Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia ficción. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia ficción. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de decembro de 2025

Trickstar. Postais dende as estrelas


Trickstar. Postais dende as estrelas de Manuel Esteban está publicado en Boadicea.

Da presentación editorial: "Ano 2076. Nunha Terra a piques de colapsar, a vida no espazo semella a única esperanza para a humanidade. Julie Alban é arquitecta de sistemas, pero tamén unha veterana piloto do Consorcio, o organismo supranacional que está a dar os primeiros pasos na conquista do sistema solar. Non obstante, a irrupción dun misterioso virus en África e unha nova tecnoloxía capaz de protexer da radiación cósmica conducirán a unha guerra de poderes que a converterá na primeira pirata espacial."

O primeiro que pensamos é o perto que está xa a ciencia ficción. O segundo que tamén estamos demasiado próximos á distopía, un mundo no que hai moita xente que xa non quere vivir nel; o aumento de suicidios igual ter relación con este asunto. As protagonistas son maioritariamente mulleres, personaxes con boas dotes que mostran na profesión e toman decisións atrevidas. Unha enxeñeira de sistemas que decide converterse en piloto (camioneiros, chámanlles). Unha IA que aprende máis alá do que ela lle ensina e que non acaba de asustarnos porque a relación con ela é de nai e filla, pero que en calquera momento podería converterse noutra cousa, porque toma decisións, ten intuición... Un Consorcio que representa ás grandes empresas e pode facer calquera cousa por conseguir maiores beneficios. Sempre baixo a apariencia de gobernos ou organizacións de grandes países pero respondendo unicamente aos intereses económicos. Continentes e multitudes destinados a ser coellos de indias, cobaias de calquera experimento... Fálase de cando se deixou de saber onde estaba a verdade e a mentira, de cando deixou de importar e recoñecemos ese pó espacial que atravesa o noso tempo.

Cousas que nos interesan e aparecen escritas: cando bebas debes lembrar a fonte. O idioma da ciencia, esa linguaxe universal que nunca mente, aínda que nunca diga a verdade. As estrelas están aí, pero hai que ter o valor de ir buscalas. A min xa me queda pouco tempo; o futuro é teu, escolle ti. Todos os humanos somos supervivintes. Cando chegue a noite para cubrir de escuridade estes estraños tempos, non quedará de nós máis que o recordo das decisións que tomemos. 

luns, 29 de setembro de 2025

Outra novela de ciencia ficción fantástica


Os días derradeiros de Nova París
de China Miéville é unha noval ben estraña polo menos para alguén que non foi tan lonxe neste xénero.

Así a presenta a editorial Boadicea: "1941. No caos da Marsella en guerra, o enxeñeiro e ocultista estadounidense Jack Parsons atopa un grupo clandestino antinazi, do que fai parte o teórico surrealista André Breton. Nos retorcidos xogos de diplomáticos disidentes, revolucionarios exiliados e artistas de vangarda, Parsons acha unha esperanza. Mais o que involuntariamente libera é o poder dos soños e os pesadelos, mudando a guerra e o mundo para sempre.

1950. Thibaut, un solitario loitador surrealista, camiña por unha nova e alucinóxena Paris, onde os nazis e a Resistencia están atrapados nun conflito sen fin e nas rúas asexan imaxes e textos que cobraron vida -e tamén forzas do Inferno. Para fuxir da cidade, Thibaut debe unirse a Sam, unha fotógrafa estadounidense, e faceren causa común cunha poderosa e enigmática figura: o cadáver exquisito.

China Miéville (Londres, 1972) é un dos autores máis afamados da fantasía actual debido á súa capacidade para redefinir os límites do xénero e afondar no new weird, que borra a difusa liña entre a fantasía e a ciencia ficción, entre a cultura pop e a arte culta. A súa traxectoria foi recoñecida con prestixiosos premios como o Hugo e o World Fantasy Award ou o Arthur C. Clark que recibiu até en tres ocasións."

Ben, agora vexamos, como imaxinas que os monstros que aparecen na novela a contra os que hai que actuar sexan as criaturas creadas polo surrealismo? Ir recoñecendo cada unha delas grazas ás notas (máis de 50) coas que finaliza o libro é un exercicio de mestura a arte coa literatura. Algunha vez seguramente temos pensado que esas imaxes nos asustan, que calquera delas podería crear unha ficción literaria, pero seguramente nunca nos pasou pola cabeza que podían acabar nunha novela ambientada na IIGM mediante unha ucronía que nola fai pervivir máis anos.

O autor é home de ideoloxía esquerdista, un verdadeiro adiantado no xénero literario defínese así: "Non son un esquerdista tratando de contrabandear a miña malvada mensaxe polos nefastos medios de novelas de fantasía. Son un geek de ciencia ficción e fantasía. Encántanme estas cousas. E cando escribo as miñas novelas, non as escribo para facer un propaganda política. Escríboos porque adoro apaixonadamente aos monstros, as historias raras de terror, as situacións estrañas e o surrealismo, e o que quero facer é comunicar iso. Pero, como veño a isto cunha perspectiva política, o mundo que estou a crear está incrustado con moitas das preocupacións que teño. [...] Estou a tratar de dicir que inventei este mundo que creo que é realmente xenial e teño estas historias realmente grandes que contar nela e unha das maneiras que atopo para facer que sexa interesante é pensar niso politicamente. Se queres facer iso tamén, iso é fantástico. Pero se non, non é un monstro xenial?"

domingo, 16 de febreiro de 2025

Ciencia ficción

 

Nave de Olaia Sendón forma parte da colección Fóra de Xogo de Xerais. Resultou finalista do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Despois de libros tan diferentes como A crebeira Marabillas (infantil) e A fotógrafa Perpetua (ficción documental) aparece esta novela de cicncia ficción para lectorado mozo. 

Así se presenta na sinopse: "Néboa fixo dezaseis anos hai pouco e abúrrese mortalmente na clase do profesor Nogueira. Tampouco pode deixar de pensar en que lle acontecería a Noite, a súa amiga que acaba de morrer. Polo resto, a vida de Néboa é moi normal, ou todo o normal que pode ser a vida de alguén que naceu nunha nave espacial e forma parte dos últimos cen mil superviventes da raza humana.

Unha gran nave, unha orde estrita, unha ensinanza para preparar o futuro, uns colonos que terán que baixar a ocupar un planeta... Quen son os máis preparados para facelo? Que deben dominar para poder facerlle fronte a unha nova realidade? Que pasou cos enviados anteriormente? De todo isto se trata, entre máis misterio que claridade, pero tamén de amizade e amor de todo tipo, dos dirixentes que se converten en titores anodinos de novas xeracións e da escolla daqueles nos que deixan as esperanzas. 

Un futuro incerto que deriva dun presente que todos/as coñecemos e do que descoñecemos se vai poder sobrevivir. A filosofía, as castas familiares, as bibliotecas e arquivos... teñen un papel nesta historia. O mellor é esa imaxe dunha inmensa nave na que se garda a humanidade á espera de atopar o planeta no que instalarse, un planeta do que non se sabe o nome (ou si?), un planeta no que repetir a historia (ou partir de algo aprendido?). Así é a humanidade, capaz de aprender ou desaprender, capaz dos máis altos ideais e dos máis baixos instintos.

venres, 14 de febreiro de 2025

Aurora austral, unha distopía para a reflexión

Aurora austral de Héctor Cajaraville resultou premiada co último Meiga Moira (2.024) e polo tanto publicado nesta colección de Baía. 

Na presentación editorial recóllense as palabras do xurado: “Historia de aventuras ambientada nun universo distópico non moi distante do noso, con gran dose de crítica sociopolítica e que busca poñer o foco sobre o modelo de mundo ao que nos diriximos. Escrito nun estilo dinámico e fluído, con diálogos cribles que interpelan ao público lector”.

Unha historia ben contada na que seguimos o fío do relato con interese e sen perdernos, o que non é pouco, nestes tempos, nos que a labor de edición por veces non chega ata onde pode e debe facelo. O que se nos conta sucede no 2053, a Terra pasou por unha catástrofe global e dende aquela está baixo o control férreo (cada vez maior e xa case definitivo) dunha ditadura "neixente". As elites teñen ao seu dispor a existencia das persoas, da supervivencia do planeta así coma do satélite e outros planetas aos que estás planificando a explotación. A enerxía e a tecnoloxía están na base do abuso e asoballamento de terras e persoas, só debe sobrevivir a élite, os demais son carne de canón que traballa en condicións infrahumanas como produtos de usar e tirar. 

Todo se pon en marcha despois da explosión que remata cunha cidade. Tres irmás que se atopan guiadas polas forzas do Réxime, un pai nas redes do poder, humanos e novas mesturas creadas con produtos que levan parte do seu ADN e deben ser actualizados mediante programas (igualiño que os nosos ordenadores e móbiles). Tres mozas moi diferentes que van percorrer a Terra buscando unha oportunidade, un tempo de percorrido (dende o 18 de xuño ata o 21 de decembro), un narrador omnisciente que lle dá a palabra á irmá máis vella no último capítulo, capítulos integrados en conxuntos que levan títulos tan significativos como Os tempos están a mudar, Aboiando no vento, Coma un pelouro, Petando nas portas do ceo, Vai caer unha boa e Ao abeiro da treboada.  

Non hai saída e a reflexión vén agora por parte dunha lectora que vive no 2024 e observa a actualidade: non hai saída porque a maioría anda na escolla dos neofascismos e populismos de baixa "calaña", na volta dos Trump, Bolsonaro, Milei e demais, en darlle todo o poder para que poidan desfacer a estrutura dos Estados e entregarllos ás grandes corporacións. Non hai saída porque non atendemos aos avisos, aos mayday de Manolo Rivas ou dos grandes defensores do decrecemento e profetas do colapso como Carlos Taibo... Somos nós quen imos camiñando cara ao abismo mentres berramos os nomes dos que están traballando para acabar con todo o que demos conseguido ao longo de séculos de humanidade e loita polo progreso humano. Si, son os nosos veciños e veciñas as que co seu voto están acabando con todo o que queren igual que os novos ao mercar en Amazon están acabando cos seus empregos. Un velo cubre a realidade e non é de néboa senón de tecnócratas ao servizo dese inimigo anónimo e oculto.

Aínda así, as preguntas xorden buscando a esperanza na novela: será que ese grupiño e marxinais, situado en Ushuaia, será o xermolo dun futuro? será posible procrear e criar humanos ao que o poder non poida enganar? será posible que alguén esperte antes de que isto non teña remedio? 

E a gran pregunta: que pasou coa educación (dende a casa á universidade) para que se perdera a consciencia e a alienación se fixera dona da humanidade.

A cuberta cunha imaxe de Rodrigo Chao axuda a situarnos na actualidade pero agardemos que ninguén a confunda cun líder que está afastado de nós, polo ben da humanidade...