Amosando publicacións coa etiqueta Biografías. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biografías. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de agosto de 2024

Visibilizar mulleres: Galegas nas Artes

Galegas nas Artes de Isabel Blanco, con ilustracións de María Lapido, publicado por Belagua. Así se presenta: "Un percorrido polas rutas biográficas de 21 mulleres galegas do mundo das artes plásticas e visuais: fotógrafas, pintoras e escultoras —nacidas entre o final do século XIX e a metade do século XX, que se internaron no eido das artes coa forza do seu talento e o seu espírito de liberdade. "

A autora, avogada, conta con outros libros relacionados co tema da muller como María Vinyals. Un talento rebelde e moi semellante a  este, ao utilizar a mesma fórmula, Galegas na ciencia. Ademais, tense introducido no libro infantil en obras como As receitas de Rosaura, Rosaura e o mar e Rosaura, cesteira de Mondariz, todos eles ilustrados por Luz Beloso.

domingo, 7 de xullo de 2024

Unha nova colección de libros: Miudiños de Cumio

 

Na nova colección de libros Miudiños de Cumio aparecen dous títulos: Luís Seoane e Rosalía de Castro da autoría de Alba de Evan e Xabier Domínguez. Unha edición magnífica, unha boa escolla de artista e escritora pola que comezar, dous referentes da nosa cultura que dan moi ben para un comezo glorioso. Poucas veces nos chegan ás mans edicións tan coidadas e que se presentan así: "Unha vida feita poema. A colección Miudiños conta a vida de artistas importantes da nosa cultura a través de diferentes biopoemas: poesías que falan das súas vidas e obras."

Teño que confesar que xustamente os biopoemas son o que cambiaría, semella que non están ao mesmo nivel dunha edición impresionante e unha ilustracións de gran calidade. O texto introdutorio e a liña cronolóxica, a pintura de Seoane ou o poema de Rosalía para pechar o libro, tamén resultan moi acaídos. Igual hai que facer os experimentos con máis coidado, porque o desequilibio que se crea entre o texto e a ilustración e deseño da obra resultan chocantes, porque estamos moi necesitados destas obras e precisamos non perder oportunidades.

Parabéns a Bea Gregores porque nunca nos defrauda, porque se supera a si mesma e vai máis alá, tal como precisa a nosa rapazada. 

mércores, 13 de xullo de 2022

Colección Mulleres Galegas

 

A Colección Mulleres Galegas, pretender facer visibles as mulleres singulares do país.

Así foron aparecendo: Un ronsel de ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, Metade anxo metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, Semente de igualdade semente de liberdade. Pequena biografía da mestra e pedagoga Ernestina Otero, Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno... 

Neste momento acaban de saír Unha casiña branca na Mariña. Pequena biografía de Filomena Dato (ilustracións de Tania Solla) e O abecedario na maleta. Pequena biografía de Matilde Bares (ilustracións de Tania Solla), Co sorriso nos beizos. Pequena biografía de Daría González (ilustracións de Tania Solla e textos de Joanna Lorenzo Montero)

Filomena Dato é unha poeta amiga de Alejandro Pérez Lugín, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Miguel de Unamuno, Montero Ríos, Emilia Pardo Bazán, Fany Garrido... Publica na revista Vida Moderna, ganou os Xogos Frorais que se celebraban en homenaxe ao Padre Feijoo co poema "Defensa das mulleres"; esta non sería a única ocasión na que participara... Galicia e a muller son os seus temas recurrentes. Foi académica correspondente da RAG e a poeta galega máis laureada do XIX. 

Matilde Bares foi unha mestra que elevou o nivel cultural da súa xente de Bueu, loitou por unha sociedade máis xusta afabetizando a veciñanza adulta e axudando ás persoas que eigraban a Arxentina. 

Daría González, estudou historia sendo pioneira nos estudos universitarios, formou parte do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos, despois de non poder exercer durante a Ditadura, cando chegou a democracia trabvallou como profesora e presentouse ás eleccións por Coalición Galega

xoves, 19 de maio de 2022

Dúas biografías de mulleres singulares

Libros que visibilizan mulleres galegas que están de centenario. Dúas mulleres, EmiliaPardo Bazán e María Casares, vistas por outras dúas mulleres: María Canosa e Bea Gregores. Libros grandes, de pastas duras nos que texto e ilustración colaboran na biografía de mulleres enormes que fixeron máis grande o seu tempo.  Dúas biografías de mulleres singulares. 

A de Emilia Pardo Bazán, publicada no 2021, cando se cumprían 100 anos da súa morte e a de María Casares no 2022, cando conmemoramos un século do seu nacemento.

María Canosa, a escritora, pon os textos, Bea Gregores, a ilustradora, as imaxes.Trátase de libros que conmemoran, que nacen para que a rapazada teña onde beber, onde saciar a súa sede de saber sobre estas mulleres que foron e son bandeira. A editorial, Bululú, publícaos achegando calidade no formato, papel,  reprodución...

venres, 16 de xullo de 2021

As mil vidas de Dorotea Bárcena

 

As mil vidas de Dorotea Bárcena. As mil vidas da actriz, dramaturga e poeta contadas por  Lorena Conde, ilustradas por María Brenn e publicadas por Cuarto de inverno.

Da presentación editorial:

"Nenas e nenos! Señoras e señores! 
Permanezan en silencio e apaguen os seus teléfonos. 
Nuns intres, dará comezo a peza teatral “As mil vidas de Dorotea”. 
Prometemos que durante os tres actos que forman esta obra, pasarán por un feixe de estados de ánimo e, 
ao mesmo tempo, coñecerán a historia de Dorotea Bárcena, a mestra, actriz, dramaturga e muller brava, 
que traballou moito e moi duro por facer o que máis quería: teatro. 
                                               Pasen e lean!"

A vida dunha muller que ata hai pouco andivo entre nós e non ven mal reivindicar. Unha fermosa historia coa que ver as posibilidades do teatro e a biografía, envolta en lírica e creatividade. As ilustracións  recrean ese mundo case onírico (porque por algo se apagan as luces no teatro). 

Como se pode contar a vida dunha muler de teatro se non é a través dunha peza?