Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Robledo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miguel Robledo. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de setembro de 2025

Libro informativo, libro de divulgación

A historia de Galicia en 30 obxectos é un libro informativo, un libro de divulgación que nos lembra a exposición temporal itinerante 100 Galicia cen. Obxectos para contar unha cultura do Consello da Cultura Galega comisariada por Manuel Gago. Estaba inspirada en A History of the World in 100 Objects do British Museum, estivo comisariada por Manuel Gago Mariño.

O autor do libro, publicado pola editorial Aira,  é David Gesteira e o ilustrador Miguel Robledo. Así se presenta:"Disque os obxectos son quen de gardar o pasado e mantelo vivo para nós. Con este libro vas coñecer como elementos tan cotiáns coma unha campá, un carro, unha moeda ou un reloxo nos comunican coa historia de Galicia.  Polas páxinas desta obra do historiador David Gesteira pasan libros prodixiosos, ferramentas do pasado, edificacións senlleiras e multitude de historias do noso pobo."

Cada obxecto ligado a unha época: biface,  ofrenda de Cavaladre e petróglifo da Pedra da Auga dos Cebros á Prehistoria, estatuíña de Mercurio aos romanos, o xadrez de Ilduara e Rosendo (mundo islámico), o Códice Calixtino ou o alquerque (medievo),  o muíño, a dorna, o hórreo, o lagar, o cruceiro, o carro, o reloxo de sol, o tear, a monteira... á cultura popular ao longo dos séculos. E así van pasando un a un os 30 obxectos nos que o autor se detén sen esquecer adiantos tecnolóxicos como a pila Bunsen, obxectos tan comúns coma o almanaque agrícola ZZ ou tan reivindicativos como a bandeira de Nunca Máis. Remata o libro cunha estensa bibliografía para continuarinvestigando,  

mércores, 7 de maio de 2025

De Aira Editora

Bigote de tres pelos de Rita Doallo está ilustrado por Miguel Robledo e publicado por Aira editora. preséntase así: "Que está a pasar na cara do Avó Luís? Vaites!, os tres pelos do seu bigote comezaron unha protesta. Teñen unha lista de demandas e todo. En que acabará todo isto?"Menos mal que o fixeron os tres pelos do bigote porque o avó está demasiado tempo estomballado no sofá, grazas ás súas peticiósn terá que erguerse e prepararse para ir ver o neto, co ben que o pasan...! En maiúsculas. 

Unha historia e unhas ilustracións que poden resultar un tanto chamativas, coloridas, cun certo desorde que leva un tempo organizar pero nas que recoñecemos o bo facer de Robledo, incluso as súass cores, as súas tomas e puntos de vista, un dinamismo a proba de bo lectorado.

Por certo, a que vos soa o nome da autora? Non vos lembra a ningún autor moi recoñecido?

venres, 4 de abril de 2025

Dúas traducións: BD e narrativa

En camiño de José Ángel Ares e Paco Hernández, unha banda deseñada traducida por Isabel Soto está publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Emma, unha debuxante de cómics na trintena, acaba de romper coa súa parella e, guiada por un impulso, preséntase en Roncesvalles coa mirada fixa en Santiago de Compostela.
Co paso dos días -e acompañada dalgunha que outra bocha inesperada-, irá decatándose de que o camiño que percorre achégaa e afástaa de todos os que a rodean, que o peso da mochila non só o enchen os vinte quilos de roupa e as dúas tixolas que leva, e que o que cría que sería simplemente poñerse a andar e botar quilómetros ao lombo, converterase en toda unha aprendizaxe, non só pola xente que cruzará no traxecto, senón por todo o que descubrirá sobre ela mesma."

O camiño de Santiago realizado por unha autora de banda deseñada e contado por dous autores. Semella o resultado dunha experiencia de facer ese camiño, de encontrar a xente que acostuma facelo e de contar as cousas que poden pasar, o percorrido cos debuxos dos lugares polos que se pasa, as arquitecturas... Eses encontros coa xente en crise, cos persoanxes que seguramente se repiten, as situacións ou as conversas. Vidas en contacto nun camiño que desemboca nunha das cidades máis fermosas do mundo, ou nun pobo da costa que foi o fin da Terra nos tempos antigos. Toda a maxia envolvendo un relato.  

Tres contos para nenas malas de José Ovejero ilustrado por Miguel Robledo e traducido por Mariña González e  publicado por Aire editora.

Da presentación editorial: "Este libro recolle tres contos que lle dan a volta por completo ao sentido da tradición. As nenas protagonistas demostran grande enxeño e valentía para esquivar os problemas que lles pon diante a vida. O texto de José Ovejero e as ilustracións de Miguel Robledo lévannos a un universo cheo de humor e crítica social sobre temas como o patriarcado, a monarquía ou o capitalismo. Unha delicia pequena que se desfruta ao grande."

"O señor Crocodilo e a nena negra" conta a historia dese crocodilo chorón ao que escoita o paxaro dentista sen pode facer nada, por medo a que o trague coma ao avó, mentres se alimenta limpándolle os dentes. O crocodilo tenta enganar á nena negra que vai mexar á beira do río pero sae burlado.

"Conto da leiteira e o cántaro de leite" fala da diferenza de trato entre a nena e o neno, peor tamén da ahabilidade desta para saír vitoriosa da proba á que é sometida. Ir vender un cántaro de leite ó mercado, ir negociando polo camiño de forma que vai mercando diferentes animais por unha porcentaxe do que vai ganar co leite e acabar realizando unha caridade á cota dos demais...

"O sapo é un príncipe e viceversa". Cando a nena atopa o sapo que lle pide o bico acostumado, ela non se fía e esta é esa historia.

mércores, 19 de marzo de 2025

Notas para a escrita e didáctica

Quero escribir literatura de Manuel Veiga Taboada está ilustrado por Miguel Robledo e publicado por Aira editorial

Así se presenta: "Ola. Se escolliches este libro é porque pensaches algunha vez en escribir. Escribir un conto, un poema, se cadra unha novela. Este non é un libro de receitas nin un manual. É unha invitación a deixarse levar polas palabras e as historias."

Dividido en capítulos titulados: Que necesito para escribir, Os perigos do "balconing", Antes que lectores somos escoitadores, Como facemos bos diálogos, A poesía é un baile con palabras, Como distinguir literatura do que non o é, Os segredos da narración tradicional, Os temas, os personaxes e o suspense, Xela dáme a ler a súa primeira novela e Unha nota e unha recomendación final.

As referencias a diferentes escritores e escritoras que exemplifican as súas afirmacións achega credibilidae e riqueza á obra que funciona a modo de conversa con alguén que está pensando en escribir. A ruptura de ideas predispostas, as anécdotas que conta do que lle ten pasado, os consellos ao longo do todo o proceso, a guía que non é guía para a realización de diálogos ou para distinguir o que é literatura do que non o é, as reflexións ao redor da escrita, as convencións...  


Mover ficha. Proposta didáctica para as aulas de linguas e literatura de Rosalía Fernández Rial está publicado na Biblioteca de Intervención Social / Didáctica de Galaxia. 

Preséntase así: "Este non é un libro de texto, non é un manual de instrucións, non pretende ser exemplo de nada, non sabe a receita didáctica.

Só sostén entre as mans un reto quen vai á escola con ganas de xogar. Se tes medo a dubidar, MOVE FICHA!

Se cres que cada xeración le menos cá anterior: MOVE FICHA! E que treman os andeis que están por construír! Move ficha: antes de cubrir ocos con caixóns gramaticais, logo de non querer trabucarte. Non repartas fichas iguais.

Viste o disfrace de docente e sae brincar.

Entra ao colexio bailando. Contaxia aos demais.

Volve empezar. MOVE FICHA!"

Un trailer na páxina da editora introdúcenos no contido de forma performática. 

Despois de Aulas sen paredes e do artigo "Medrar é aprender a fuxir das dictaduras. Unha proposta alén das lecturas obrigatorias" aparece esta proposta didáctica a ter moi en conta. Nela xógase co itertexto e os portos, a interrelación de diferentes materias nun proxecto común que se vai adaptando ao decorrer da vida escolar.