Amosando publicacións coa etiqueta Bibliotecas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bibliotecas. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de xullo de 2020

Bibliotecas, a súa necesidade

As bibliotecas, tamén nestes tempos (e incluso máis por iso) han de ser porta democrática de acceso á información, por iso precisan de recursos que garantan a prestación dos servizos en condicións dignas.
As autoridades han de ter un liderado ideolóxico na democratización e universalización dos servizos bibliotecarios, deben dar mostras de credibilidade e apoiar as bibliotecas porque son o centro cultural, educativo, social e informativo máis importante das comunidades locais.
Elas han de estar abertas por vacacións ou por traballo, porque sempre son necesarias, en todo tipo de tempo e lugar.
Nelas está o patrimonio e a historia. Elas poden construír cidade lectora e declarar capital da lectura, se for o caso.
Un protocolo de actuación. Medidas preventivas. Coidados, pero tamén servizos.
Porque a xente necesita das bibliotecas presencialmente ou de xeito virtual.

sábado, 5 de outubro de 2019

Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

Este é o cartel de Óscar Villán para o lema, con todos os cadriños onde podemos observar como se cría e medra a cidadanía. Paso a paso, coaas horas debidas e as posibilidades ao pé de cada día.
Así o presentan desde a asesoría:
"Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria". 
Xa está todo dito, agora é a tempo de actuar!
Poucas veces foi tan necesaria a cultura de paz e de responsabilidade, os deberes ao lado dos dereitos, a escoita sen buscar calar ao outro senón para complementalo, o común  por riba do propio e e defensa do mundo: do micro e o macro, da identidade e a empatía.

sábado, 4 de maio de 2019

Lecturas para os días escuros, para o inverno, para todo o ano...

 
Un enlace a todas esas recomendacións lectoras das Bibliotecas Escolares de Galicia que enchen páxinas e se distribúen por todo o país. UNHA POTENSSSSIA traballando a favor da lectura, da solidariedade bibliotecaria, da información para toda a cidadanís, para apoio a toda a rapazada galega... para que as familias as teñan en conta cando van a mercar agasallos (en Nadal, no Entroido, pola Candeloria ou nas vacacións de Semana Santa). Son libros escollidos seleccións fóra de todo interese comercial ou espúreo. Profesionais lendo para recomendar, que máis se pode pedir? 

venres, 3 de maio de 2019

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de Lectura de centros de ensino de Secundaria


Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
Anagnórese
Os nenos da varíola
Os máis lidos, e, en galego.
Non sabe o profesorado coordinador destes clubs o que se lles agradece que colaboren nesa elección de títulos!
É unha maneira de falar... pois ben saben e sabemos do seu compromiso coa lingua e coa defensa dun idioma e unha industria cultural que é responsabilidade nosa, dos galegos e galegas.
Grazas, a profesorado e alumnado, a familias e outras persoas participantes nestes clubs.
















mércores, 5 de setembro de 2018

BIBLIOTECAS ESCOLARES ACTIVAS

Escornabots na biblioteca.
Lectores e lectoras do CPI de Catoira

Comeza o curso e con el a actividade nas bibliotecas escolares: en cada unha delas e na Asesoría de Bibliotecas Escolares que fai públicas as Instrucións sobre organización e funcionamto da biblioteca escolar para o cuso 2018/2019, porque é necesario ter en conta unha serie de orientacións desde as bibliotecas, desde os equipos directivos, desde o claustro dos centros... para que a biblioteca poida achegar todas as oportunidades. Que necesario é neste momento confirmar que a persoa responsable da biblioteca é a máis adecuada, que o equipo é o que ten que ser, que non se perden horas de guardia de biblioteca ou de corredor senón que se invirten onde ten que estar todo ese traballo profesional e non de vixiante de autobús. Hai moitas cousas que se non se poñen no seu sitio neste momento vai ser difícil facer máis tarde, e vaise cargar con ese lastre todo o curso. Por iso, estes primeiros días e estas primeiras reunións son fundamentais. Por isto habería que pedirlle a todo o profesorado unha reflexión centrada no centro, nos seus servizos e no alumado máis que en cuestións corporativas e de horario feitos á medida de intereses espúreos. Grazas por esas "Instrucións", agora só fai falla telas en conta.
Por outra banda, aparecen no portal de bibliotecas escolares as convocatorias de Clubs de lectura  para centros que escolarizan alumnado de Secundaria e outros e a Convocatoria do programa Biblioteca Creativa para centros de Infantil e Primaria. Moito que facer, moito que ler e escribir para poñer en marcha o curso e a biblioteca escolar. 
Un luxo ao alcance do profesorado galego! 
E un gusto contar co xornalistas que se fan eco.

domingo, 17 de xuño de 2018

"Nós pensamos que o imposible é posible"

Esa ("Nós pensamos que o imposible é posible") é a frase de Ariel Dávila y Christina Ruf cando poñen en marcha Utopía (una experiencia interactiva para bibliotecas na que o usuario é protagonista).
É a volta a Fahrenheit 451 de Ray Bradbury. Un par de persoas van a intentar conseguir o libro que salve a biblioteca mentres a coñecen palmo a palmo. Unha boa formación de usuarios metidos en plena aventura.
Din os autores da iniciativa que quixeron poñer o foco en algo positivo nun contexto local, nacional e global que senten un tanto desolado. A idea da biblioteca como illa utópica onde se garda a memoria onde podes entrar e estar libremente sen que ninguén che trate como consumidor ou cliente senón como usuario dun servizo público. 
Pois si, trátase de ir á busca do público activo e arredor dos textos utópicos.
Ver toda a infrmación no seguinte enlace

martes, 5 de decembro de 2017

VIII Xornadas de Bibliotecas escolares de Galicia

 
Un ano máis, as bibliotecas escolares de Galicia acaban de xuntar máis de mil profesores e profesoras a tarde o venres e todo o día do sábado 2 de decembre para formarse. Algo que di moito deste tipo de docentesque normalmente traballan máis horas ds que lle corresponden na biblioteca do seu centro, pero que ademais acuden a seguir informándose no seu tepo libre do fin de semana.
Unha boa maneira de comezar o mes!
Este ano, recollían o lema do cartel
"Aprender a pensar na biblioteca escolar" para centrar a temática no campo da filosofía. Unha materia que perde horario pero semella recuperar algo de presencia a través da biblioteca escolar. Un esforzo que ha de agradecerse porque as bibliotecas atentas ás necesidades máis urxentes, ilumina ese campo imprescindible da educación e a vida. Expertos de primeiro nivel e experiencias de calidade encheron eses dous días nos que ademais de permanecer nas salas de conferencias  o profesorado aproveita para contactar entre si e promover as microrredes que lles axudarán a levaa cabo as actividades e plans que poñen en marcha.
"As mellores da súa clase", como foron definidas hai uns meses, despois de analizar os esultados da estatística do Ministerio continúan na vangarda. Así que, só nos queda seguilas, para demostrar que hai campos nos que Galicia é unha potencia!! 

luns, 23 de outubro de 2017

Día da biblioteca, 24 de outubro


Desde a Asociación Española del Libro Infantil y Juvenil, chéganos un cartel e unha mensaxe.
Os autores son  Alejandro Palomas, Premio Nacional de Literatura Infantil 2016 e Manuel Marsol, último ganador do Premio Internacional de Ilustración Feria de Bolonia-Fundación SM.
"Como Mary Poppins, pero sen voar"
 Son sobriño de bibliotecaria. Desde que teño memoria, a miña tía, que acaba de cumprir oitenta anos, regaloume un libro o día dos meus aniversarios. Primeiro foi a serie de Óscar, coa súa Kina e o seu láser, da gran Carmen Kurtz; chegaron despois as aventuras dos Cinco, algúns clásicos ilustrados, a gran Nada de Carmen Laforet... A lista é longa e o goce foi máxico, porque a miña tía entende a lectura como algo que cura, que afasta ao inocente do que agrede, e eu -e ela sábeo- sempre fun demasiado vulnerable ao que dana, sexa ou non imaxinado, sexa ou non real.
A miña tía chámase Nuria e desde nena sofre moito da vista. Aínda así, traballou durante décadas fomentando o amor pola lectura en homes e mulleres, mozos e mozas aos que non coñecía, pero cuxa mirada non tardou en aprender a ler, a identificar e a descifrar. Ela dicía -e ás veces di aínda- que "repartía refuxio", e emociónase ao lembralo. Oína tamén confesar nalgúns momentos da nosa historia común, que non foron fáciles e que vivimos xuntos: "Decidín ser bibliotecaria porque así me aseguraba de que, por moi mal que nos fosen as cousas, aínda que faltase a auga quente ou a calefacción, sempre teriamos un libro en casa". Agora, quince anos despois da súa xubilación, son eu quen lle recomenda lecturas. Lemos un libro á vez e xuntámonos cada quince días a comer e a comentar o lido, no que bautizamos como "O club das 2", porque tentamos no posible que coincida co día 2 de cada mes, ás 2, e porque somos dúas almas lectoras que non teñen freo. Durante estes anos de club, ela contoume cousas, moitas cousas da súa vida na biblioteca, e desde que a oio falar como o fai sobre o seu amor por esa vocación, que non decrece a pesar do tempo, non podo deixar de marabillarme e de preguntarme como definiría eu a unha bibliotecaria -ou a un bibliotecario- chegado o caso.
Ata hai uns meses non dei coa resposta.
Foi por mor da publicación dun fillo, durante unha charla nun centro de ensino dunha capital andaluza. E foi precisamente grazas a un neno de dez anos que, xunto con outros 1OO, lera a novela e quería coñecer ao seu autor. Por motivos de espazo, o acto tivo lugar na biblioteca do centro, cun par de profesoras e a encargada da biblioteca. A charla foi moi intensa, moito máis do que eu esperaba, e alongouse. Cando por fin chegamos ao final da quenda de preguntas, un neno que estaba sentado na primeira fila levantou a man-
-A min o que máis me gustou do libro é María -dixo referíndose á orientadora do centro, que é, xunto co pequeno Guille, a protagonista do libro.
Quixen saber por que. O neno, chamado Ismael, reuse un pouco e logo, mirando a unha das tres mulleres que estaban xunto á porta. dixo:
-Porque é igual que a seño Lourdes. -Unha das tres mulleres que estaban xunto á porta encolleuse un pouco e negou coa cabeza, incapaz de reprimir un sorriso. Ismael non terminara-. Vive na biblioteca porque se non os libros se cadra vanse. Ou morren.
Fíxose o silencio na biblioteca. Ninguén riu. Ninguén dixo nada. Foron segundos cheos de respiracións contidas, de tensión e de infancia.
-É que é bibliotecaria -volveu falar Ismael. E ao ver que eu o miraba sen saber que dicir, debeu de entender que necesitaba explicarse mellor, e engadiu-: Ou sexa, como Mary Poppins, pero sen ás.
Hoxe é un día especial. Celebramos o Día das Bibliotecas e celebramos tamén que centos, miles de Mary Poppins sen ás velan polos libros que as habitan para que non morran nin se vaian, e Ismael siga crendo que a vida está nos libros e o seu reflexo fóra. Hoxe é o día en que, un ano máis, a maxia renóvase e todas as bibliotecarias e bibliotecarios do mundo saúdanse cunha mirada cómplice e un longo. fermoso e tenro:
"Supercalifragilísticoespialidoso".

venres, 18 de agosto de 2017

Exposicións sobre mulleres nas bliotecas da UDC

Dende o ano 2013, e con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña (UDC) organiza a exposición bibliográfica colectiva Mulleres nas Bibliotecas da UDC.
O obxectivo de cada unha destas mostras é rendir homenaxe a todas as mulleres que traballaron e traballan nos campos da ciencia, a cultura, a tecnoloxía ou a arte. Cada ano, estas exposicións exhíbense nalgunhas das bibliotecas da UDC e, ao tempo que se presentaban os paneis con algúns datos sobre as súas vidas, seleccionábanse libros ou artígos escritos por elas ou sobre elas. Como complemento a todo este material, facilitábase información interactiva a través das páxinas web das bibliotecas, aotempo que se realizaba algunha actividade complementaria.
Máis información na páxina de onde se tomou a información, que pretenda dar a coñecer algún recurso máis arredor desta temática, e abrir a posibilidade de préstamo a outras institucións.

xoves, 27 de xullo de 2017

Bibliotecas escolares galegas, as mellores da súa clase

                                                                                                         Imaxe de Simón Espinosa
Carmen Villar, en Faro de Vigo, analiza o resultado da estatística do Ministerio de Educación arredor das bibliotecas escolares das diferentes comunidades autónomas. E conclúe que estamos de sorte, neste aspecto si, neste campo seguro!
Comeza: 
Que medio de transporte serve para viaxar a calquera punto do tempo, do espazo e da imaxinación de forma instantánea e ademais, sendo prácticos, consegue que a comprensión lectora mellore en informes como PISA e situar a Galicia por riba da media estatal, europea e da OCDE? A resposta son os libros e en Galicia algúns dos seus fogares, as bibliotecas escolares, son privilexiados en medios e actividade. Dío Educación."
Seguir lendo no enlace ao Faro.

sábado, 8 de outubro de 2016

Cartel de bibliotecas escolares

                                                                          Cartel de bibliotecas escolares para o curso 2016/17
O cartel actual de Bibliotecas Escolares de Galicia foi realizado por Minia Regos, unha ilustradorta moi nova pero con todas as cualidades que a Asesoría busca sempre neste tipo de profesionais: ter calidade, ser ilustradora e galega, recoller a idea da biblioteca que se precisa neste instante e achegar suxerencias e vías de lectura.
Conseguiuno con creces. Ese territorio das artes é unha artistada pola que se move a danza e a música, a literatura e o cine, arquitectura, pintura, escultura e todas as que nos visitan nas escolas e as bibliotecas que se precisan. As bibliotecas escolares galegas móvense por ese mundo inmenso no que información, artes, letras, ciencias, aprendizaxe,... lectura están presentes.
Un cartel para soñar o noso soño.
Un cartel para mostrar o que se fai.
Un cartel para centrar a atención nun campo determinado, porque non imos de péndulo dun extremo a outro senón seguindo unha folla de ruta.
Un cartel para facer aínda máis visible a biblioteca desde o primeiro día de clase e desde todos os lugares.
Os que anden por Santiago, poden  pasar polo CSC Aurelio Aguirre de Conxo,  e ver a exposición que Minia Regos ten no hall e incluso mercar algún debuxo. Bos prezos e bo traballo.


mércores, 7 de setembro de 2016

Novos e vellos papeis para bibliotecas

A biblioteca Ánxel Casal é un bo exemplo do que nos conta unha nova chegada desde California. Nela fálase das bibliotecas como santuarios para os indixentes, nos que ademais de fomentar a lectura e a cultura, de facilitar o acceso a internet, brindan servizos e asistencia a persoas en dificultade... "porque ao chegar o día, ademais dun lugar onde escapar das inclemencias do tempo, necesitan un espazo onde acceder a internet e comunicarse, cargar o teléfono móbil, aprender a facer un currículum"...   
Non, creo que na Ánxel Casal se limitan a facilitar o emplazamento perto de Cáritas e do aparcamento de buses no que moitos fan noite, un lugar no que acollerse e ler ou introducirse nas pantallas, atendidos sempre con respecto e agarimo. Alí os están, nos ordenadores xogando ou escribindo corrreos ao lado dos peregrinos e dos rapaces que acaban de ser expulsados do sistema educativo, descansando nos sofás... igual que os vira (hai a tantos anos!) nas igrexas londinenses, ocupadas por xente que alí se cobixaba e moitas veces escoitando concertos musicais que lles achegaban a cultura e a arte que tamén están nas bibliotecas.
Se na antigüidade, as bibliotecas eran espazos reservados para sabios e eruditos que gardaban e preservaban o coñecemento, como un tesouro; na actualidade, han de brindar servizos en función das necesidades de todos os seus veciños.
A IFLA acaba de realizar a 82 Conferencia Internacional en Ohio o pasado agosto, e nela declaran a necesidade de asumir o novo papel que lles corresponde ás bibliotecas nesta sociedade en pleno cambio e afectada pola crise.