A casa do paralelo 54 de Iria Collazo López, publicada na colección Árbore de Galaxia.
Iria Collazo xa leva publicado un par de libros: a novela Coma uha áncora e o libro de relatos A soidade das medusas. Ningún deles deixa indiferente pois sempre nos sitúa ante unha fantasía propia e especial, unhas veces máis clara e outras máis escura.
Neste caso, estamos ante un libro infantil e a imaxinación desbórdase. Unha nena cóntanos en primeira persoa a historia do sucedido a partir do momento no que a súa cama barco sae voando da casa dos pais situada no paralelo 54. Menos mal que a acompañan o seu mapache Morde e o amigo señor Smith (un rapaz da súa mesma idade que a trata de vostede). As aventuras dos tres guiados polo vento son realmente tan imponentes que Gris chega a presentarnos os lugares polos que pasan a modo dunha guía de viaxe cos apartados de "Que é", "Que ver", "Onde comer" e "onde durmir".
Unha imaxinación desbordante leva aos tres viaxeiros polo mundo pasando mil apuros, correndo moitos riscos pero, sobre todo, mantendo unha relación entre eles e cos seus medos preñada de tenrura e afecto "porque só precisaos cariño e contos" é a afirmación que dá título a un dos capítulos. Tan importante é o afecto que pode converterse nunha arma coa que neutralizar ao neno matón que acosaba ao señor Smith na escola. A el derrotárono a base dunha malleira de apertas e bicos.
As ilustracións de Luz Beloso conseguen unha altura admirable en determinados moment dos como aquel no que a nosa protagonista vai ser devorada por un oso, porque pasar a imaxes estas criaturas tan especiais como Smith coa súa chistera permanente ou unha casa situada sobre un paralelo terrestre ou unha cama barco.
É de resaltar, tamén, a naturalidade coa que son tratados determinados asuntos como as dúas nais de Smith, o respecto pola forma de ser de cada un deles e a creación de personaxes tan afastados de prexuízos de xénero.
Un libro a ter en conta!
Ningún comentario:
Publicar un comentario