Amosando publicacións coa etiqueta Literatura xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Literatura xuvenil. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de xuño de 2025

Unha novela xuvenil


Queridas pantasmas de Alba de Evan está publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Amelia múdase a unha nova vila fuxindo do seu pasado, mais... podemos escapar do que axexa no noso maxín? Entre as paredes do seu novo fogar descobre que a amizade pode transcender a morte, e que, como pasa con todo o importante, as rosas non son tan doadas de coidar como parece." 

Uns capítulos curtos con títulos moi interesantes introdúcennos nunha historia que de vez en cando nos confunde como falar dunha aldea que é concello e ten un CPI. A presenza da música, toda en inglés. Unha carga que trae a moza protagonista dende a vila da que vén e que se nos explica moi avanzada a novela o que lle confire un certo misterio, unha relación coa pantasma que vive na casa á que se mudan e que nos trae unha relación homosexual en tempos difíciles e unha evolución cara a madurez, a súa relación cun mozo que nos sitúa nunha panda de rapaces machistas que semella ben refletida, os enfados coas amigas que case sempre resultan inxustos ou pouco coherentes, un final ao que lle resulta difícil poñer a palabra fin... Accidente, valentía ou cobardía, psicóloga, o coidado das rosas, os malentendidos nas relacións persoais. As pantasmas que nos acompañan e nos condenan a castigarnos ou aquelas outras que nos acomapañan e nos apoian. 

domingo, 16 de febreiro de 2025

Ciencia ficción

 

Nave de Olaia Sendón forma parte da colección Fóra de Xogo de Xerais. Resultou finalista do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Despois de libros tan diferentes como A crebeira Marabillas (infantil) e A fotógrafa Perpetua (ficción documental) aparece esta novela de cicncia ficción para lectorado mozo. 

Así se presenta na sinopse: "Néboa fixo dezaseis anos hai pouco e abúrrese mortalmente na clase do profesor Nogueira. Tampouco pode deixar de pensar en que lle acontecería a Noite, a súa amiga que acaba de morrer. Polo resto, a vida de Néboa é moi normal, ou todo o normal que pode ser a vida de alguén que naceu nunha nave espacial e forma parte dos últimos cen mil superviventes da raza humana.

Unha gran nave, unha orde estrita, unha ensinanza para preparar o futuro, uns colonos que terán que baixar a ocupar un planeta... Quen son os máis preparados para facelo? Que deben dominar para poder facerlle fronte a unha nova realidade? Que pasou cos enviados anteriormente? De todo isto se trata, entre máis misterio que claridade, pero tamén de amizade e amor de todo tipo, dos dirixentes que se converten en titores anodinos de novas xeracións e da escolla daqueles nos que deixan as esperanzas. 

Un futuro incerto que deriva dun presente que todos/as coñecemos e do que descoñecemos se vai poder sobrevivir. A filosofía, as castas familiares, as bibliotecas e arquivos... teñen un papel nesta historia. O mellor é esa imaxe dunha inmensa nave na que se garda a humanidade á espera de atopar o planeta no que instalarse, un planeta do que non se sabe o nome (ou si?), un planeta no que repetir a historia (ou partir de algo aprendido?). Así é a humanidade, capaz de aprender ou desaprender, capaz dos máis altos ideais e dos máis baixos instintos.

domingo, 24 de novembro de 2024

Teranga ou hospitalidade

Teranga de Beatriz Maceda é unha novela xuvenil de Beatriz Maceda publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Da sinopse:"Vencerse é cousa de se tratar." Este verso da escritora Xela Arias é o xermolo da historia dun grupo de rapazas que son quen de superar todos os atrancos que xorden na súa vida persoal e no instituto grazas á «Teranga» e á riqueza de compartir as palabras que nos definen nas distintas culturas. Aquel fora un curso escolar inesquecible para todas, porque o amor, o compañeirismo e o traballo en equipo lograran vencer fronte ás persoas que non entenden que na diversidade está a mellor das riquezas. E tamén porque formaran un grupo musical, Seneregue, que as unira para sempre." 

Seneregue, unha palabra composta de Senegal e regueifa, de alá e de aquí, dun país de orixe en África e dunha forma de canto improvisada neste que recibe.  Diferentes voces contan a historia dun grupo de rapazas e rapaces dun instituto que se supón da Coruña. Conforme avanza a historia vanse unindo dúas rapazas africanas á que acaba de chegar, esta á compañeira de pupitre que é unha adoptada, en familia monoparental, coa nai mestra responsable e comprometida con todos os valores democráticos. Xa son tres, pero amigo de la é Iván, un rapaz que supera o acoso por homosexualidade grazas ao grupo, igual que o fai as rapazas por diferentes etnia.

"Teranga" é unha palabra en wolof que significa hospitalidade ou acollida. Así se sinten as persoas deste grupo e as que se unirán a elas: ben acollidas. Iván e o seu mozo, Maimouna e Xandra que poden mostrar a súa homosexualidade de forma natural; Maimouna, Fatou e Adama que son de fóra e han de loitar fronte ao grupo de presión dun rapaz que as odia por inmigrantes, seguindo a ideoloxía paterna; Uxía que asiste aos malos tratos por parte de seu pai tanto á nai como a ela. Diversidade sexual e étnica, unha sociedade na que abundan as persoas que están dispostas non só a recibir senón tamén a integrarse nesas outras culturas que chegan para que non sexan sempre os mesmos os que han de adaptarse. Profesorado consciente e disposto a traballar a favor dos valores educativos,a  abrir os currículos aos novoa contidos que nacen dese encontro de culturas e seguir ao alumnado disposto a traballar. Familias que teñen pasado ou están pasando pola violencia de xénero e van saír de aí coa axuda dos demais. Nais e avoas que aceptan sen gretas situacións que non son tan convencionais. Un grupo de música con isntrumentos e ritmos de aquí e de alá. Todo vai ben, de vez en cando a pandilla do "matón" fai acto de presenza pero será quen neutralizado que está pensando en cambiar de instituto.

Tal vez sexa un mundo demasiado bo no que a bondade pesa moito máis que a maldade e se nos faga moi difícil crer nel porque se isto fose así non habería extrema dereita nin votos que a avalaran, non habería acoso escolar nin violencia de xénero porque as persoas e as institucións estarían prestas a intervir. Tal vez sexa case un mundo ao revés onde as relacións homosexuais son maioritarias (as dúas parellas que aparecen), as familias monoparentais (as das dúas protagonistas), todo o mundo disposto a botar unha man e facer posibles os soños da rapazada (facendo música, querendo visitar á avoa africana...) e a presenza da intelixencia feminina coas mulleres que contan, cantan e curan no centro da escena. Ogallá sexa posible, ogallá teña que retirar esa visión negativa, ogallá podamos axudarnos e acabar coas discriminacións,sexan do tipo que sexan... se esta é a maneira de logralo benvida sexa!

domingo, 14 de abril de 2024

Obra xuvenil traducida por Eduard Velasco

Cabalgaremos toda a noite de Carlota Gurt acadou o premio Mercè Rodoreda 2019. Aparece agora traducida por Eduard Velasco (cunha axuda do Institut Ramón Llul) e publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.

Así se presenta: "Carlota Gurt debuta na literatura con Cabalgaremos toda a noite, un talentoso libro que nos achega á liberdade, un abismo de desexos e medos ao que nos asomamos transitando por unha corda frouxa, con personaxes próximos, que poderían ser calquera de nós, cos seus amores e medos. Un avanzar ás escuras cara a metas aparentemente inalcanzables, que ao final non o son. Un traballo cheo de humor, retranca e mala uva, que nos trae sorrisos e desacougos."

Unha colección de relatos, cada un dende un narrador diferentes (primeira ou persoa). Situacións dispares (historias de veciños para visibilizar mundos: un tímido profesor de catalán e unha enxeñeira alemá con clases de lingua e dúbidas ante unha relación que non se define ou a muller e a piscina noutra relación en potencia;  un túnel ao misterio, o encontro de dous seres con deformidades na cara,  unha manada e a vinganza e modo churrasco, a atracción hiperbólica do mar, a máquina borradora, as obsesións levadas ao máximo extremo, aquilo ao que acceden os nenos e lles cambia a visión, 

Case todas protagonizadas por mulleres e case todas cun punto de crueldade e perversión. A busca de situacións radicais nas que a convención desaparece, a dúbida que envolve, as teimas... o surrealismo tocando no cotián. Todo se move na corda frouxa, tal como aparece na imaxe de portada. 

Non vai deixar a ninguén indiferente, porque se trata de historias pouco comúns que poden lembrar outras, por exemplo dentro da literatura xuvenil A soidade das medusas de Iria Collazo.

xoves, 9 de novembro de 2023

De Xosé Tomás e a AS-PG un libro ao redor de Rosalía de Castro

 

Cando penso que te fuches é unha obra de Xosé Tomas que aborda dende a perspectiva plástica a obra de Rosalía. En palabras do autor este poema é, de principio a fin, unha gota de auga que cae nunha poza e  se espalla en todas direccións. As imaxes suxeridas e que suxiren interpretacións e abren fiestras a que cada unha de nós a sinta nos momentos vitais persoais.

En branco e negro, buscando o expresionismo, espindo as imaxes de artificios, para chegar á pureza da mensaxe, crúa e directa. Dende ilustracións a recreacións, de novas interpretacións a creacións noutro ámbito, da banda deseñada á actualización da mensaxe, Xosé Tomás toma os poemas para convertelos en imaxes que acompañan as palabras dun xeito tan contundente como nese "Sen niño" de Follas Novas no que as imaxes de guerra e desa pomba da paz convertida nun xoguete a corda que non pode facer nada por si mesma, no medio dunha guerra na que a rapazada sofre. Realismo e simbolismo, actualización da mensaxe e sensibilidade pura.

mércores, 4 de outubro de 2023

Dúas novelas xuvenís en Costa Oeste


Dúas novelas xuvenís na colección Costa Oeste de Galaxia.

A dona de Auria de Andrés Pombo Graña, que vén sendo a continuación da novela O segredo das Burgas, seguindo as aventuras do medio-demo Ciprianillo -Cip para os amigos-, a meiga Landelina
e a súa mestra (a meiga de meigas), dona Ádega. 

Meigas boas que coa axuda de Cip (o mangallón) e Rañacastañas (o demachiño) andan a investigar un caso de desfeitas no edificio Simeón causado por trasnos, e que os levará ao Ourense das sombras e ao encontro con todo tipo de seres de encantamento, obxectos máxicos, galiñas e pitos de ouro... todo relacionado cun antigo mal que está a piques de retornar.  

Ourense como espazo máxico e a Galicia encantada coas súas lendas percorréndoa.

Miss Antropía de Fernando Castro Paredes que se presenta así: "Noe está anoxada co mundo. Non encaixa. Todo se esboroou tras a morte do pai e séntese atrapada e sen horizontes. Odia a súa nai. Odia canto a rodea. A súa furia interior acaba envorcándose na creación dun perfil falso nas redes sociais: “Miss Antropía”, no que inventa a vida dunha rapaza que está morrendo de cancro.
A nai de Noe decide mudarse. Un cambio radical. Un novo comezo. Calquera cousa que permita fuxir dos erros do pasado e reconstruír unha existencia feita anacos. Pero a vida da rapaza non cambia. A mesma soidade. A mesma rabia.
De pronto, na nova casa, os soños de Noe comezan a poboarse de persoas ás que non coñece, de mortos, de situacións violentas que non acaba de entender. Emprenderá unha investigación para dilucidar se hai algo de real neses soños ou se dunha vez por todas se volveu tola, como moitos lle din que está.
O que descubrirá será algo terrible, que a cambiará para sempre e que a axudará a atopar o seu lugar no mundo."

Unha historia contada por narradores múltiples que a fan avanzar achegando outras miradas ao relato da protagonista. Pola novela van pasando diferentes temas como a adolescencia, suicidio, acoso, relacións familiares complicadas, amores tóxicos, homosexualidade, centros educativos, profesorado e a súa profesionalidade, outra visión das mulleres...

luns, 8 de agosto de 2022

Segunda parte dunha posible triloxía

Un segredo é a continuación do libro Un fillo de Alejandro Palomas. 

Esta segunda entrega, traducida por Mercedes Pacheco, preséntase así: "Nazia é a mellor amiga de Guille. Antes vivía no supermercado paquistaní do barrio cos seus pais e o seu irmán maior, pero por unha situación familiar difícil agora estará con el e co seu pai Manuel durante un tempo; pero garda un segredo que non lle pode contar a ninguén, porque así llo pediu a súa nai, a non ser a Guille, que é coma o seu irmán.

En Un secreto, Alejandro Palomas retoma os personaxes de Un fillo, aos que se engaden algúns máis, e achéganos, cunha prosa sinxela e tenra, a temas complicados como o acoso, os matrimonios de conveniencia e as dificultades da vida vistas desde a perspectiva dos nenos.

Un libro que transmite amor, comprensión e humanidade."

Contado cos mesmos ingredientes do primeiro dos libros, atoparemos, de novo, os personaxes do enno e o seu pai, a orientadora e a profesora. Unha obra que quere crer no bo facer dos profesionais que están ao servizo do alumnado e as familias. Un mundo máxico creado polo imaxinarios dos nenos que envolve a crueza do que lles tocou vivir. 

mércores, 27 de xullo de 2022

De premios. O IV María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

O segredo de Al´eume de Pilar Ortega Pereiro publicado por Cuarto de inverno.

Así se presenta: "Despois do accidente en bibicleta da súa irmá Teba, nunha visita ao mosteiro de Caaveiro, Xiana ve como os seus problemas van en aumento e conseguir os cartos para a carísima operación da nena convértese no obxectivo familiar. Presionada polo segredo que agocha en relación co accidente, embárcase, xunto coa súa amiga Lúa, na procura dun suposto tesouro, tras o que andan tamén o seu tío, uns investigadores da Universidade de Oxford e un compañeiro de instituto. Quen conseguirá dar co tesouro de Al'eume?"

En primeira persoa, cóntasenos, este tempo de angustia nos que se enfronta aos sentientos de culpa e á situación familiar e de amizade con comezos de namoramento. A historia dunha vella monxa que planta os pés nos tempos da posguerra e dunha nova que anda a reflesxionar sobre o compromiso do matrimonio, un profesor e unha lenda... De todo hai.

martes, 15 de marzo de 2022

Novela xuvenil: Os metrosiderais

Os metrosiderais de Héctor Cajaraville, publicada en oqueleo.

Dise: "Os Metrosiderais é unha aventura en que as persoas marxinadas, as diferentes, as que se afastan da norma… acaban demostrando o poder da unión por riba dos prexuízos". Continúa o resumo: "Estela, Kofuku, Li, Tomás e a súa cadela Lía conforman a Banda do Cigurat, un grupo de rapazas e rapaces que consolidaron a súa amizade nas clases de reforzo do instituto. Durante as vacacións de verán, os seus integrantes veranse somerxidos nunha emocionante investigación que crava as súas raíces, literalmente, na historia da Coruña, a cidade na que viven. Un astrolabio, unha viaxe en barco que partiu da Coruña hai cincocentos anos, un peculiar ancián envolto en misterio e intriga, un estraño diario e unha árbore que non debería estar aí, configuran a trama desta novela; ao longo das súas páxinas, os membros da Banda do Cigural deberán enfrontarse a un enigma que rodea a cidade herculina, e que foi pasando de xeración en xeración, ampliándose ao longo dos séculos."

De novo, acudimos á rapazada con dificultades como sucedeu en O grupo de An Alfaya ou Plan de rescate de Antía Yáñez. Li é fillo dos chineses que teñen unha tenda, Kofu ten a imaxe dunha moza do manga ou otaku, Estela leva roupa grande que semela ocultar a súa figura, Tom comunícase con eles por medio dun caderno, a el sempre o acompaña un can; seguún din o grupo de acosadoras "Marimacho e os seus lacaios: Limonciño, a Gueixa e Mudiño"; a filla dun maltratador, a dun suicida, un rapaz que non fala sen que se sepa a razón, un inmigrante de segunda xeración... erros da natureza, di a acosadora, pero eles serán os que destapen o misterio. Unha caixa de música que resulta ser un astrolabio, un barco -o San Lesmes- que navegaba alá polo 1525, o Tratado de Tordesillas, Nova Zelandia, o capitán do barco, o metrosidero, os maorís, a Irmandade Filantrópica, María Pita, Teresa Herrera, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega Concepción Arenal, María Barbeito, Isabel Zendal, Francisca Herrera... Todos teñen o seu lugar nesta historia na que a fantasía se mestura coa realidade.

mércores, 2 de febreiro de 2022

De cando te volver SUPER

 Ver las imágenes de origen

Susana Sánches Aríns sacou do prelo, en Cuarto de inverno, SuperUlex, unha novela escrita en pequenos capítulos ao redor dunha rapaza que despois dun proceso de quimio adquire unha forza inusitada e con ela unha seguridade asombrosa. Está disposta a facer xustiza, e se Batman ten con el a Alfred, ela vese apoiada pola bisavoa. Ela é quen lle fai o traxe, quen a asesora, quen lle razoa e está sempre aí. Con ela formarán equipo tamén, aquelas rapazas e rapaces aos que vai salvando das gadoupas do terror, deses malos que sempre andan polo medio creando problemas. Coma anxos a bisa e a Susa (a tía), a primeira facendo de anxo malo vingativo se fai falla, Susa politicamente correcta coma un anxo bo, branquiño.

Clara está feita un mar de dúbidas, os seus sentidos moi desenvoltos, unha pel estremadamente sensible,unhas reaccións imprevisibles, unhas ansias de xustiza urxentes, unha tropa fandanga, unha bisavoa e un código ético. Non podedes perder esta oportuidade de entrar nunha historia realmente novidosa na escrita e no contido, na argumentación e na normativa. Nada vos defraudará!

luns, 3 de xaneiro de 2022

Un libro que acadou o Premio Agustín Fernández Paz para a Igualdade: A cidade do átomo

 

A cidade do átomo de Iria Misa está publicada por Xerais na colección Merlín.

A explosión dun reactor na pranta nuclear de Chernóbil convertiu a cidade de Prípiat nun espazo fantasmal.  A cidade está en ruínas e só habitada por rapazada que se empeña en mantela en funcionamiento, mentras agardan que os pais volvan. Pretenden darlle continuidad ao que recibiron, ao que sucedía antes do accidente: as rutinas coa cultura soviética e o seu imaxinario, iconos e mitos. 

Nunha especie de Señor das Moscas vemos unha sociedade gobernada pola infancia. Un neno (Máscara) e unha nena (Lena), por diferentes razóns,  mantéñense a certa distanciase, sin integrarse de todo no grupo. Ela leva as marcas da radioactividade na pel (a ninguén lle gusta verllas) e segue sin entender que foi da súa mellor amiga, unha rapaza da súa idade. 

Un misterio percorre a ciudad. Un enigma que nos vai lembrar películas de referencia ou obras literarias que sempre temos presentes. O misterio, o realismo máxico camíñana en silencio.

martes, 21 de setembro de 2021

Da poesía á narrativa

Carlos Negro, o poeta, acaba de publicar un libro de relatos de medo na colección Fóra de xogo, Non cantan paxaros neste bosque. Malo que non o fagan, porque cando os paxaros calan... faise presente o misterio.

O autor coñece aos adolescentes, ao lectorado mozo, por iso foi quen de publicar os libros de poemas que embarcaron a moitos e moitas delas na poesía; unha poesía con contido (sempre o ten, non?) pero tamén cunha temática e uns valores que resultan de imprescindible tratamento nesas idades (e noutras). Esconxuros e mortos, cheiros fétidos que traen o que non quixeramos coñecer, casas embruxadas ou que cargan cunha desgraza ao lombo, xogos habitados por malignos, voces que nos chaman dende o máis alá, outras realidades que de pronto se atopan coa nosa, o acoso sempre presente, casas de indianos cos seus segredos traídos de afastadas terras, enerxías e forzas  coas que é mellor non toparse, mortos que non queren irse sós, animais que nos pasan de producir asco a asustar, mulleres apoiándose a través dos séculos...no alén visitándonos ou, máis ben, aqueles que non dan pasado do aquén ao máis alá e o relato continúa.

domingo, 9 de maio de 2021

O libro dalguén que anda polas redes

 

Identidade de Nee Barros Fernández, publicado por Galaxia, na colección Costa Oeste. A través do hiperenlace podemos acceder ao canal de vídeos de Nee Barros que se recoñece como Neumatiko e onde vemos como vai analizando o programa de 2º de bacharelato de Literatura Galega e outros de recomendacións de libros actuais, música, retos, iniciativas, certames literarios...

Da presentación editorial:  “A normalidade do non-común"  Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”?  Zé, o noso protagonista, vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade. Coa complicidade dos seus amigos e a súa familia, percorrerá un camiño en que moitas vendas negras, que tapan os ollos e a alma, caerán ao chan. Rompendo todos os moldes, Zé será quen de amosarlle a todas as persoas que dá igual como te vexan os demais. O máis importante é como nos sentimos nós, ser quen queiramos ser e seguir sempre o que dite o noso corazón."

Manrique Fernández en Comarcas na rede, engade máis explicación (que coloco en lugar da miña porque me semella moi acertada): "Para entendelo mellor, haberá que aclarar que o protagonista desta peza é Zé, un mozo que anda na procura da súa identidade nun entorno que non acaba de entender que, nacendo María como naceu, agora pretenda asumir un rol diferente ao que lle foi asignado por unha tradición difícil de quebrar. Poucos ao seu arredor comprenden que, nacendo muller, se comporte coma se fose un rapaz e ata pretenda trocar o seu nome orixinario. Pero Zé mantense firme nunha convicción que, aos poucos, terá que transmitir ao seu entorno para que a convivencia sexa o máis cómoda posible para todos.  A historia en si é toda unha reivindicación da liberdade de elección e da necesidade de sentirse cómodo con un mesmo, pense o entorno o que queira pensar. Zé vese marcado por un nacemento no que, obviamente, nada tivo que dicir, pero que determinou o comportamento do seu entorno cara a el e mesmo o seu propio xeito de se comportar. E non estamos a falar de identidade sexual, senón de algo que transcende esas limitacións e afecta ao noso comportamento como persoas, capaces de superar as barreiras de xénero e de aceptar que mesmo esas identidades non-comúns que se citan no subtítulo, poden converterse en normais se lles damos a oportunidade. No fondo, é aquela máxima de “Vive e deixa vivir” que a sabedoría popular atribúe ao poeta F. von Schiller.". Tamén cita este autor algo que é un dos acertos da obra: "O acerto de simbolizar a cegueira da sociedade cara ao que Zé sente a través de vendas negras que tapan os ollos dos actores e que os protagonistas terán que axudar a tirar, coido que é un dos máis relevantes"

 

venres, 5 de marzo de 2021

Algunha tradución...

9788491515524

Un fillo de Alejandro Palomas traducido por Carlos Freire e publicado por Galaxia. Esta obra recibiu os premios Joaquim Ruyra de narrativa juvenil e o V Premio La Isla de los libros. 

Da presentación editorial: "Este libro conta a historia de Guille, un neno riseiro, introvertido, imaxinativo e aparentemente feliz. Pero iso é só en aparencia porque, por debaixo de tanta felicidade, atópanse cousas algo escuras. (...) Alejandro Palomas ofrécenos unha novela chea de tenrura, verdades a media voz e, sobre todo, misterio…"

Cada capítulo leva o nome dun personaxe que asume en primeira persoa o relato, a través de todas esas voces imos coñecendo a historia de Guille, un rapaz estupendo, sensible e nada problemático que agacha un gran segredo. Vive co pai, a nai está lonxe, só ten unha amiga (Nazia que leva o seu velo e a pesar do seu corpo infantil trata de facer o que é norma nunha muller paquistaní tradicional). Todo comeza cando Guille responde que de marior quere ser Mary Poppins, daquela átitora sáltalle un resorte, porque lle parece un neno demasiado feliz cando ten tantas cartas para non selo e derívao á orientadora dicindo "o Guille que vemos encerra outro que non vemos". A partir de aí asistimos á descuberta dese outro neno, desa outra realidade que está por debaixo do iceberg, e choraremos como nas novelas de Dickens porque é necesario facelo. Unha magnífica obra que vale a pena ler, na que a tenrura nos acompaña en cada páxina envolvendo os sentimentos dos que non se fala pero se senten, amarrando a tristeza dunha néboa escura que precisamos abrir, domeando os segredos e apretando os silencios. Ninguén se arrepentirá de lela.

Maneiras de vivir de Luís Leante foi Premio Edebé de Literatura Xuvenil. O título fálanos dunha canción, a historia vai da ficción á realidade nun xogo de espellos... Na presentaicón editorial disenos: "Todo comeza cando un escritor reencontra o guitarrista e cantante dun grupo de rock que admiraba na súa xuventude e decide entrevistalo para contar a súa historia. Así entramos nunha obra que fala da superación, da capacidade de se redimir e se reinventar, e do valor dos lazos familiares".

Outras dúas traducións que xa responden a series, a libros que son continuación doutros son:

O círculo escarlata de César Mallorquí , que vén sendo a continuación de As lágrimas de Shiva e tamén publicado pola editorial Rodeira. Un mozo que veranea na casa duns tíos en Santander, na primeira ocasión ademais de namorarse dunha das súas primas descobre un tesouro grazas a un pantasma. Anos máis tarde a historia veuse repetir e un novo episodio sucederá. Misterios, pantasmas, seitas e amores, unha boa combinación para fomentar a lectura agarrando aos lectores e lectoras polas solapas e traéndoos a outra realidade.

Berta Mir detective. O caso do chantaxista roibo de Jordi Sierra i Fabra publicado por Galaxia, igual que as anteriores entregas. Unha moza conta en primeira persoa o que lle sucede; por un lado está a vida persoal (vive coa avoa e co pai en coma; mantén unha relación especial coa nai que ten outra familia e co seu grupo de música no que toca a guitarra) e profesional, porque sen que ninguén o saiba, ela decidiu continuar aoa axencia de detectives do pai para poder manter enconomicamente a familia.  Unha vertixe percorre as páxinas porque o traballo de detective non é cousa doada, tal como demostra a situación de seu pai e a idade na que ela se atopa tampouco o é, pero Berta Mir está disposta a todo. Podmeos seguila a través dos diferentes volumes.