Amosando publicacións coa etiqueta Distopía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Distopía. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de decembro de 2025

Trickstar. Postais dende as estrelas


Trickstar. Postais dende as estrelas de Manuel Esteban está publicado en Boadicea.

Da presentación editorial: "Ano 2076. Nunha Terra a piques de colapsar, a vida no espazo semella a única esperanza para a humanidade. Julie Alban é arquitecta de sistemas, pero tamén unha veterana piloto do Consorcio, o organismo supranacional que está a dar os primeiros pasos na conquista do sistema solar. Non obstante, a irrupción dun misterioso virus en África e unha nova tecnoloxía capaz de protexer da radiación cósmica conducirán a unha guerra de poderes que a converterá na primeira pirata espacial."

O primeiro que pensamos é o perto que está xa a ciencia ficción. O segundo que tamén estamos demasiado próximos á distopía, un mundo no que hai moita xente que xa non quere vivir nel; o aumento de suicidios igual ter relación con este asunto. As protagonistas son maioritariamente mulleres, personaxes con boas dotes que mostran na profesión e toman decisións atrevidas. Unha enxeñeira de sistemas que decide converterse en piloto (camioneiros, chámanlles). Unha IA que aprende máis alá do que ela lle ensina e que non acaba de asustarnos porque a relación con ela é de nai e filla, pero que en calquera momento podería converterse noutra cousa, porque toma decisións, ten intuición... Un Consorcio que representa ás grandes empresas e pode facer calquera cousa por conseguir maiores beneficios. Sempre baixo a apariencia de gobernos ou organizacións de grandes países pero respondendo unicamente aos intereses económicos. Continentes e multitudes destinados a ser coellos de indias, cobaias de calquera experimento... Fálase de cando se deixou de saber onde estaba a verdade e a mentira, de cando deixou de importar e recoñecemos ese pó espacial que atravesa o noso tempo.

Cousas que nos interesan e aparecen escritas: cando bebas debes lembrar a fonte. O idioma da ciencia, esa linguaxe universal que nunca mente, aínda que nunca diga a verdade. As estrelas están aí, pero hai que ter o valor de ir buscalas. A min xa me queda pouco tempo; o futuro é teu, escolle ti. Todos os humanos somos supervivintes. Cando chegue a noite para cubrir de escuridade estes estraños tempos, non quedará de nós máis que o recordo das decisións que tomemos. 

venres, 14 de febreiro de 2025

Aurora austral, unha distopía para a reflexión

Aurora austral de Héctor Cajaraville resultou premiada co último Meiga Moira (2.024) e polo tanto publicado nesta colección de Baía. 

Na presentación editorial recóllense as palabras do xurado: “Historia de aventuras ambientada nun universo distópico non moi distante do noso, con gran dose de crítica sociopolítica e que busca poñer o foco sobre o modelo de mundo ao que nos diriximos. Escrito nun estilo dinámico e fluído, con diálogos cribles que interpelan ao público lector”.

Unha historia ben contada na que seguimos o fío do relato con interese e sen perdernos, o que non é pouco, nestes tempos, nos que a labor de edición por veces non chega ata onde pode e debe facelo. O que se nos conta sucede no 2053, a Terra pasou por unha catástrofe global e dende aquela está baixo o control férreo (cada vez maior e xa case definitivo) dunha ditadura "neixente". As elites teñen ao seu dispor a existencia das persoas, da supervivencia do planeta así coma do satélite e outros planetas aos que estás planificando a explotación. A enerxía e a tecnoloxía están na base do abuso e asoballamento de terras e persoas, só debe sobrevivir a élite, os demais son carne de canón que traballa en condicións infrahumanas como produtos de usar e tirar. 

Todo se pon en marcha despois da explosión que remata cunha cidade. Tres irmás que se atopan guiadas polas forzas do Réxime, un pai nas redes do poder, humanos e novas mesturas creadas con produtos que levan parte do seu ADN e deben ser actualizados mediante programas (igualiño que os nosos ordenadores e móbiles). Tres mozas moi diferentes que van percorrer a Terra buscando unha oportunidade, un tempo de percorrido (dende o 18 de xuño ata o 21 de decembro), un narrador omnisciente que lle dá a palabra á irmá máis vella no último capítulo, capítulos integrados en conxuntos que levan títulos tan significativos como Os tempos están a mudar, Aboiando no vento, Coma un pelouro, Petando nas portas do ceo, Vai caer unha boa e Ao abeiro da treboada.  

Non hai saída e a reflexión vén agora por parte dunha lectora que vive no 2024 e observa a actualidade: non hai saída porque a maioría anda na escolla dos neofascismos e populismos de baixa "calaña", na volta dos Trump, Bolsonaro, Milei e demais, en darlle todo o poder para que poidan desfacer a estrutura dos Estados e entregarllos ás grandes corporacións. Non hai saída porque non atendemos aos avisos, aos mayday de Manolo Rivas ou dos grandes defensores do decrecemento e profetas do colapso como Carlos Taibo... Somos nós quen imos camiñando cara ao abismo mentres berramos os nomes dos que están traballando para acabar con todo o que demos conseguido ao longo de séculos de humanidade e loita polo progreso humano. Si, son os nosos veciños e veciñas as que co seu voto están acabando con todo o que queren igual que os novos ao mercar en Amazon están acabando cos seus empregos. Un velo cubre a realidade e non é de néboa senón de tecnócratas ao servizo dese inimigo anónimo e oculto.

Aínda así, as preguntas xorden buscando a esperanza na novela: será que ese grupiño e marxinais, situado en Ushuaia, será o xermolo dun futuro? será posible procrear e criar humanos ao que o poder non poida enganar? será posible que alguén esperte antes de que isto non teña remedio? 

E a gran pregunta: que pasou coa educación (dende a casa á universidade) para que se perdera a consciencia e a alienación se fixera dona da humanidade.

A cuberta cunha imaxe de Rodrigo Chao axuda a situarnos na actualidade pero agardemos que ninguén a confunda cun líder que está afastado de nós, polo ben da humanidade...

sábado, 26 de setembro de 2020

De princesas, de distopías

Que lles pasa ás princesas? é un libro álbum de Felicia Redondo, con ilustracións de Jessica Mera.
Feito para  darlle unha volta aos contos de fadas que pode divertir e facer pensar, seguramente precise a man dunha persoa adulta para colaborar no xogo, pero aí está, ao alcance de quen queira.
Aqueles momentos que perdemos de Xavier Estévez publicado por oqueleo. Unha novela para adolescentes contada desde as voces de dous personaxes: Ela e Gabriel, que supoñemos mozos aínda aínda que cando chegan a nós ela xa non o lembra nin lembra o propio nome.
Que sucedería se de repente perderamos a memoria?
Que pasaría con ese silencio onde se perdeu todo o que fomos nós e a forma de funcionar o planeta? Conservaríase aquilo que está na base da humanidade, esa maldade innata ou esa solidariedade, ese coidado das crianzas?
Ela é o nome que lle pon Sara, a nena que aparece fronte a ela para cambiarlle a vida. Gabriel é o nome dun mozo da súa idade coa que non se vai atopar ao longo da novela, pero tamén é o nome dun anxo. Igual que tamén é nome de anxo, Miguel, un home maior que as recolle ás dúas cando estaban enfermas... El garda a memoria da curación e da cultura, vive fóra do mundo e pídelles que queden con el, pero Ela marcha. Cando o fai descobre que a nena tamén acaba de perder a memoria, igual que a perde Gabriel de repente. Non hai saída, todo está perdido, ninguén vai poder gardar nada porque o que está a pasar é para rematar coa humanidade dunha vez por todas. Despois da atraínte imaxe dos miles de persoas tirándose ao mar como unha entrega á natureza contra a que tanto se ten feito, despois dos mortos por inacción porque non saben nin que teñen que comer, están os asasinados polos que conservaron ese pouso de crueldade.
"Eu chameino o Día do esquecemento, mais en realidade non foi un día. Foi un instante, un pestanexo, un aire frío que nos envolveu e logo... todo mudou.
E un mundo sen memoria estaba condenado a isto. Ao seu remate..."
Esa é unha parte do texto que aparece como pórtico, para rematar con Ela afirmando
"Somos po de estrelas.
E vexo o universo. E vexo o planeta. E vexo esta praia.
Non. Somos borranchos de tinta na esquina dun papel. Estrelas fugaces arrastradas pola forza da gravidade do pasado.
Xa non son ninguén.
Camiño pola area coma unha sombra.
Iso son.
Unha sombra"