venres, 26 de xuño de 2026

Novidades de maio en Kalandraka


O día que Úrsula Mon se converteu en oso de Mónica Rodríguez está ilustrado por Ester García, traducido por Isabel Soto e publicado por Kalandraka, na colección Tiramillas a partir de 11 anos. 

Así se presenta: "Unha novela emocionante e conmovedora sobre a procura da identidade, a superación e o vínculo profundo entre o ser humano e a natureza." 

Unha aldea que vai a menos: cinco nenos non é moito futuro. Unha avoa e unha neta que comparten casa e tristeza. Unha nai que colleu a maleta a marchou... a nena sente que foi por ela, a avoa rumia a responsabilidade e a amargura. Unha escola onde a nena é acosada con descaro; ela tatexa e cala, para que falar? Só o pequeno do grupo se mantén ao seu lado. Un cambio de mestra (igual que nas Memorias dun neno labrego) trae unha certa alegría, a aperta que desata un mar de lágrimas, a atención á pequena, o enfrontamento ao acoso e a preocupación por ese ser que se converte en oso, dende o momento no que atopa un e se miran aos ollos. Porque somos natureza, animal, oso na montaña. Porque podemos comunicarnos cos animais; eles pódennos falar, especialmente cando pouco falamos cos humanos. Porque soñamos cun colo que nos acolla e pode ser o dun oso. Un cazador reconvertido en garda forestal, un home que tamén sente o bosque. As cancións que escoitamos no principio dos tempos e se repiten levándonos a eses días e a súa lembranza. 

A crueldade infantil a debate, porque hai que reflexionala dunha vez por todas, porque non podemos seguir deixando aos máis débiles ao dispor de pandas ou compañeiros brutos e insensibles, algúns deles como esa nena que nos confunden coa súa delicadeza.

A crueldade da comunidade que expulsa a algúns membros que non resisten a violencia e o baleiro. Esa nai que marcha deixando dúas mulleres coa súa falta, sentíndose culpables. E a osa no bosque, no soño, no ceo, marcando o norte.

Unha historia fermosa contada dunha maneira marabillosa. Lírica e metafórica.  

mércores, 24 de xuño de 2026

A marquesa vermella: María Vinyals

Dúas publicacións. Dúas biografías. 

Unha delas é Marquesa Vermella. Pequena biografía de María Vinyals publicado por Polo Correo do Vento con ilustracións de Tania Solla, na colección Mulleres Galegas. Naceu nun castelo, o de Soutomaior, en 1875; dende alí dominaba o val do río Verdugo. Ela era a sobriña dos donos do castelo e tiña a mellor educación que se podía ter daquela (especialmente para unha muller). Inglés, francés, alemán e portugués eran linguas que dominaba, lía moito, tocaba o piano, pintaba. Era consciente da situación das clases que non tiñan acceso á educación e quixo cambiar isto. Casa e reside en diferentes lugares como Zaragoza, Madrid e Biarritz onde dinamiza os círculos culturais; tamén foi membro da RAG, do Ateneo de Madrid e presidenta do Centro Iberoamericano de Cultura Popular Feminina e Escola de Nais de Familia onde tenta que as mulleres se alfabeticen e aprendan oficios; reclama o dereito das mulleres a votar, imparte conferencias e reclama a igualdade de homes e mulleres; ten relacións con mulleres como Emilia Perdo Bazán, Margarita Nelken, María de Maeztu ou a pedagoga María Barbeito. Documéntase e escribe sobre a historia do castelo, unha novela titulada Rebelión co pseudónimode Jouzelle. Ao enviuvar, volve casar con Enrique Lluria, un médico cubano co que comparte ideais, crean un sanatorio na casa de hóspedes do castelo. Afíliase ao Partido Socialista e de aí lle vén o alcume así como dos convidados que pasaban polo castelo como Castelao, Benlliure, Sorolla, pero os problemas económicos lévanos a vender a propiedade para marchar a Cuba. Alí morre o home e deben volver. Ela sempre escribe en xornais e revistas, defende a igualdade da muller e a dignidade dos máis débiles.

O outro libro é María Vinyals publicado pola Deputación e o Museo de Pontevedra, dentro da colección Mulleres da nosa Terra, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento. Unha biografía con lustracións a toda cor, nun formato máis grande e con algún outro dato, por exemplo os sete nomes coa que a bautizaron como acostumaban facer coa xente da nobreza. Tamén se di o nome dos tíos propietarios do castelo: marqueses de la Vega Armijo e que dende pequena tivo relación con políticos de renome e xente da alta sociedade, que casou co nobre Juan Jordán de Urríes, marqués de Ayerbe que ocupa cargos diplomáticos que a levan por toda Europa... Remata cun glosario no que se explican as palabras que no texto aparecían en verde.

Dous libros para a marquesa que viviu en Soutomaior e defendeu os dereitos das mulleres e das clases populares, a marquesa socialista!  

luns, 22 de xuño de 2026

Fauna, unha BD de Iago Fernández e Damián Gómez

Fauna, unha BD de Iago Fernández e Damián Gómez está publicada por Antela editorial na colección Galo Pinto. Asi se presenta: "Nun futuro onde os humanos se crían extintos e os animais evolucionaron de forma similar a como eran eles, aparece Fauna, unha pequena nena humana. É atopada por Curro, un can xornalista, no medio dun debate na sociedade animal.
Curro pensa que esta pode ser a súa oportunidade de alcanzar a fama, sen se decatar de que mostrala ao público levarao a máis problemas dos que podía imaxinar."

Ese debate é abundante en insultos e baixo en ideas, o león defende que esquezan o que fixeron os humanos mentres a tartaruga defende que están aproveitando os seus avances e todo remata na forma de vestir, o primeiro quere diferenciarse absolutamente e o outro continuar coas costumes humanas. Hai intereses de grupos económicos polo medio (tal como como se foran humanos), aparece un exhibicionista que defende ir encoiro... O xornalista cánsase de cubrir esa nova que é sempre igual de aburrida e desesperante e ao mirar para o parque ve unha nena humana cando pensaban que estaba extinguida a especie. Lévaa para o xornal, a nena sorría sempre; é confiada e divertida; móstraa ao público e aparece o que defende acabar con todo o humano... quérena comer. Toca correr nunha persecución sen fin salvando obstáculos, son enganados retrasando a fuxida... ata que atopan unha banda de marxinais dirixida por unha  xirafa que lles axuda ata que chegan a un museo e alí a nena di papá (diríxise acaso a un antepasado artificial e trátase dunha viaxe no tempo?). O certo é que xirafa e can xornalista descobren que león ten un negocio de roupa detrás da defensa desas ideas e daquela aínda había vergonza así que ante o perigo de que o descubrna nos medios de comunicación claudica e deixa marchar a nena convencendo aos manipulados seguidores de que volveu ao seu tempo. Entréganlla ao pai que andaba polo museo buscándoa. Anos máis tarde Curro o can publica o libro Unha nena no tempo e todo semella ter algo máis de cordura.

Un mundo no que os animais asumen o papel do humanos ata tal punto que fan desaparecer a súa especie, pero non contan de que por riba dos intereses económicos e políticos, unha criatura é sempre unha criatura e esperta os instintos de protección, sexa da especie que sexa. A ver que pasa máis tarde... É cousa de agardar. 

Unha moi boa historia polo contido e o continente, cunhas viñetas que nos lembran a historia da bd nos seus mellores momentos (con agachadeiros e persecucións) pero tamén cos sentimentos e a tenrura. Un relato que nos fai pensar nas posibilidades da evolución ou involución deste mundo e se sería posible algún cambio despois dos asasinatos de crianzas en Gaza. 

 

domingo, 21 de xuño de 2026

A nova edición dos Toribios de Carlos Casares

 

Anos despois, saen Os Toribios de Carlos Casares coas ilustracións de Sandra Lodi e cun magnífico limiar de Montse Pena.

Preséntase así: " Editorial Galaxia publica Os toribios, de Carlos Casares, con ilustracións de Sandra Lodi e limiar de Montse Pena. Este volume pecha a colección Biblioteca 75 aniversario, un proxecto editorial que ao longo de todo o ano conmemorou os 75 anos de historia de Galaxia.

Os toribios reúne unha das creacións máis recoñecibles de Carlos Casares arredor da figura de Toribio, protagonista dunha serie de relatos breves cheos de imaxinación e humor: Toribio contra o profesor Smith, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea ou Toribio revoluciona o tráfico. Textos que seguen a dialogar co lectorado actual, enriquecidos co traballo de Lodi. As ilustracións de Sandra Lodi teñen un papel central nesta edición. O seu traballo visual achega unha lectura fresca do universo de Toribio, reforzando o carácter expresivo dos relatos e ofrecendo unha interpretación gráfica que dialoga co texto, ampliando a experiencia lectora e achegando novas capas de significado.

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Escritor, tradutor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 2017.

Sandra Lodi (Lugo, 1990) É unha ilustradora, deseñadora e artista plástica lucense afincada en Santiago de Compostela. Estudou Belas Artes na Universidade de Salamanca, época en que tamén tivo a oportunidade de coñecer o método de produción creativa da Accademia di Brera (Milán). Actualmente publica as súas ilustracións na revista satírica Mongolia e na publicación semanal El Estafador, ademais de colaborar con outros xornais como ilustradora de prensa. En 2019 foi premiada co Segundo Premio Curuxa de Humor gráfico do Museo Xaquín Marín e en 2021 a súa obra pictórica foi seleccionada na XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico. En 2022 recibiu o Primeiro Premio no combate mural do Culturbán (Lugo), e en 2023 no IV Certame de Pintura do Festival de Cans. Gañou, en 2024, o IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns, publicada en Editorial Galaxia, e ilustrou Sucos, de Ignacio Vidal Portabales (Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023), publicado na colección Árbore de Editorial Galaxia".

Pastas duras. Letra xenerosa. Papel de calidade. O limiar que contextualiza a Casares dentro da LIXG a nivel de escritor, editor, tradutor. As historias de sempre e unhas ilustracións novas. 

O limiar sitúa a obra: Inventar un lectorado infantil en galego. Un convite a descubrir o contexto de creación da serie Toribio. O editor que soñou un lectorado en galego a través da literatura infantil. Este é Toribio ou a tentativa de crear unha serie galega. Sentido e significado de Topribio no universo Casares. Toribio hoxe: un personaxe renovado. Diferentes apartados para atrapar o fenómeno dentro da obra de Casares e da LIXG.

Un libro para maiores e pequenos. Para as persoas mediadoras que poderán ler con atención o texto de Montse Pena e para o lectorado infantil que lerán as aventuras de Toribio. Estas, tiveron sempre -para o meu gusto- o problema de non desenvolver un pouco máis as aventuras quedando nunha especie de enunciado ou descrición rápida cando desexaríamos ter accedido a máis relato. Quedounos esa pena, de que Toribio non estivese maís desenvolto, que nos deixase a nós unha parte moi importante da narración igual que cando os autores de BD nos abandonan ante a elipse.

Certamente, Casares foi un ser imprescindible na LIXG, dende todos os puntos de vista. 1º Premio O Facho de Contos con A galiña azul, 1º Premio O Facho de teatro Infantil e 1º creador dunha serie en Galicia. Esa modalidade de creación na que se repiten os personaxes (co cal nós queremos seguilos porque xa son amigos pero tamén queremos saber que pasa despois de rematada a historia que acabamos de ler), o esquema da historia (igual que sucede coas series de tv nas que coñecemos perfectamente cal é o principio, o nó e o final, razón pola que nos custa moito menos traballo seguilas). Si, as series sitúannos nunha paisaxe recoñecible á que nos apetece volver, saber como continúan, que lles sucede aos personaxes... Casares coñecedor da literatura infantil, ía cubrindo os baleiros que vía na nosa, despois da narrativa e o teatro, bota de menos a serie que fideliza ao lectorado e ponse mans á obra, moitos anos antes de que ningún outro o intentase. Antecedente dos Bolechas, a de máis éxito entre nós e de todas as que Ledicia Costas (Minimortos, Curriño) pon en marcha moitos anos despois.

venres, 19 de xuño de 2026

Unha nova editora: Boulevar

  

Aparece unha nova editora: Bulevar cun nome de libraría - edicións, situada en Bueu. Aposta por un xeito diferente de crear e editar. Conta cun equipo composto por Daniel Chapela, Beatriz Pereira Expósito, Sara Rodríguez, Diego Jorge e Miguel García-Fernández. E comenta "A nosa é unha vocación, tamén, de achegar a literatura galega ao mercado español, polo que as obras publicadas contan cunha versión en galego e outra en castelán, ou cunha edición bilingüe. Ademais, a editorial ten como punto base o acompañamento das autoras e autores durante todo o proceso de edición e máis no de promoción da súa obra."

Agardamos o seu decorrer con curiosidade e a ilusión sempre renovada ante unha nova criatura. Neste momento, coñecemos dúas obras que presentamos a continuación.

Un verán superheroico de Ana Vigo con ilustracións de Laura Romero. Unha historia moi ben presentada con bo papel e texto aireado que facilita a lectura. Unhas imaxes moi propias de ilustradora que se expresa, acompañando o texto, con obras coa técnica do colaxe e máis claras que noutras ocasións, podendo acceder o lectorado ás expresións dos personaxes. Creo que é un acerto a maneira de presentar esta historia de superheroes e psíquicos aínda que nalgún momento podamos perdernos entre ambas personalidades e nunha historia que a min, persoalmente, me gusta máis como comeza que o desenvolvemento.

Unha rapaza tatexa que defende a outro que é acosado. Unha situación familiar con irmán pequeno, pais e avó. Unha amiga da alma e outro que coñecerá a través dela. O paso da amiga a outro colexio e a desconfianza ante a súa evolución neses anos nos que semella haber un paso acrobático entre uns e outros...

Así nos resumen a historia: "Esti é unha grande admiradora do novo grupo de superheroes que causan sensación, fascínanlle case tanto como a cantante de moda, Estefanía Melodía, e case case tanto coma o seu avó... Un día, recibe un misterioso agasallo: unha caparucha que lle dá poderes. Esti xa pode ser unha heroína como as que tanto lle gustan! Ou iso cre ao principio, porque ninguén dixo que salvar o mundo fose tarefa doada. Pero, ás veces, non queda máis remedio que enfrontarse aos perigos para protexer o que máis queremos, sexan persoas ou o noso medioambiente." 

mércores, 17 de xuño de 2026

Un novo libro da premio Merlín de 2023

Timbrol e a pega (e os demais) de Ledicia Barbadillo con ilustracións de Iria Fafián aparece publicado na colección Merlín de Xerais.

Así se presenta: "Nove relatos entrelazados nos cales se conta, con humor e un chisco de crueldade, as vidas de Timbrol e doutros inadaptados que só desexan atopar o seu lugar no mundo." "Cando nace Timbrol, con el nace unha historia: a da pega que quería roubarlle o seu embigo. Mais as historias nunca veñen soas e na Aldea do Pé da Montaña ninguén queda sen a súa: orellas que levantan vendavais, brazos infinitos por mor da preguiza, rostros que alumean a noite e melenas que escurecen o sol. E unha pega, sempre unha pega, a axexar as vidas de Timbrol e dos demais. E ela, como non, tamén ten a súa propia versión da historia. En nove relatos entrelazados, cóntanse, con humor e un chisco de crueldade, as vidas de Timbrol e doutros inadaptados que só desexan atopar o seu lugar no mundo. Un libro sobre a identidade cheo de fantasía e tenrura, que pescuda se realmente as nosas historias son tan nosas como nos gusta crer."

Molesta cando vos din que tedes os ollos de X, o pelo de I...? Pois deste rapaz din moito diso e el fartouse, claro. Devolveu o que semellaba que non era seu pero tivo que pedir que llo devolveran para existir, porque aínda que teñamos algo dos demais tamén é certo que esa combinación é nosa, aí está a nosa identidade, nesa suma de anacos que viñan doutros. Un diálogo surreal e teatralizado entre unha nena (algo carapuchiña) e a pega, na que os elementos absurdos e masoquistas (nese quitar as pestañas). Unha nena (abandonada ao pé dunha casa con moitos fillos) á que non lle fan caso pero é unha princesa porque ela si se quere e vai polo mundo aprendendo como facerse rica e decide plantar unha vaca pero, como? Pois igual que no conto de sagrada familia cunha mula cando hai que decidir quen a monta e quen vai a pé, aquí tamén hai diferentes respostas. 

Conto a conto introducímonos un grao máis nese desatino. Agora é un neno que nace con orellas pequenas e que toda a aldea se empeña en ampliar ata o punto de que o seu traballo terá relación con isto. Tamén nace unha nena que non quere facelo e ao ser obrigada vai pasar moitísimo tempo durmindo (mentres forzas innomeadas a gardan). Se a historia de Margarida se nos contou dramtizada, a de Romeo vai ser en romance. A historia de Conrado, o neno que ten tanto pelo e tan bo que ha de ir vivir á casa máis alta para que o cabelo pòda estirarse e tamén ser aproveitado para unha industria poropia da Aldea do Pé da Montaña. Ao final, a pega toma a palabra coma nun congreso, agradece e pasa a contar o seu papel en cada unha das historias destes nenos e nenas reivindicando a especie. E, para fionalizar o anuncio da venda da aldea asinado pola pega.   

Un libro especial para aedentrarse na extravagancia e disfrutar de todas estas tipoloxías de texto e marxinación.    

domingo, 14 de xuño de 2026

Onde está a mamá? e O irmán maior máis mellor de todo o mundo


Onde está a mamá? de patasedepeixe de Julia Donaldson e Axel Scheffler, traducido por Laura Sáez e Sandra Sánchez Sáez.

O moniño perdeuse, busca a mamá; o bolboreto quere axudalo e pregunta: como é? a cada resposta do mono o bolboreto lévao xunta un animal que non se corresponde co que andan a busca. Se o mono di grande, o bolboreto lévao co elefante, se di que co seu rabo se agarra ás árbores condúceo xunto as serpes, se di que ten patas preséntallo ás arañas, se vive na cima das árbores lévao co papagaio... que ten o pelame marrón, logo debe ser un morcego... e así unha e outra vez nunha especie de xogo de adiviñas que semella desesperar ao mico. Ata que se enfronta e lle di que ningún deses animais se parece a el, a resposta é magnífica "nunca me dixestes que vos parecedes e os meus non se parecen a min." Tamén é certo, as crías de bolboreta son vermes e nada teñen que ver coa gracia das bolboretas. Daquela o bolboreto lévao co pai e xa se sabe... Os dous encamíñanse ata onde está a nai. O xogo está servido, describir un animal polas súas características (podemos facelo dunha nunha ou de dúas en dúas...) e ver quen acerta primeiro.

Un final feliz e un percorrido divertido, que máis se pode pedir? Non perderse máis que para xogar!

O irmán maior máis mellor de todo o mundo de Ben Mantle está publicado por Andana editorial e preséntase así: "Ter un irmán é o mellor do mundo ata que...  Din que ter un irmán é un agasallo, pero aqueles que o experimentaron saben que vivir xuntos é unha mestura de amor e conflito. Este libro ilustrado captura esa realidade con sensibilidade e humor. Nano e o seu irmán maior, Fèlix, son os mellores irmáns do mundo. Len as mentes un do outro e teñen palabras secretas, como "súper lichi". Fan todo xuntos, desde xogar a monstrocamións dinoaplastadores ata ser unha parella artística incrible. Pero un día, Nano descobre un cartel na casa da árbore de Fèlix que di: "Prohibido o paso a Nanos" Como resolverán este conflito? Unha historia que explora sinceramente os matices da relación entre irmáns, desde a adoración ata as pelexas máis tolas." 

A historia está contada polo pequeno en primeira persoa, el está feliz con seu irmán, pero Félix o maior cansa del ás veces (desfaille cousas, métese moito nos seus asuntos, cópiao en todo, non lle deixa espazo propio...). O pequeno conta "Somos como unha persoa en dúas copias". Todo comeza pola casa na árbore á que Félix lle prohibe entrar, o pequeno fai a súa propia casa pero lévalla o vento, o maior decide pedirlle perdón e facerlle unha moi grande para que cando o pequeno o convide a entrar podan xogar os dous observando o que sucede ao seu arredor, pero a meirande ensinanza é que hai que deixar liberdade e autonomía, cada un precisa o seu propio espazo e o seu tempo, por moito que se queiran.  

venres, 12 de xuño de 2026

Secuela de "Os peidos máxicos de Sultán"


O misterio dos gatos rosas é a secuela de Os peidos máxicos de Sultán de Marta Villar. Ambos están ilustrados por Lucía Barros e publicados en Xerais na colección Merlín a partir de nove anos.

Preséntase así: "Sil pensaba que todo ía ben dende que apareceu na súa vida Sultán, un can xigante cheo de maxia e de peidos con burbullas e estreliñas. Pero cando os gatos da vila comezan a poñerse rosas e a esvaecerse coma se fosen pantasmas... o misterio está servido! Xunto á súa amiga Alba, o inseparable Sultán e o inesperado Coco (un cadeliño con moita enerxía e peidos tan fedorentos que fan desmaiar os paxaros), Sil lánzase a investigar. Quen está detrás do inexplicable misterio dos gatos rosas? Unha aventura inesquecible que combina risas, amizade e un toque de ciencia ficción." 

A diferenza entre uns cans e outros, a familia que aumenta cun novo exemplar que aparece na porta (que doado, non?), sempre lles pasa o mesmo... Cada can cos seus peidos, do grandote saben cales son as consecuencias, do pequeno pronto o aprenderán. Un par de rapaces con magníficas relacións coas familias (ata o punto de que se comunican a través do teléfonos dos pais) ou cunha señora maior ao que lle desapareceu o gato despois de pórse rosa. Unha fábrica misteriosa e un par de nenos disposto a investigar como verdadeiros detectives privados. A aventura está servida e máis se unha taxista que admite animais se presta a colaborar profesionalmente. 

Un protagonista neno que acude á súa amiga para traballar xuntos nunha investigación nou no que sexa, porque ela é lista e boa xente. 

xoves, 11 de xuño de 2026

Un novo título de... Xelís de Toro

Un novo título de... Xelís de Toro: A zapateira mecánica, acaba de ser publicado na colección Merlín por Xerais para lectorado a partir de sete anos.

Unha fábrica que funcionou ao longo de séculos, un edificio que mostra os cambios nos estilos artísticos e na fasquía marabillosa dunha obra única. Os tempos que nos obrigan a cambiar o rumbo das empresas e os traballos dos seus operarios e o encontro cunha solución que xorde de maneira imprevista porque no medio do caos hai orde, porque case sempre é posible atopar unha saída creativa. Porque esa rapaza sempre foi moi imaxinativa e inventora como demostra esa gorra con "Mecánica profesional, non interrompan" ou "Preguiceira alsoluta, non molestes" e vaino demostrar, tamén agora transformando unha fábrica de vehículos en zapatos. A nostalxia que leva aos traballadores a non abandonar a fábrica, a volver ás agachadas ata para xogar ao tute, coidar o xardín, facer tortas de mazá,  O bo empresario que cando pecha o seu negocio se encarga de buscarlle a cada empregado un futuro.

Así se presenta: "A Lucía sempre lle gustaron as chaves inglesas, a graxa e os motores, pero, de repente, a fábrica onde traballa como mecánica pecha e decide aceptar un traballo que nunca imaxinou: aprendiza de zapateira. Co seu enxeño, os zapatos do barrio comezan a facer cousas extraordinarias. A xente amoréase para conseguir cita con Lucía, e esta convértese, sen pretendelo, na mellor zapateira... mecánica! Entre tortas de mazá e festas secretas cos compañeiros na antiga fábrica, Lucía descobre que, ás veces, os cambios traen sorpresas inesperadas. Unha historia de superación, chea de humor, enxeño e compañeirismo. 

Co optimismo, a imaxinación e o bo facer deste autor, unha nova obra para rapazada.

martes, 9 de xuño de 2026

Parchís de María Girón


Parchís de María Girón está publicado por Kalandraka con tradución de Iago Nicolás.

Trae un taboleiro de parchís para que o xogo se faga real e o tempo compartido sexa verdadeiro. Catroi casiñas, cada un coa súa cor e o seu animal, a súa casa. 

Preséntase como unha historia tenra, enxeñosa e divertida sobre a amizade, o xogo e o pracer de compartir as pequenas cousas. O que conta é unha historia de convivencia, de como todo é mellor cando se comparte, de como non tmeos que ser iguais nin achegar o mesmo senón complementarnos e achegar cada un o aquilo no que destaca. Unha mañá de inverno, todo nevado, gato pensa que o mellor é tomar unha cunca de leite quentiño, pero se vai buscar alguén máis o leite saberá mellor, meteo nunha botella abrígase (pon o abrigo, a bufanda e o gorro) e sae á busca. Para na casa da árbore onde coella acaba de sacar do forno o seu biscoito de cenoria, pero pensan que mellor vai saber se almorzan en compañía, así que coella abrígase (abrigo, bufanda e gorro) e xuntos van á casa do lago. Alí parrulo di que é un día perfecto para tocar o ukelele a carón do lume, pero aínda soará mellor se comparten ese tempo con alguén máis, abrígase (de novo a repetición: abrigo, bufanda, gorro) e vanse á casa do outeiro, pero non atopan a teixugo, porque este saiu, ben abrigadiño e co parchís, na súa zorra e vai pasando polas diferentes casas (a do río, a da árbore, a do lago) e seguindo as pegadas vainos atopar na propia casa, na do outeiro onde o están a agardar. A carón do lume, toman o leite, o biscoito, escoitan o ukelele e xogar ao parchís mentres a roupa seca. Son felices!

Unha historia acumulativa na que as ilustracións nos contan máis que as palabras e onde se demostra que a felicidade compartida é máis e mellor. Unha historia circular como a amizade que envolve aos amigos e amigas e os conduce dunha a outra casa, dun a outro refuxio, dun a outro mundo, dunha a outra soidade que, de vez en cando, se alimenta da compañía.      

luns, 8 de xuño de 2026

Un álbum ilustrado sobre o medo


Quen dixo medo? de Ana Sánchez Garea é un álbum ilustrado publicado por Pepa a Loba editora. 

Así se presenta: "Unha obra que pon de manifesto a fermosísima relación paterno-filial das personaxes, coa escuridade como fío condutor da historia." 

Pois si, vai de medo á escuridade e da demostración de que esta pode ser fonte de moitas alegrías porque... como se ven as estrelas se non é na escuridade? e os fogos de luces, acaso se poden ver polo día?... e tantas outras cousas ás que accedemos grazas a ela. Pero o mellor de todo é que cando teñas medo estea perto alguén que con cariño che axude a ver que a escuridade é necesaria e que o medo nos serve para estar alerta cando pode haber perigo pero non nos pode paralizar; escoitámolo e valorámolo pero superámolo!

sábado, 6 de xuño de 2026

A tradución do premio Edebé de literatura infantil

O premio Edebé de literatura infantil, Tres nenos tristes e medio unicornio de Beatriz Giménez de Ory está ilustrado por Cinta Villalobos e publicado por Rodeira Edebé

Da presentación editorial:"Amanda (ou Xayree, como lle gusta a ela que a chamen) é unha aspirante a fada. A súa nai finou hai tres anos e seu pai, o famoso cantante de rap Diente de Garlic, pasa longas tempadas en Miami. Afortunadamente, o primeiro día de clase coñece dous nenos, Teresa e Gustavo, e semella que están dispostos a embarcaren con ela na aventura de atopar un unicornio, aprender a multiplicar o diñeiro e fabricar unha apócema de amor. Estas son as tres probas necesarias para converterse en fadas de verdade."

Tres personalidades moi diferentes que coinciden en que están tristes, Amanda por soedade despois de morrer a nai e co pai case todo o tempo fóra, Teresa porque tivo que abandonar a vila onde vivía coa avoa e virse coa nai á cidade e Gustavo porque os seus pais van camiño da ruína. Será a biblioteca e o bibliotecario quen os salve, porque alí atopan a calma que necesitan, a compañía dos libros e dos amigos e unha misión que cumprir. Gustavo é marabilloso, un destes nenos que non quere defraudar e fará o que lle pidan sempre; Amanda semella medio tola con esa manía das fadas, os cambios de imaxe e a limosina con chófer pero é toda bondade e saberá ganar aos outros; Teresa empeñada en volver á casa da avoa e recuperar todo o perdido aínda que sexa convertendo unha cabra en unicornio. O que nos gana da historia é a bondade dos tres rapaces e tamén do resto de xente que os rodea. Temos necesidade de finais felices (nunca tanto os precisamos) por iso a historia nos atrae e estamos dispostos a crer todo o que nos contan. Todo se pode solucionar se poñemos empeño en facelo, pode ser coas receitas do libro ou simplemente poñendo en contacto ás persoas para que se axuden, porque, tal como dicía aquel activista de Greenpeace "fronte a min había humanos e non debía temer", pois non temamos e poñamos a valentía a proba. Creamos nas fadas!

O libro remata con actividades para faclitar o traballo dos mediadores coa rapazada unha vez rematada a lectura. 

xoves, 4 de xuño de 2026

Libro informativo sobre sexualidade


 

O mapa da túa sexualidade de Laura Veiga con ilustracións de María Montes está publicado por Xerais.

Así se presenta: "Unha guía ilustrada clara, divertida e coidada para comprender como funcionas por dentro e por fóra. Atrévete a coñecer o teu mapa interior e a descubrir que a túa sexualidade é tan única e cambiante coma ti!" "Sabías que a túa sexualidade é como un mapa que se vai debuxando a medida que medras? Un mapa cheo de camiños, preguntas, emocións e descubrimentos que te axudan a entender quen es e como te relacionas co mundo. Neste libro atoparás unha guía clara, divertida e coidada para comprender como funcionas por dentro e por fóra: o corpo que medra, os sentimentos que ás veces enredan, o xénero, o desexo, a orientación sexual... e moito máis! Atrévete a coñecer o teu mapa interior e a descubrir que a túa sexualidade é tan única e cambiante coma ti!"

Cunha linguaxe clara, un mapa ben trazado, ilstracións que amplían o contido e achegan novas miradas e un agasallo magnífico para rapazada á que sen dúbida lle preocupan estes temas. Seguindo os capítulos. Explora o teu mapa, Que é a sexualidade?, Que é o sexo?, O sexo tamén se aprende, Que é o xénero?, Cis ou Trans?, Que é a adolescencia?, O ciclo menstrual, A espermarquia, O teu recuncho persoal, A illa da autoestima, O que hai fóra, O océano do desexo, Que é a orientación sexual?, As estacións das relacións, Que son os celos?, O arquipélago do pracer, Que é o abuso? e As redes sociais para rematar cun listado de organizacións nas que conseguir máis información.

Con ampliación de información baixo cartelas como Un mapa para guiarte, Algunhas cuestións que poden influír na sexualidade, Diferentes plaxcas que axudan a definir o sexo, Os esteriotipos de xénero, As expresións de xénero, Algúns cambios que se producen na adolescencia ou Algúns teléfonos nos que buscar axuda no caso de atopar situacións de acoso, maltrato, violencia de xénero, discriminación de variado tipo oun atneción á conduta suicida. 

E, tamén, códigos QR para ir máis alá do que temos nas páxinas.

Unha obra necesaria e moi clara, tanto na información textual como de imaxe, buscando resolver dúbidas, aclarar ideas e ser algo máis feliz. 

mércores, 3 de xuño de 2026

Un novo libro de editorial Pepa a Loba

En pequeno formato, cunha goma que o pecha a modo de caderno, dedicado "a ese ente que te acompaña dende o día do teu nacemento": A miña sombra de Nacho Rubio e Rebeca Luciani. Publicado por Pepa a Loba editora.  

As gardas son ilustracións de ceras sobre fondo amarelo e un toque vermello no límite. Cores sobre os que traballar as diferentes páxinas enriquecendo o obxecto. 

Na cuberta, a vestido da nena ten sandías como motivo, e esa referencia gánanos, porque nós, de verdade que comemos froita e cando esta é a sandía énchesenos a boca de emoción pensando nas criaturas que xa non poderán volver a tomalas; confesamos, pois, que adoramos as sandías porque son a lembranza sentida dunha infancia que quixeramos viva e recordar doe (xa o dicía Herminio Barreiro) pero non nos permite esquecer. 

A sombra e o espello son misterios aos que nos enfrontamos na infancia. Xogamos coa nosa imaxe tentando enganar a ese outro "eu" que, como un eco nos repite.

O texto está en verso: unha estrofa de catro en cada plana, para falar de como a segue a onde ela vaia, de como a copia en todo o que faga, como se funde en negro ou semella irse cando dorme; pode irse con outra criatura ou non é posible porque ao espertar está de novo aí, pegada a ela. A nena e a sombra, o abrazo que as xungue, branco e negro, luz e escuridade; estampados nos debuxos e un paxaro (unhas veces branco e outras veces negro) que percorre o libro.

Unhas ilustracións ricas en calidade e significado e un texto que nos anima a xogar e darlle continuidade.  

luns, 1 de xuño de 2026

Elas de Xulio Gutiérrez e Lucía Cobo

Elas de Xulio Gutiérrez e Lucía Cobo, unha marabillosa obra que nos presenta as femias de varias especies.

Da presentación editorial: "Neste libro descubrirás a relación que manteñen as femias dalgunhas especies con outros membros do grupo e como, en moitos casos, chegan a liderar a manda." "Esta obra de Xulio Gutiérrez ilustrada por Lucía Cobo recompila 16 animais -mamíferos, aves, insectos, criaturas mariñas- cuxa singularidade asombra e marabilla pola determinación das súas accións para garantir a supervivencia do grupo. Na fauna dos distintos continentes hai algunhas especies que viven en sociedades matriarcais onde as femias lideran e gobernan a manda. No mundo dos humanos, eminentemente patriarcal, con grandes desigualdades e fendas de xénero, «Elas» amósanos que outra forma de ser e de existir é posible. 

A transmisión do coñecemento das candorcas maiores ás crías, o tránsito das bonobas adultas a un novo clan, a extrema rivalidade entre as hienas, a poligamia da xacana, a autonomía reprodutiva das formigas granxeiras, a entrega absoluta e o instinto protector das femias de polbo e de xabaril, respectivamente, son algunhas mostras deste poderío. A forma de abordalas dista moito dos libros de coñecemento habituais; lonxe dun texto técnico, un relato sinxelo e descritivo achéganos ao estilo de vida de cada especie. 

Xunto con este eficaz recurso narrativo que busca atrapar o interese pola ciencia e pola biodiversidade, as ilustracións destacan polo seu impactante realismo na representación precisa e rigorosa dos animais. Lucía Cobo desliza sutís reminiscencias literarias e suxestivas metáforas visuais: a memoria dos ancestros na pupila da elefanta africana, o peso do rabaño sobre o lombo da femia de bisonte europeo, ou a unión na familia de peixes pallaso do mar Vermello."

Xulio Gutiérrez é o director da colección científica de Factoría K, autor e coautor dos libros da colección de Animais Extraordinarios (para rapazada a partir de 8 anos, con títulos como Bocas, Ocultos, Nacer, Constructores, Viaxeiros) ou Crías de animais (para criaturas a partir de 3 anos, con títulos centrados en cada continente: Quen son? Asia, África, América, Europa e Terras polares) ou a colección Pequechos (cos títulos Pequechos da selva, das montañas, das pradarías e das sabanas, das terras polares, dos desertos, dos ríos e dos lagos). 

Por se isto fose pouco, este científico tamén é músico formando parte da Asociación Musical e Cultural Menestreis cos que publica o Cancionero medieval galego-portugués.