Amosando publicacións coa etiqueta misterio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta misterio. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de setembro de 2025

Unha novela de misterio


Dormen baixo terra de Alba de Evan aparece publicado na colección A miña primeira novela de Monstros, na editorial Boadicea.

Así se presetna: "Erea acábase de mudar a Leiro, unha vila no medio das montañas onde nada é o que parece. Na mina aberta no alto do monte non deixan de se suceder ataques sanguentos sen que as autoridades consigan atopar un culpábel. O perigo, soterrado na fraga, emerxe coa néboa e axexa os habitantes do lugar. Cando Erea descobre que os seus dous mellores amigos, Héitor e Anaír, están relacionados co responsábel das agresións, non dubidará en arriscar a súa vida para descubrir que segredos do pasado agocha a mina e tratar de protexer a xente, dun xeito ou doutro."  

Familias ligadas a estraños seres que coidan das terras, minas ás que se lle da permiso a pesar de saber que aí hai patrimonio que gardar, persoas comprometidas con esa defensa que non conseguen paralizar (a mina, pero podía ser a pasteadora ou os eólicos). Cando nada está nas nosas mans xa só queda cederlle o coidado da terra ao misterio. Neste caso un monstro. Un gran risco aparecerá porque cando algo proba o sangue non sabemos as súas consecuencias. Tamén se dicía que cando alguén está nunha guerra e aprende a matar xa non o olvida, xa non lle resulta difícil, xa o converte en costume... Pois ben, unha novela de medo e misterio. Tres adolescentes: dous autóctonos e unha que acaba de chegar, cada un coas súas características e aficións pero dispostos a axudarse e defender a súa amizade.

luns, 8 de abril de 2024

Un novo libro de An Alfaya: "O corazón das casas"

O corazón das casas de An Alfaya está ilustrado por Mario G. Alfaya e publicado na colección Árbore de Galaxia. Así se presenta: "Todas as casas teñen corazón e cada corazón agocha un segredo, sabíalo?Eli lembra a súa infancia cos seus pais, Marga e Telmo, que reformaban casas vellas, e vivían nelas mentres as reconstruían. Nunha delas, na casa da cerdeira, atopa un obxecto que a leva a descubrir a Mencía, unha misteriosa nena que se acanea nun bambán no xardín, cuxa presenza lle provoca sensacións que non é quen de entender. Os enigmáticos silencios do xardineiro Sebastián e a retranca da tendeira Candelaria provócanlle moitas preguntas e case ningunha resposta, mais a súa curiosidade é moita. Acompaña a Eli nesta emotiva viaxe por unha historia tecida cos fíos do real e do imaxinario, e descubre da súa man o talismán da amizade."

Esta é unha desas novela infantís da autora que eu sempre recomendo porque son realistas pero ao tempo introduce un elemento fantástico que coloca o misterio, pero sen perder de vista a realidade, algo que tan ben fixera Xosé Miranda en A nena pálida. 

Historia contada dende a voz da filla. Pais construtores convertidos en empresa por situación de crise; unha idea luminosa que os leva a moverse por diferentes localidades e habitar diversas vivendas, pero a da cerdeira vai ser a que deixe unha forte impronta na nena. Esa cerdeira na que ve columpiarse unha nena da súa idade cando abre a caixa de música, e un misterio para resolver. De novo, a relación entre os maiores e as pequenas é algo a ter moi en conta, os dous vellos (tendeira e xardiñeiro) que viven sos e a rapaza que é quen de tecer fíos con eles. E unha verdade total: que casa non ten o seu corazón? que casa non garda nalgún sitio a súa esencia, iso que vai pasando duns a outras ao longo da súa existencia e que fai posible que as recoñezamos e nela a quen alí viviu?   

xoves, 29 de xuño de 2023

Lendas urbanas

A curva da pantasma de Fran Alonso responde a ese epígrafe de lendas urbanas, desas historias (normalmente ao redor do misterio e o terror que son de creación recente e van pasando de boa a orella. É como a continuación das lendas tradicionais, dos contos que se contaban ao carón da lareira e agora seguramente de contan nas viaxes en coche, nas quedadas, nas redes sociais...

Baixo a miña humilde opinión, este non é un libro logrado, téntase darlle o ton de como o conta (seguramente) a xente moza pero non acaba de convencerme. Dúas das historias nas que o escritor se fai presente, semellan escritas para encher baleiros, pero claro van no estilo que seguramente se busca e que non terían cabida nun prólogo. Non me achegan nada, a verdade, e resúltanme actos fallidos por parte do escritor e editor, igual que me resultou unha obra menor o paso de Carlos Negro da poesía ao relato xuvenil de terror. Si, nestas alturas hai moita xente que sabe escribir e pode dedicarse a calquera xénero e hai xente repugnantiña que agardabamos algo máis de determinados autores aos que admiramos moito noutro tipo de textos. Tampouco sei se o mellor que pode facer un editor galego, neste momento, co seu tempo sexa escribir, xa o fixeron outros (non sei se é desculpa) pero ás veces facemos traballos alternativos cando non estamos contentos co primordial. É cousa de mirarse.  

Preséntase así: "As lendas urbanas tamén forman parte da rica tradición oral que deu lugar á literatura. Hoxe desenvólvense nun contexto moderno e transmítense por medio das novas tecnoloxías, pero ao mesmo tempo teñen moita historia. Partindo da estrutura e do espírito das lendas urbanas, Fran Alonso reescríbeas desde o presente en "A curva da pantasma", sen renunciar ao medo e ao misterio como motor da narración. A través delas, aborda temas como o consumo de alcohol, o machismo, os incendios forestais, o acoso escolar, a verdade e a mentira, as relacións na adolescencia, as redes sociais, a diferenza, a exclusión, a postverdade ou o propio papel da literatura." E si, é certo, aborda problemas moi actuais e de necesaria reflexión. Publicado por Xerais en Fóra de Xogo.

martes, 21 de setembro de 2021

Da poesía á narrativa

Carlos Negro, o poeta, acaba de publicar un libro de relatos de medo na colección Fóra de xogo, Non cantan paxaros neste bosque. Malo que non o fagan, porque cando os paxaros calan... faise presente o misterio.

O autor coñece aos adolescentes, ao lectorado mozo, por iso foi quen de publicar os libros de poemas que embarcaron a moitos e moitas delas na poesía; unha poesía con contido (sempre o ten, non?) pero tamén cunha temática e uns valores que resultan de imprescindible tratamento nesas idades (e noutras). Esconxuros e mortos, cheiros fétidos que traen o que non quixeramos coñecer, casas embruxadas ou que cargan cunha desgraza ao lombo, xogos habitados por malignos, voces que nos chaman dende o máis alá, outras realidades que de pronto se atopan coa nosa, o acoso sempre presente, casas de indianos cos seus segredos traídos de afastadas terras, enerxías e forzas  coas que é mellor non toparse, mortos que non queren irse sós, animais que nos pasan de producir asco a asustar, mulleres apoiándose a través dos séculos...no alén visitándonos ou, máis ben, aqueles que non dan pasado do aquén ao máis alá e o relato continúa.