lugares polos que se pasa, as arquitecturas... Eses encontros coa xente en crise, cos persoanxes que seguramente se repiten, as situacións ou as conversas. Vidas en contacto nun camiño que desemboca nunha das cidades máis fermosas do mundo, ou nun pobo da costa que foi o fin da Terra nos tempos antigos. Toda a maxia envolvendo un relato.  

Tres contos para nenas malas de José Ovejero ilustrado por Miguel Robledo e traducido por Mariña González e  publicado por Aire editora.

Da presentación editorial: "Este libro recolle tres contos que lle dan a volta por completo ao sentido da tradición. As nenas protagonistas demostran grande enxeño e valentía para esquivar os problemas que lles pon diante a vida. O texto de José Ovejero e as ilustracións de Miguel Robledo lévannos a un universo cheo de humor e crítica social sobre temas como o patriarcado, a monarquía ou o capitalismo. Unha delicia pequena que se desfruta ao grande."

"O señor Crocodilo e a nena negra" conta a historia dese crocodilo chorón ao que escoita o paxaro dentista sen pode facer nada, por medo a que o trague coma ao avó, mentres se alimenta limpándolle os dentes. O crocodilo tenta enganar á nena negra que vai mexar á beira do río pero sae burlado.

"Conto da leiteira e o cántaro de leite" fala da diferenza de trato entre a nena e o neno, peor tamén da ahabilidade desta para saír vitoriosa da proba á que é sometida. Ir vender un cántaro de leite ó mercado, ir negociando polo camiño de forma que vai mercando diferentes animais por unha porcentaxe do que vai ganar co leite e acabar realizando unha caridade á cota dos demais...

"O sapo é un príncipe e viceversa". Cando a nena atopa o sapo que lle pide o bico acostumado, ela non se fía e esta é esa historia.

luns, 4 de novembro de 2024

Un mundo ao revés para entendelo ao dereito

Ó revés de Florence Hinckel está ilustrado por Clothilde Delacroix e traducido por Tais Rego para a edición de Sushi Books.

Así se presenta:"No mundo de Lea e Tom, as rúas e os colexios teñen nomes de mulleres famosas, e os homes son os que se encargan das fillas e dos fillos. Tal e como sucede en todas as escolas, ensínase que o feminino prevalece sobre o masculino, «porque se considera máis nobre có masculino, debido á superioridade da femia sobre o macho». É así dende tempos inmemoriais e ninguén semella querer cuestionar esta norma establecida. Porén, Lea e Tom danse conta de que algo non vai ben… Polo que comezan a reflexionar sobre os estereotipos deste mundo onde reina a dominación feminina."

Ás veces, non hai mellor maneira de buscar a reflexión que dándolle a volta á situación. Estanos tan acostumadas a ver o mundo tal como se presenta que se o colocamos (tal como aparece na imaxe da cuberta) do revés, coa cabeza para abaixo iremos vendo que nos chama a atención, que nos semella inxusto, que racha co sentido común... Por iso, o pai de Lea e Tom os vai parando a cada instante para que pensen e repensen se é xusto que os homes teñan un teito de cristal, que as personaxes destacables sexan maioritariamente mulleres (nos nomes das rúas, nos libros...), que os postos de responsabilidade máis altos sexan ocupados por elas, que a linguaxe teña o feminino como referencia na que se engloba tamén o masculino, que os corpos non teñan a mesma significación... Un fillo e unha filla, un irmán e unha irmá han de enfrontarse á situación que se presenta a cada instante. Ao final, baixo a epígrafe de "Un pouco de historia" imos vendo os avances dende 1857 ata a actualidade porque a partir de agora "De ti depende escribir a Historia do mañá" que aparece en branco.

Un libro para facernos pensar!

venres, 9 de agosto de 2024

Visibilizar mulleres: Galegas nas Artes

Galegas nas Artes de Isabel Blanco, con ilustracións de María Lapido, publicado por Belagua. Así se presenta: "Un percorrido polas rutas biográficas de 21 mulleres galegas do mundo das artes plásticas e visuais: fotógrafas, pintoras e escultoras —nacidas entre o final do século XIX e a metade do século XX, que se internaron no eido das artes coa forza do seu talento e o seu espírito de liberdade. "

A autora, avogada, conta con outros libros relacionados co tema da muller como María Vinyals. Un talento rebelde e moi semellante a  este, ao utilizar a mesma fórmula, Galegas na ciencia. Ademais, tense introducido no libro infantil en obras como As receitas de Rosaura, Rosaura e o mar e Rosaura, cesteira de Mondariz, todos eles ilustrados por Luz Beloso.

sábado, 23 de marzo de 2024

De futbol e mulleres

Cando o fútbol de mulleres deu acadado a primeira plana dos xornais e a primeira nova dos telexornais, cando se demostrou que o mundo do deporte é discriminatorio, tal como sabiamos (o profesorado interesado na igualdade levaba estudando este ámbito dende os anos oitenta polo menos, Agustín Fernández Paz introducira este problema no libro de relatos Rapazas...) ou imaxinabamos claramente, pois os homes máis reacios á igualdade tiñan eses intereses de deporte e copas, bar e fútbol eran conexións ben perigosas para o mundo das mulleres.

Hai un tempiño apareceu en Fóra de xogo A pioneira de Héctor Pena. Presentábase así: "De Ester din que é unha "marimacho". Tamén lle chaman "muller hombruna". E só porque lle gusta xogar ao fútbol. Ou, quizais, porque o seu corazón non latexa ao ritmo que dita a sociedade. Talvez é moito pedir para A Coruña de hai cen anos. Loitar contra todo e contra todos para facer realidade os seus soños é a súa razón de ser. Pero a Guerra Civil e a represión do fascismo poden ser un muro demasiado duro que superar. Ou non. Porque a "roja acérrima" que vían as autoridades convértese nunha pioneira e un exemplo para as mulleres de alto risco. Empacadoras, atadoras, pescantinas e proletarias da industria pesqueira que se botaron ás rúas para opoñerse ao novo Réxime do 18 de xullo. Un camiño de sororidade tecido a través dunha rede de protección fronte aos bechos, o frío, a fame e os inimigos da liberdade. E co balón nas cabeza, nos pés e nas mans da gardamallas." Agora aparece en banda deseñada A porteira de Xulia Pisón e Óscar Losada, da man da Universidade da Coruña co patrocinio da Xunta, o concello e Gadis. Preséntase así: "O de Irene González é un caso único no mundo. Na década dos vinte dioséculo pasado foi a primeira rapaza que rompeu barreiras no fútbol, ao se converter na porteira e capitá do equipo masculino coruñés ao que deu nome: o Irene F.C. Esta é a historia dunha nena que levou a súa paixón máis alá dos límites establecidos para as mulleres da época e fixo realidade o seu soño." 
Un cómic ben claro no que se mostra un momento histórico, a historia dunha nena que cumpre os seus soños e morre por eles, un xornalista deportivo e unha autora de bd contándonos unha desas historias que non se deberían esquecer...

sábado, 7 de xaneiro de 2023

De mulleres e néboas

As mulleres que cultivaban néboas de Bea Gregores

Un álbum sobre a violencia de xénero. Mamá e papá: a representación de cada un deles, ela amáñao todo (pega os anacos dun prato roto), el fai que caian os mobles ou que as portas se batan, de feito, a nai di que o amor de papá está cheo de negróns, que as quere nunha gaiola, por iso ela vai tecendo unha manta azul e a noite na que o pai agarra a nena, ela e nai e ela saen voando ata un lugar onde outras nais viven nunha casa que flota sobre un mar de néboa. Daquela volve o sorriso que as levará a que xuntas sexan as mulleres máis fortes do mundo. 

Un álbum cheo de metáforas e simbolismo, no que se xoga con nubes, néboas e chuvia, con mantas e mulleres que tecen, con dedos afilados e sombras enormes, con bolboretas que percorren as páxinas saíndo de vermes e crisálidas. 

Porque hai presenzas que impoñen, presenzas constantes como as dos ditadores nas fotos de cada estancia. Bea traballa coas cores que lle son propias: vermello, ocre, gris, negro, branco e amarelo, creando esa atmosfera que fprma parte da súa identidade  e pola que a recoñecemos.

mércores, 13 de xullo de 2022

Colección Mulleres Galegas

 

A Colección Mulleres Galegas, pretender facer visibles as mulleres singulares do país.

Así foron aparecendo: Un ronsel de ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, Metade anxo metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, Semente de igualdade semente de liberdade. Pequena biografía da mestra e pedagoga Ernestina Otero, Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno... 

Neste momento acaban de saír Unha casiña branca na Mariña. Pequena biografía de Filomena Dato (ilustracións de Tania Solla) e O abecedario na maleta. Pequena biografía de Matilde Bares (ilustracións de Tania Solla), Co sorriso nos beizos. Pequena biografía de Daría González (ilustracións de Tania Solla e textos de Joanna Lorenzo Montero)

Filomena Dato é unha poeta amiga de Alejandro Pérez Lugín, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Miguel de Unamuno, Montero Ríos, Emilia Pardo Bazán, Fany Garrido... Publica na revista Vida Moderna, ganou os Xogos Frorais que se celebraban en homenaxe ao Padre Feijoo co poema "Defensa das mulleres"; esta non sería a única ocasión na que participara... Galicia e a muller son os seus temas recurrentes. Foi académica correspondente da RAG e a poeta galega máis laureada do XIX. 

Matilde Bares foi unha mestra que elevou o nivel cultural da súa xente de Bueu, loitou por unha sociedade máis xusta afabetizando a veciñanza adulta e axudando ás persoas que eigraban a Arxentina. 

Daría González, estudou historia sendo pioneira nos estudos universitarios, formou parte do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos, despois de non poder exercer durante a Ditadura, cando chegou a democracia trabvallou como profesora e presentouse ás eleccións por Coalición Galega

xoves, 14 de abril de 2022

LIbros informativos. Mulleres pioneiras da ciencia


Galegas na ciencia de Isabel Blanco, con ilustracións de María Lapido é un deses libros que se agardaban. Xa existían investigaciçóns ao respecto, pero ninguén as puxera ao alcance da infancia, con pequenos textos e ilustracións que van dende os elementos da ciencia ata os retratos en acuarela de cada unha das científicas galegas que aquí se visibilizan. Son vinte, comeza por Isabel Zendal e remata con María Teresa Miras Portugal nada en 1948. Tal como o presenta a autora nunha nota introdutoria, pretende animar ás novas xeracións a perseguir os seus soños, unha homenaxe e alento que quere ser memoria e presente. Cando lemos as biografías, atopamos que hai moitas mestras por considerarse esta unha carreira axeitada ás mulleres e, posteriormente, moitas estudan farmacia ou química. 

Estas son:

María Pilar Fernández Otero             Ángela Ruiz Robles      Mª Luísa Pérez - Soba y Baró 

María Teresa Miras Portugal     Luisa Marcos Raña         Ana María Prieto     Celia Brañas 

Rita Fernández Queimadelos         Ángeles Alvariño     Tarsy Carballas  

domingo, 16 de xaneiro de 2022

Publicacións da Coordinadora Galega de ONG. Colección Defensoras de dereitos

 

En Culturgal, dentro da caseta da Coordinadora de ONG atopamos a colección Defensoras de dereitos, dirixida a lectorado a partir dos quince anos. Seis títulos: Hayée Castillo. Sementeira de paz, Miriam Suazo e a digna rabia, Bea á procura da luz, María Cuc Choc. O corazón en alto, Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi. Unha colección impulsada por esta coordinadora sde ONG, a Asociación Galega de comunicación para o Cambio Social e a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos.

A autora dos textos é a escritora e xornalista Lara Dopazo Ruibal e as ilustracións foron creadas a catro mans entre a deseñadora gráfica Marta Conde e o colectivo de arte gráfico mexicano RotmInas. Imprime a Deputación de Pontevedra.

Trátase de recoller a voz, a vida e a acción de diferentes mulleres mesoamericanas, defensoras de vida nunha das rexións máis perigosas do mundo para ser muller e defender dereitos. Así se recolle no manifesto "As mulleres están na vangarda das loitas pola igualdade, a xustiza e os dereitos humanos individuais e colectivos. Mulleres indíxenas, mestizas, negras, garífunas, mulleres do campo e da cidade, do mar e da montaña, mulleres nais, migrantes, lesbianas, transexuais, mulleres novas, vellas, mulleres árbol, mulleres paxaro, mulleres millo, mulleres cora..."

Cada un dos libros conta cun prólogo ou presentación que parte de situar á protagonista e o país, para centrarse na figura feminina (baixo o título "Pero... quen é?"), continúa co apartado "Para pescudar e reflexionar" e dous apartados finais coincidentes: o glosario e os recursos ou enlaces a páxinas web nas que ampliar información.

Unha magnífica presentación e deseño ao que acompaña un marcapáxinas por cada un dos volumes. Polo tanto, un bo contido nun estupendo continente. Parabéns!


martes, 9 de novembro de 2021

De cómics e novidades


Madialeva de Ana Moreiras, unha obra brava e chairega, en palabras da autora. "Un adival de historias que formaron o seu niño e que ela utiliza para continuaro relato da estirpe denunciando a desprotección do rural e da nosa cultura ancestral (...) sempre me gustaron máis as criaturas bravas, intelixentes e bondadosas do que as belidas. Coma as mulleres coas que me criei, ás que adico os relatos que ides ler". Ler e ver, porque se trata dunha novela gráfica. Unha novela gráfica que fala de mulleres do rural.

Traer as mulleres ao lado visible, iluminar as súas vidas que arrastran a Historia con maiúsculas... é un obxectivo desta obra naque recoñeceremos mundos que estaban aí.

Da presentación editorial: 

"Quen foron as mulleres galegas que cosían a roupa que conquistou o mundo? Que soños gardaron os emigrantes que deixaron a aldea na procura de prosperidade?

Unha novela gráfica sobre as voces baixas da nosa historia recente.

Madialeva é o primeiro título da colección ‘Mulleres Ilustradoras’, que propón banda deseñada con perspectiva de xénero."

Un avance.

xoves, 16 de setembro de 2021

De veciños e igualdade

 

 

Os meus veciños de Susana Peix e Jordi Sunyer, traducido por Iolanda Mato para Triqueta Verde. Unhas ilustracións moi limpas e precisas cando reflicten o mundo dos obxectos, edificios e decoración mentres que as figuras buscan darlle unha personalidade que as deforma... O texto moi bo, cunha resolución final que -sorprenda ou non- está moi lograda, porque o neno nos vai levando polas súas impresións e dúbidas, o que observa e o que sabe.

Ía e Fran son os meus veciños, e creo que están namorados.

Con esta afirmación comeza unha historia que fala do AMOR en maiúsculas, do namoramento entre dúas persoas en toda a súa esencia, desde a visión da súa protagonista: unha nena que observa como os seus veciños se agarran das mans cando van pola rúa, como se fan garatuxas de namorados…

Un relato que nos mostra a naturalidade coa que os nenos e as nenas ven o mundo.

 

martes, 24 de agosto de 2021

Dunha editora

 


O misterioso sorriso de Lucas con texto de Carmen Gil e ilusyracións de Silvia Álvarez, traducido por Iolanda Mato.

Da presentación editorial: "Nunha cidade afastada, alá onde nacen os ecos e caen as estrelas fugaces, ten lugar un misterio máis grande que un campo de margaridas ou que un ceo sen nubes. É o misterio do sorriso de Lucas, que se debuxa na súa cara de día e de noite, no verán e no inverno, os 365 días do ano. Bo, 366 osbisiestos. Científicos de todo o mundo acoden a estudar o fenómeno sen éxito. Cal será a causa de tan luminosa e enigmático sorriso? Quen conseguirá por fin desvelar o secreto marabilloso que se esconde tras ela?"

É moi doado, moito: ese sorriso nace de compartir, de lerlle a outro, de recoller a súa risa e levala ao corazón para poder ver a parte bonita de todo o que sucede. O sorriso vén de compartir tempo cos outros, cos avós que no seu sorriso mostran a experiencia e o amor á vida. Unhas ilustracións plenas de ceras, con cores e figuras tropicais, que van deixando pasar polas páxinas a Lucas sorrindo.

A troglodita de Paula Merlán con ilustracións de Gómez e tradución de Iolanda Mato. Estamos na prehistoria, polo tanto as palabras terán que ser as axeitadas. Unha parella, ela pinta, ve que precisan pintores para covas e presenta o currículum e acéptana... como o traballo queda lonxe terán que mudarse, el está encantado, quedará facendo o traballo doméstico mentres ela se converte nunha muralista.

xoves, 22 de xullo de 2021

De vellas historias e novos finais

 

Dormente é unha obra de teatro de Raquel Castro ilustrada por Laura Veleiro e publicada en Galaxia na colección Árbore a partir do 12 anos.

Unha axencia de detectives que precisa un caso. Unha princesa que dorme e non esperta. Un rei que visita aos detectives buscando axuda. Unha braxa Maléfica e o seu fillo Toniño, que lle saiu ao pai mago e bo, unha amiga... Un maleficio do que lle pode salvar un bico e... un final inesperado, ou xa non tanto, porque as princesas tamén teñen as súas querencias e preferencias sexuais que non teñen que coincidir coas dos pais nin coas tradicionais. Unha obra ben artellada con personaxes con verdadeira personalidade propia, cos seus toques de humor e o enredo que sempre achega suspense nas historias de amor (porque eu pensei que ti, pois eu pensaba que...).