mércores, 31 de decembro de 2025

Premio Barriga Verde de textos de teatro para monicreques 2024

Premio Barriga Verde de textos de teatro para monicreques 2024, na modalidade infantil recaeu en Manchea de Andrea Freire.

Así se presenta: "Manchea é un conto tradicional de princesas, cabaleiros e dragóns... ou quizais non. Da man dos nosos personaxes percorreremos o Titiriverso, un espazo onde monicreques de luva, de fíos e sombras chinesas conflúen nesta emocionante e sorprendente aventura. 

Esta é unha historia en verso, pero tamén en prosa, de estereotipos e autoafirmación, de discriminación e inclusión. As protagonistas, a través da amizade e a confianza en si mesmas, comezarán a cuestionarse os condicionamentos familiares e sociais para descubrir que non é necesario falar para atoparen a súa propia voz."

Destaca na obra o recurso a diferentes tipos de monicreques, pasando dun a outro de maneira natural e dándoos a coñecer ao espectador infantil, presentando así as diferentes posibilidades do traballo con títeres. Neste sentido, sentimos que a ilustradora, Lola Villar Pérez, coma a opción de ilustrar a obra tal como se fose unha narración; isto é algo que sucede na ilustración deste lado do Miño fronte a outra máis asimilada á representación teatral que se acostuma realizar en Portugal.

Por outro lado, podemos observar a ruptura de estereotipos na defensa da igualdade. Un darlle a volta aos contos tradicionais facendo que as princesas ou as raíñas non sexan xustamente como se agarda, o dragón e o rei confabulando, ese dragón que busca defender o seu territorio (Verdelar) contra os eucaliptos e os eólicos fronte ao rei e ten quen chegar a un acordo para salvalo, o príncipe que deixa caer o seu papel de heroe, os diferentes personaxes dos contos (o lobo Lupo que non come a ninguén, a ratiña presumida, Pinoquio que vai ser diferente ata o punto de querer facer oposicións, o francés rimbombarte expresándose en francés ) A maneira na que cada personaxe fala do que se agarda del, ata o punto de que a ratiña non solta a basoira ou di aquilo de que "agora tócache a ti dicir." Intervencións como a da princesa á ratiña cando se vai "E se, nalgún momento, quixeses liberarte desa vasoira, estou segura de que darás  coa forma de facelo. (Despídese e, cando vai partir, tropeza co seu vestido e cae) Ho, co épico que me quedara. (Vaise)."

A utilización da prosa e o verso (dependendo de se están situados dentro da tradición ou non ?). A maneira na que os personaxes falar na obra ou da obra mesma ao citar o texto e o papel ou o dar por feitas determinadas situacións (pensar que a porta a torre non se pode abrir), as refrencias a obras clásicas (como Hamlet), os anacronismos (un príncipe vexetariano que non quere matar animais, polo tanto négase a facelo co dragón), a princesa que por moito que se empeñe non é quen de mostrarse dócil, obediente, xentil... O elemento humorístico con ese vestido de princesa co que vai tropezando escena a escena. O xogo entre os bonecos representando o guión e cando se saen del para dar opinión (como cando lle sae rimado o texto sen telo preparado), cando a princesa tira da espada e quítalle o traxe ao príncipe quedando a man ao aire e pasando a ser un novo personaxe cunha nova linguaxe. Elementos cómicos quye colaborare nbo avance da obra, o personaxe de Man (con todas as acepcións). A incorporación doutras linguas: castelán ("Fin de la cita"), inglés (please, thanks), francés. Como se busca a colaboración do público (igual que en todas as obras deste tipo pero aquí dando instrucións para facelo)

Semella interesante a proposta de escenografía que facilita a representación, a modo de estrutura cuadrangular que pode converterse en biombo. O Titiriverso como universo dos títeres, Luvario como universo dos monicreques de luva, Bocaland (cos títeres de boca), Bunraku (marionetas de mesa), Tebras co teatro de sombras... Os monicrequeiros como personaxes que nos presentan ese mundo que se continúa nos seus bonecos. Afirmacións potentes como "Se cambias para que te acepten non te estarían coñecendo a ti realmente e... o máis importante, estarías renunciando a quen es". Igual que o momento no que a raíña e a princesa pasan a ser recoñecidas polos seus nomes, a confusión entre a prisión e o internado. Ese final cando Loaira (a princesa) saca o vestido e deixa a man, que se une coa outra. Liberación total!

martes, 30 de decembro de 2025

Trickstar. Postais dende as estrelas


Trickstar. Postais dende as estrelas de Manuel Esteban está publicado en Boadicea.

Da presentación editorial: "Ano 2076. Nunha Terra a piques de colapsar, a vida no espazo semella a única esperanza para a humanidade. Julie Alban é arquitecta de sistemas, pero tamén unha veterana piloto do Consorcio, o organismo supranacional que está a dar os primeiros pasos na conquista do sistema solar. Non obstante, a irrupción dun misterioso virus en África e unha nova tecnoloxía capaz de protexer da radiación cósmica conducirán a unha guerra de poderes que a converterá na primeira pirata espacial."

O primeiro que pensamos é o perto que está xa a ciencia ficción. O segundo que tamén estamos demasiado próximos á distopía, un mundo no que hai moita xente que xa non quere vivir nel; o aumento de suicidios igual ter relación con este asunto. As protagonistas son maioritariamente mulleres, personaxes con boas dotes que mostran na profesión e toman decisións atrevidas. Unha enxeñeira de sistemas que decide converterse en piloto (camioneiros, chámanlles). Unha IA que aprende máis alá do que ela lle ensina e que non acaba de asustarnos porque a relación con ela é de nai e filla, pero que en calquera momento podería converterse noutra cousa, porque toma decisións, ten intuición... Un Consorcio que representa ás grandes empresas e pode facer calquera cousa por conseguir maiores beneficios. Sempre baixo a apariencia de gobernos ou organizacións de grandes países pero respondendo unicamente aos intereses económicos. Continentes e multitudes destinados a ser coellos de indias, cobaias de calquera experimento... Fálase de cando se deixou de saber onde estaba a verdade e a mentira, de cando deixou de importar e recoñecemos ese pó espacial que atravesa o noso tempo.

Cousas que nos interesan e aparecen escritas: cando bebas debes lembrar a fonte. O idioma da ciencia, esa linguaxe universal que nunca mente, aínda que nunca diga a verdade. As estrelas están aí, pero hai que ter o valor de ir buscalas. A min xa me queda pouco tempo; o futuro é teu, escolle ti. Todos os humanos somos supervivintes. Cando chegue a noite para cubrir de escuridade estes estraños tempos, non quedará de nós máis que o recordo das decisións que tomemos. 

luns, 29 de decembro de 2025

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos

O premio Arume de poesía para a infancia do ano 2024: Latexos de Beatriz Dourado está na rúa. Ilustrado por Irene Sanjuán e publicado por Embora.

Lembramos que o xurado destacou "a sonoridade acorde co ritmo da vida e a poesía; a utilización de recursos variados como as onomatopeas, anáforas ou metáforas, enriquecidas con fórmulas coma os caligramas e as adiviñas, que van construíndo un universo engaiolante para o lectorado máis novo; a unidade temática que xira ao redor do “corazón” coa tenrura envolvendo os versos e establecendo un diálogo co lector e a lectora a través do xogo que se facilita cun ritmo áxil que nace de versos curtos que nos conducen ata o rap."

Un poemario ao redor do corazón, hai unha razón para que sexa así e sábea ben a autora cando se emociona ao lembralo. Dedicado a Bruna "que latexa sempre en min" e "á Unidade de Cardioloxía Infantil, UCIN e UCIP do CHUAC, polos latexos que sumades ás nosas vidas". O produto que entrega Embora é un luxo. Un álbum ilustrado que xoga especialmente con dúas cores: o azul e o ocre, ben especiais as dúas e nunha combinación marabillosa. Un libro xeneroso que non escaquea esforzos por parte da editora, dende a gramaxe do papel ás imaxes que acomapañan cada poema.. Feito con todo o corazón. As ilustracións estás realizadas cunha sensibilidade extrema que, nalgunha das imaxes consegue resultados espectaculares como na que acompaña ao seguinte poema:

"A CUADRILLA DOS CONTOS

Pinocho, corazón de piñeiro; / Sereíña, corazón de sal; / Soladadiño, corazón de chumbo; / Polgariño, corazón de pan.

Porquiño, corazón de manteiga; / Brancaneves, corazón de inverno; / Pincipiño, corazón de estrela; / Alicia, corazón de nubeiro.

Conta que conta que contarei, / do de3reitiñó e do revés, / tyantos corazóns dentro da pel." 

Un magnífico libro para agasallar neste tempo de inverno! 

sábado, 27 de decembro de 2025

BD para mocidade


Adelina de Sandra Lodi obtivo o premio Castelao de Banda deseñada  2024 na modalidade xeral. 

Así se presenta:"Despois de publicar Papóns, gañador do IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado e recoñecido cos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025 na categoría de Libro Ilustrado, Sandra Lodi volve con Adelina, Premio Castelao de Banda Deseñada 2024.

En Papóns, Lodi ofreceu un canto á identidade propia, ás nosas raíces e á diversidade real dos corpos e das vidas. A través da historia de Inés, unha nena que escapa das convencións e conecta coa súa esencia máis profunda, este álbum constrúe un espazo de representación onde a nosa sociedade pode sentirse reflectida.

Con Adelina, a ilustradora mantén a mesma forza narrativa. Adelina é unha muller maior que escapa da residencia na que está internada (contra a súa vontade) cun propósito tan teimoso coma ela: volver á súa casa. O resultado é unha obra que combina reivindicación, humor e crítica social cun estilo divertido e irreverente. Unha historia que defende a dignidade, a liberdade persoal e o dereito a decidir como queremos vivir, rompendo cos prexuízos e cos discursos idadistas.

Adelina chega agora ás librarías para reafirmar a voz singular dunha creadora libre e potente."

Esta Adelina ten algo que ver cos heroínas de Sálvora? Puidera ser! Por ese principio e final de barco, naufraxio e rescate por parte dunha muller moza que se atreve a todo na súa pequena dorna. Adelina é unha muller brava e non podemos entender como alguén pode crer que o seu sitio está nunha residencia da cidade. Dános pena o coidador novo ao que engana unha e outra vez pero que tamén loita pola liberdade desa muller que sabe o que quere e á que axuda aínda que perda o traballo. Afirmacións como as que ela lle fai "pois se queres axudar, préndelle lume a todo". Porque ela non cala e di sempre o que pensa, fuxe da residencia, enfróntase ao novos que pretenden rirse dela ou timala e volve ás orixes, ao lugar de onde nunca tiña que ter saído.

Dá máis pena o mozo bondadoso nun mundo que non respecta á boa xente.  

xoves, 25 de decembro de 2025

Un novo libro para a colección Pequena Memoria

Un novo libro para a colección Pequena Memoria: Alicia e a mestra de Oza de Paula Carballeira con ilustracións de Iván R. está publicado por Xerais. Un álbum ilustrado coas características de todos os anteriores: gardas con documentos e fotografías que demostran a autenticidade da historia, un texto mecanografado ao final que contextualiza o que se conta, neste caso situándoa no maxistertio, no papel das mestras republicanas seguidoras da Institución Libre de Enseñanza que foron represaliadas despois do Golpe de Estado.

Así se presernta: "Agora as mestras non baten nas alumnas, pero daquela... canto máis duras eran as mestras, máis ríxidas e estritas, mellor sona tiñan. Pero tamén estaban as tolas, as que cantaban, as que tiñan unha maneira diferente de aprenderlles a vida." Esas eran as que desaparecían, tiñan que deixar as escolas ou incluso eran asasinadas. O papel de mestres e bibliotecarias era fundamental na República, eles achegan a cultura ao pobo, alfabetizaban, dábanlle valor á lectura e con el a todo o que significaba pensar e ser crítico, xustamente o máis deostado pola ditadura, por iso había que sacalos do medio. Por iso foron substituídos por xente do Réxime aínda sen formación, para adoctrinar a rapazada.

Alicia, unha na rapaza vainos falando dos diarios (que xa non se escriben), de recoñecer o valor das mulleres,  dos arquivos, das placas que lembran o valor de alguén, as preguntas á veciñanza, a importancia dos nomes ("son poderosos, fan que existas"), das cartas (que tampouco se escriben xa), as mestras e os problemas coa ditadura, os fuxidos, a recuperación da memoria, a xente que ten placa e aquela outra que nunca a vai ter...  

Afirmacións como estas, póñennos a pensar: As mestras que piden palabras e aquelas outras que piden silencio. O silencio non deixa que curen as feridas. 

martes, 23 de decembro de 2025

Pedra a pedra


Pedra a pedra de Giuliano Ferri é un libro silente, de pastas duras, publicado por Kalandraka

Para derrubar muros e construír pontes (di a presentación editorial) e non hai maneira de explicalo mellor.

Un muro e nel unha planta que nace, o ratiño quítaa e sae unha pedra de forma que se ve un anaco de paisaxe. O gato axúdalle quitando outra pedra (agora é máis doado) e aumenta a vista da natureza que hai detrás do muro., vén o porquiño e colabora, ñlogo o coello e a ovella. Xa non hai muro e vese o que hai do outro lado: un mono, un león, un elefante, unha xirafa... Cando se ven ao auga polo medio separándoos, deciden utilizar as pedras para construír unha ponte e poder atoparse, abrazarse, facerse amigos!

Para os tempos que corren non hai mellor ensinanza. Mentres os adultos se portan como maleducados, os pequenos móstrannos o camiño. Haberá alguén que escoite?  

sábado, 20 de decembro de 2025

De cando os animais tamén eran xente


De cando os animais tamén eran xente, un magnífico título de Manuel Lourenzo González. Volve este autor que ten ofrecido tan bos libros á nosa literatura, volve contando tal como se facía noutros tempos. Comeza o libro con tan bo pé que nos engaiola, situándonos outros tempos que semellan medievais pero poden ser atemporais porque unha muller sabia pode converter os homes en animais e pode resolver un problema social de moito calado con esta meiga no seu laboratorio, botando un cabo ás persoas que non queren ser sometidas por unha ditadura afagadora. 

Ilustracións de Iago Torres Paris e publicado por Boadicea nun formato pequeno dentro da colección A carrilana dos soños. Felicitamosao autor e tamén á editorial por un texto que non semella actual pero que moito nos pode dicir porque non sempre os burros se mostran coa súa verdadeira faciana, porque o mal hai que enfrontalo da maneira de sexa, poque a bondade debería ter premio sempre e porque nos encanta recuperar as historias dun nobre cun filla y un servidor leal con tres fillos, nobre e vasalo con dignidade fronte a un mundo que a esqueceu, mulleres boas fronte a malignas (como houbo sempre) e mundos que é posible cambiar.

Esta é a boa fantasía! Igual non é necesario seguir facendo experimentos con gasosa e buscar esas bocas da literatura das fala Rivas, porque non só se trata desaber escribir (que, a estas alturas, hai moito quen o faga) senón de que o contido acompañe ao continente.