Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas. Amosar todas as publicacións

sábado, 4 de maio de 2019

Lecturas para os días escuros, para o inverno, para todo o ano...

 
Un enlace a todas esas recomendacións lectoras das Bibliotecas Escolares de Galicia que enchen páxinas e se distribúen por todo o país. UNHA POTENSSSSIA traballando a favor da lectura, da solidariedade bibliotecaria, da información para toda a cidadanís, para apoio a toda a rapazada galega... para que as familias as teñan en conta cando van a mercar agasallos (en Nadal, no Entroido, pola Candeloria ou nas vacacións de Semana Santa). Son libros escollidos seleccións fóra de todo interese comercial ou espúreo. Profesionais lendo para recomendar, que máis se pode pedir? 

venres, 3 de maio de 2019

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de Lectura de centros de ensino de Secundaria


Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
Anagnórese
Os nenos da varíola
Os máis lidos, e, en galego.
Non sabe o profesorado coordinador destes clubs o que se lles agradece que colaboren nesa elección de títulos!
É unha maneira de falar... pois ben saben e sabemos do seu compromiso coa lingua e coa defensa dun idioma e unha industria cultural que é responsabilidade nosa, dos galegos e galegas.
Grazas, a profesorado e alumnado, a familias e outras persoas participantes nestes clubs.
















domingo, 4 de novembro de 2018

"Ler contra a nada" de Antonio Basanta

Luns, 5 de novembro,  imparte unha conferencia con ese mesmo título, Ler contra a nada, no Ateneo de Santiago dentro do seu ciclo conmemorativo do X aniversario, ás 20 horas no local de Afundación na rúa do Vilar.
O libro é unha xoia, presentada nun pequeno formato co que Siruela edita a súa "Biblioteca de ensayo".
Unha defensa da lectura a base de artigos nos que se vai centrando en diferentes aspectos e que rematan sempre abrindo a porta a outro ámbito coa fórmula: “… esa é outra historia e debe ser contada noutra ocasión”. Estes capítulos altérnanse con outros que levan por título “Lecturas de lectura” nos que seguindo as letras do abecedario introduce textos sobre a lectura de diferente autoría que engaden argumentacións sobre o anteriormente citado; son textos que todos e todas queremos ter a man, da autoría de Proust, Borges, Youcenar, Ende, Argüelles, Castellet, Pennac, Carr, Rosembkum, Rodari, Grijelmo, Parra, Jarauta, Platón, L. González, Osoro e moitos outros e outras para falarnos da lectura desde as diferentes ópticas desde as que pode ser analizada.
Un home que ama a lectura, apoiándoa a defendéndoa ao longo de toda a súa vida. Un home de emocións que nos remite ás experiencias e expresións de moitos outros nun exercicio de recompilación xenerosa no que non só recolle a súa práctica senón a de quen transitou e reflexionou sobre a lectura. Un libro para especialistas pero tamén para mediadores de lectura, para amantes da lectura e para o público en xeral que ha de saber o que perde cando non le.
Un luxo escoitalo, unha vez máis, porque a súa palabra é auténtica. Sempre no compromiso da creación dunha sociedade lectora imprescindible para superar as dificultades que inzan o camiño da utopía, calquera que sexa.


venres, 30 de marzo de 2018

Unha nova distopía (escrita por unha muller): "O cidadán perfecto"

O cidadán perfecto é unha novela de ciencia ficción, na que se desenvolve unha distopía." O cidadán perfecto" é un concurso de televisión que acostuman ver os habitantes de Biotrés, a cidade do Continente na que hai barrios que son case decorados para crear ambiente. Unha sociedade moi estratificada, na que debaixo dos membros de dereito do Biopoder están os membros do Consello ou conselleiros do Biopoder e, máis abaixo, o vulgo en xeral.  
O Xefe de Escrutinio da Autoridade Social vai recibindo aos escrutadores, especialmente aos xx pois tense demostrado que teñen máis facilidade que os xy. A sociedade vese, non só escrutada cando hai a mínima dúbida pairando sobre eles, senón programada de forma que a reprodución ou a crianza, as relacións entre a poboación ou os sentimentos e vocacións forman parte dun programa que non deixa nada fóra do seu dominio. Unha sociedade na que non se envellece, para iso realízanse operacións pero tamén se usan máscaras absolutamente axustadas coa imaxe do que fostes. Estabilizadores, inhaladores e inhibidores fan que non se sufra pero tampouco se goce. Non existirá dependencia pero tampouco amor e, sempre sempre, haberá que estar atentos aos que poden sabotear tanta felicidade, neste caso o movemento chámase Diferenza (fronte a tanta igualdade).
Corre o ano tres mil e pico, uns escrutadores vixían a outros e ás veces o xefe é quen tende as trampas facéndose pasar directamente por un disidente. Semella que son as mulleres, ás que retiran unha temporada para procrear, as que poñen en marcha a disidencia. Polo medio vanse contando as historias desa cidade no Continente, dos Confíns, das Illas... doutros mundos artellados doutras maneiras que se poden mesturar con este e provocar chispas, aínda que todo remata nun traspaso que semella decidido por cada un dos suicidas involuntarios que deixan as súas mensaxes de despedida, sen decatarse.    
Para cando o noso mundo semella xa unha distopía de desencontros e incapacidade de acordos que nos dignifiquen, ven Raquel Ricart a meternos medo con outro lobo que aínda pode ser máis fero.

mércores, 28 de marzo de 2018

Catálogo de Bolonia 2018

 
O catálogo "Libros Infantís e Xuvenís de Galicia 2018" que todos os anos elabora GALIX cos títulos publicados en Galicia no ano anterior, xa está disponñible na páxina.
Pódese descargar neste enlace, na páxina de recursos do blog de GÁLIX (http://www.galix.org). 
A ilustración de Victor Rivas cun guiño a Escarlatina - Esmeraldina, é unha boa porta de entrada a un ano de literatura infantil e xuvenil galega.

mércores, 9 de agosto de 2017

Libros e lecturas



















Kibuko de Xavier Estévez na colección Oqueleo de Obradoiro.
Dous mudos contactando entre si:  real e un de ficción,no medio unha nena deprimida pola morte do pai e un tesouro que abre portas, unha cámara de fotos, e o encargo de facer cinco fotos: o edificio máis bonito da cidade, as figuriñas do xardín do veciño, a súa irmá, a súa nai e ela mesma. Do outro lado, o universo de Kibuko está a desaparecer a pasos axigantados e el debe facer algo por impedilo. Farao e conseguirá que a filla continúe a soñar co imaxinario do pai.mentres observa como as demais van soportando a dor da perda de maneira digna e solidaria.
Da mesma colección pero, neste caso, para lectores a partir do doce anos, é O Bosque Pálido de Jaureguizar. Con humor, cóntanos Lidia a súa historia.Filla de Adam e Eva, anda bailan dun a outro extremo, do músico case marxinal á muller convencional,cada un buscando o mellor para a filla e discutindo entre eles. Decidín enviala a unha illa a aprender inglés. Na costa recóllea un mariñeiro que semella pirata e lévaa a un lugar sinistro. Alí todos e todas visten á moda de hai séculos, viven de noite, dedícanse á rapiña facendo naufragar os barcos ou despistándoos por medio dos radares e internet. Sobrevive así un grupo de albinos, chupándolles a enerxía -a base de abrazos- a aqueles que conseguen levar á illa... pero, no medio de todo iso, Lidia namórase dun destes rapaces e consegue fuxir con el levándoo á súa casa. E si, hai un bosque pálido con sepulturas...
Haberá que ler e entrar na mellor narrativa de Jaureguizar. 
O segredo da casa de Formoso de Héctor Cajaraville. Así o presenta o autor no seu blogue:
"David acaba de facer dezaoito anos e é o único fillo dunha parella de emigrantes galegos en Nova Jersey. No verán previo ao seu ingreso na universidade viaxa a Galicia, onde só estivera ao pouco de nacer, co fin de asinar os documentos para a venda da casa que os Formoso, a súa familia materna, herdaron na localidade costeira de Faramontáns.
A súa intención inicial é regresar de inmediato, pero axiña van aparecendo razóns polas que prolongar a visita: unha Galicia que pouco ten que ver coa idea que el traía na cabeza, unha familia coa que nunca ata entón tivera contacto, un misterio arredor da «casa de Formoso» que enterra as súas raíces na guerra civil... E o amor, que xorde de súpeto polo lado máis imprevisible.
Unha historia de sentimentos, pescudas, confidencias e revelacións que desemboca no achado máis transcendental: o que nos dá as claves para descubrirnos a nós mesmos".
Ese pé en New Jersey con todos os nosos emigrantes, en Newark ou Bayonne. Os pais traballando no que poden, o rapaz entrando na universidade pública, a máis barata pero non  mellor, os seus amigos nunha mostra de diversidade, o seu tempo coincidindo coa presidencia de Obama...
O outro pé en Galicia, Santiago e o concello de Céltigos, o tío rico e ostentoso, as tías da aldea tranquilas e familiares, a prima avogada empoderada e a adolescente buscando sr foco de atención; a outra rama familiar cun avó que debe ser un dos personaxes máis duros e breves da nosa literatura,  unha avoa que resiste e unha tía enferma... unha casa fráxil e cruel da que sae fuxindo... pero é na outra póla onde vai descubrir a cara do horror, un avó con fama de exemplar que denunciara a un veciño nos tempos do Golpe de Estado e se queda coas súas propiedades deixándoo morrer na cadea. Non ten problema Cajaraville en mostrar o mellor e peor da condición humana e facelo cunha narración áxil, con diálogos engaiolantes... xogando a mostrar  e suxerir.
Un bo relato para a mocidade.


venres, 3 de marzo de 2017

Variedade de libros (1)



Horizonte de sucesos. Anxo Fariña  nunha incursión  na literatura de adultos ou para a mocidade (fora da colección Fora de xogo) quere contarnos algo diferente que nos remite a historias como Os nenos numerados e mundos que poden estar aí, preto, sen que os vexamos.
O autor da serie Os Megatoxos e outras moitas obras infantís, incursiona neste mundo duro onde se xoga co horizonte de suceso, esa fronteira que existe ao lado dos buratos negros, traspasada a cal non se pode volver. 
Así comeza... “Tiña dezaoito anos e estaba a piques de comezar o primeiro curso na facultade de Belas Artes cando entrou como bolseiro educador na Escola Fogar do centro de acollida de menores Cidade Infantil Afonso X. Naquel ambiente de aire decadente e escuro, envelenado polo cheiro da fábrica monstruosa, ocorreu o incidente do que aparentemente non houbo testemuñas. Deixándose levar polas dores da migraña, o educador rememora o horizonte daquel suceso tráxico que lle deixará marcas perturbadoras capaces de variar o seu rumbo".

Que pasa cando estás nun lugar misterioso e escuro no que se agachan moitas cousas da man dos poderes máis absolutos nos que as forzas vivas da cidade (e demais) che dan traballo ou non cho dan, che fan asinar uns papeis que semellan un código ético pero ao final é para a defensa deles mesmos e non deses seres botados fóra da sociedade, que pasa cando andas ao lado duns rapaces condenados xa de antemán... Que pasa? Que pasa cando ti cargas cunha enfermidade para a que non atopas remedio (despois de probar mil e un medicamento con moitos e perigosos efectos secundarios), no fondo ti tamén es un drogadicto que non podes vivir sen esa droga para enfrontarte e unha enfermidade que che incapacita; cando vés dunha familia probe (e por iso tes que traballar para pagarte a estancia na cidade)... Que pasa cos seres sensibles nun medio coma ese? 
Na capa o Xardín das Delicia, reinterpretado por Anxo Fariña, o autor ilustrador.  
"A esperanza necesaria, máis que o pan de cada día: "Descubrín que hai estrelas que mesmo son quen de fuxir do meirande pozo de negrura do espazo. Estrelas que son quen de variar o rumbo preestablecido e buscar unha nova ruta no inmenso ceo”.

mércores, 22 de febreiro de 2017

Libros xuvenís de variada tipoloxía (8)



Contos nerviosos de Fran Alonso, con ilustracións de Dani Padrón e publicado por Embora.
As ilustracións de Dani Padrón están realizadas nun estilo bastante diferente ao que nos ten acostumados, pero como sempre, con unidade propia, neste caso con debuxos en branco e negro.
Estes son realmente contos nerviosos que recollen  historias que nos desasosegan con casos de alerxias excesivas, de medos que sempre nos manteñen en vilo, as vergonzas máis grandes, o peor que nos podería pasar tal como o vemos en cada momento, persoas que pasan a converterse en personaxes ou que cambian de lugar e identidade, nenas que pasan de raíñas consentidas a enlodarse na lama...  A min persoalmente encántame "O meu aniversario", esa nena absolutamente consentida que verá coma o seu reino de consumismo e mimarrachada se descompón en anaquiños, canto por aprender! 
Os contos nerviosos non menten, son realmente nerviosos. Neles hai moito negativo do que nos machaca e fai a vida máis difícil: rapaces odiosos, alerxias, ruídos, máquinas e inconsciencia por destruír o que temos, os medos que nos fan perder a cabeza...  E Fran Alonso, como sempre disposto a abrirnos unha nova porta pola que entrar para ler e ver a realidade, con outros ollos.


martes, 21 de febreiro de 2017

Libros de variada tipoloxía (7)


Un par de libros que recollen a diversidade.

A doniha e o taxidermista de Séchu Sende publicado por Diario Liberdade, Fundaçom Artabria e Semente Compostela.
Escrito e ilustrado por Séchu Sende, un diario escrito entre o 15 e o 22 de outubro de 2014
Con motivo da inauguración do Museo de Historia Natural Luís Iglesias da USC o autor vai contando as visitas cos seus fillos e todo o que sucede arredor... destes feitos e dun estraño taxidermista. 
Nun galego que non é o da normativa oficial e unhas historia que é o cotián no que se introducen outro elementos.

Dominicanas somos de Enrique Mauricio e Carlos Taboada publicado pola Asamblea de Cooperación pola Paz.
Unha historia contada en cómic na que o importante non é a calidade do relato nin o debuxo nin a ilustración senón o que se nos cona acerca dos cambios que se están a producir a respecto da muller dominicana que se empeña en mellorar a súa vida, traballar e estudar, organizar negocios coa axuda das ONG e enfrontarse (dunha maneira moi suave) ao machismo para cambialo sen crear conflito (polo menos nesta historia). Interesante para ver esa visión da muller negra e latinoamericana, a aceptación do seu físico, para visibilizar o problema dos descendentes de haitianos na república dominicana, para coñecer a aparición das promotoras (de saúde, hixiene, prevención de droga e violencia...) e ir aclarándose cun glosario, unha información sobre a cultura taína, o movemento 4% do PIB para educación, unha receita típica e a explicación de como naceu o libro “Dominicanas somos” grazas a unha subvención da Xunta.

Libros infantís de variado tipo (6)



Para onde imos cando desaparecemos de Isabel Minhós Martís e Madalena Matoso, traducido por  Anair Rodríguez para Xerais. 

Cando desaparecemos podemos estar agochados aí ao lado para que non nos vexan, porque para que realmente poidas desaparecer ten que haber alguén máis. Ese que se decata que xa non estás, e ese queda cheo de dúbidas... por iso se pregunta a onde se van os que desaparecen.
Un libro sobre a morte cun certo humor e alegría, porque xa chega con  pensalo.
As ilustracións semellan vellos gravados populares, con tintas planas e recortados; unhas imaxes case xeométricas.
A autora é ben coñecida no mundo do libro infantil galego con títulos como Ovelliña, dáme la, P de papá ou Grazas.