domingo, 26 de xaneiro de 2020

Encontros literarios en Gres



O último domingo de mes, ás cinco da tarde, teñen lugar os encontros arredor de libros e autores na Fundación Neira Vilas, en Gres.
O mes de xaneiro correspondeulle a Antía Yáñez. A escritora nada no 1991, que provén do mundo das ciencias (enxeñería de Camiños, Canles e Pontes) e escritora de éxito con varios libros publicados e case todos eles con premio.
Unha serie, O misterio de Portomarín e O misterio de torque de Burela. Unha familia, un rapaz e tres rapazas, convertidos en investigadores ao modo dos Cinco, os Hollister... personaxes moi ben definidos, lugares nos que asentarse a historia (Portomarín ou Burela), esquemas que se repiten para fidelizar ao lectorado. Para ler a partir de doce anos.
A reconquista, premio ex aequo da primeira convocatoria do Fina Casalderrey de literatura para a igualdade. Un patio de escola, os nenos e o fútbol, as nenas e os nenos aos que non lles gusta este deporte e a necesidade dunha distribución equitativa do espazo.
Be water, finalista do premio María Victoria Moreno de Narrativa Xuvenil. Unha distopía acerca dese mundo subterráneo que se creou despois do Gran Cataclismo; gobernados por unha raíña, traballando desde os dez anos e cobrando cinco litros de auga os homes e catro e medio as mulleres.
Senlleiras, ganadora do premio Illa Nova de Galaxia. A historia de dúas mulleres, separadas por un século, maltratadas e vítimas de feminicidio, dúas mulleres senlleiras, coma as árbores, singulares e vítimas da violencia machista. Un libro para adultos.
Quedamos á espera de Plan de rescate, a obra ganadora do Agustín Fernández Paz de narrativa para a Igualdade.
Unha fundación no rural traballando a favor do libro e da lectura, a fundación dun escritor e unha escritora, convocándonos para falar de literatura, un domingo de cada mes. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario