venres, 31 de xaneiro de 2020

Concepción Arenal, a gran pensadora do século XIX


Hoxe, 31 de xaneiro de 2020, cúmprense 200 anos do nacemento de Concepción Arenal, a gran pensadora do século XIX, a muller que integrou teoría e práctica arredor da muller e daqueles outros seres situados nos marxes da Historia: pobres, presos, orfos, maiores... cando traballa na reforma de cárceres, orfanatos e asilos e cando exerce como visitadora de cárceres e pobres.
Loitadora a favor da creación da sociedade civil, da transformación da caridade relixiosa en filantropía da cidadanía e da existencia dun verdadeiro estado de Dereito. Ensaísta nun tempo no que dificilmente se lles permitía escribir poesía e novelas ás mulleres, os seus postulados tivéronse en conta en congresos internacionais a pesar de non ter saído nunca de España. 
Un camiño difícil un par de exemplos poden dar a medida da inxustiza: nunca foi convidada a ditar unha conferencia no Ateneo de Señoras a pesar de facer as reseñas das Dominicales e pertencer á Xunta Directiva e tampouco foi recibida como membro na Real Academia de Ciencias Morales y Políticas a pesar de ter ganado tres premios que eles convocaban.
Con Juana de Vega (outra muller a lembrar) comparte amizade, traballos e inxustizas. Con outras dúas galegas máis: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán comparten século. Mulleres abandeiradas, en palabras de Caballé que fan de sacaneves igual que os presos en Siberia.
Recursos:
Unha unidade didáctica, Concepción Arenal: Unha muller pioneira, coelaborada por Felicia Estévez.
Unha entrada no Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega.
Unha biografía, Concepción Arenal: la caminante y su sombra, de Anna Caballé (polo que recibiu o Premio Nacional de Historia).
Unha película producira por Zaza Ceballos, Concepción Arenal. A visitadora de cárceres.
Na wikipedia e nun artigo.
 

xoves, 30 de xaneiro de 2020

Para o día da paz, un poema de Ricardo Carvalho Calero

Para o día da paz, un poema de Ricardo Carvalho Calero, recollido do libro Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético de Henrique Dacosta.
Non sei
se matei.
Estiven na trincheira.
Non vin
o meu nemigo.
Disparei.
Non sei
se matei.
Fun ferido.
Mais
non
sei
se
matei.
Toupa cega,
non teño outro ollo
que o ollo
do meu fusil.
Se cadra o ten visto
o meu nemigo.
Fun ferido.
Eu
non
sei
se matei.
Publicado en Futuro condicional (1961-1980) (1982)

martes, 28 de xaneiro de 2020

Un novo libro de Paula Carballeira

A tartaruga Amodovou de Paula Carballeira, ilustrado coas colorists imaxes de Ana Seixas e publicado en oqueleo.
Presentación editorial: "Amodovou é unha tartaruga. Cada tartaruga, como cada persoa, ten o seu propio ritmo. Cando aprendeu a camiñar, Amodovou soubo que quería percorrer o mundo para sentir a súa música. E os paxaros, que de melodías entenden moito, foron acompañándoa na viaxe. Amodovou vai descubrir que ás veces é moi difícil ir sempre cara adiante, pero ela, valente e destemida, debuxará un sorriso na súa cara engurrada e escollerá o seu destino."
De onder lle virá o nome? 
E remata: "As fillas de Amodovou recoñécense facilmente polo seu enorme sorriso e por esa maneira de erguer a cabeza para sentir o vento e escoitar os paxaros. Van cada unha nunha dirección, coa esperanza de que algún día, nalgún momento, todas se atoparán no mesmo lugar coas súas nai e camiñarán xuntas (...)"
Magníficas ilustracións para primeiros lectores e lectoras!

domingo, 26 de xaneiro de 2020

Encontros literarios en Gres



O último domingo de mes, ás cinco da tarde, teñen lugar os encontros arredor de libros e autores na Fundación Neira Vilas, en Gres.
O mes de xaneiro correspondeulle a Antía Yáñez. A escritora nada no 1991, que provén do mundo das ciencias (enxeñería de Camiños, Canles e Pontes) e escritora de éxito con varios libros publicados e case todos eles con premio.
Unha serie, O misterio de Portomarín e O misterio de torque de Burela. Unha familia, un rapaz e tres rapazas, convertidos en investigadores ao modo dos Cinco, os Hollister... personaxes moi ben definidos, lugares nos que asentarse a historia (Portomarín ou Burela), esquemas que se repiten para fidelizar ao lectorado. Para ler a partir de doce anos.
A reconquista, premio ex aequo da primeira convocatoria do Fina Casalderrey de literatura para a igualdade. Un patio de escola, os nenos e o fútbol, as nenas e os nenos aos que non lles gusta este deporte e a necesidade dunha distribución equitativa do espazo.
Be water, finalista do premio María Victoria Moreno de Narrativa Xuvenil. Unha distopía acerca dese mundo subterráneo que se creou despois do Gran Cataclismo; gobernados por unha raíña, traballando desde os dez anos e cobrando cinco litros de auga os homes e catro e medio as mulleres.
Senlleiras, ganadora do premio Illa Nova de Galaxia. A historia de dúas mulleres, separadas por un século, maltratadas e vítimas de feminicidio, dúas mulleres senlleiras, coma as árbores, singulares e vítimas da violencia machista. Un libro para adultos.
Quedamos á espera de Plan de rescate, a obra ganadora do Agustín Fernández Paz de narrativa para a Igualdade.
Unha fundación no rural traballando a favor do libro e da lectura, a fundación dun escritor e unha escritora, convocándonos para falar de literatura, un domingo de cada mes. 



xoves, 23 de xaneiro de 2020

Día da paz e a non violencia


Unha vez máis, Kalandraka ofrécenos unha serie de libros para o traballo arredor desas datas. Tomémolos en conta!
E tamén O Consorcio Editorial nos achega unha proposta variada, coa participación de varias editoras. Ante a imposibilidade da cargar o arquivo, enumeraranse os títulos que faltan:
Fume, Por que?, Amani, Tou-Po-Rou-Tou, Valentino, Malos tempos 36-39, O nacemento do dragón, Misterio en Guernika, O neno do pixama de raias, O homiño vestido de gris, E que podo facer eu?, A máscara do león, Ferdinardo, Caixa de cartón, Os tres bandidos, É rara mMakeke, Así é a ditadura, Cinco horas con Mauro, Trebellos, A fuxida, A guerra dos números...