Amosando publicacións coa etiqueta Eduard Velasco. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eduard Velasco. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de abril de 2024

Obra xuvenil traducida por Eduard Velasco

Cabalgaremos toda a noite de Carlota Gurt acadou o premio Mercè Rodoreda 2019. Aparece agora traducida por Eduard Velasco (cunha axuda do Institut Ramón Llul) e publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.

Así se presenta: "Carlota Gurt debuta na literatura con Cabalgaremos toda a noite, un talentoso libro que nos achega á liberdade, un abismo de desexos e medos ao que nos asomamos transitando por unha corda frouxa, con personaxes próximos, que poderían ser calquera de nós, cos seus amores e medos. Un avanzar ás escuras cara a metas aparentemente inalcanzables, que ao final non o son. Un traballo cheo de humor, retranca e mala uva, que nos trae sorrisos e desacougos."

Unha colección de relatos, cada un dende un narrador diferentes (primeira ou persoa). Situacións dispares (historias de veciños para visibilizar mundos: un tímido profesor de catalán e unha enxeñeira alemá con clases de lingua e dúbidas ante unha relación que non se define ou a muller e a piscina noutra relación en potencia;  un túnel ao misterio, o encontro de dous seres con deformidades na cara,  unha manada e a vinganza e modo churrasco, a atracción hiperbólica do mar, a máquina borradora, as obsesións levadas ao máximo extremo, aquilo ao que acceden os nenos e lles cambia a visión, 

Case todas protagonizadas por mulleres e case todas cun punto de crueldade e perversión. A busca de situacións radicais nas que a convención desaparece, a dúbida que envolve, as teimas... o surrealismo tocando no cotián. Todo se move na corda frouxa, tal como aparece na imaxe de portada. 

Non vai deixar a ninguén indiferente, porque se trata de historias pouco comúns que poden lembrar outras, por exemplo dentro da literatura xuvenil A soidade das medusas de Iria Collazo.

xoves, 8 de decembro de 2022

Un novo libro de poesía: Animalario de ler a diario de Eduard Velasco

Animalario de ler a diario é un libro de poesía, de nova poesía, do autor Eduard Velasco, ilustrado por Nuria Díaz. Finalista do premio Merlín 2021 semella escrito para os fillos: Xonás e Carme que aparecen retratados nas imaxes. O autor, un home que se move entre Cataluña e Galicia, o catalán e o galego; poeta, narrador e tradutor que se escrea na LIXG con este poemario. No pórtico do libro confésanos que cando Sabela Labraña (aquela profesora de galego que tiñamos en Cataluña) lle preguntou se era fillo de galegos e el lle contestou que non, ela afirmou pois serano os teus fillos e niso estamos; ganando voces para a nosa lingua e rapazada falante.

As poesías son xogo, hai moito de trabalingoas na brincadeira das palabras, do ritmo e a rima necesaria. Divídese o libro en tres partes: Animais que están na terra pola vila, o val e a serra, Animais que van no mar porque non saben voar e Nin terra nin mar (malos de clasificar). Polo medio, a intervención dos dous rapaces que se presentan no debuxo e anuncian con maiúsculas en pareado, e a modo dunha longa adiviñanza: "Somos os máis pequernos dos bechos deste texto / e levamos o premio a ser os máis molestos",  "Se no verán a fiestra abres de tas en bas, / algún de nós ha entrarche e te desvelarás", "O gracioso do conto, o que é esmendrellante, / é que non nos dás visto nin téndonos diante", "Só has saber de nosoutros por un fino asubío / que, ríndonos de ti, che daremos no ouvido.", "Mal raio te esnaquice -has berrar indignada- / tan ben que adormecía e saltei asustada", "E cando nos persigas coa luz do cuarto acesa... / desapareceremos e qedarás sen presa", "E aínda se nos esmagas con forza na parede, / mancharémosche o branco de roxo sangue adrede.", "Xa soubeches que somos os pesados mosquitos, / tanto que mesmo andamos nos versos por escrito."

Esa imaxe da cuberta, con todos os animaliños lendo... vale un perú ou Perú!!!